English Book Clubs

Expandindo as linguas alén das aulas
Organizar clubs de lectura en inglés nos centros de ensino nos que se lean obras completas e non adaptadas resulta unha experiencia produtiva, motivadora e integradora que pode abranguer a comunidade educativa á vez que achega outras culturas desde a lingua inglesa.

Ana Belén López Pérez
Profesora de inglés no IES San Rosendo (Mondoñedo - Lugo)
anabelen@edu.xunta.gal

 

1. A experiencia

Hai xa uns cantos anos que organicei o primeiro club de lectura en inglés no IES San Rosendo (Mondoñedo). A idea levaba anos ruxindo na miña cabeza, sobre todo por unha necesidade de achegarlle ao alumnado lecturas nonadaptadas (as adaptadas perden normalmente a esencia da literatura) e tratar de fomentar o gusto por ler nunha lingua que non é a propia.

Así foi como botou a andar o IES San Rosendo Book Club, dentro do marco da biblioteca escolar e sempre da man dos clubs de lectura de galego e castelán. Naquela ocasión tratábase dun grupiño de alumnos  de primeiro de bacharelatomotivados a participar en calquera actividade non estritamente académica aínda que iso supuxese pasar os períodos de lecer na biblioteca ou comer só un bocata para ter a reunión ao mediodía do luns. A lectura escollida para a estrea foi TheTwits, de Roald Dahl, un libro infantil pouco extenso que pensei que sería axeitado pola linguaxe deste xénero, normalmente non tan complicada como a dos libros para adultos. Logo decateime do feito de que isto non é así en todos os casos, sobre todo no de Roald Dahl, cuxa capacidade para xogar coas palabras non sempre fai das súas obras lecturas fáciles. En todo caso, foi un punto de partida sen retorno. Desde ese momento, o Book Club (ás veces con varios grupos simultáneos) existiu cada trimestre de cada curso, sen interrupción, nin sequera durante o encerro pola covid-19 ou no resto da pandemia.

 

Book Club presencial e en liña

 

A continuación exporei os obxectivos dos clubs de lectura en inglés, os distintos tipos de clubs en inglés e a súa organización, así como algunhas actividades levadas a cabo para cada lectura. Presentarei unha mostra representativa de libros e relatos axeitados para estudantes de inglés como lingua estranxeira.

 

2. Para que argallar English Book Clubs

Os clubs de lectura en inglés que nós levamos a cabo difiren da concepción do uso da literatura nas aulas de idioma presente no estudo clásico en inglés de Collie e SlaterLiterature in the Language Classroom ou outros aos que se fai referencia na bibliografía. Os clubs non están pensados exclusivamente para a aprendizaxe da lingua, aínda que isto sexa inevitable nun sentido positivo, senón, sobre todo, para o uso e mellora da lingua fóra do contexto da aula de inglés. Tampouco se abordan cuestións de análise literaria de xeito minucioso, xa que non se trata dunha clase de literatura.Así pois, non se realizan actividades de comprensión ou vocabulario propiamente, mais iso non significa que non se faga referencia esporadicamente a cuestións léxicas coa finalidade de comprender mellor os textos, nin se fan estudos de crítica ou estilos literarios. A lectura de textos no club de lectura en inglés consiste, daquela, nun tipo de lectura extensiva, máis que intensiva, feita para fomentar a lectura como enriquecemento e entretemento.A énfase ponse no proceso máis ca no produto, malia que case sempre se require un proxecto final relacionado co libro.

O feito de que as lecturas sexan textos literarios nonadaptados redunda no uso de material auténtico que permite a exposición dos lectores a unha lingua xenuína, non manipulada, distanciada da lingua simplificada das versións adaptadas ou da propia lingua presente nos libros de texto. Estes textos abordan cuestións humanas non efémeras que lles falan directamente aos lectores, polo que este acceso a realidades diferentes da propia supón un enriquecemento cultural á vez que lingüístico.

A lectura de textos no marco dos clubs de lectura proporciona un contexto real para a lectura e o debate. Favorécese a implicación persoal ao centrarse máis no argumento e na imaxinación ca na propia lingua, co calse fai un uso realista desta. O feito de verse na necesidade de compartir e debater opinións e puntos de vista estimula, así mesmo, a análise crítica e pon enriba da mesa diversidade de interpretacións para o cal os lectores han desenvolver as súas habilidades interpretativas e negociadoras.

Todos estes aspectos supoñen un grao de implicación persoal elevado, xa que os membros do club terán que poñer en práctica fóra da aula, un contexto exclusivamente académico, o que xa saben. Isto, xunto co feito de vérense capaces de ler auténtica literatura nunha lingua que non é a propia e poder falar sobre ela, estimula con total seguridade a súa autoestima.

Os clubs de lectura en inglés son,ademais, unha excelente oportunidade de integración, xa que nun mesmo club podemos xuntar lectores de distintas procedencias (por exemplo, de distintas clases e niveis), en distinto número e podemos varialos dunha lectura a outra, sempre e cando cheguen aos mínimos de capacidade comprensiva e expresiva da linguapara abordar os textos. Na miña experiencia, é fantástico que rapaces de primeiro ou segundo de bacharelato compartan lecturas con outros da ESO. Aprenden uns doutros non só no relativo ás lecturas senón na súa perspectiva do mundo e nas súas experiencias persoais. É tamén unha oportunidade para facilitar a incorporación do alumnado queacaba de chegar ao centro ou que se atopa illado na aula. Máis adiante mencionarei tamén o caso dos clubs de lectura de adultos, neste caso maioritariamente profesorado, que tamén atopan nas reunións dos clubs a ocasión para coñecerse mellor ao verse nun espazo distinto ao habitual docentro académico.

Finalmente, cabe mencionar que os clubs de lectura en inglés son unha excelente ocasión para mellorar a competencia dixital, xa que se precisa do uso de ferramentas dixitais para as presentacións, a procura de información, a elaboración de proxectos (sempre se lles pide que sexan en soporte dixital) ou, nestes tempos de pandemia, para levar a cabo as reunións.

 

3. Tipos de Book Clubs

No IES San Rosendo organizamos todos os anos dous tipos distintos de club de lectura en inglés: o club de lectura de alumnado e o de profesorado. Aínda que a andaina dos clubs se iniciou co primeiro tipo, o de profesorado non se fixo esperar e leva funcionando tamén varios cursos.

3.1 Club de lectura de alumnado

O alumnado que participa no Book Club pertence maioritariamente aos últimos cursos da ESO e a bacharelato. Normalmente trátase de rapazada cun nivel medio en inglés que adoita ser afeccionada á lectura en lingua galega e castelá ou está interesada polas linguas (o nivel de inglés dese alumnado corresponderíase cun principiante de B1 no Marco común europeo de referencia (MCER). Con frecuencia, sorprende que algúns dos participantes non contan cun nivel de inglés bo na aula e, non obstante, son capaces de ler, aprender dos demais e gozar das reunións do club.

Ao principio do curso anúnciase a posibilidade de participar no club e a necesidade de comprometerse polo menos durante un trimestre, compromiso que, por regra xeral, se estende a todo o ano. Os grupos contan con entre 10 e 15 participantes e algúns anos houbo que facer máis dun grupo (o IES San Rosendo adoita contar cunha media de 230 alumnos da ESO e bacharelato cada curso). Neses casos organizáronse por nivel de inglés e usáronse as lecturas máis axeitadas á súa competencia.

En canto á elección das lecturas, debo dicir que os primeiros anos non foi fácil, xa que sempre procurei libros que fosen axeitados non só pola temática senón pola dificultade da lingua. As primeiras opcións foron as lecturas infantís, aínda que, como xa mencionei, a súa linguaxe non sempre é tan accesible como podería parecer. Tampouco son sempre as máis motivadoras, xa que os adolescentes consideran que xa teñen esa etapa superada. Con todo, sempre quedou a satisfacción de ter lido un libro completo en inglés e as discusións foron sempre dirixidas cara aos aspectos máis controvertidos ou que reflectían as experiencias dos lectores. Entre estas lecturas estiveron Danny the Champion of the World, de Roald Dahl, ou The Story of Doctor Dolittle, de Hugh Lofting. O libro de David Walliams,The Boy in the Dress, aínda que clasificado como literatura infantil, foi lectura do club en numerosas ocasións polo éxito entre os lectores e pola temática, que suscitou interesantes conversas sobre o xénero. Puidemos, así mesmo, contactar co autor, quenlles respondeu aos seus lectores mindonienses.

Foto do Book Club asinada por David Walliams

 

Pouco a pouco, fomos sendo sabedores de lecturas de xoves adultos ou de adultos con temática axeitada para estas idades que si son comprensibles para o noso alumnado e que moitas veces se converteron na súa lectura favorita do ano. Estou a pensar, por exemplo, no libro de Maya Angelou Mom & Me & Mom. Tamén tiveron grande éxito My Sister Lives on the Mantelpiece, Fahrenheit 451 ou Animal Farm. Máis recentemente, lemos relatos breves de temática concreta (medio ambiente e ciencia ficción, entre outras) e resulta ser un xénero moi axeitado que permite a lectura do relato completo para cada xuntanza e facilita a comparación de autores, perspectivas e estilos, como veremos un pouco máis adiante.

Unha vez que se organizan os grupos e se escollen as lecturas, as reunións teñen lugar normalmente nos recreos, aínda que en ocasións se fan no mediodía do lunsporque permiten ter máis tempo para o debate.

 

3.1.1 Clubs de lectura de libros en inglés

A primeira achega á lectura dun libro é sempre unha introdución deste e o seu autor ou autora. Apóiome sempre nunhapresentación con fotos cunha sinxela explicación da biografía do escritor ou escritora,un vídeo dunha entrevista ou similar, que axuda a deixar unha pegada nos que van ser os lectores da súa obra. Tamén se insistenalgúns detalles do libro que poden resultar relevantes ou nalgún tema importante e que precisa de contexto histórico, como ocorre coa situación dos nenos en Polonia durante a Segunda Guerra Mundial, centrais enThe Silver Sword, de Ian Serraillier. A modo de exemplo pódese ver a presentación de The Silver Sword ou a presentación de The Boy in the Dress.

Tamén se entrega un marcapáxinas onde aparecen os principais temas do libro, de xeito que os teñan presentes durante a lectura.

Marcapáxinas de Danny the Champion of the World

 

A diferenza dos clubs en galego ou castelán, que polo xeral se xuntan cando teñen todo o libro lido, no Book Club xuntámonos catro ou cinco veces por trimestre e, para cada xuntanza, lemos unha parte do libro. Isto axuda na resolución de dúbidas en partes que algúns lectores non comprenden totalmente e anticipa o que pode causar dificultades na sección da lectura que sucede á reunión.

As intervencións durante a reunión facilítanse cunhas sinxelas tarxetas numeradas que se distribúen ao principio e nas que aparecen os temas da sección lida ou palabras, frases ou imaxes do libro. Cada membro do club debe comentar a súa tarxeta, aínda que os demais poden intervir, preguntando ou engadindo detalles ao respecto. Dese xeito ata os máis tímidos teñen a oportunidade de contribuír á discusión.

Tarxetas para a reunión de Mom & Me & Mom

 

Cada reunión conclúe cun breve adianto do que será a seguinte parte do libro.

Para cando remata a lectura do libro propóñense diversos proxectos que o alumnado realiza normalmente en grupo e que teñen o obxectivo de reflectir a súa interpretación ou aproveitamento da lectura ou de ir na procura de información que afonde no seu coñecemento. Algúns exemplos de proxectos que se poden elaborar para cada lectura son:

- Facer un tráiler do libro.

- Facer un sketch baseado nunha sección do libro.

- Elaborar unha crítica persoal dalgún aspecto da lectura.

- Investigar e presentar algún dos temas presentes (por exemplo, a queima de libros presente na literatura para Fahrenheit 451).

- Analizar algunha personaxe ou falar como se fosen unha delas.

- Facer unha lectura dalgunha parte significativa e gravala.

- Inventar un final alternativo ou unha continuación da historia.

- Presentar a historia mediante imaxes comentadas.

- Contactar co autor ou autora do libro.

Finalmente, os proxectos e as impresións do alumnado son compartidas no caderno de bitácora do club, no da biblioteca e nas redes sociais do centro, sempre co consentimento dos seus autores.

 

3.1.2 Clubs de lectura de relatos en inglés

O xénero do relato foi adoptado polo Book Club máis recentemente e cada ano dedicámoslle un trimestre. A organización é basicamente a mesma, aínda que o que se fai é unha selección de relatos normalmente de temática similar que ás veces vai da man dalgún proxecto internacional (Eramus ou eTwinning) no que esteamos a participar. Así, por exemplo, no curso en que fixemos un proxecto sobre ecoloxía e medio ambiente, lemos non só libros como o de William KamkwambaThe Boy Who Harnessed the Wind senón tamén relatos que abordan este asunto como «Hermie», de Nathaniel Rich, ou «A Mild Attack of Locusts», de Doris Lessing.

Os relatos curtos permiten que en cada reunión se trate un relato completo e a lectura pode ser máis intensiva, de tal xeito que o alumnado que teña dificultades para a súa comprensión pode botar man do dicionario ou relelos. En todo caso, a selección ten que ser coidadosa, pois este xénero presenta ás vecestrazos lingüísticos e literarios lonxe do alcance do alumnado destes niveis.

A novidade máis recente das reunións é un artellamento distintodas tarxetas cos temas ou citas. O debate sobre os relatos fíxose en «círculos de lectura» (Reading Circles), idea que xurdiu a partir dun curso de formación do profesorado no centro impartido por Juan Lago Leis. Neses círculos cada lector ten asignado un rol previo á lectura do relato e na xuntanza debe desempeñar a súa función. Poden ser líder, resumidor, conector, investigador, argalleiro de palabras etc. Isto fai que o lector leve a cabo a lectura cunha finalidade específica que vai máis aló da interpretación ou gozo desta e, ao mesmo tempo, os lectores do círculo regúlanse de xeito autónomo, sen practicamente precisar a intervención do profesorado que organiza o club. Os detalles de como funcionaron estes Reading Circles pódense atopar na seguinte ligazón ou accedendo polo código QR:

Código QR da presentación sobre os Reading Circles

Alumnado discutindo no Reading Circle

 

3.2 Club de lectura de profesorado: Coffee Book Clubs

O IES San Rosendo é un centro plurilingüe que conta con numerosos profesionais que dominan e imparten as súas clases en inglés e outros que están a mellorar a lingua ou que buscan unha oportunidade para desenferruxala. Así pois, un club de lectura en inglés presentouse como unha excelente oportunidade para todos os que voluntariamente quixesen participar, aínda que a súa característica principal é a flexibilidade,de xeito que a participación non supoña ningunha imposición ou deber inescusable que acabaría por desanimar os participantes.

Ao principio do curso anúnciase no taboleiro da sala de profesores a posibilidade de participar, tal e como aparece na seguinte imaxe:

Cartel anunciando os Coffee Book Club

 

Como se deduce do anuncio, a motivación vén acompañada de café e petisco que proporciona a encargada da cafetería do centro, sempre encantada de botarnos unha man. Isto é importante, sobre todo porque ese é o momento da xornada no que a maioría facemos un receso e, se houbese que escoller, posiblemente se sacrificaría o club de lectura polo café. Tampouco se fai obrigatoria a lectura, só é recomendable. De feito, por distintas razóns, case sempre obrigas académicas, os participantes non acoden con regularidade. Hai quen incluso participa coa condición de só escoitar para poder ir poñéndose ao día na lingua, o cal é absolutamente respectado.

Ante este panorama, a solución consistiu na selección de lecturas en inglés moi breves, de xéneros variados (poemas, extractos de novelas, letras de cancións, relatos breves, anuncios ou tiras cómicas) e sempre asociadas a algún tema concreto, de tal xeito que quen non poida facer a lectura sexa capaz de participar ofrecendo a súa experiencia persoal ou relacionando o texto en cuestión con outros coñecidos.

Exemplo de actividade de lectura do Coffee Book Club

 

Así pois, a mecánica da reunión xira arredor da lectura, pero sempre se preparan unhas imaxes sobre as que poder falar, un xogo ou unhas tarxetas con temas da lectura, que son á vez temas dos que se pode comentar sen ler e así participar na discusión. En ocasións tamén realizamos algún proxecto en común, como a elaboración dun relato no Nadal, que fixemos entre todos e cuxo resultado foi sorprendente.

Algunha páxinas do relato «A Christmas Surprise»

 

Ao final, resulta unha boa práctica de lectura e conversa en inglés nun ambiente distendido que ofrece á vez unha inmellorable oportunidade para coñecernos mellor: sabemos a quen lle gusta a música, quen é aplicado e vén sempre coa lectura feita, quen debuxa ben, quen nas curtas distancias é moito menos tímido do que aparentaba, quen fala un inglés excelente e moito máis.

Membros do Coffee Book Club cos certificados de asistencia

 

4. Conclusións

O English Book Club e o Coffee Book Club que presento son unha oportunidade de ler e compartir lecturas igual que os clubs de galego e castelán que organizaa biblioteca escolar. Como estes, falar dun libro diante doutras persoas estimula a capacidade crítica dos participantes, promove a diversidade de opinións, xera a integración de persoas que atopan dificultades para expresárense e comunicárense en grupos numerosos e axuda á conexión entre o centro educativo e a sociedade. Pero,sobre todo, os clubs en inglés achegan culturas afastadas de nós noutra lingua e, ademais, facilitan a autoestima polo feito de levar a cabo lecturas e discusións nunha lingua que non é a propia, ofrecendo a oportunidade de usala como vehículo de comunicación alén da aula e amosando, así mesmo, que iso é posible fóra da mecánica curricular que dirixe o ensino da lingua cara á avaliación do seu uso correcto. Son, á fin, unha ocasión de aprender a amar os libros e aproveitar todo o que estes nos achegan.

 

Algunhas lecturas para os Book Clubs

Libros completos

Adichie, Chimamanda Ngozi, DearIjeawele. A Feminist Manifesto in Fifteen Suggestions

Angelou, Maya, Mom & Me & Mom

Bradbury, Ray, Fahrenheit 451

Dahl, Roald, Danny the Champion of the World

Dahl, Roald, The Twits

Kamkwamba, William, The Boy Who Harnessed the Wind

Lofting, Hugh, The Story of Doctor Dolittle

Orwell, George, Animal Farm

Pitcher, Annabel, My sister Lives on the Mantelpiece

Serraillier, Ian, The Silver Sword

Walliams, David, The Boy in the Dress

Relatos

Portada dunha das coleccións de relatos sobre medioambiente

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Collie, J. e Slater, St. (1995). Literature in the Language Classroom: a resource book of ideas and activities. Cambridge: CambridgeUniversityPress.

Daniels, Harvey (2002). Literature Circles: voice and choice in book clubs and reading groups. Portland, Maine: Stenhouse Publishers.

Hismanoglu, Murat (2005). Teaching English Through Literature. Journal of Language and Linguistic Studies, 1(1), pp. 53-66. Dispoñible en https://dergipark.org.tr/en/download/article-file/104660

Monllor, Cecilia (2004). Clubs de Lectura. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

Morgan, J. e Rinvolucri, M. (1991). Once Upon a Time: Using stories in the language classroom. Cambridge: Cambridge UniversityPress.

VV.AA. (2009). BritLit: Using Literature in the EFL Classrooms. London: British Council. Dispoñible en https://www.teachingenglish.org.uk/sites/teacheng/files/pub_BritLit_elt.pdf

 

 

Sección: