Patrimoni…ando

Participación do IES de Ponte Caldelas no Plan Proxecta, Educación Patrimonial curso 2020/21
No IES de Ponte Caldelas levamos a cabo un proxecto interdisciplinar (Lingua Galega, Tecnoloxía e Xeografía e Historia) a través dunha hiperaula na que o alumnado investigou e catalogou o patrimonio material e inmaterial da súa contorna.

Isabel Otero Gago
IES de Ponte Caldelas (Ponte Caldelas - Pontevedra)
sabelaotero@edu.xunta.gal

 

Contextualización

A contorna xeográfica do IES de Ponte Caldelas está composta por tres municipios: Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes. Territorialmente abrangue unha área moi ampla (281 km2), o cal supón pasar das proximidades da costa e da capital provincial a chegar á fronteira coa provincia de Ourense en plena serra do Suído, límite natural entre a Galicia costeira e a interior. 

Son tres concellos de forte carácter rural que posúen unha riqueza patrimonial moi variada que provén dunha forma de vida ligada ao medio natural, actualmente en proceso de desaparición.

A forma de vida tradicional ligada a ese mundo rural está practicamente en desuso e permanece viva case exclusivamente na memoria da poboación maior que a recorda. Esta circunstancia foi o punto de partida, conscientes da necesidade de artellar a acción educativa na contorna afectiva e vivencial do alumnado para impulsar un proxecto que trataba de recuperar a nosa cultura, onde os protagonistas fosen os netos e as netas e incluso bisnetos e bisnetas desta xente que coidaba a súa contorna e vivía dela.

 

Obxectivos

Na materia de Tecnoloxía

- Abordar a educación patrimonial desde os contidos de TIC, creando un produto útil e relevante para o alumnado e as súas familias sobre o territorio que habitan, recollendo datos sobre a microtoponimia, os usos da terra antigos e outros coñecementos que xurdan. Organizar ese material en bases dixitais.

- Valorar o sistema tradicional rural como un sistema sustentable e respectuoso co medio ambiente, que foi quen de deixarnos un legado cultural que debemos manter e coidar. Reflexionar sobre o consumismo actual. 

- Apoiar e guiar no proceso de baleirado do material recollido e elaborado en formato dixital, presentación, gloster interactivo ou web. Aplicacións que usamos: Genially, Jimdo e Gloster.

Na materia de Ciencias Sociais

- Facer confluír contidos relacionados coa ordenación do territorio e xestión da paisaxe aplicados ao noso contexto.

- Analizar o territorio como soporte dun rico legado e de coñecementos ancestrais. Investigar sobre as pegadas do pasado nas infraestruturas actuais. 

(Os obxectivos desta materia conflúen tamén cos obxectivos do Proxecto Terra.)

Na materia de Lingua Galega

- Recoller e analizar mostras da riquísima cultura oralpopular da zona: contos, cantigas, lendas… contando coas achegas que recompile o alumnado participante no proxecto.

- Involucrar o alumnado na recuperación dese patrimonio que non podemos deixar esmorecer e que se atopa nunha situación moi vulnerable pola globalización uniformizadora.

- Construír textos orais e escritos baseados nalgún elemento do noso patrimonio material.

- Reivindicar o noso patrimonio lingüístico, coñecendo e valorando a necesidade de perpetuación do idioma propio para a preservación da nosa identidade como pobo.

- Recoller, en traballo de campo, a microtoponimia e incluso a hidronimia do territorio que abrangue os lugares onde habita o noso alumnado: leiras, regatos etc.

 

Metodoloxía

1. Hiperaula

Utilizamos o recurso da hiperaula como método de romper as aulas de cincuenta minutos, ofrecendo así unha aprendizaxe máis activa e significativa. Na hiperaula xuntamos varios grupos en varias sesións e colabora o equipo de varias profesoras.

A metodoloxía de hiperaula consiste en crear un espazo-tempo aberto que non nos condicione como debemos de dar a clase. Tivemos apoio da tecnoloxía, permitimos os móbiles, cámaras de fotos e dispuxeron de ordenadores con Internet.

Este xeito de organizármonos permitiunos impulsar o proxecto de investigación en patrimonio desde o enfoque interdisciplinar das tres materias e formar equipos interclase.

Solicitámoslle á dirección que no deseño do horario escolar do curso de terceiro da ESO nos concedesen tres horas seguidas nas tres materias implicadas: Ciencias Sociais, Tecnoloxía e Lingua Galega. As tres primeiras horas do martes xuntamos a tres terceiros (A, B e C), con 63 alumnos e alumnas e tres profesoras compartindo o mesmo espazo. 

As posibilidades reais que ofreceu esta xuntanza de alumnado nos espazos dispoñibles do centro foron dúas: 

  • Gran grupo: todos no salón de actos, con pantalla e proxector. Serviu para comunicarlle ao conxunto do alumnado as ideas principais, os obxectivos do proxecto e as estratexias e ferramentas necesarias para levar a bo termo as investigacións dos equipos.
  • Por equipos en traballo colaborativo: na sala de ordenadores dobre, dispuxeron dun ordenador con Internet para cada equipo (dezaoito en total) e dunha biblioteca de aula. Cada equipo tivo autonomía para ir organizando a súa investigación.

2. O patrimonio como recurso educativo

O estudo do patrimonio serviunos para implicar o alumnado coa súa contorna. O obxectivo era que se achegasen á cultura propia, que a recoñecesen e valorasen a súa conservación. Foi no proceso de detectar estes elementos patrimoniais, materializalos e plasmalos nunha aplicación interactiva onde pensamos que foron adquiridas as habilidades, coñecementos e valores que os foron formando.

Pretendiamos utilizar, dentro do contexto da hiperaula, unha metodoloxía activa como é a de aprender investigando, cunha aprendizaxe reflexiva e un enfoque colaborativo, encamiñando o alumnado a unha maior autonomía.

A proposta de traballo concreto foi:

Ciencias Sociais:

- Analiza a paisaxe, a ordenación do territorio e os cambios que se poden interpretar a partir dos mapas do IGN.

Lingua Galega:

- Recolle léxico relacionado coa vivenda tradicional, a contorna, os utensilios.

- Recolle lendas, ditos, contos que se usaban para interpretar a vida.

Tecnoloxía:

- Identifica elementos patrimoniais significativos da túa vila (cruceiros, petos de ánimas, pasos dos ríos, calzadas, hórreos, petróglifos, chozos, muíños). Represéntaos con debuxos, fotos e en 3D.

- Baleira posteriormente todo o material recollido nunha aplicación interactiva ben organizada que permita facer unha exposición final que luza o esforzo realizado. Valóranse ligazóns e códigos QR.

O método utilizado para as investigacións en equipos colaborativos constou dos seguintes pasos:

  • Baleirado de fontes bibliográficas (con bibliografía e Internet)
  • Traballo de recollida de campo (entrevistas aos informantes, tirado de fotos)
  • Organización e selección do material recollido, debuxos e redacción
  • Baleirado da información recollida na aplicación web Genially con enlaces
  • Exposición dos resultados ante o gran grupo, incluíndo os vídeos de informantes

 

3. Equipos colaborativos:

 

 

a. Vantaxes de traballar por equipos: 

- Implica melloras na adquisición de coñecementos e no rendemento académico.

- Permite aumentar as interaccións entre o alumnado e entre o alumnado e o profesor.

- Fomenta o respecto e a aceptación, a empatía e a autoestima.

- É un traballo activo, unha toma de decisións continua, que fomenta a autonomía. O grupo planifica e organiza as tarefas conxuntamente e implícase activamente en función dos intereses e da diversidade.

b. Organización dos equipos:

Os equipos foron conformados por proximidade da vivenda entre o alumnado, tendo tamén en conta a vontade dos propios participantes. Aceptáronse as vivendas da familia, avós e avoas, o que mellorou a facilidade de formar equipos. Consideramos que para pertencer a un grupo dunha zona determinada tiñan que ter algún tipo de unión emocional con ela. 

Finalmente establecéronse 18 equipos distribuídos do seguinte xeito: 3 en Fornelos de Montes, 3 na Lama, 1 en Cotobade e 11 en Ponte Caldelas.

4. Función do profesorado:

A codocencia (neste caso, tres profesoras) implicou realizar un traballo en equipo e desenvolver unhas estratexias comúns.

Require tamén unha estreita coordenación. O noso labor foi servir de guías, asesorar nas ferramentas que se ían utilizar, como os mapas do IGN, o visor xeográfico da Xunta, aplicacións webs ou proporcionar bibliografía para as buscas.

Require, iso si, madurez persoal e profesional pola nosa parte. 

 

Avaliación

O proceso de avaliación é continuísta da filosofía do proxecto. Avaliáronse certos aspectos globais que lles competen ás tres materias e, a continuación, a avaliación concreta de cada unha.

Elaboramos as rúbricas de avaliación individuais e por equipos.

Na rúbrica do traballo en equipo valorouse:

- que todos achegasen no proceso, segundo capacidades.

- o funcionamento do equipo.

- a exposición conxunta.

Os traballos de investigación dos grupos están enlazados nos mapas dos tres concellos nesta aplicación Genially.

 

Conclusión

Elaborouse un material moi proveitoso publicado na web, o alumnado aprendeu a valorar o patrimonio e utilizouse una metodoloxía moi innovadora con poucos recursos.

Hai que dicir que o traballo foi realizado no primeiro trimestre do curso. Se non fose así, as excepcionais circunstancias vividas durante os meses de marzo a xuño non permitirían que se levase a cabo.De feito, algunha actividade programada para ser desenvolvida durante eses meses tivo que ser, evidentemente, suspendida.

 

 

Sección: