Cinema educativo: adolescencias
Ramón Souto Caride e Juan J. Álvarez Castro
Profesores de Música e Orientación Psicopedagóxica no ensino secundario
1. Introdución
Na edición 2018/19 do Cinema Educativo do IES de Mos, tivemos ocasión de fundir público e pantalla nunha paisaxe común: a adolescencia, ese trebón impredicible e acalorado que, decontado e sen opcións, te leva nunha montaña rusa fóra de control.
Comunmente vemos neles e nelas ánimos verdecentes que morren de risa e de amor, de acendidas rifas e amargos desenganos; tamén estoupan con rabia ou ilusión ante as descubertas da «vida», palidecendo dous minutos despois. Non é raro que levanten a voz, perdidos en castelos de naipes ou nalgunha preocupación. É como se, paradoxalmente, vivisen «cinema negro» a toda cor. Semella inevitable.
E neste camiño cíclico, de novo quixemos manter o legado espiritual e a memoria da nosa compañeira Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda: investigadora, lingüista e profesora; secreta iniciadora destas rutas de beleza nas que puxaba de todos nós con amor e sensibilidade. Lembrala como «lúcida liña de luz» tamén nos deu forza e perspectiva, no asedio pandémico, para vernos nos brazos comprensivos da arte.
2. Xustificación
Parécenos fundamental aproveitar a enerxía das novas xeracións para refrescar o mundo que vemos. Cómpre lembrar que o alumnado pode partir desta actividade programada, porén, é máis probable que bote a andar se permitimos que nel aconteza O acorazado Potenkim que leva dentro, pois tal como sucede no filme, tamén seguen catro chanzos. Se retomamos polo miúdo a devandita longametraxe, fixámonos no seguinte da súa montaxe:
1. Encadea unha acción.
2. Achega ritmos cambiantes.
3. Crea climas anímicos.
4. E confronta ángulos distintos
Daquela, tamén veñen ser feitos evolutivos da propia psicoloxía adolescente, toda vez que:
- Eles e elas actúan, compórtanse proactivamente dun xeito ou doutro.
- Fano con ritmos variables.
- Atravesan determinados estados de ánimos
- E, progresivamente, aprenden a confrontar diferentes puntos de vista en sociedade.
Por así dicilo, son «os Sergueis Echeisten» do noso día a día.
E se imos á ollada de cada membro dunha aula, recoñecémoslle o seu dereito de asomarse á xanela do mundo, ás claras ou ao axexo. Así, vólvese inevitable visitar o argumento máis esencial da obra A fiestra indiscreta de A. Hitchcock. Dela recollemos o tres eixes básicos da visión humana:
1. Unha persoa ve.
2. Ve algo, ou sexa, o que ve.
3. A reacción que nela provoca iso que ve.
Secuencia que, naturalmente agroma en cada integrante dunha aula coas mensaxes audiovisuais:
1. Elas e eles ven.
2. Impórtanos o que ven.
3. E, aínda máis, as respostas que lles producen.
Polo tanto, cremos positivo agrandar cada ventá, sen formigón nin patios, para situarse alén deles, nunhas vidas marcadas: pola ocupación militar (Omar), polas presións (Heli), pola escaseza (A Illa de Ferro), pola marxinalidade (A vendedora de rosas), pola incomprensión (The selfish giant), pola discriminación (As mulleres de verdade teñen curvas), polo efémero (Nadal en agosto) ou pola criminalidade (7 caixas). Porque o audiovisual tamén debe profundar nunha transversalidade que nos eduque para a paz, para a tolerancia, para o consumo, contra calquera discriminación, e naqueloutros temas que leven a igualdade aos habitantes do planeta que nos mollan a mirada.
3. Contextualización
Esta proposta pode fluír nos seguintes públicos:
- Entre escolares de terceiro e cuarto da ESO, FP básica, bacharelato, ciclos medios e superiores de FP.
- Certamente, a sesión de titoría semanal na ESO e na FP básica facilita a súa difusión, ao abeiro dos contidos formativos de cadanseus plans de acción titorial e sobre todo na sesión de titoría semanal.
- Con todo, esta idea tamén atopará oco nas cinco etapas, se a damos integrado nos acontecementos que teñan lugar nas datas «transversalmente» significativas: co gallo da celebración do Día Escolar da Paz, da prevención de violencia de xénero, da declaración universal dos dereitos humanos…
4. Obxectivos
1. Intentar que neste cinema atopen un espazo identitario: como parte dunha comunidade, nun lecer xeracional diferente do adulto, no seu tempo e con rituais exclusivos deles.
2. Non coutarlles as emocións nin as ideas subseguintes ao ronsel de cada historia.
3. Sincerarnos, logo da proxección, nos coloquios sobre sentimentos deles e nosos (cómpre un diálogo emocional).
4. Afacelos a obras con protagonistas que non comuniquen pracer en escenarios violentos.
5. Evitar historias que lles poidan evocar ambientes próximos desfavorables.
6. Transmitirlles o concepto «facerse respectar», lonxe das agresións imitativas, comúns ou infrecuentes.
5. Descrición da actividade e recursos empregados
Na semana previa á apertura desta edición, entregamos un díptico coa temporización e sinopses das longametraxes desta escolma. Seguimos crendo na dobre función desta decisión: as expectativas que desenvolvan serán máis importantes e automotivantes que as descricións que lles deamos, ou sexa, que salten da información á formación, da fervenza de datos á autoxestión aceptable só daquelas cuestións actuais, que os armen de argumentos para pensar, cuestionar e actuar. De maneira que, connosco só entraban nunhas historias que seguían nos seus fogares: preferimos abranguer só aquela metraxe, que xa permita coloquios centrados da cerna de cada cuestión (o «método 5 C» aplicado á análise do crime organizado, da paz, da marxinalidade herdada, da intolerancia, do totalitarismo, do efémero, da inseguridade cidadá, dos estereotipos de xénero, do machismo…). Velaí a relación de títulos que alicerzaron o punto de partida (formato DVD):
1. HELI
2. OMAR
3. A VENDEDORA DE ROSAS
4. THE SELFISH GIANT
5. A ILLA DE FERRO
6. NADAL EN AGOSTO
7. 7 CAIXAS
8. AS MULLERES DE VERDADE TEÑEN CURVAS
29/10/2019
HELI. Director: Amat Escalante. 2013. México. 105 min. Cor
Cannes 2013: Premio ao Mellor Director
Nunha vila esquecida e fronteiriza de México só existen dous medios de vida: un traballo mal pagado na automoción ou, pola contra, o cártel da droga. Porén, temos un protagonista definido en catro haches: Heli habita na humilde honradez. Afeito a vivir baixo presións e ameazas, intenta ser sombra de poucas palabras e chegar a fin de mes. Mentres, Estela, a súa irmá de doce anos, namórase de Beto, un cadete policial que lle propón escapar para casar. Mais, os plans non sempre corren nunha recta.
05/11/2019
OMAR. Director: Hany-Abu-Assad. 2013. Palestina. 95 min. Cor. VOSE
Cannes 2013: Premio do Xurado: Unha Certa Ollada. Nominada ao Oscar como mellor filme de fala non inglesa 2014
Omar é un mozo palestino afeito aos asubíos das balas inimigas. Como calquera rapaz da súa idade, ten amigos, unha namorada —Nadia— e, sobre todo, un muro que os separa e acurrala no seu propio territorio. Guiado por ese amor «secreto», sabe desfacerse da altura do formigón. Ata que é capturado nunha acción de resistencia. Así comezará un xogo de gato e rato coa policía militar israelí.
12/11/2019
A VENDEDORA DE ROSAS. Director: Víctor Gaviria. 1998. Colombia. 120 min. Cor
Moitos menores habitan as noites de Medellín nunhas condicións de perigo e escaseza dramáticas. Esta obra acompáñaos e transpira a marxinalidade imposta nestas vidas: foxen ou delinquen de día e evádense nunha escuridade desfigurada. Algúns destes nenos, actores ocasionais no filme, finaron pouco despois. Mesmo a nosa protagonista foi detida como presunta autora dun suposto asasinato.
19/11/2019
THE SELFISH GIANT - O XIGANTE EGOÍSTA. Directora: Clio Barnard. 2013. Reino Unido. 91 min. Cor. VOSE
Un neno con TDAH e o seu mellor amigo —tranquilo, xeneroso e paciente— partillan un lecer: coidar cabalos, entendelos. Ás veces, gañan algúns cartos cun comerciante corrupto que lles fai encomendas. Apañan ferralla, conversan e constrúen soños para saíren do inverno…
26/11/2019
JAZIREH AHANI - A ILLA DE FERRO. Director: Mohammad Rasoulof. 2005. Irán. VOSE.
Festival de Cinema de Xixón 2005: Premio Especial do Xurado. Cannes 2005: Quincena de Realizadores
No Golfo Pérsico, xente sen fogar mora nun vello navío fondeado. O seu capitán controla todo: como e quen vive, estuda, traballa, ama, mentres autoriza a autopsia dese agónico cetáceo. Cedo vai afundir e nesa incerteza o tempo corre: bautizos, vodas, escola e a teima dun amo que amorea pezas e vidas.
03/12/2019
PALWOLUI KEURISUMASEU - NADAL EN AGOSTO. Director: Hur-Jin-Ho. 2005. Corea do Sur. 97min. Cor. VOSE.
Premiada nos festivais de Flanders, Pusan e Vancouver. Mellor Filme: Premios Blue Dragon. Semana da Crítica no Festival de Cinema de Cannes
Jung-Won é un fotógrafo cunha enfermidade sen cura. Malia todo, fica na súa pequena tenda. Recibe clientes; apenas fala: retrátaos e «revela» algo dunhas vidas que seguramente durarán máis que a súa. E nunha mañá aparece a fermosa Da-Rim, coa frescura do imprevisto...
10/12/2019
7 CAJAS - 7 CAIXAS. Directores: Tana Schémbori e Juan Carlos Maneglia. 2012. 105 min. Paraguai. Cor. VOSE
Víctor puxa de mercadorías no labiríntico Mercado 4 de Asunción: todo un enxame de vultos, berros, desconfianza e cobiza. Nunha xornada igual que todas, de súpeto recibe unha estraña encomenda: transportar, protexer e entregar sete misteriosas caixas sen facer preguntas, nin levantar sospeitas. Precisa os cartos e acepta esta «misión con sombras ao axexo».
17/12/2019
AS MULLERES DE VERDADE TEÑEN CURVAS-REAL WOMAN HAVE CURVES. Directora: Patricia Cardoso. 2002. USA. 83 min. Cor. VOSE.
Premio Especial do Xurado e Premio do Público no Festival Sundance 2002. Festival de Donostia: Premio da Mocidade
Ana vive na comunidade hispana de East Los Angeles e acaba de rematar o bacharelato cun prometedor expediente. De feito, o seu profesor de literatura advirte nela talento e anímaa a tramitar unha bolsa de estudos, para ingresar na senlleira Universidade de Columbia. Con todo, na casa non aceptan este plan: no seo dunha familia tradicional, de raizame machista, as mulleres afogan nos estereotipos de xénero, nos obradoiros téxtiles e nas subcontratas dalgunha multinacional desconsiderada. En resumo: a vida resérvalle a Ana un lugar sen vida.
6. Metodoloxía
Connosco entraban nunhas historias que continuaban nos seus fogares: preferimos abranguer só aquela metraxe, que xa permitía coloquios centrados do cerna de cada cuestión ( o «método 5 C» aplicado á análise do crime organizado, da paz, da marxinalidade herdada, da intolerancia, do totalitarismo, do efémero, da inseguridade cidadá, dos estereotipos de xénero, do machismo…).
Concordamos co gusto de Roland Barthes no xeito de entrar nunha sala de cinema. O devandito sociólogo quería saír dela coa sensación de certa curación, máis ben adormecido, como se volvese dunha boa hipnose. E como prefería entrar nela? Mellor en pleno lecer baleiro: desocupado. Porque, alén dos requisitos obvios na degustación dun relato, elegantemente entendía que calquera, de rúa en rúa, e de cartel en cartel, sen sabelo, xa comezaba a soñar antes de se tornar espectador, ou sexa, xa viña vivindo a prehipnose ata ingresar no cubo escuro, onde «xurdirá ese festival de afectos que chamamos cinema». Despois, á espreita, un raio de luz formará a pechadura pola que ollaremos fascinados. No canto disto, amargáballe ver cinema na TV: sen escuridade, nin grupo, nin anonimato, toda aquela ledicia morría nun electrodoméstico máis. De feito, éralle esencial a escuridade que liberaba o corpo e na que acontecía «o traballo invisible dos afectos», isto é: «como o bicho da seda, traballo e luzo con toda a miña forza porque estou pechado, operando na escuridade». Frecuentemente deles recollemos esta impresión (expresións nada letárxicas).
Nesta edición, devagar, ao deter cada visionado, xa abriamos un espazo de reflexión con preguntas concretas, que xerasen respostas abertas. Poderiámolas reflectir «filme a filme» na seguinte táboa, con algunhas das súas achegas, nun panel correlativo das longametraxes.
Agora ben, disociamos dúas ideas neste método: o xénero de autor non é unha promesa pretenciosa de erudición extravagante. Lembremos que este alumnado acaba de pasar toda a mañá na aula, algo que obriga a:
- Agradecer que nos confíen o seu tempo e expectativas.
- Non entupir a súa atención con propostas densas, vivencialmente fóra deles. De non facelo, incorreriamos no que Umberto Eco chamou «decodificación aberrante», cunha invasión de datos descoñecidos que os saturaría, algo tan común nos mass-media que xustamente queren iso: «público masificado e desinformado».
- Apostar polo «cinema á carta cun número limitado» (25 alumnos e 2 profesores). Coas sinopses queremos facerlles un oco nunha historia, próxima e para uns poucos. Polo menos, así poden sentir o propio protagonismo da identificación que levede en cada individuo.
- Rexeitar a «teoría hipodérmica» da imaxe no espectador, que o cría paralizado por inxección fílmica de datos sedantes e baleiros. Nada disto houbo no público cinéfilo, crítico e participativo.
7. Conclusións
- Observamos un foro de participación social: víanse nel, saudábanse, explicábanse, conversaban nas postas en común, tiñan «quedadas»…
- Non convertamos o medio na mensaxe; o auditorio é para a audiencia e non á inversa. Daquela importa menos onde se ven, escoitan e din as cousas, e importa máis que din e amosan os filmes e, aínda máis, o que din deles: os nosos mozos e mozas.
- Precisan de máis relatos meditados que de opinadores deste «mundo hiperconectado». Os realities e os fast thinkers non se achegan ao mundo de certa transcendencia.
- Cómprelles saír do circuíto pechado computador-usuario: pantalla e persoa, cara a cara, devóranse devorando historias adulteradas, e perden de vista a xanela da vida.
- Tal como sinalaba Bordieu, é fundamental que descansen dos feitos ómnibus: acontecementos que «superficialmente» lle interesan á maioría, xeran certo consenso, enchen tempos mortos, pero agochan os auténticos conflitos sociais (se nos distraen rechamantes desastres naturais moi ao lonxe, non pensaremos naquilo que debemos transformar).
- Urxe crer que os adolescentes non son nada superficiais: poden semellalo, pero, como no cinema de Seijun Suzuki, son só as súas accións as que acontecen na superficie, na forma máis concreta da existencia. Só ás veces estas mentes complexas se concretan na superficie dalgunhas cuestións ou no máis rechamante.
- É necesario aceptar deles esa parte que louvamos nos personaxes do cinema de acción: escachan regras, non están onde esperamos, actúan atafegadamente con cortes bruscos e sen explicacións, súan vitalidade, son cores básicas sobre fondos neutros; son orixinais, alternativos, impredicibles… Como a obra do mestre Seijun Suzuki (por certo: con gran predicamento entre o público novo).
E para rematar, deste autor nipón quereriamos recoller parcialmente, unha «cinemavisión» que concilia con certa zona irracional da rapazada, doutros períodos evolutivos, e mesmo dos nosos intres primitivos: «Un filme é consecuencia dun estoupido de sentimentos e emocións, e é innecesario apoialo con argumentos».
8. Enquisa de valoración
9. Reflexións
A covid-19 precipitounos ao patio sen luces, ás rúas sen vida, ao medo ao contaxio, ás perdas. Os afortunados podemos contalo, pola heroica entrega dos sanitarios que a desafiaron.
Deixamos de dar paseos e apertas, para non deixar de «ser». Mudamos hábitos sociais con inesperadas distraccións, para non «matar» o tempo. Nós, naquelas horas, recuperamos estas historias doutras vidas, para resistir nas limitacións. Como calquera veciña, tiñamos unha xanela, unha fuxida aos mundos de Heli, Omar, Ana, Víctor, Di-Ram… Frecuentemente sentiámonos como Jeff, o personaxe de James Stewart na obra A fiestra indiscreta do mestre Hitchcock: por unha banda, entendemos a súa inmobilidade, a súa frustración, ancorado na cadeira de rodas. Porén, fomos canda a súa marabillosa esencia:
Jeff é unha persoa de acción, pero pacífica, que atopa refuxio e ás na cámara fotográfica, na súa identidade vocacional e profesional. De feito, tivémolo moi presente nos obxectivos desta proposta ao salientar unha cuestión tan concreta coma decisiva: os protagonistas que, como Jeff, educan nas posicións opostas os personaxes violentos. Observa, sospeita, deduce e, finalmente, denuncia esa violencia. Pola súa vez, A. Hitchcock non acende agresións imitativas nin recrea o crime: adxudícallo a un «secundario» ao que ninguén quere parecerse (un bruto irracional e cruel, facerse respectar nada ten que ver con isto). Certamente podemos imaxinar morbosamente as cousas que acontecen; mais imaxinar, neste contexto, non significa desexar.
ANEXOS
Unidade didáctica Heli (ver arquivo adxunto)
Unidade didáctica Omar (ver arquivo adxunto)
Alsina Tevenet, H. (1990). Después del cine. Montevideo (Uruguay): Ediciones Trilce. Buenos Aires (Argentina): Ediciones de la Flor.
Barthes, Roland (1984). Ao saír do cinema. Psicanálise e cinema. Colectânea do núm. 23 da Revista Communications. Lisboa: Relógio d´Água Editores.
Ferrari, G. (2001). La comunicación. Principio, fin y dilema de los medios masivos. Buenos Aires: Ed. Longseller. Colección Compendios.
Pérez, P. (1999). La ventana indiscreta. Barcelona: Libros Dirigido. Colección Programa Doble (1.ª edición).
Stiching Film Festival Rotterdam (1991). El desierto bajo los cerezos en flor: el cine de Seijun Suzuki; Festival Internacional de Cine de Gijón. Ocho y medio libros de cine. Madrid: Ediciones Áqaba. 2001
Tisseran, S. (2006). Internet, videojuegos, televisión... Manual para padres preocupados. Barcelona: Ed. Grao. Colección Familia y Educación.