Biblioteca escolar no ensino enraizado

Ensino rural e igualdade de oportunidades desde a biblioteca escolar
Aproximarse ao fenómeno da biblioteca escolar no contexto rural galego supón falar de situacións ben diversas, mediatizadas non só pola xeografía ou a distribución da poboación; tamén por razóns de índole sociolóxica, de intereses persoais e profesionais que non se poden obviar e, moi especialmente, por dinámicas de atención ao medio rural que poden ser cuestionadas e melloradas. Cómpre enfocar nas experiencias máis innovadoras e motivadoras, audaces en moitos casos, sen esquecer as eivas coas que se atopa o profesorado que traballa cada día por facer das bibliotecas dos centros que acollen a alumnado do ámbito rural un espazo para a imaxinación, a lectura, a creatividade a convivencia, a igualdade de oportunidades e o futuro.

Cristina Novoa Fernández
cnovoa@edu.xunta.gal

 

Algúns dos grandes cambios que se produciron nas dúas primeiras décadas do século XXI no ámbito do ensino en Galicia viñeron da man do programa de bibliotecas escolares da Administración educativa autonómica e do seu desenvolvemento ao longo de todo o territorio galego. E foi por esa ambición de chegar a todos os recunchos, de procurar a actualización das bibliotecas escolares de todos os centros e de levar os libros, a lectura e os recursos culturais a todo o alumnado, polo que hoxe podemos falar de bibliotecas escolares activas e vivas máis aló das zonas urbanas nas que é máis doado acceder a todo tipo de servizos, entre eles os culturais. Falar de biblioteca escolar e ensino rural en Galicia non é doado porque cómpre atallar esta realidade desde diversas ópticas e porque a primeira vista son máis os atrancos que as vantaxes. Este artigo procura, pois, un achegamento á realidade que viven nenos e nenas todos os días cando baixan do autobús e entran na escola, no colexio ou no instituto, con toda a súa bagaxe persoal, familiar e social detrás. A autora é consciente de que fican moitos centros que están lonxe de construíren esa pequena utopía que foi creándose en parte das bibliotecas integradas no PLAMBE, pero intentará, así mesmo, albiscar algunhas das causas que se agochan detrás dunha aparente desidia ou dun flagrante abandono. 

 

 

De que falamos cando falamos do ensino rural desde a óptica das bibliotecas escolares

Tomado de forma rigorosa, o termo ensino rural faría mención ás escolas rurais, aquelas que están apartadas de núcleos de poboación, o que coñecemos por unitarias ou, máis tarde, por centros rurais agrupados. Mais imos ampliar o plano e acoller os centros situados en núcleos de poboación como as vilas pequenas e mesmo nas proximidades das grandes vilas. A complexidade da distribución da poboación polo territorio do noso país, as cuestións derivadas do despoboamento das aldeas e pequenos núcleos do interior, a continua sangría que supón o peche de unitarias e mesmo unidades noutros centros por falta de alumnado, esixe unha mirada máis ampla sobre estas realidades. 

Nos centros que acollen poboación do ámbito rural (e, polo tanto, afastado dos equipamentos culturais que se concentran nas vilas grandes e nas cidades), a biblioteca escolar ten, entre todos os seus mandatos, o principal papel de lle ofrecer a toda a comunidade educativa, pero fundamentalmente ao alumnado, un acceso doado á maior cantidade de recursos culturais e educativos posibles, na procura de contrarrestar a escaseza de estímulos relacionados co coñecemento, a tecnoloxía, a comunicación ou as expresións culturais que poida presentar o seu contorno máis próximo. 

A biblioteca escolar ten como finalidade en calquera centro a de servir á igualdade de oportunidades e exercer como factor de compensación social, pero é nestes ámbitos rurais (o mesmo que nas barriadas máis desfavorecidas das grandes cidades) onde a biblioteca se manifesta como un equipamento cultural e educativo indispensable para contribuír a unha maior equidade e a lograr que ningún alumno, ningunha alumna perda ocasión de aprender, crear, expresarse ou gozar de instrumentos, materiais e actividades de «amplo espectro» polo feito de que o seu contorno ou a súa familia non poida achegarllos. Que ninguén perda oportunidades de atoparse coa palabra na súa diversidade de matices, a palabra da poesía, dos relatos, dos libros que nos aprenden a mirar o mundo e que nos axudan a construírmonos como persoas. Que ninguén pase sen ocasión para expresar e recoñecer a súa voz, desenvolver aos poucos o seu pensamento, diverxer do común, imaxinar relatos novos e comunicalos de mil formas. Velaí o valor da biblioteca escolar en todos os ámbitos, pero moi especialmente naqueles contextos que puidesen ofrecer menos estímulos (ou, mellor dito, que ofrecen outros estímulos que non funcionan como tales porque responden a esa cultura de segunda para os grandes medios de comunicación, que pivotan sobre valores de maior interese para o mercado e a publicidade e inundan coas súas mensaxes envelenadas a vida de todos). 

Por iso mesmo, as bibliotecas deste tipo de centros poden atopar no contorno e nas comunidades educativas que os conforman oportunidades e alianzas para a posta en marcha de iniciativas dun gran calado pedagóxico, aproveitando a proximidade do medio natural e das actividades do sector primario, unha maior presenza da cultura tradicional e dos saberes asociados aos cultivos, o coidado dos animais, os labores de aproveitamento do monte ou do mar, a tecnoloxía que segue a mover o mundo analóxico, os rituais e a literatura de tradición oral asociados ás diferentes celebracións do ciclo anual; e tamén a cultura emprendedora, diversa e rica, que medra no contorno rural galego, como resposta ás necesidades de desenvolvemento de individuos, grupos familiares e comunidades (e con tecnoloxía dixital aplicada a labores reais). 

En calquera caso, a biblioteca escolar ten a responsabilidade de aproximar os libros e a lectura alí onde non é doado achegarse a eles, nun contexto de escaseza ou carencia total de librerías, e no que aínda está por desenvolverse de forma eficaz o tecido de lectura pública dependente doutras administracións (que chegue a todos, ao mellor a través dun sistema de bibliotecas móbiles adaptado á xeografía e á distribución da poboación galega). Esas carencias poden explicar o éxito da iniciativa de «mochilas viaxeiras», integrada no programa Hora de Ler, da Consellería de Educación, moi ben valorada por alumnado e familias especialmente nos centros do ámbito rural. 

 

 

Cuestión de escala

As escolas máis pequenas, as chamadas unitarias, poden organizarse arredor do seu «recuncho de biblioteca», entendéndoo como unha columna vertebral que soporta toda a súa actividade e permite todos os seus movementos con harmonía e eficacia. Durante algúns anos, foi un excelente exemplo desta forma de entender o ensino a EEI de Vide (As Neves), agora pechada: un proxecto pedagóxico integrado na comunidade ao que podemos asomarnos aínda a través do seu blog, e que se pode apreciar moi ben nun dos seus traballos, recoñecido no primeiro Concurso de Traballos por Proxectos (curso 2013/14).[1]

En calquera caso, toda escola unitaria debería contar cunha «biblioteca de aula» formada por materiais diversos e actualizados (libros de ficción e de información, xogos, audiovisuais, material manipulativo e outros) adaptados ao seu alumnado, relacionados cos seus intereses e cos temas traballados no currículo das ensinanzas que imparte. Este recuncho de biblioteca debe contar, así mesmo, con equipamento informático e audiovisual suficiente para ofrecerlle ao alumnado oportunidades de acceso aos recursos dixitais e inicialos nas linguaxes dos medios audiovisuais, como usuarios destes medios, aprendendo aos poucos a buscar datos sobre os temas que lles interesan ou que están a descubrir, pero tamén a medrar como produtores de información a través destas mesmas linguaxes, nas que se poden ir iniciando ao tempo que asentan as súas habilidades comunicativas, orais e escritas. Neste sentido é moi representativa a Biblio BN,[2]da EEI Barrionovo, de Arteixo (A Coruña), centro formado por varias unidades de ensino infantil, situado na parroquia de Pastoriza, unha das que gardan un perfil máis próximo ao rural neste concello e que conta cunha biblioteca pioneira no uso das tecnoloxías, a robótica e a impresión 3D, o traballo de impulso da creatividade, así como a coordinación de proxectos interdisciplinarios que implican a toda a comunidade educativa, nunha dinámica innovadora e amplamente recoñecida pola comunidade escolar. 

Recomendamos, así mesmo, a visita á sección da biblioteca da web da EEI As Dunas, de Panxón (Pontevedra),[3]un centro de educación infantil de tres unidades que pode representar as posibilidades de creación e actuación dunha biblioteca nun centro destas características.

Este tipo de escolas presentan como vantaxe a proximidade das familias, o que abre moitas posibilidades para a construción dunha comunidade de aprendizaxe contando con elas e coa súa colaboración como «familias lectoras» en actividades como a hora do conto ou as lecturas compartidas. Cando se empregan metodoloxías activas e vinculadas ao contorno máis próximo, as familias poden colaborar como «informantes» privilexiados e contribuír coas súas achegas ao desenvolvemento dos contidos traballados a través de proxectos e tarefas significativas. 

Cando as escolas unitarias están integradas nun CRA, nun centro rural agrupado, xa se pode pensar na creación dunha biblioteca escolar como tal, dentro da sede do CRA na que se centralizan as cuestións administrativas, ou nunha das escolas integrantes que conte con espazo suficiente (ou que por centralidade xeográfica poida facilitar as visitas ao alumnado das diversas escolas integrantes). A configuración dunha biblioteca escolar no CRA, adaptando o modelo de biblioteca escolar impulsado pola Consellería de Educación a través do Plan de mellora de bibliotecas escolares, supón contar cuns recursos centralizados que poden axudar a aproveitar mellor os orzamentos dispoñibles. A través do profesorado especialista itinerante ou a través doutra organización que se deseñe (a partir da designación dunha persoa como responsable e da configuración dun mínimo equipo), estes recursos poden chegar a cada unitaria en préstamo temporal e completar aqueles cos que conta cada escola, tanto no referente a materiais de ficción e de información, xogos e outros, como no relativo a equipos audiovisuais ou informáticos máis específicos. Pero ademais, esa biblioteca do CRA pode favorecer o deseño de actividades e propostas que, cunha organización axeitada, benefician a todo o alumnado do centro rural. Existen excelentes exemplos destas prácticas coordinadas en CRA integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares e distribuídos por todo o país. A modo de exemplo, recomendamos unha visita ao blog de Pepateca, a biblioteca escolar do CRA de Culleredo (Culleredo, A Coruña).[4]É unha boa referencia para coñecer as posibilidades de implicación da comunidade educativa en propostas vinculadas á lectura, á cultura escrita e audiovisual, integradas en proxectos de carácter interdisciplinario e na dinámica de dinamización da biblioteca para ampliar a todos os seus membros os beneficios da lectura e do gusto por descubrir, coñecer, aprender, imaxinar, expresarse e crear, con bo proveito das tecnoloxías de comunicación actuais.

 

 

Ensino enraizado

Unha mirada atenta ao papel das bibliotecas escolares nos centros do ámbito rural en Galicia permítenos coñecer unha rede que, a modo de arañeira, estende os seus beneficios polo territorio galego grazas, fundamentalmente, a un profesorado implicado social e profesionalmente cos nenos e nenas cos que comparte espazo, tempo, necesidades, problemáticas, descubrimentos e, tamén, o gozo de aprender. Son esas boas prácticas que desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares se impulsan e difunden a través das distintas actividades de formación, que reciben recoñecemento en certames diversos polas súas prácticas innovadoras e que son emblema dun ensino de raíz porque conectan cos intereses, as necesidades e os saberes da comunidade educativa da que nacen e porque se recoñecen nas particularidades do medio no que se asentan, enriquecendo con alianzas diversas a educación que procuran para o seu alumnado. 

Detrás destes proxectos pedagóxicos «locomotora», están mulleres e homes comprometidos co ensino, en continua formación e curiosidade, centros cunha certa estabilidade (non sempre doada de manter) e que aproveitan as posibilidades que ofrece a Administración educativa para embarcarse en programas e iniciativas que lles abren camiños profesionais máis amplos, máis diversos (e que lles complican a vida persoal, as máis das veces). En común, estes centros propulsores de innovación «á galega» teñen un compromiso coa biblioteca escolar como ferramenta indispensable para lograr lectores e lectoras de ficción e de información, así como usuarios críticos de todo tipo de fontes de información e medios de comunicación. Conciben tamén a biblioteca como esa columna vertebral que harmoniza os seus movementos, como ese «servidor central» e «viveiro de cidadanía» impulsando desde ela proxectos de carácter interdisciplinario que vincula a toda a comunidade educativa e apoiando as pequenas investigacións que xorden de grupos e aulas con ganas de aprender máis aló do libro de texto constrinxido e unívoco. Teñen na lingua e na cultura patrimonial do territorio que habitamos a referencia fundamental para un ensino enraizado, que poida medrar en direccións diversas e conectarse ao mundo, pero ben chantado na terra que lle dá alimento e no mar que lle abre horizontes. Aproveitan os recursos que se lles ofrecen para o seu labor como mediadores de lectura (mochilas viaxeiras, maletas viaxeiras, materiais divulgativos de Hora de Ler...). Deseñan actividades de lectura compartida con familiares e veciños en formato presencial e, tamén, aproveitando as posibilidades de Internet. Crean, ás veces de forma pouco consciente, auténticas comunidades de aprendizaxe ao implicar as familias con propostas significativas, que conectan con intereses, labores, oficios, historia, inquedanzas, memoria, presente e esperanza de futuro. Entenden a lectura e a cultura escrita como unha ferramenta indispensable para o seu alumnado, para que sexa quen de observar, comprender e afacerse co mundo e o tempo que lle tocou vivir, cidadáns dunha sociedade plural e complexa, que esquece o mundo rural como fonte primordial de todo canto finalmente precisa para subsistir. Son centros que queren poñer á disposición do seu alumnado as mellores oportunidades para aprender, achegándolles todo canto está ao seu alcance para ampliar as expectativas sobre si mesmos, os dispositivos e as actividades que lles fortaleza as ganas de descubrir e lles agrande o seu hábitat conectándoos con outras realidades. Son bibliotecas, tamén, que procuran alianzas e crean vínculos con outras bibliotecas e con asociacións e persoas do seu ámbito, abríndose tamén a proxectos de colaboración fóra dese medio a través de programas europeos, por exemplo. 

A web de Bibliotecas Escolares de Galicia[5]recolle as actuacións deste tipo de centros a través da difusión de boas prácticas, ben sexa en entradas vinculadas a programas concretos (Radio na Biblio, Proxecto LIA.2, Biblioteca Creativa, Concurso de Traballos por Proxectos...) ou ben a través das actividades centralizadas (Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, xornadas anuais de bibliotecas escolares de Galicia, xornadas dos clubs de lectura, xornadas de biblioteca creativa, biblioteca inclusiva e outros), nas que se dan a coñecer boas prácticas e que están dispoñibles no espazo RedeBE.[6]Esta mesma revista EDUGA publica en todos os seus números algún artigo vinculado á sección de bibliotecas, procedente destes centros que acollen alumnado do ámbito rural. Convidamos a facer unha busca por estes espazos coas referencias que se indican. Pódese facer algunha recomendación específica que poida seguirse a través do blog da biblioteca directamente, sabendo que son moitos máis os exemplos posibles e que calquera escolla pode resultar inxusta para os demais: A BBS do CEP Xosé María Brea Segade (Taragoña-Rianxo, A Coruña)A biblioteca de Leirado, do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra)A quinta dos libros, biblioteca do CPI Manuel Suárez Marquier, do RosalBibliocervo, a biblioteca do CEIP de Cervo (Cervo, Lugo)A biblioxuve, do CEIP Nosa Señora de Xuvencos (Boborás, Ourense),ou A biblioteca do IES Punta Candieira (Cedeira, A Coruña) son boas oportunidades para achegarse a estas realidades. 

 

 

De atrancos, dificultades e oportunidades

Traballar no ámbito rural galego non é doado e impulsar unha biblioteca escolar que responda ao seu papel de compensador de desigualdades sociais é aínda máis complicado. Se escollemos unha lente axeitada para unha mirada de detalle, podemos ver o alumnado «transportado», que pasa un tempo importante do seu día nun autobús e que ten dificultades para ficar no centro educativo fóra do horario lectivo, o que lle pon límites ao aproveitamento de todas as posibilidades da biblioteca escolar (ou que cando o fai é a custa do esforzo e empeño da súa familia, case sempre a custa do tempo de nais e avoas). Sobre este aspecto é moi significativa a experiencia dos clubs de lectura en centros de ensino secundario de Galicia: espallados por todo o país existen clubs de lectura de alumnos e alumnas, pero tamén de adultos (profesorado, persoal non docente e familiares), unha boa parte deles en centros que acollen alumnado de ámbito rural. Os tempos para as reunións presenciais proceden dos recreos e, en ocasións, dos tempos anteriores ou posteriores ao comedor escolar, e sempre antes de que marche o autobús. É común que, entre estes clubs de lectura, os máis activos acorden unha reunión mensual ou trimestral, en horario extraescolar, para poder compartir experiencia lectora en sesións menos limitadas polo reloxo, coa conseguinte complicidade de familiares, profesorado, equipo directivo e persoal non docente. Esta circunstancia do transporte escolar, común á meirande parte do alumnado galego, limita os equipos de biblioteca á hora de programar segundo que actividades e engade dificultades sempre. 

Outro aspecto que dificulta a estabilidade das bibliotecas en centros do ámbito rural é a rotación do profesorado. Existen excelentes exemplos de práctica continuada que se soporta sobre os ombreiros duns poucos membros do claustro porque a porcentaxe de provisionalidade do cadro docente é moi superior á media, como pasa no CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra);[7]unha vez máis, o compromiso do profesorado co ensino no ámbito rural é algo máis que unha cuestión profesional e conecta máis co compromiso social e a convicción de que a escola pode ser unha ferramenta de intervención social moi potente. Por outra parte, os centros afastados das vilas grandes ou cidades, nas que escolle asentarse a meirande parte do profesorado, teñen nesta circunstancia unha dificultade engadida para o desenvolvemento de proxectos que esixan un traballo de coordinación importante. Cando os proxectos teñen continuidade, é tamén por un compromiso profesional e persoal importante. Fenómenos pedagóxicos como o que actualmente vive a comunidade educativa do CEIP de Meaño-As Covas (Meaño, Pontevedra),[8]arredor da súa biblioteca escolar, non se sostén por moito tempo se non é con base na convicción, liderado claro, traballo colaborativo e forte implicación de toda a comunidade educativa. 

O que pode ser unha eiva a ollos dun urbanita, pode resultar atraínte para outras persoas que por razóns de idade, familiares ou de interese por vivir con máis calma (ou porque non lle queda máis remedio), escolle ficar no ámbito rural e contribuír, co seu empeño profesional e ás veces tamén persoal, a construír comunidade. En Galicia non é moi difícil esta vivencia, aínda que non está exenta de eivas,  como pode ser a de non contar cunha conexión a Internet dun mínimo de garantías en segundo que sitios. En calquera caso, facendo poucos ou moitos quilómetros para chegar ao seu centro, ese profesorado que mira con atención o seu alumnado e coñece ben as súas circunstancias, as características dos diferentes núcleos de poboación desde o que chega ao centro, as súas familias... tamén é o que procura paliar as desigualdades de saída ou atopa explicación a algunhas das necesidades que observa nas aprendizaxes, como poden ser as limitadas habilidades de comunicación que pode presentar aquel alumnado que vive en aldeas afastadas, con poboación avellentada, con poucos nenos e nenas cos que relacionarse no tempo de xogo, ou a carencia de equipamento e conexión para continuar os seus traballos na casa. Velaí unha das oportunidades de intervención da biblioteca escolar que lle ha procurar ao seu alumnado experiencias enriquecedoras, as máis variadas e diversificadas que se poida, que lle permitan desenvolver todas as súas competencias, máis aló do uso de dispositivos electrónicos máis ou menos actualizados, máis aló dos contidos curriculares básicos. 

 

 

Iniciativas a prol do mundo rural que deixan pegada

No desenvolvemento dos diversos programas integrados no plan LIA de bibliotecas escolares, da Administración educativa galega, no período 2005 a 2020, sempre estivo presente unha visión de compensación cara ás bibliotecas que traballaban no ámbito rural. Desde o propio Plan de mellora de bibliotecas escolares que, desde os seus inicios, apoiou a actualización de bibliotecas en centros situados en concellos de contorno rural, ata máis especificamente dous programas que nas súas primeiras convocatorias primaron as solicitudes de centros que traballaban neste ámbito: Biblioteca Creativa(inicialmente, Escornabots na biblioteca escolar) e Radio na Biblio. Tratábase, a través destes programas, de estimular naquelas comunidades educativas que xa tiñan unha atención cara á biblioteca escolar (en ambos os dous casos, os centros solicitantes tiñan que estar integrados previamente no PLAMBE), a inclusión de novas linguaxes e de estimular novas experiencias na propia biblioteca escolar, procurando así avances cara a centros creativos de aprendizaxe.

O proxecto Escornabots na biblioteca escolarintroduciu a robótica e a impresión 3D en centros de primaria de contextos rurais moito antes de que chegasen a outros contextos máis urbanos (e máis próximos a iniciativas de educación non formal que xa estaban achegando a infantes e adolescentes os pequenos robots en vilas e cidades galegas). Posteriormente denominado Biblioteca Creativa, este programa que acolle neste ano 2021 máis dun cento de bibliotecas escolares de infantil e primaria foi decisivo á hora de incorporar, pois, os robots e as impresoras 3D nas prácticas cotiás do alumnado destas etapas, pero sobre todo permitiu os avances en canto á concepción da biblioteca como un espazo no que, ademais da lectura e a escrita en distintos soportes e formatos, tiñan cabida tamén a exploración, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo, a imaxinación e a creación en toda a súa diversidade. O programa, nestes momentos reserva nas súas convocatorias un terzo como mínimo das prazas de nova incorporación para centros de ámbito rural. Unha visita, por exemplo, á biblioteca do CEIP Canosa-Rus (de Coristanco, A Coruña), un dos centros pioneiros neste programa, integrante á súa vez do proxecto LIA.2, entre outros, permítenos coñecer o grao de desenvolvemento do modelo de biblioteca como centro creativo das aprendizaxes que dá servizo, apoio e nutrientes a toda unha comunidade educativa cuns niveis de empeño e de resultados excelentes.[9]Biblioteca Creativacomo impulsora da creación de espazos creativos nas bibliotecas é un referente como iniciativa para o apoderamento do alumnado, poñendo nas mans de nenas e nenos utensilios e ferramentas útiles na ruptura de estereotipos de xénero e na promoción da igualdade, como pode ser un desaparafusador, unha agulla ou unha cámara de vídeo. 

Radio na Biblio foi unha aposta da Consellería de Educación para impulsar a creación de pequenas emisoras de radio nas bibliotecas escolares de centros integrados no PLAMBE, coa intención de ampliar as prestacións da biblioteca escolar como ferramenta ao servizo da adquisición de competencias informacionais e mediáticas do alumnado. Inicialmente, tamén a convocatoria deste programa primaba os centros de ámbito rural e nas dúas últimas convocatorias reserva xa un terzo como mínimo de prazas de nova incorporación para este tipo de centros. 

Radio na Biblioé unha poderosa ferramenta para a mellora da expresión oral, tan importante neste momento no que a comunicación oral impón a súa presenza en medios de grande influencia como os podcasts, YouTube e outras redes sociais. Pero é sobre todo unha posibilidade para a integración, a través de tarefas complexas, como pode ser a creación dun produto radiofónico, dun podcast, de múltiples habilidades e destrezas que cómpre poñer en práctica para desenvolver unha voz propia como cidadán activo, consciente e crítico. Radio na Biblio achega motivación extra para profesorado, alumnado e familias e non hai máis que achegarse a algunhas das moitas «emisoras» que difunden os seus podcasts(ou mesmo fan emisións en directo para toda a comunidade escolar, grazas ás facilidades que ofrece a tecnoloxía actual), para observar como esta pequena iniciativa, que reúne neste 2021 tamén a 109 centros espallados por todo o territorio galego, serve tamén para construír comunidade e facilitar colaboracións intercentros ou asentar alianzas entre o centro educativo e outros axentes culturais e sociais do seu contexto. Recomendamos, entre outras moitas, a experiencia de Radio na Bibliodo CEIP Víctor Sáenz (Mazaricos, A Coruña), cunha intensa vida integrada no seu medio rural e moi activo, á que podemos achegarnos a través do blog da biblioteca, coa etiqueta Radio Rosiña.

Cómpre lembrar aquí tamén a receptividade que atopou nos centros máis activos de ámbito rural unha iniciativa como o voluntariado de lectura, dentro do programa Bibliotecas Escolares Solidarias, do plan LIA de bibliotecas escolares da Consellería de Educación. Foi neste contexto rural onde primeiramente se recoñeceu o papel que podía ter o grupo de voluntarios e voluntarias na biblioteca escolar como espazo de inclusión e de aprendizaxe de habilidades básicas de cidadanía (aprender a traballar xuntos, a pensar xuntos para mellorar a vida doutros, coidar da biblioteca, acompañar na lectura, organizar actividades de lectura compartida con outros... son boa ocasión de formarse en materia de coidados, como demostran as experiencias dos centros que participan nesta iniciativa). Podemos ver un exemplo recente da biblioteca do CEIP de Outes (Serra de Outes, A Coruña),[10]na que o alumnado colaborador organiza e desenvolve as Lecturas solidariasdentro e fóra do colexio (polo momento en formato virtual por mor da pandemia). 

 

 

Gañar equidade, traballar polos obxectivos 2030 da ONU

Este breve repaso por algúns aspectos das bibliotecas escolares de ámbito rural galego pode servir para explicar certas particularidades do Programa de bibliotecas escolares de Galicia que marcan diferenza con outros territorios. As iniciativas a prol das bibliotecas de ámbito rural, integradas no Plan LIA de bibliotecas escolares, están a contribuír á mellora na igualdade de oportunidades no campo cultural e educativo para todos os nenos, para todas as nenas. Pero máis aló dos investimentos económicos da Administración educativa galega (que foron e seguen a ser moi importantes), o traballo dos excelentes profesionais que están ao cargo destas bibliotecas en todos os centros, e moi especialmente naqueles que acollen o alumnado máis diverso, máis vulnerable, máis desfavorecido, está a contribuír dalgunha forma a que Galicia presente unhas mellores cotas de equidade no seu sistema educativo (xunto con outros factores). A pesar da escaseza de tempo que se lles asigna para a enorme función que exercen e o indispensable do seu papel como promotores de lectura, mediadores na formación do alumnado como cidadáns usuarios e produtores de información competentes e críticos, estes profesionais do ensino están a traballar desde as súas bibliotecas (ás veces sen sabelo) polos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable marcados pola ONU para o 2030 no que as bibliotecas teñen un importante papel, especialmente no que atinxe aos obxectivos 4 (Educación de calidade), 5 (Igualdade de xénero), 10 (Redución das desigualdades) e 16 (Paz, xustiza e institucións sólidas), pero que poden contribuír igualmente a avances na consecución do resto dos obxectivos polos que cómpre traballar. 

Finalmente, poñer en marcha un club de lectura nun instituto na Pobra de Trives, implicar as familias de Moeche na valoración do patrimonio cultural do seu concello, colaborar cunha confraría de mariñeiros en Bueu ou poñer en marcha unha iniciativa de radio colaborativa entre un centro de Sober e un centro da Pobra de Brollón son actuacións que poderían parecer puntuais ou pouco importantes, pero están a contribuír á dignificación do ensino, ao enriquecemento da formación que se imparte a nenos e adolescentes e á creación de vínculos entre as persoas que integran esas comunidades. Cando o profesorado responsable das bibliotecas escolares dunha comarca se xunta para colaborar e traballar a prol da lectura e da información co seu alumnado, para construíren proxectos comúns (e un bo exemplo disto está nunha das microrredes máis estables nacida na Rede de bibliotecas escolares de Galicia, a Microrrede A Mariña[11]), está fortalecendo o tecido social imprescindible para unha vida máis xusta e solidaria para todos, nunha sociedade que precisa abordar o problema do despoboamento de boa parte do territorio galego, soñar un mellor futuro e facer o posible porque sexa realidade. 

 

 

 


[1]En marzo pintamos con Miró. EEI de Vide (As Neves). Accesible en https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/728

[2]Blog da biblioteca da EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña): http://bibliobn.blogspot.com/

[3]Web da EEI As Dunas (Panxón, Pontevedra): https://www.edu.xunta.gal/centros/eeidunaspanxon/

[4]Pepateca. Blog da biblioteca do CRA de Culleredo: http://pepateca.blogspot.com/

[5]Bibliotecas Escolares de Galicia: https://www.edu.xunta.gal/biblioteca

[6]RedeBE. Repositorio de materiais referidos ás actividades de formación organizadas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares: https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=redebe

[7]O recanto de Leo. CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra): http://www.orecantodeleo.org/

[9]Ver especialmente a sección «Feito con xeito» do seu blog: http://bibliocanosa.blogspot.com/search/label/robots

[10]Bibliooutes, do CEIP Plurilingüe de Outes (Serra de Outes, A Coruña): https://bibliooutes.blogspot.com/

[11]Microrrede A Mariña. Proxecto colaborativo das Bibliotecas Escolares da Mariña: http://microrredeamarina.blogspot.com/

Sección: