O feminismo de Emilia Pardo Bazán
María Paz Gago
CPI Antonio Orza Couto (Boqueixón - A Coruña)
mariapaz@edu.xunta.es
O feminismo de Emilia Pardo Bazán
Cando celebramos o centenario da morte da escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán (1851-1921), é un bo momento para reivindicar a súa figura, a súa literatura e, neste mes de marzo, o seu feminismo, tan exemplar e tan adiantado ao tempo que lle tocou vivir.
O seu feminismo no só é intelectual, as doutrinas krausistas de Giner de los Ríos e o pensamento liberal de Stuart Mill, que ela fundamenta no prefeminismo cristián do Padre Feijóo, senón tamén vital, porque sufriu na súa propia persoa a incomprensión e a discriminación polofeito de ser muller. A «cuestión feminista» fúndese na súa existencia de escritora e intelectual coa chamada «cuestión académica», o rexeitamento da súa candidatura á cadeira daReal Academia da Lingua pola súa condición de muller.
Na súa vida persoal e familiar, así como na súa obra, tanto ensaística como de creación literaria, Pardo Bazán tomou como bandeira a defensa da condición feminina e dos dereitos da muller. Cando o seu marido, atemorizado polo escándalo provocado por La cuestión palpitante, lle insistiu para que deixase as letras e a actividade intelectual para dedicarse en corpo e alma ás tarefas propias dunha ama de casa, optou por ela mesma e pola separación conxugal.
Xunto aos humillantes episodios da súa vida de muller escritora foron moitos os ataques e críticas que recibiu polo mero feito de ser muller nun mundo dominado por homes, pero soubo rebelarse con autoridade e sen complexos contra esas situacións inxustas, dedicando numerosos artigos e conferencias, estudos e iluminadores ensaios a falar sobre a igualdade de sexos, un ideal que encarnaron, por outra parte, moitas das personaxes das súas novelas.
Nun mundo que invisibilizaba a muller creativa, Pardo Bazán soubo impoñer a súa personalidade abafadora e sen complexos no literario, no social e no persoal. Muller libre e inclasificable, rompeu moldes para representar como ninguén a muller empoderada.
De grande interese desde esta perspectiva estritamente feminista é a súa obra La mujer española, obra cuxo contido segue vixente na actualidade,xa que foi continuamente reeditada, xunto a outros traballos sobre a condición feminina como La educación del hombre y de la mujer (1892).
Das súas actitudes vitais e das súas personaxes literarias, das súas posturas persoais e sociais, así como dos seus escritos monográficos sobre a muller, podemos abstraer o seu avanzado pensamento feminista, que podemos cifrar en tres puntos esenciais: igualdade de oportunidades en educación, independencia económica do home a través do traballo e igualdade sexual. Dona Emilia reivindica, pois, a educación en todos os niveis —tamén na ensinanza superior— para a muller, o seu pleno desenvolvemento laboral e a súa emancipación total do home, no económico e tamén no sexual.
Como nos lembra Marina Mayoral, «para superar esta situación de dependencia de la mujer, doña Emilia considera indispensable proporcionarle una educación que le permita llegar a la emancipación económica (2003: 107). Nese ensaio feminista, reivindica dona Emilia o pensamento de Leibniz: se se reformase a educación da muller, reformaríase, en consecuencia, o xénero humano.
A emancipación da muller depende do seu acceso ao mercado laboral, razón pola que, a nova muller que reivindica a escritora atopa o seu modelo na muller traballadora, en referencia explícita á obreira industrial catalá: «una mujer de la civilización y de la edad moderna en toda la fuerza del término», segundo escribe en La mujer española (1999: 109). Por petición dunha revista inglesa escribiu este ensaio no que pasa revista á muller das diferentes clases sociais: saen mal paradas as aristócratas —da mesmísima raíña Isabel II chegou dicir que carece de cultura e instrución—e as de clase media. Para ela, a muller moderna é esa modesta traballadora catalá porque é consciente do seu traballo e da súa independencia conseguida a través del.
O modelo literario desta nova muller traballadora manual, que tomou conciencia social e asume seu papel autenticamente revolucionario, é, sen dúbida, a protagonista de La tribuna (1883), Amparo, cigarreira da Fábrica de Tabacos de Marineda.
Nesta novela dáselle por primeira vez voz a un colectivo de modestísimas traballadoras, as cigarreiras da Fábrica de Tabacos, coas que ademais conviviu dona Emilia para retratar con fidelidade a súa vida miserable eas súas duras condicións de traballo. Amparo convértese nunha auténtica revolucionaria, nunha líder social e política, defensora a morte do republicanismo federalista.
Finalmente, unha condición ineludible para a liberación feminina é, para dona Emilia, a igualdade do home e da muller con respecto á moral sexual, prolegómeno dunha verdadeira liberación sexual. O modelo literario é neste caso —como demostrou con brillantez MarinaMayoral— a aristócrata Clara Ayamonte, de La quimera. Viúva desde os 23 anos, decidirá non volver casar para non perder a liberdade. Tamén un personaxe de Insolación proclama a inxustiza que supón considerar as aventuras amorosas dunha muller como algo infame e humillante mentres que as aventuras dun home incluso o honran: «De modo que lo mismo que a nosotros nos pone muy huecos, a ustedes las envilece». Este comandante imaxinado por una muller que moito sabía de todo iso, conclúe: «En salvando este [o criterio social], en no sabiéndose nada, el asunto no tiene más trascendencia en ustedes que en nosotros».
Nunha carta datada o 9 de maio de 1912, dirixida ao seu paisano o escritor galeguista Ramón Vilar Ponte, facía dona Emilia unha ardente defensa da muller respecto do rexeitamento da súa entrada na Academia:
Las naciones se elevan al realizar actos como el que acaba de llevar á efecto Francia al tratarse de Madama Curie, al significar que no ha de ser siempre para la mujer una valla y una opresión su sexo, que debiera, al contrario, a valorar lo que hace, puesto que lucha con el ambiente y las preocupaciones.
Con dor e enteireza, animaba a condesa de Pardo Bazán a traballar «para remover los obstáculos que puedan oponerse al ingreso de la mujer en la Academia y, en general, donde merezcan entrar por sus méritos».
Mayoral, M. (2003). Emilia Pardo Bazán ante la condición femenina. En Ana María Freire (ed.), Estudios sobre la obra de Pardo Bazán (101-114). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.
Pardo Bazán, E. (1976). La mujer española y otros artículos feministas (edición de Leda Schiavo). Madrid: Editora Nacional.
Pardo Bazán, E. (1970). Obras Completas. Madrid: Aguilar.
Obras complementarias (biografías)
Acosta, E. (2021). Emilia Pardo Bazán. La luz en la batalla. A Coruña: Libros del Viento.
Burdiel, I. (2019). Emilia Pardo Bazán. Madrid: Taurus.