Club de letras

Unha oportunidade para o cambio
No IES Cidade Antioquía a participación no programa de innovacióneducativa Club de Letras significou un punto de inflexión no sentido de que animou o profesorado a incorporar na súa dinámica a aprendizaxe por proxectos e a colaboración interdisciplinar. Neste artigo, de xeito moi resumido, reflexionamos sobre como se levou a cabo esta transformación e trazamos con liñas grosas algúns dos proxectos que tiveron máis impacto e que poden resultar inspiradores para quen desexe encamiñarse na senda do traballo colaborativo e por proxectos.

María Xosé Fernández Casas, docente de Lingua Castelá e Literatura
IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia - Ourense)
mariaxose.fernandez.casas@edu.xunta.gal
http://bibliotecacidadedeantioquia.blogspot.com/

 

Introdución

O IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia é un centro pequeno situado nun contexto esencialmente rural. Se por algo se caracteriza o noso instituto é por facer da biblioteca un motor de dinamización e de transformación. Neste senso, para o equipo de biblioteca o Club de Letras presentouse desde o inicio como unha oportunidade para poñer en marcha a dinámica da aprendizaxe por proxectos, tan necesaria e enriquecedora. Ao mesmo tempo, esta iniciativa innovadora seríao paraugas baixo o cal os diferentes departamentos establecerían colaboracións interdisciplinares. O obxectivo era ambicioso e complexo, pero esta porta aberta que se nos presentaba coa primeira convocatoria do Club de Letras tiñamos que traspasala sen medo e con ilusión.

E isto último é o que pretendemos transmitir neste artigo: a ilusión coa que traballamos durante os dous anos que formamos parte deste club que, a pesar de ser «de letras», acolleu a todos os departamentos do instituto sen distinción ningunha.

En definitiva, este artigo nace, por unha banda, para facer memoria do traballo realizado ao abeiro do Club de Letras e, á vez, desde a máis absoluta humildade, para inspirar o profesorado que desexe embarcarse en iniciativas deste tipo.

 

1. Os alicerces do proxecto

O programa de innovación educativa Club de Letras convócase por primeira vez no curso 2019/20. A temática escollida nesta primeira edición era a igualdade. Foi precisamente este eixe temático o que nos animou a solicitalo, xa que o noso centro desde hai moitos anos traballa arreo con toda a comunidade educativa para frear a violencia de xénero e a desigualdade entre home e muller. O camiño presentábasenos sinxelo, precisamente polo grao de compromiso que o profesorado amosou sempre cara a esta cuestión social. Así pois, o primeiro alicerce estaba xa asentado de antemán.

Outro elemento tiñamos a favor: a forza que ano tras ano ía gañando a nosa biblioteca, BiblioCidade, ata converterse nun centro neurálxico do instituto, desde o cal se impulsaban iniciativas moi diversas. Con moito traballo, fomos logrando que BiblioCidade se convertese non só nun espazo «amigo» para alumnado e profesorado, senón tamén nun catalizador de experiencias que sempre foron ben acollidas. Polo tanto, o segundo sostén do proxecto estaba tamén ben asentado.

Con este vento a favor, decidimos converter o Club de Letras no marco aglutinador que precisabamos para xerar unha transformación necesaria e urxente no noso centro. Esta transformación tería unha dobre vertente: por unha banda, a implantación da aprendizaxe por proxectos e, por outra, a colaboración interdisciplinar. O norte ao que nos dirixiamos estaba claro, só nos faltaba o «barco» que nos acollese e nos levase a porto. E ese barco sería a creación dun grupo de traballo enmarcado no Plan de formación permanente do profesorado ao que chamariamos Biblioteca Viva, Biblioteca Activa.

Así pois, os alicerces estaban asentados e a ruta ben deseñada. Só nos quedaba sentir o apoio do profesorado e este non se fixo agardar. O proxecto comezou cun grupo reducido de sete profesoras e profesores. Porén, en canto os resultados das diferentes actividades se fixeron visibles no centro, comezamos a recibir propostas doutros departamentos, de letras, de ciencias e de ciclos formativos, que tamén querían navegar no noso barco. Con voces e perspectivas diferentes, ampliamos horizontes e medramos como equipo. A loita pola igualdade foi sumando esforzos, o Club de Letras converteuse no club de todos e todas. A viaxe era ilusionante e esperanzadora.

2. A familia medra: do club de letras ao club de todos e todas

O que comezou sendo un proxecto impulsado por tres departamentos didácticos rematou por ser un macroproxecto que integrou, nos dous anos de participación, a absolutamente todo o profesorado do instituto. Así pois, se a temática da igualdade xerou un sentir común que nos permitiu sentar as bases sólidas desta iniciativa, a temática do coidado (elixida para a segunda edición) non quedou atrás na apertura de vías de traballo e de novas maneiras de «mirar».

O Club de Letras conseguiu algo que nunca antes se lograra no noso centro: a cooperación total entre departamentos de letras, deciencias e de ciclos formativos (de Agraria e Forestal). As fronteiras que nos separaban desapareceron e pouco a pouco fomos atopando aspectos compartidos arredor das temáticas-guía e creando proxectos que cambiaron a nosa maneira de entender a docencia. Por fin, o instituto, coa nosa biblioteca á fronte, converteuse nun viveiro de ideas.

 

3. Da teoría á realidade. Proxectos e actividades

Non podemos desenvolver neste artigo todas as actividades que se levaron a cabo ao longo destes dous anos de traballo. Resultaría cansado e pouco útil. Simplemente nos centraremos naquelas que poden resultar máis inspiradoras e que deixaron un pouso que non desapareceu co tempo.

Non obstante, para que sirva de mostra, no seguinte esquema pódense ver recollidas todas as iniciativas que se puxeron en marcha no primeiro ano da nosa participación no Club de Letras (curso 2019/20). Reproducímolo para que se observe o elevado grao de implicación que se logrou arredor da temática da igualdade.

3.1. Proxecto global: mulleres (in)visibles

Un dos grandes proxectos multidisciplinares é este que decidimos etiquetar como Mulleres (in)visibles e que é o marco dentro do cal medraron múltiples microproxectos levados a cabo nas diferentes materias. En todos eles se traballou co alumnado na dirección de conciencialo sobre o papel secundario ao que se relegou a muller durante séculos e a necesidade de facer xustiza con todas elas. Así naceu o proxecto Mulleres na ciencia, que abriu o camiño a outras iniciativas.

En Mulleres na ciencia o profesorado dos departamentos de Matemáticas e de Ciencias rescatou do esquecemento a moitas mulleres de todas as nacionalidades que deron pasos de xigante e que, con todo, non aparecen nos libros de texto. O proxecto desenvolvido nas aulas de terceiro da ESO e primeiro de bacharelato púxose en común co resto do alumnado do centro para celebrar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Esta actividade funcionou como auténtico revulsivo que nos conduciu a facer o mesmo na historia, na filosofía, na literatura ou no mundo clásico. Pero, ademais, Mulleres na ciencia levounos a crear un espazo exclusivo no que recreamos unha muller esquecida que merece ser homenaxeada. Así construímos o noso espazo das Mulleres (in)visibles, situado nun lugar privilexiado, ben visible, na entrada do centro. Alí, partindo dun manequín que caracterizamos en función da muller representada, sumamos elementos que recrean a época e o contexto, xunto con diferentes elementos elaborados polo alumnado. A primeira homenaxeada foi a matemática Sophie Germain e actualmente, no curso 2021/22, é Carmen Laforet a muller á que lle queremos facer xustiza e que preside a nosa entrada xunto coa súa máquina de escribir e os seus libros.

3.2. Proxecto: a muller na transmisión do saber etnobotánico. Elaboración dunha curtametraxe

Este proxecto tivo especial interese por varios motivos. En primeiro lugar, porque integrou o alumnado de ciclos formativos, xa que se desenvolveu dentro do módulo Técnicas de Educación Ambiental do ciclo superior Xestión Forestal e do Medio Natural. En segundo lugar, porque foi un auténtico proxecto multidisciplinar que combinou a investigación en etnobotánica co cine, posto que a actividade final foi a creación dunha curtametraxe creada a partir dos documentos audiovisuais resultado do traballo de campo desenvolvido polo alumnado. En terceiro lugar, é unha achega marabillosa para pór en valor o papel da muller rural como portadora e transmisora de saberes no manexo e conservación dos recursos fitoxenéticos da súa contorna e a súa aplicación nos coidados e preservación da saúde no ámbito familiar e a evolución temporal destes coñecementos e os novos usos na actualidade.

 

3.3. Formación para a creación: obradoiros didácticos

Como apoio aos diferentes proxectos que se desenvolveron dentro do marco do Club de Letras organizamos obradoiros dirixidos tanto ao alumnado coma ao profesorado. Algúns destes obradoiros foron especialmente interesantes. Por exemplo, o obradoiro de banda deseñada ao que acudiu o alumnado de Latín e de Grego que estaba inmerso na conversión a este formato da vida de grandes mulleres do mundo clásico como Lisístrata ou Safo.

O alumnado e o profesorado participante nas actividades orientadas á creación dunha curtametraxe para presentar no Festival de Cine CineCidade tivo a oportunidade de acudir a un obradoiro de creación audiovisual.

Pola súa banda, o alumnado de bacharelato viviu unha experiencia inesquecible no obradoiro de escrita creativa Muller fatal, no cal se partiu dunha revisión dos diferentes estereotipos de muller na literatura universal.

Estes obradoiros convertéronse en experiencias moi enriquecedoras, que non só nos orientaron en terreos que nos eran descoñecidos, como a creación audiovisual ou de banda deseñada. Ademais, incorporaron novas voces na dinámica escolar e xeraron grupos de traballo diversos nos que xurdiron novos lazos de unión entre o noso alumnado, e entre este e o profesorado.

 

3.4. Proxecto interdisciplinario PedaLeo

PedaLeo é o macroproxecto que xorde arredor da temática do coidado, elixida para a segunda convocatoria do Club de Letras. O obxectivo deste proxecto é vincular a bicicleta con múltiples aspectos, como a saúde ou a tradición. Pero, sobre todo, quixemos ligalo coa lectura: de aí o título PedaLeo.

Eliximos como núcleo aglutinador a bicicleta pola tradición que existe na nosa contorna deste medio de transporte. Ademais, a bicicleta enlaza perfectamente co coidado da saúde, que foi un dos eixes fundamentais do Club de Letras 2020/21, e coa literatura, xa que non son poucas as obras nas que este obxecto ten un protagonismo especial.

Así pois, durante o curso 2020/21 o noso centro acolleu unha grande exposición de bicicletas antigas e modernas, organizadas en contextos temáticos nos que bicicleta e lectura convivían harmonicamente.

Como obxectivo final deste proxecto marcámonos conseguir que os responsables políticos da vila se implicasen con nós na recuperación da tradición de «pedalear» (que se está perdendo entre a mocidade) e para iso reclamamos un carril bici que lle permitise ao noso alumnado acudir ao instituto neste medio de transporte. A difusión do noso proxecto na prensa local, así como a carta de petición enviada ao Concello, deron os seus froitos como pode verse nesta nota de prensa.

 

3.5. Vixía a túa roupa se queres salvar o planeta

Nas aulas de Inglés, á parte de aprender vocabulario e gramática, o profesorado levou a cabo un proxecto enmarcado na temática do coidado dentro do Club de Letras 2020/21. A meta desta iniciativa consistiu en facer reflexionar o alumnado sobre o consumo que fai da moda e as súas consecuencias medioambientais e sociais. En diferentes sesións do curso tratáronse temas de responsabilidade individual e social en relación coa produción e co consumo téxtil, ao tempo que se ampliaba o vocabulario en lingua inglesa con conceptos novos como refashioning, upcyclingou customize. A actividade final consistiu nun obradoiro de reciclaxe de roupa mediante a aplicación de técnicas tan variadas como o tinguido de teas libre de químicos ou a customización de prendas empregando pintura téxtil, entre outras fórmulas.

 

4. O pouso do club de letras. Horizontes de futuro

Existen oportunidades que supoñen un trampolín para impulsar cambios necesarios. O equipo de biblioteca do IES Cidade de Antioquía atopou no Club de Letras esa oportunidade para reunir esforzos arredor de dous obxectivos clave: botar a andar a aprendizaxe por proxectos como unha dinámica normalizada nas nosas aulas e lograr a colaboración entre os diferentes departamentos. Chegar a esta meta non foi sinxelo e para logralo foi determinante a creación dun grupo de traballo ao que lle chamamos Biblioteca Viva, Biblioteca Activa, que nos proporcionou durante dous anos consecutivos formación teórico-práctica, recursos e, sobre todo, un marco compartido no que os diferentes departamentos traballaron man a man.

Os resultados conseguidos son ilusionantes. Non obstante, tamén temos que dicir que este plan trazado con determinación tivo que facer fronte a unha pandemia que desestabilizou absolutamente toda a vida do centro. Non obstante, o pouso do Club de Letras estivo sempre latente e, na medida das posibilidades, seguimos traballando na liña colaborativa da aprendizaxe baseada en proxectos.

Grazas a que o Club de Letras logrou derribar fronteiras entre departamentos de ciencias, de letras e de ciclos formativos, e grazas a que nos abriu os ollos a outra maneira de traballar, máis creativa e enriquecedora, perdemos o medo a embarcarnos en novas aventuras que esixen precisamente esta forma de traballar. É por iso que o IES Cidade de Antioquía comezou unha nova viaxe, contextualizada desta volta no marco dun contrato-programa, na que navegaremos xunto co noso alumnado polos obxectivos de desenvolvemento sostible trazados na Axenda 2030.

En definitiva, iniciativas como o Club de Letras representan sempre unha oportunidade enriquecedora que abre novos horizontes cara a unha pedagoxía integradora, creativa, que derriba muros e que pon no centro o alumnado, tan necesitado dunha formación que integre tanto aspectos académicos como éticos, cívicos e de compromiso social. O ensino é unha das pezas esenciais para sentar as bases dunha sociedade máis xusta, equitativa e con futuro. Por iso necesitamos moitos máis clubs de... que nos fornezan de ideas, de recursos e que lle dean pulo ao profesorado comprometido co cambio.

 

 

 

Sección: