cabeceira experiencias 62

A igualdade como principio reitor na educación

Durante o curso 2010-2011, un grupo de docentes do CEIP Centieiras de Fene decidimos empezar a traballar de forma sistemática na introdución do principio de igualdade e da non violencia nas nosas aulas. Este equipo constituíuse en grupo de traballo ao abeiro das posibilidades existentes de formación do profesorado.
Tempo de lectura: 
17 minutos

Grupo de traballo:
Áurea Feijoo Domarco, aureafeijoo@edu.xunta.es
Silvia Filgueira Pena, vilyjav@edu.xunta.es
Josefina Herreros Calvo, herreros@edu.xunta.es
Silvia Lago Freire, silviamlr@edu.xunta.es
Sabela Paz Romero, sabelapaz@edu.xunta.es
M.ª José Penas Méndez, maria.jose.penas@edu.xunta.es
Ana Pérez Rico, aprico@edu.xunta.es
Miguel Picado López, mpicado@edu.xunta.es
Paloma Rodríguez Vázquez, palomarodriguez@edu.xunta.es
Introdución Transversal do Principio de Igualdade e o Rexeitamento da Violencia de Xénero
CEIP Centieiras, Fene

 

O obxectivo xeral do grupo consistiu en introducir na práctica educativa diaria ferramentas, contidos e actividades que permitan que o centro se constitúa como promotor da igualdade e da non violencia na comunidade no que está integrado.

Os obxectivos operativos foron os seguintes:

  • Transmitirlles ao alumnado e á comunidade educativa en xeral o compromiso firme do CEIP Centieiras coa igualdade entre nenas e nenos, dotando o profesorado das ferramentas necesarias para a aplicación áxil deste principio na práctica educativa cotiá.
  • Facer visibles as nenas nas aulas e valorar as achegas femininas ao desenvolvemento social e familiar do noso ámbito.
  • Salientar os beneficios das relacións exentas de violencia para que as rapazas e rapaces do noso ámbito medren na consciencia da igualdade como valor indispensable na convivencia democrática.

A totalidade dos obxectivos formulados constitúe unha tarefa a medio e longo prazo que non pode limitarse ao contexto temporal dun único curso escolar.

As actividades propostas polo grupo de traballo para acadar estes obxectivos e desenvolvidas polo centro no seu conxunto foron moi variadas e estendéronse ao longo de todo o curso, impregnando os contidos habituais de achegas fundamentais nas materias abordadas. Estas actividades realizáronse globalmente no centro, no ciclo de educación infantil e en colaboración co Concello de Fene.

Entre as actividades globais do centro destaca, polo seu compoñente innovador, a Ruta  da igualdade.

Coa colaboración da totalidade do claustro, realizouse no centro esta actividade consistente en darlles visibilidade a mulleres significativas en diversos ámbitos: político, educativo, artístico, cultural etc. Isto realizouse cunha periodicidade quincenal, así como a exposición da fotografía, con nome e feitos máis destacados de cada unha delas e situouse nos diferentes espazos do centro relacionados coa temática na que elas destacan ou destacaron:

experiencias 62 taboa 1

Para facer publicidade da actividade entre o alumnado, colocouse un cartel no taboleiro de anuncios no que, baixo o título “Habelas hainas”, explicabamos o histórico esquecemento das mulleres, sinalabamos as múltiples achegas que realizaron en todos os ámbitos e convidabamos a alumnos e alumnas individualmente, por grupos, por cursos ou por calquera outra modalidade que suxerisen, a participar na Olimpíada da Igualdade durante as semanas que estivo actualizada e activa a ruta. O seguimento desta sinalizouse con frechas e a indicación “sigue o roteiro”, de forma que o alumnado participante puidese coñecer as mulleres e realizar a busca das dúas preguntas que deberían contestar cada quince días sobre dúas das mulleres.

Durante o mes de maio e con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas, déuselle prioridade á exposición de mulleres galegas.

É salientable a masiva participación do alumnado de educación primaria xa que, por instancia das distintas titorías, seguiu quincenalmente a ruta, indagou sobre as mulleres obxecto da exposición e procurou as respostas tanto na biblioteca como en internet.

Unha vez finalizada a ruta, procedeuse á entrega de premios ás alumnas e alumnos, que consistiron nun diploma acreditativo e en diversos agasallos simbólicos proporcionados polo Concello de Fene. Contamos coa colaboración e participación da asesora do cefore.

Outra das actuacións destacadas das traballadas no centro de forma global foi  A India.

experiencias 62 imaxe 2Ao longo do curso escolar e a través do grupo de traballo, entrouse en contacto con Implicadas no Desenvolvemento, ONG que realiza funcións asistenciais, educativas e formativas en diversos países en vías de desenvolvemento e, concretamente, en zonas deprimidas economicamente da India.

O obxectivo do centro foi salientar as dificultades que teñen moitas mulleres e nenas en distintas partes do mundo para asistir á escola, para participar na sociedade e para desenvolver autonomamente o seu propio proxecto de vida.

Este traballo sobre A India e as súas mulleres iniciouse coa presentación de Encarnación (a bruxa da nosa biblioteca, de tamaño xigante realizada en cartón pedra) na entrada do colexio vestida cun sari.

Tras esta primeira chamada de atención, Encarnación remitiulle unha carta a cada clase na que explicaba que fora de viaxe á India e que alí vira moitas cousas interesantes e destacaba as diferenzas coa nosa sociedade no tocante á gastronomía, a arquitectura, a indumentaria, o idioma, a moeda etc. Encarnación explicou tamén as dificultades que pasan as nenas e mulleres en sociedades patriarcais e a pobreza e a desigualdade que se viven en distintas zonas dese país.

Con este motivo introdutorio realizáronse varias actuacións globais no centro nas que participou a totalidade do alumnado:

  • Mapas da India e de Galicia recheos de caras de persoas de diferentes razas e etnias.
  • Comparsas do Entroido con disfraces de indios e indias, encantadores e encantadoras de serpes e máscaras de peliqueiros.
  • Canción do Entroido co relato da viaxe de Encarnación.

 

A temática da India foi traballada máis polo miúdo nas aulas de educación infantil a través de fichas de traballo relacionadas cos seguintes temas:

  • As moedas da India e de Galicia, os animais da India, os castelos e pazos da India e de Galicia, o traballo doméstico na India e no noso ámbito e as súas diferenzas e semellanzas, os idiomas da India e de Galicia, situación no mapa, distancias e medios de transporte de Encarnación para chegar á India desde Galicia, o eco feminista e a figura de Vandana Shiva, o respecto pola natureza e as árbores a través da historia da loita de Vandana Shiva relatada como un conto e escenificada nas aulas e no patio de recreo, diversos contos da India.
  •  

Asemade, realizáronse outras actividades complementarias que implicaron a todo o centro ou a algún ciclo en particular, especialmente a educación infantil.

As nosas mulleres

Con motivo do Día Internacional das Mulleres, 8 de marzo, pedíuselle ao alumnado que trouxese fotografías tamaño carné das mulleres máis significativas da súa vida para elaborar con elas un panel, enchendo a silueta dunha muller, copia dun cadro de Pablo Picasso.

Quen fai que?

Co gallo do 25 de novembro, Día Internacional para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, traballouse na totalidade das aulas a temática da corresponsabilidade doméstica e dos coidados, así como a liberdade de elección profesional. Para concretar esta actividade, colocouse un panel por ciclo en distintos espazos do centro. Estes paneis contiñan os símbolos do feminino e do masculino en cada unha das súas metades e as nenas e nenos foron poñendo no lugar que lles parecía máis adecuado etiquetas con distintas tarefas e profesións, de forma que se situasen na área das mulleres, na dos homes ou no medio, indicando así se a tarefa ou actividade deberían realizala unhas, outros ou ambos. A percepción xeral do noso alumnado é que toda tarefa ou profesión pode e debe ser realizada ou exercida indistintamente por mulleres ou homes.

experiencias 62 imaxe 3

Vestímonos de...

Esta actividade tivo como obxectivo achegarlle ao alumnado de educación infantil o coñecemento de:

  • Traballos, oficios, instrumentos, ferramentas, uniformes...
  • Traballos básicos para a vida, o traballo doméstico e de coidados.
  • Mulleres en profesións tradicionalmente masculinas.

A actividade consistiu na elaboración de uniformes de diferentes profesións para vestir indistintamente a un boneco e a unha boneca. Deste xeito, nenos e nenas decátanse da posibilidade de elección profesional e desbotan estereotipos de xénero.

Paremos a violencia

Co gallo do 25 de novembro, Día Internacional para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, o alumnado de educación infantil elaborou un sinal de STOP, con forma de man coloreada polas dúas caras, co significado de ‘parar’.

Calendario das cousas bonitas

Cada unha das aulas de educación infantil conta cun calendario das cousas bonitas no que diariamente se elixe, por parte da nena ou do neno que teña o obxectivo de pilotar o grupo, a cousa bonita que vai marcar as relacións dentro da aula. Estas consisten en contos, cóxegas, bicos, apertas, xogos, cancións, bailes...

Desta forma, se ocasionalmente xorde na aula algunha discrepancia que tenten resolver de forma violenta, o grupo lembra a acción que marca as relacións durante o día para favorecer unha resolución pacífica dos conflitos.

Quebracabezas xigante de rexeitamento da violencia

No marco do tratamento da violencia contra as mulleres, os seis grupos de educación infantil elaboraron colectivamente un quebracabezas xigante con seis paneis relativos ao tema. Para a súa elaboración, recompiláronse caixas de cartón de reciclaxe, realizouse o debuxo correspondente a cada cara do quebracabezas e procedeuse, con posterioridade, a colorear, pegar e recortar. O quebracabezas está exposto na entrada do centro co obxecto de facer visible este problema entre a comunidade educativa en xeral e posibilitarlle o acceso á súa manipulación á totalidade do alumnado.

Recanto das probas de amor

En relación cos sentimentos positivos, nas aulas de educación infantil traballouse o amor como unha das manifestacións máis importantes das relacións afectivas. Neste caso, pedíuselles colaboración ás familias para que relatasen nun espazo curto o que senten polas súas fillas e fillos. Unha vez remitida esta petición ás nais e aos pais, dispúxose na entrada do colexio o recanto das probas de amor: colgáronse tres corazóns xigantes, previamente pintados de vermello polo alumnado, e pegáronse neles as explicacións realizadas polas familias sobre o amor que senten polas súas nenas e nenos, de forma que puido velas e lelas a comunidade educativa en xeral.

Así vemos os sentimentos

Co obxecto de amosar as distintas manifestacións e formas de emoción e sentimentos entre o alumnado de educación infantil, traballáronse os sentimentos máis facilmente recoñecidos polas nenas e nenos: a alegría, a carraxe, a tristeza, o medo.

Rapazas e rapaces expresaron a súa concepción de cada un destes sentimentos e os seus motivos, as súas causas e as súas consecuencias. Para plasmar graficamente as súas ideas sobre estes sentimentos, pintaron pratos de cartón coas cores que lles resultaron máis axeitadas para expresar estes estados de ánimo. Cada un dos pratos cortouse en dúas metades para encaixalas arbitrariamente. O resultado nas cores e nos motivos pintados dá conta da similitude na percepción dos sentimentos básicos entre as nenas e nenos e, coas montaxes finais, realizáronse catro paneis no primeiro andar denominados:

  • Así vemos a alegría.
  • Así vemos a ira.
  • Así vemos a tristeza.
  • Así vemos o medo.

En colaboración co Concello de Fene realizáronse as seguintes actividades:

Obradoiros de non violencia

Obradoiros teórico-prácticos dirixidos a alumnado de 3.º a 6.º de educación primaria, con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos, distribuído en grupos de traballo. Foron obradoiros ofertados polo concello e impartidos por persoal experto en materia de igualdade e de rexeitamento da violencia.

Fene lendo mulleres

O Concello de Fene desde hai 11 anos vén celebrando o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, cun programa de radio denominado Fene lendo mulleres que consiste na lectura, ao longo de todo o día, de textos de mulleres por parte de persoas significativas no ámbito municipal. O CEIP Centieiras participa activamente nesta actividade a través da busca, preparación e lectura na radio de textos de mulleres por parte do alumnado de educación primaria.

Como conclusión e a pesar da escaseza do tempo, no grupo de traballo considérase importante a incidencia das actuacións realizadas en relación cos obxectivos previstos nos seguintes aspectos:

  • A totalidade do alumnado foi consciente do compromiso e do interese do centro no seu conxunto en consolidar os criterios imprescindibles para facer da igualdade entre mulleres e homes e eixo que vertebra a práctica educativa cotiá.
  • O profesorado do centro, aínda non participando directamente no grupo de traballo, asumiu como parte esencial do seu labor profesional cotián os seus obxectivos.
  • A través da Ruta da igualdade e das restantes actividades desenvoltas amosáronse, en gran medida, moitas mulleres coas súas achegas á cultura, á ciencia, á tecnoloxía etc.
  • De igual forma, propiciouse a reflexión sobre o valor das actividades diarias realizadas polas mulleres máis próximas.
  • O traballo levado a cabo arredor dos sentimentos constituíu un alicerce para o debate e a reflexión entre o alumnado sobre os beneficios da resolución pacífica de conflitos e as relacións exentas de violencia.
  • Finalmente, considérase o labor realizado no centro, a través das propostas de actuación do grupo de traballo, como un punto de partida indispensable para a toma de conciencia do alumnado do CEIP Centieiras de que a igualdade entre as persoas ten que ser un dos principios reitores do desenvolvemento persoal e social polas consecuencias positivas que achega tanto a nenas coma a nenos, a mulleres coma a homes.

experiencias 62 imaxe 4Os obxectivos do grupo de traballo tiveron unha incidencia moi positiva nas familias e na comunidade educativa en xeral, da que dá conta o apoio e colaboración constante das familias ante as diversas peticións de participación, a acollida favorable por parte do concello, que se brindou a achegar os premios para as nenas e nenos participantes na ruta.

O nivel de satisfacción do grupo co labor realizado é moi alto debido a diversos motivos. En primeiro lugar, esta fórmula de traballo colectivo posibilitou o estreitamento de colaboración entre as persoas participantes nun obxectivo común. Achegou, ademais, diversas visións sobre como introducir temas de tan grande importancia entre alumnado de diversas idades. O grupo non só resultou fortalecido e unido, senón que polarizou a atención da totalidade do claustro sobre os temas tratados, convertendo o obxectivo do grupo de traballo nun obxectivo xeral do centro educativo.

En relación cos logros do proxecto, son moitos os beneficios que lles proporcionou ao alumnado e ao profesorado e aínda á comunidade educativa en xeral. A igualdade entre mulleres e homes e a necesaria resolución de conflitos de forma pacífica, así como o imprescindible que resulta unir esforzos para rachar coa violencia de xénero, son temas que non teñen discusión. Constitúen, ademais, valores e actitudes ante a vida que, unha vez incorporados á bagaxe persoal, forman parte indivisible do propio desenvolvemento.

Temos a certeza de que esta andaina cara á igualdade se consolidará no ámbito da comunidade educativa favorecendo a súa realización efectiva a curto e medio prazo e incidindo na calidade da práctica docente en diversos aspectos:

  • Rachar coas inercias que fan, ás veces, o profesorado transmisor de estereotipos de xénero de forma inconsciente.
  • Posibilitar a práctica educativa baseada nas relacións entre as persoas.
  • Resaltar a capacidade de alumnado e profesorado para detectar situacións inxustas e para atopar solucións para estas situacións.
  • Transmitir valores de importancia fundamental impregnando os contidos educativos obrigatorios dunha práctica específica en relación coa igualdade entre nenos e nenas.
  • Favorecer o rexeitamento dos roles tradicionais entre o alumnado.

experiencias 62 imaxe 5

Bibliografía: 

ACKER, S. (1995): Género y educación. Madrid, Narcea
AMAR, X. e BORBÓN, J. (1994): Discurso sobre la educación física y moral de las mujeres. Madrid, Cátedra
ARENAS FERNÁNDEZ, Gl. (1996): “Triunfantes perdedoras. Investigación sobre la vida de las niñas en la escuela”. Estudios y ensayos. Málaga, Universidade de Málaga
AZAGIRRE ATXAORBEA, F. (2003): Afecto y coeducación en educación primaria. Bilbao, Instituto Vasco de Avaliación e Investigación Educativa non Universitaria
BACH CORBACHO, E. e DARDER VIDAL, P. (2008): Sedúcete para seducir. Vivir y educar las emociones. Barcelona, Paidós
BALLARÍN DOMINGO, P. (2001): La educación de las mujeres en la España contemporánea (siglos XIX y XX). Madrid, Síntesis
BONINO MÉNDEZ, L. (2008): Hombres y violencia de género. Más allá de los maltratadores y de los factores de riesgo. Madrid, Ministerio de Igualdade
CALERO VAQUERA, M.ª L., RUBIO PÉREZ, I., VARELA RODRÍGUEZ, M.ª E. e outros (1999): “En femenino y en masculino”. Cuadernos de Educación no Sexista (8). Madrid, Instituto da Muller
CAMPO BOLADO, R. E. (1990): Enseñanzas mixtas, ¿educación mixta o coeducación? Oviedo, Dirección Xeral da Muller de Asturias
ESCÁMEZ SÁNCHEZ, J. e GARCÍA LÓPEZ, R. (2006): Prevención escolar contra la violencia de género. Madrid, Brief
LIENAS, G. (2007): El diario azul de Carlota. Madrid, El Aleph Editores
MARTÍNEZ TEN, L. (2005): Guía para la formación en igualdad (2009). Valladolid, ISCOD-Castilla e León
SEMINARIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA A PAZ (2006): Educación emocional y violencia contra la mujer. Estrategias para el aula.

Palabras clave: 
Sección: