Fornelos ao monte
Jessica Rodríguez Piñeiro, docente de educación primaria
CEIP Doutor Suárez (Fornelos de Montes-Pontevedra)
jessicarodriguezpineiro@edu.xunta.es
Aprendizaxe no contorno
1. Contextualización
Na biblioteca do CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes, un pequeno centro educativo nun contorno privilexiado, nace o proxecto educativo e didáctico Fornelos ao monte.
Monte da cidade
Detectouse unha necesidade no alumnado de aprendizaxe vivencial e en contacto co contorno, así como unha falta de coñecementos do lugar onde viven, e o claustro de mestres decidiu contactar con persoas de Fornelos de Montes con moitos coñecementos sobre o seu patrimonio artístico, natural, social e cultural e con ganas de transmitírllelo ás novas xeracións. A partir dese momento empeza a transmisión de información ao alumando que vai implicándose no proxecto con motivación e entusiasmo. Preténdese que aprendan a coidar e respectar o contorno que os rodea coñecéndoo e implicándose no seu coidado.
Neste proxecto educativo de centro viuse implicada toda a comunidade, xa que todos e todas tiñamos moito que achegar. Realizáronse entrevistas, obradoiros, charlas, saídas didácticas, actividades artísticas e tecnolóxicas, tendo en conta que o alumnado era o protagonista do seu proceso de ensino-aprendizaxe, así como o interese en crear conciencia social e desenvolver accións de coidado do medio no que vivimos.
Visita ao Foxo do Lobo
2. Obxectivos
- Valorar o patrimonio natural, artístico, cultural e social de Fornelos de Montes.
- Implicar o alumnado, profesorado e familias en accións sociais.
- Coñecer o lugar que nos rodea e o seu contorno.
- Gozar do coidado da contorna.
- Propiciar unha aprendizaxe significativa centrada na persoa.
- Investigar sobre a flora, a fauna e lugares de interese de Fornelos de Montes.
- Repoboar áreas de monte queimadas.
- Fomentar o interese pola lectura entre o alumnado.
- Crear carteis, vídeos e producións artísticas relacionadas co proxecto.
- Desenvolver accións ecolóxicas e de respecto ao medio ambiente.
- Crear conciencia social e pensamento crítico entre o alumnado.
- Apreciar as profesións levadas a cabo por mulleres en Fornelos de Montes.
3. Contidos
- Ecosistemas
- Localidade e concello
- Animais e plantas autóctonas
- Ecoloxía e medio ambiente
- Reciclaxe
4. Competencias clave
Competencia en comunicación lingüística
O alumnado emprega a linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita. Expresa os seus propios pensamentos, opinións ou ideas sobre o tema. Participa en dramatizacións, contacontos, libros de pasatempos e entrevistas. Recolle lendas e historias relacionadas coa contorna.
Competencias sociais e cívicas
Foméntase a expresión das propias ideas e a escoita das outras con actitude de respecto e cooperación. Conviven e participan na vida da aula activamente. Colaboramos con causas sociais, contribuímos a mellorar o lugar no que vivimos sendo conscientes da importancia do coidado do medio ambiente.
Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
Realízanse análises de gráficos e táboas, así como de contidos numéricos asociados ao noso concello. Empregamos o sistema monetario a través da posta á venda de chapas e resolvemos problemas relacionados coa nosa contorna.
Competencia conciencia e expresións culturais
Realizan carteis, crean chapas, elaboran libros pop up, folletos, murais, xogos con diversos materiais e técnicas artísticas.
Competencia aprender a aprender
Somos conscientes do que sabemos e do que nos queda por aprender, autorregulamos a nosa aprendizaxe. Autoavaliamos, coavaliamos e desenvolvemos estratexias que faciliten a metacognición.
Competencia sentido da iniciativa e espírito emprendedor
Facilítanse espazos para elixir normas e tomar decisións. Intervimos no espazo e no medio implicándonos activamente no seu coidado.
Competencia dixital
Empregamos o ordenador como ferramenta para buscar, seleccionar e tratar información. Facemos xogos, tomamos fotografías, creamos e editamos vídeos. Empregamos kahoot como ferramenta de aprendizaxe. Tamén empregamos robots educativos e deseñamos impresións 3D.
5. Metodoloxía
A metodoloxía que desenvolvemos pretende poñer o alumando como protagonista do proceso de ensino-aprendizaxe e fomentar a súa motivación e interese polo que aprende. Ten en conta os seguintes aspectos:
- Aprendizaxe centrada no alumnado. Segundo Moreno Garrido (2010), ao involucrar o alumnado nalgún proxecto no que se sinta motivado, os coñecementos que adquire son máis significativos e perdurables.
- Traballo cooperativo. Seguindo as contribucións de Spencer Kagan (1999), a aprendizaxe cooperativa ten como finalidade que todos os membros dun equipo aprendan o que se pretende, cadaquén ata o máximo das súas posibilidades, e que aprendan, ademais, a traballar en equipo.
- Resolución de conflitos. Segundo Molina et al (2006), mediante o diálogo en grupo, o alumnado aprende a discutir, respectar as ideas dos demais e valoralas.
- Importancia do xogo. Para Groos (1902), «o xogo é preexercicio de funcións necesarias para a vida adulta, porque contribúe ao desenvolvemento de funcións e capacidades que preparan o neno para poder realizar as actividades que desempeñará cando sexa grande».
Para Jean Piaget (1956), «o xogo forma parte da intelixencia do neno porque representa a asimilación da realidade segundo cada etapa evolutiva do individuo».
Os xogos didácticos como forma de ensino segundo Martin, Martin e Trevilla (2009), permiten aumentar a motivación de quen participa dentro destes mellorando a tarefa que estea a levar a cabo nese momento. Ademais, Menesee e Mongue (2001) comentan que os xogos poden empregarse no proceso de ensino-aprendizaxe para cumprir cos obxectivos expostos e mellorar o rendemento do alumnado.
- Experimentación directa e investigación por parte do alumnado. Para Golombek (2006), se algo teñen en común os nenos e os científicos é a súa curiosidade, as súas ganas de coñecer e saber máis.
- Desenvolver a aprendizaxe significativa supón ter en conta as ideas previas do alumnado (Coll, 1990).
- Importancia da reflexión. Carr (1990) di que «non se trata dunha transición da teoría á práctica, senón da irracionalidade a racionalidade, da ignorancia e do costume, ao saber e á reflexión».
- Importancia da creatividade. Moles (1977) di: «a creatividade é unha facultade da intelixencia que consiste en reorganizar os elementos do campo da percepción dun xeito orixinal e susceptible de dar lugar a operacións dentro de calquera campo fenomenolóxico».
- Contribución e implicación no contorno atendendo ao coidado do medio ambiente, coñecer a natureza é amala, amar a natureza é desexar protexela. A aprendizaxe fluída axuda as persoas a coñecer a natureza cunha conexión directa en tres pasos, espertando o entusiasmo, enfocando a atención e facilitando a inmersión (Cornell, 2015).
Plantación
- Aprendizaxe baseada no pensamento, que pretende desenvolver un pensamento eficaz que se refire á aplicación competente de estratexias de pensamento (Swartz et al, 2013).
- Por último, o método por proxectos intentará atender á diversidade e contribuír á consecución das competencias clave.
6. Atención á diversidade
Cada individuo é diferente, por iso debemos analizar a diferenza e actuar sobre ela proporcionando unha resposta axustada ás necesidades do alumnado para que garanta un desenvolvemento integral da persoa.
O contacto co contorno natural favorece as diferentes aprendizaxes e estilos, facendo da aprendizaxe unha experiencia motivante e vivencial. O alumnado precisa diferentes soportes visuais, manipulativos e cinestésicos, que garantan o desenvolvemento das competencias clave. Potenciamos as intelixencias múltiples e a creatividade, así como a aprendizaxe cooperativa e o desenvolvemento positivo de todo o alumnado.
Involucramos e atendemos de xeito individualizado, así como acollemos modos de relación que melloren a autoestima positiva. Potenciamos a realización de actividades abertas para permitir flexibilidade de resposta, flexibilidade nos tempos e adaptación das tarefas. Potenciamos o traballo entre iguais, a variedade de materiais e recursos con moito apoio visual e manipulativo e a creación de materiais propios, feitos polo alumnado.
7. Avaliación
A avaliación será continua, global e formativa; teranse en conta todos os elementos do proceso de ensino-aprendizaxe. Empréganse os seguintes instrumentos:
- Avaliación inicial, rexistros de observación do proceso, traballo e adecuación do rol do profesorado e do alumnado.
- Autoavaliacións e coavaliacións.
- Interacción profesorado-alumnado.
- Rexistro do traballo en tarefas grupais e individuais orais e escritas.
- Uso da asemblea como espazo de análise e posta en común, observación da participación activa.
- Estratexias metacognitivas reflexionando sobre o que aprendemos e como o facemos.
- Kahoot.
- Taboleiros robot de aula.
- Rúbricas de avaliación, grella de seguimento e de avaliación final do proceso.
Principais estándares de aprendizaxe:
- Usa vocabulario específico do proxecto.
- Busca, selecciona e organiza información sobre o proxecto.
- Traballa de forma cooperativa.
- Realiza debuxos, murais, carteis, folletos e traballos relacionados co proxecto.
- Investiga para obter información en diferentes fontes, contrastando e sendo crítico cos datos obtidos.
- Comprende a información transmitida a partir de vídeos, exposicións orais e charlas.
- Crea e edita vídeos e xogos con contido relacionado co proxecto.
- Crea xogos de taboleiro para robots de aula relacionados co proxecto.
- Comunícase de xeito adecuado en linguaxe oral e escrita, e é respectuoso.
- Implícase no coidado do medio ambiente e do seu contorno próximo.
8. Recursos utilizados
- Biblioteca de aula e de centro
- Vídeos
- Material funxible de educación artística
- Taboleiros de robot
- Xogos de tarxetas
- Fichas relacionadas
- Pósters relacionados
- Robots de aula
- Cámara de fotos e de vídeo
- Programa de impresión 3D
- Chapas e máquina de chapas
- Ordenadores
- Materiais reciclados
9. Descrición do proxecto
Este proxecto nace na biblioteca do centro como unha busca do tesouro da nosa mascota da biblioteca Chimpalibros. A nosa mascota vaille deixando pistas ao alumnado relacionadas con Fornelos de Montes a través de cartas, audios, xogos, de xeito que progresivamente vaian achegándose ao proxecto.
A partir de aí, cando o alumnado estaba motivado e entusiasmado, tivemos que investigar e indagar para poder coñecer máis o lugar no que vivimos. Para iso contamos coa colaboración dos avós e avoas, pais e nais que nos contaron lendas, historias e nos ensinaron fotografías.
Fixemos un primeiro obradoiro sobre a idade do bosque, coñecendo plantas e árbores autóctonas, coa axuda dun axente forestal e facendo unha ruta a pé polos arredores do centro.
Seguindo o noso proceso de pescuda pola historia, decidimos dramatizar diferentes momentos importantes na historia de Fornelos (arrieiros, representación funeraria Cidade do Alén, revolta irmandiña).
Construímos libros pop up, fixemos cancións (un petrorap), folletos de cada unha das zonas que iamos investigando, entrevistas, xogos de taboleiro para robot e ordenador e vídeos informativos.
Pop up
Seguidamente tocou poñernos en acción, repoboando con árbores autóctonas zonas de bosque que foron queimadas, algunha delas mesmo con pequenos carballos que eles mesmos coidaron e fixeron agromar con landras.
Grazas a arqueólogos e xente da zona que fixeron de guías, puidemos coñecer con detalle lugares como a Cidade do Alén, o Foxo do Lobo ou o Monte da Cidade. De todo isto quedou constancia na páxina web do Concello de Fornelos e na prensa local. Nesas visitas ao monte, fixemos recollidas de lixo, entrevistas, plantacións, pescudas e xogos.
Deseñaron a súa propia cartilla de selos que ían cubrindo con cada un dos lugares que visitaban (o selo foi deseñado por eles mesmos). Tamén na biblioteca creamos unha ruta literaria por Fornelos coa nosa mascota Chimpalibros.
Por último, estamos a traballar na creación de chapas deseñadas polo alumnado que se porán á venda para recadar fondos para repoboar zonas de bosque queimadas.
10. Implicación da comunidade educativa
Todos somos parte deste gran proxecto. Cada un puxo o mellor de si mesmo para poder colaborar, sendo conscientes da importancia de implicar os nenos e nenas no coidado do contorno.
Familias
Achegaron lendas, contos, historias, fotografías, deron charlas, fixémoslles entrevistas e foron guías.
ANPA do centro
Colaborou coa compra da máquina de chapas e na súa difusión nos locais comerciais da zona.
Persoas colaboradoras de Fornelos
Contamos co apoio de veciños, arqueólogos, axentes forestais e expertos da zona que ofreceron o seu tempo, foron os nosos guías en lugares destacados e nos permitiron aprender sobre o noso patrimonio natural, social e cultural.
Profesorado
Todos nos implicamos nun proxecto que consideramos fundamental e necesario para o desenvolvemento do noso alumnado.
Alumnado
Os protagonistas da aprendizaxe, motivados, implicados e emocionados.
Concello
A través da súa páxina web fixo difusión das nosas actividades.
Biblioteca do centro
Eixe central da que partiron cada unha das pistas e da investigación levada a cabo sobre este proxecto.
11. Ampliación
Continuar en cursos vindeiros achegando ideas, colaborando, implicados no coidado do monte e no gozo do contorno máis próximo. Tamén pretendemos poñer en funcionamento o invernadoiro para seguir potenciando a conciencia ecolóxica.
12. Conclusión
Este proxecto supuxo horas de investigación, charlas, visitas e cohesión grupal para que puidésemos levar a cabo un labor educativo significativo. O alumnado implicouse nun proxecto que permitiu o contacto máis directo co lugar onde vive, valorar os recursos naturais e ser conscientes do seu uso e coidado. Baseámonos na idea da aprendizaxe fluída da que fala Cornell (2015), que consiste en espertar o entusiasmo, enfocar a atención, ofrecer unha experiencia directa e compartir a inspiración.
«Agasalla a outros coa ledicia, serenidade e sentimento de plenitude. Lévaos ao bosque e revélalles o segredo de vivir de xeito enfocado á marabilla do mundo natural» (Cornell, 2015)
Cidade do Alén
Carr, W.; Kemmis, S.; Godó Costa, J. (1990). Hacia una ciencia crítica de la educación. Laertes.
Coll, C. (1990). Un marco de referencia para la educación escolar: la concepción constructivista del aprendizaje y de la enseñanza. Alianza editorial.
Cornell, J. (2015). Compartir la naturaleza. La Traviesa Ediciones.
Groos, K. (1902). Les jeux des animaux. Félix Alcon Éditeur.
Martin, N., Martin, V., Y Trevilla, C. (2009). Influencia de la motivación intrínseca y extrínseca sobre la trasmisión de conocimientos. El caso de una organización sin fines de lucro. Revista de Economía Pública, Social y Cooperativa, 66,187-211
Meneses, M. e Mongue, M. (2001). El juego en los niños: enfoque teórico. Revista de Educación UCR, 25, 113-124.
Moles, A. e Caude, R. (1977). Creatividad y métodos de innovación. Ibérico Europea de Ediciones.
Moreno Garrido, F. (2010). Experimentos educativos en el aula de conocimiento del medio. Revista dixital de innovación e experiencias educativas, 30.
Swartz et al (2013). El aprendizaje basado en el pensamiento. Cómo desarrollar en los alumnos las competencias del siglo XXI. SM.
WEBGRAFÍA
http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipdoutorsuarez/