A formación como innovación
Ana Rial Aparicio
IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis - Pontevedra)
Os analfabetos do século XXI non serán aqueles que non saiban ler e escribir, senón quen non saiba aprender, desaprender e volver aprender.
(Alvin Toffler)
Está a vella a morrer e está a aprender.
(Refraneiro popular galego)
O CFR de Pontevedra pediunos ao IES Aquis Celenis que escribísemos un artigo no que reflexionásemos sobre a importancia da formación do profesorado para abordarmos un ensino con prácticas pedagóxicas innovadoras, que melloren a calidade deste e nos permitan afrontar os retos que se nos van presentando na actividade docente. A razón desta petición vén dada porque o noso IES foi merecente do primeiro premio na modalidade B (centros de secundaria) da primeira convocatoria dos Premios Innovagal, realizada pola Consellería de Educación para recoñecer o esforzo dos centros educativos cunha traxectoria de compromiso coa innovación educativa. Certamente, haberá moitos centros en Galicia que serán merecentes de tal distinción, pero é verdade que nós fixemos algo máis: presentármonos á convocatoria; e velaí.
A traxectoria do Aquis Celenis na participación intensiva en actividades e proxectos de investigación vén de lonxe, xa desde o curso 2012/13 contamos de maneira ininterrompida con plans de formación permanente do profesorado no centro. Neles, a través de cursos, seminarios e grupos de traballo, nos que participa unha porcentaxe elevada do profesorado do centro, leváronse a cabo as seguintes liñas de investigación:
- Planificación estratéxica das linguas no centro: TIL
- Integración didáctica das TIC. Traballo colaborativo en rede
- Biblioteca escolar
- Iniciativas formativas no ámbito STEM
- Deseño e desenvolvemento curricular no marco competencial
- Actualización científica e didáctica do profesorado. Observación interpares e intercentros
- Escola inclusiva e atención á diversidade (aprendizaxe cooperativa)
Todas estas liñas de investigación están enfocadas cara ao coñecemento de metodoloxías innovadoras, tanto daquelas que precisamos para empregarmos nas aulas (traballo cooperativo, atención á diversidade, motivación do alumnado, mellora da convivencia…) como daqueloutras que nos permiten mellorar a organización no centro (proxectos interdisciplinares, tratamento integrado das linguas, novas tecnoloxías da comunicación, mellora dos instrumentos de xestión, adaptación da documentación…).
Todo este esforzo en formación no centro nace da consciencia de dúas verdades indiscutibles: a primeira é que a aprendizaxe debe ser permanente (tamén a dos docentes) para podermos afrontar os retos dunha sociedade que muda a ritmos de vertixe e a segunda é que as e os docentes non somos individuos senón equipos, equipos docentes que traballamos en centros de ensino e que, polo tanto, somos pezas dunha engrenaxe na que debemos apoiarnos no labor que realiza o resto do profesorado e, ao tempo, sermos o apoio doutros compañeiros e compañeiras, porque ben sabemos que as forzas que van na mesma dirección multiplican o impulso... Por isto, no Aquis, máis alá das necesidades de formación específicas das materias que impartimos cada un de nós (que cubrimos coa asistencia a cursos de formación a título particular), acreditamos na importancia da formación conxunta do claustro, da formación no propio centro, a través dos plans de formación permanentes de profesorado, porque é a maneira de crear equipos interdisciplinares que fomentan a axuda entre iguais e favorecen o apoio ao profesorado que se poida sentir máis inseguro na implementación de novas metodoloxías.
Obviamente, para conseguirmos que esta engrenaxe funcione é importante que o mecanismo estea ben lubricado... e en Galicia temos a sorte de contarmos cunha moi boa rede de asesoramento do profesorado, que nos acompaña na nosa formación e nos aconsella nas liñas estratéxicas máis adecuadas para o noso centro, cando menos esta é a experiencia que temos no Aquis Celenis. Velaí algúns dos resultados:
A avaliación por competencias: hoxe contamos con grellas de avaliación para cada unha das competencias, con indicadores consensuados por todos os departamentos, que permiten a avaliación automatizada a través dunha ferramenta TIC de elaboración propia. Explícase con máis detalle aquí.
A formación TIC do profesorado: xa desde hai tempo, a maioría do profesorado do centro ten instaurada na súa práctica o uso das aulas virtuais, o que nos permitiu continuar con bastante normalidade na situación de confinamento do curso pasado e atender as necesidades do alumnado que este ano non puido asistir de xeito puntual, o que no caso de primeiro e segundo da ESO se fixo a través de E-Dixgal.
A atención á diversidade: na situación tan difícil do curso pasado, fíxose preciso contarmos, máis que nunca, coa colaboración das familias para nos axudasen no control e xestión das actividades do alumnado con menos autonomía. Isto foi posible grazas a FOL, unha ferramenta que nos permite ao profesorado indicar (a modo de axenda) toda a información sobre as actividades que debe realizar o noso alumnado e coñecer tamén as que se indican desde as outras materias e o tempo estimado que lle levará facelas. Este sistema posibilita a coordinación entre o profesorado para evitar propoñer actividades redundantes e sobrecargar o alumnado, pero ademais é de fácil acceso a través da web para todas as familias.
O tratamento integrado de linguas: dinos a lexislación educativa actual que non debemos repetir os mesmos contidos nas distintas materias de linguas (e ás veces con terminoloxía diferente!) e así podemos gañar tempo e centrar o noso obxectivo na mellora da competencia oral e escrita. No Aquis xa fixemos isto hai tempo e que ben nos veu neste curso no que as sesións lectivas foron menos e a ameaza das ABAU sobrevoa sobre os programas inabarcables de segundo de bacharelato!
En fin... poderiamos seguir, pero non hai intención neste artigo de facer un repaso exhaustivo das actividades de innovación educativa, nin das liñas metodolóxicas, nin dos proxectos que levamos a cabo no noso centro (se tedes interese, podedes visitarnos na nosa web), queriamos simplemente compartir a certeza que temos de que a formación permanente é unha necesidade, non unha opción. Agora ben, tamén hai que considerar que as e os docentes somos humanos e os nosos días teñen o mesmo número de horas ca os do resto, que a formación, se se realiza fóra do horario lectivo, moitas veces supón un renunciar á vida persoal que non todo o mundo se pode permitir; obviamente, para que un centro funcione cunhas liñas metodolóxicas innovadoras, o profesorado ten que se formar en innovación, si, pero isto só é posible se se leva a cabo dentro do seu horario lectivo e non como un acto de renuncia á conciliación da súa vida familiar e laboral.
Dixera Saint-Exupéry que «un obxectivo sen un plan é só un desexo». Pois... no caso do profesorado do Aquis Celenis, o noso obxectivo era, e segue a ser, ofrecerlle ao alumnado un ensino de calidade no que podermos dar resposta ás necesidades que van xurdindo..., nós consideramos que termos un plan (un plan de formación) converte este obxectivo nunha realidade, velaí o noso mérito.