Construíndo benestar en tempos de crise

O CEIP de Chans Bembrive continúa coa súa aposta responsable polo crecemento emocional «no ano en que todo mudou».

Rosa María Varela Fernández
CEIP de Chans Bembrive (Vigo - Pontevedra)
rosavarela@edu.xunta.gal

A pandemia da covid ocasionou un forte impacto no alumnado. O regreso ás aulas está a ser un gran reto no que as familias e o profesorado temos que traballar conxuntamente para garantir que os nenos e nenas se adapten a un modelo diferente de escola. Humanizar a escola é unha responsabilidade urxente.

A experiencia tan excepcional e chea de incerteza que estamos a vivir está exercendo un forte impacto no desenvolvemento físico, cognitivo, condutual, emocional e social do noso alumnado.

Somos conscientes de que estamos diante dun gran reto educativo: facilitarlles aos menores a volta ás rutinas escolares nun tempo desconcertante. Porén, as familias e o profesorado teremos que traballar conxuntamente para garantir que os nenos e nenas poidan adaptarse a un modelo educativo diferente protagonizado polo distanciamento social, a hixiene, a etiqueta respiratoria e a ventilación.

Desde o curso 2013/14, os profesores de Chans estamos a participar en proxectos de formación permanente (ofertados polo CFR de Vigo ) relacionados coa construción do benestar na nosa escola. A implementación destas prácticas está a incidir moi positivamente no clima afectivo do colexio e no proceso de transformación cara a unha escola na que as «persoas contan».

A formación neste eido facilitoulle a toda a comunidade educativa importantes oportunidades de aprendizaxe e de reflexión sobre a importancia de humanizar a escola, de educar desde a calma e a presenza, de poñerlle corazón ás vivencias de cada día.
Neste novo paradigma, temos unha oportunidade «de ouro» para afondar nos principios nos que se basea a nosa filosofía da escola «Mellor con calma» e para orientar e guiar as nosas intervencións tendo presente que as nosas condutas e xestión emocional, así como o noso xeito de comunicarnos, serán referentes para o noso alumnado.

O que pretendemos

Os desafíos e as experiencias límites posibilitan o descubrimento das nosas fortalezas persoais. 

É responsabilidade dos adultos facilitarlles aos nenos e nenas estilos de afrontamento adaptativos e saudables. Somos máis que «as nosas experiencias emocionais».

Porén, as nosas prácticas van encamiñadas a:

1. Detectar e valorar o grao de impacto/afectación no alumnado a partir de enquisas dinámicas e/ou conversas co alumnado e familias:

  •  Manter polo menos unha conversa individual con cada un dos alumnos durante a primeira semana de clase.
  •  Prestarlle especial atención ao alumnado que teña situacións persoais e familiares complicadas especialmente a aqueles que sufriron circunstancias que alterasen a convivencia habitual.

2. Crear un ambiente amable que favoreza o sentimento de pertenza ao grupo, a comprensión, a expresión das emocións e as relacións de apoio mutuo.

3. Deseñar un plan de intervención que axude a diminuír o estrés e fortalecer o benestar emocional adaptando o que viñamos aplicando ata agora a esta nova realidade.

4. Promover o fortalecemento e crecemento posterior a unha situación de crise a partir das novas aprendizaxes e a bagaxe experiencial que nos permitirá facerlles fronte a novas adversidades.

5. Prestar especial atención á acción titorial e á transversalidade da abordaxe da expresión das emocións e sentimentos desde todas as materias.

 

Proposta de intervención

Móvete e o camiño aparecerá. (Proverbio zen)

1. Durante o trimestre 0 (fase de acollemento e reflexión) priorizamos as intervencións no ámbito afectivo, emocional e social relacionadas coa volta a unha escola adaptada a unha realidade diferente:

  •  Potenciar a ligazón titor/a-neno/a abordando as experiencias vividas durante os seis meses afastados da vida escolar. Esta información (que será recollida nunha táboa) será a chave para entender cada situación individual.
  •  Abordaxe emocional favorecendo o desenvolvemento das competencias emocionais de todos os membros da comunidade educativa: conciencia, regulación e autonomía emocional, competencias sociais e competencia para a vida e o benestar.

2. Ao longo do curso (fase de integración), iremos desenvolvendo a nosa proposta:

  •   Acompañando o alumnado a sentir corporalmente as emocións, a recoñecelas, a validalas e a expresalas axeitadamente.
  •   Potenciando o autocoñecemento, a pausa, as novas formas de mostrar afecto, a confianza, a solidariedade, o altruísmo, a importancia das condutas prosociais, sentido de pertenza, a responsabilidade, resiliencia, amabilidade…
  • Dotando o alumnado de ferramentas para afrontar sentimentos ou estados de ánimo como a frustración, o medo, a tristura, a incerteza, a inquedanza, o cansazo…
  • Tecendo redes de apoio entre todos os membros da comunidade educativa apoiándonos para formar parte da solución.

 

Recursos

O principal recurso somos nós mesmos: ninguén pode dar o que non ten.

O noso nivel de consciencia, o noso equilibrio emocional, a nosa capacidade de conexión e a nosa sensibilidade para captar as necesidades do alumnado serán a chave para un acompañamento de éxito.

Contamos cunha boa dotación de materiais impresos e dixitais, tendo en conta o noso percorrido neste ámbito.

1. Uso de contos, curtametraxes, vídeos, cancións… que axuden a comprender a pandemia e a xestionar e expresar as emocións que van xurdindo: as novas formas de relacionarnos, a aceptación, a resiliencia, a frustración, o medo, a tristura, a solidariedade, a flexibilidade, a confianza, a paciencia…

Estes materiais impresos e/ou dixitais serán un bo punto de partida para poder naturalizar as súas emocións, empoderalos e acompañalos positivamente:
    • Web mix con materiais e contos para comprender o coronavirus.
    • Web mix de recursos de mindfulness.

2. Compilación de actividades elaboradas polo profesorado e recollidas nas memorias dos seminarios e grupos e traballo de anos anteriores.

3. Selección de música e curtametraxes afastadas no blog de educación emocional da escola: Ensinando a ser, aprendendo a querernos.

4. Os espazos exteriores naturais que rodean a escola convertéronse nun recurso de gran potencial educativo. Ademais de redescubrir o seu valor pedagóxico, transformáronse en recunchos para compartir reflexións e experiencias, de expresión e regulación emocional.

 

Descrición das actividades

Non podemos controlar as cousas que suceden, pero podemos elixir a nosa actitude para afrontalas.

As actividades implementadas son eminentemente prácticas e experienciais. Priorizamos todas aquelas que contribúen á mellora da saúde emocional do profesorado e alumnado:

  • Obradoiros de redución de estrés para o profesorado en formato dixital: «Coidándonos para coidar», a cargo de Victoria Martín Moreno que nos axudou a sintonizar co momento presente.
  • Atención: respirando estou: xogos e técnicas de respiración consciente para controlar o nivel de estrés e a autorregulación emocional.

 


 

  • Visualizacións creativas: estratexias para aprender a recuperar a calma e afrontar os problemas dun xeito máis tranquilo a partir de historias que lles axudan a crer na súa forza interior.
  • Potenciando os noso sentidos: actividades que estimulan os sentidos e focalizan a atención en vivencias sensorias.

 

 

  • Sentindo afecto e gozo con outros: potenciar estados emocionais positivos, novos xeitos de relacionarnos a través da conexión cos demais neste escenario de distanciamento físico e social.
  • Liberando enerxía a través do corpo: actividades para mobilizar a enerxía física e emocional, para liberar as tensións acumuladas e traballar o sentido da propicepción.

 

 

  • Mellor agasallo de Nadal: pausas máxicas: vinte e catro propostas para vivenciar na escola e na casa o poder da calma e potenciar os valores colectivos. O segredo é decatarse de cando temos que «parar» para poder avanzar.
  • Hixiene sonora: boas prácticas relacionadas coa diminución do ruído como estratexia que favorece a seguridade e saúde.

 

Cal foi o resultado

Nunca poderiamos imaxinar que unha pandemia brindase a oportunidade de evidenciar o potencial da educación emocional.
A dixitalización do ensino en tempos de pandemia provocou un aumento de exposición ás pantallas e, como consecuencia, unha diminución da conexión con nós mesmos e cos demais. Por iso, máis que nunca precisamos construír unha escola consciente cunha rede de apoio mutuo sólida: «Coidando de nós, coidamos dos demais», o noso lema deste curso.
Continuar co noso compromiso coa educación emocional en tempos de pandemia axudounos a:

- Saír da zona de confort: abandonar o «piloto automático» engadiu desconcerto nun primeiro momento, pero despois dun tempo sentimos unha gran satisfacción persoal e profesional.
- Abordar un reto colectivo neste escenario de tanta incerteza mellorou as nosas ligazóns e fortaleceunos como equipo.
- Abrir os ollos e reflexionar sobre os nosos estilos educativos, metodoloxías e as nosas potencialidades e fortalezas.

Aínda hai moito por facer. O mundo emocional en tempos de pandemia é unha estrutura incerta e non sempre doado de manexar. Terá que pasar moito tempo para valorar o verdadeiro impacto desta crise no desenvolvemento psicoafectivo dos nenos e nenas. Pero sentímonos satisfeitos do noso traballo e do noso propósito de «humanizar a escola da nova realidade» e manifestamos o noso compromiso de continuar percorrendo cooperativamente este camiño tan «emocionante». É unha responsabilidade urxente seguir espallando o «virus do benestar» para responder con novas ferramentas a unha realidade diferente.

 

 

Bibliografía: 

 

 

KAISER GREENLAND, S. ( 2017). Juegos mindfulness. Gaia. 1.ª edición.

BISQUERRA, R. (2016). 10 ideas clave de educación emocional. Barcelona: Grao.1.ª edición.


 

Sección: