English across the curriculum

Este artigo describe un proxecto de catro unidades didácticas con actividades dixitais que presentan como obxectivo común a práctica das catro destrezas para a mellora das competencias comunicativas en lingua inglesa. O material está enfocado ao terceiro curso da ESO, aínda que polas características dos materiais presentados algunhas seccións poden ser usadas en cursos de nivel máis baixo e outras en cursos máis altos.

Bautista Ramos Saíñas
IES Leliadoura (Ribeira - A Coruña)
tista@edu.xunta.es

 

Contextualización

As catro unidades didácticas que conforman o proxecto descrito neste artigo foron elaboradas durante unha licenza por estudos convocada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria durante o terceiro trimestre do curso 2018/19.

O proxecto nace da necesidade de integrar diferentes aspectos propios do currículo de lingua inglesa con actividades cooperativas que faciliten o traballo de investigación e o traballo en equipo, xunto con temas extracurriculares e aspectos culturais relacionados dun xeito ou doutro co tema xeral da unidade nunha mesma unidade didáctica, co que se facilita a avaliación individualizada, a adquisición dos estándares de aprendizaxe, a interdisciplinariedade e a avaliación por competencias. 

 

Ferramenta empregada

Os materiais están elaborados na súa totalidade cunha versión beta da versión 8.4 de Ardora. Vaia desde aquí o meu agradecemento persoal a José Manuel Bouzán, autor da ferramenta, por facilitarme o uso desa versión beta para a elaboración destes materiais e por ser unha fonte constante de inspiración. 

Ardora ofrece multitude de actividades interactivas, multimedia e actividades como as páxinas en servidor que facilitan o traballo colaborativo entre todo o alumnado. Ademais, a integración de todo o deseñado dentro da utilidade «espazo web» realízase de xeito moi doado e dota a todo o conxunto dun aspecto «profesional». A interface de cada unidade é moi intuitiva, funcionando exactamente igual ca como calquera sitio web: na parte superior está a barra de menús, faremos clic nun dos botóns para despregar a lista e escoller a opción desexada.

 

 

A pesar de estar todo integrado nun mesmo espazo, outra das características fundamentais de Ardora é que a súa estrutura modular facilita que cada un dos recursos utilizados pode ser doadamente integrado noutra unidade ou mesmo nunha aula virtual.

 

Obxectivos

- Ensinar a lingua estranxeira co fin de que o alumnado mellore a súa comunicación tanto no plano oral como no escrito. 

- Afondar no uso das TIC como estratexia de aprendizaxe para que poida enfrontarse con éxito a situacións reais de comunicación.

- Desenvolver e dominar de forma integrada as catro destrezas básicas: comprensión oral (listening), comprensión escrita (reading), produción oral (speaking) e produción escrita (writing). 

- Espertar no alumnado a responsabilidade de conseguir a autonomía na súa aprendizaxe. 

- Fomentar o traballo en equipo: webquests, treasure hunts, miniquests.

- Espertar no alumnado a formación en competencias e en valores que os prepare para a resolución pacífica de conflitos, o respecto pola diversidade, a igualdade, o rexeitamento da violencia de xénero etc.

- Fomentar a autoavaliación como ferramenta absolutamente imprescindible para conseguir un progreso eficaz na aprendizaxe.

 

Descrición das actividades

A unidade divídese en nove apartados fundamentais:

1. REVIEW: esta sección permítenos atender á diversidade. Repasaremos contidos propios de cursos anteriores pensando no alumnado con necesidades educativas especiais, adaptacións curriculares, alumnado coa materia pendente e en cada unidade imos poder revisar os contidos xa vistos no curso de terceiro nas unidades previas. 

2. GRAMMAR: en cada unidade trabállase un aspecto gramatical que será o que predomine ao longo de todas e cada unha das diferentes seccións que compoñen cada unidade.

As catro unidades inclúen na sección de «Grammar» material de referencia para poder efectuar unha consulta, como mapas conceptuais, vídeos de creación propia para estas unidades elaborados coa ferramenta Powtoon, ou ben guías de estudo que facilitan a comprensión do punto gramatical específico. Deste xeito foméntase tamén o traballo da competencia Aprender a aprender e proporciónase material para aqueles docentes que desexen apostar polo método flipped classroom. Para darnos unha idea de como funcionan estas guías, observe o seguinte gráfico:

 

 

Ao premer no botón N, as palabras clave, destacadas en grosa no texto, desaparecerán e iso servirá para que o alumnado comprobe se coñece a resposta, o que facilita o estudo.

Facendo clic no botón coa cadea, accederemos a exercicios sobre o tema aloxados nunha páxina web externa.

Por último, o botón co cartafol permítenos dispor dunha nova actividade Ardora para traballar o explicado na guía.

Nestas 4 unidades trabállanse en profundidade os seguintes 4 aspectos gramaticais:

  • Unit 1: simple past vs. past continuous
  • Unit 2: simple past vs. present perfect
  • Unit 3: gerund or infinitive
  • Unit 4: future tenses

Ademais das guías didácticas e das actividades interactivas, todos os menús de «Grammar» conteñen actividades de comprensión oral (listening) e propostas de actividades de produción escrita (writing) e produción oral (speaking) que permitirán afondar no uso do aspecto gramatical que se quere estudar.

3. SONG: neste apartado, faise fincapé na destreza de comprensión oral, pero ao mesmo tempo as cancións seleccionadas serven tamén como «escusa» para seguir afondando na estrutura gramatical traballada. 

4. VOCABULARY: procurouse que ao inicio desta sección e antes de efectuar as actividades interactivas o alumnado dispoña dunha especie de dicionario visual para poder aprender e identificar o vocabulario que se vai estudar. Neste exemplo da unidade 1, ao pasar o cursor por riba de cada elemento aparecerá o nome en inglés; se prememos na imaxe en cuestión, escoitarán como se pronuncia ese obxecto.

Neste outro exemplo (unidade 2), se prememos en cada unha das imaxes, esta amosarase en grande e ofreceranos unha serie de opcións a maiores. Fíxese na imaxe:

 

 

Ao premer en calquera das imaxes, agora temos varias opcións. Coas frechas horizontais podemos ver a imaxe seguinte ou a anterior. Premendo na icona coa nota musical accederemos a un arquivo de son para aprender a pronunciar esa palabra. Se facemos clic na icona coa cadea, accederemos a un vídeo embebido para amosar o deporte de aventura en cuestión. Por último, coa frecha da esquina inferior dereita obteremos unha definición de cada palabra.

Ao igual que vimos na sección anterior, neste menú, ademais das actividades interactivas para repasar e adquirir o vocabulario que se quere traballar, disporemos tamén de actividades de comprensión oral e de produción oral e escrita. 

No apartado de vocabulario de cada unha das catro unidades, hai tamén unha sección chamada «Speech recognition», na cal o alumnado debe resolver as actividades premendo na icona co micrófono e pronunciando a solución. Na guía didáctica e no manual do usuario de cada unha das unidades (menú «Start») ten información abundante sobre o seu funcionamento. Teña en conta que, polo momento, este tipo de actividades só funciona nos navegadores Chrome e Maxthon. 

Nesta ligazón pode ver un vídeo explicativo sobre o funcionamento deste tipo de actividades:

O apartado de vocabulario consta tamén dunha proposta de traballo colaborativo para realizar mediante unha actividade en servidor. Este tipo de actividades require que o docente elabore previamente un xestor de usuarios, para que estes poidan acceder mediante un nome de usuario e un contrasinal e así realizar a súa entrada na tarefa. Na guía didáctica e no documento técnico que aparecen no menú «Start» de cada unha das unidades e na páxina web de Ardora ten información sobre como proceder. Alternativamente, vostede como docente pode optar por elaborar esa actividade mediante outros medios que faciliten a colaboración entre todo o alumnado.

A imaxe inferior amosa a actividade colaborativa da unidade 1. O alumnado debe investigar sobre os últimos e sorprendentes avances tecnolóxicos:

 

Ao premer na imaxe, teremos acceso ao texto que elaborou cada estudante.

Nestas primeiras catro unidades, trabállanse os seguintes temas de vocabulario propios do currículo de Lingua Inglesa en terceiro da ESO:

  • Technology
  • Extreme & Adventure Sports
  • Art
  • Life Events

5. CROSS-CURRICULAR: todas as unidades contan cun apartado extra curricular con relación directa co aspecto do vocabulario que se vai tratar e, na medida do posible, procurouse tratar temas que estean presentes no currículo doutras materias en terceiro da ESO. Iso concédelle un carácter multidisciplinar ás unidades e posibilita que os centros que contan con seccións bilingües ou plurilingües poidan dispor de materiais xa elaborados en lingua inglesa para traballar co alumnado.

Os temas traballados en cada unha das 4 unidades son:

  • Hardware e software (TIC)
  • O aparello locomotor (Bioloxía)
  • O renacemento (Xeografía e Historia, Lingua Española)
  • O auxe e caída do imperio español (Xeografía e Historia)

6. WEB TASK: as catro unidades contan cunha tarefa na que deben investigar na Rede para resolvela. O obxectivo é favorecer procesos de integración da información coa análise e reflexión sobre o aprendido. As tarefas son:

1 webquest (unidade 1): seguindo o modelo de Bernie Dodge, o alumnado debe dividirse en grupos e cada un dos membros dos grupos ten un rol preestablecido. Asemade, proporciónase unha serie de ligazóns para facilitar a procura da información. Na unidade 1, a proposta é elaborar un programa de radio.

2 cazas do tesouro (unidades 2 e 4): neste caso, o alumnado debe responder a unha serie de preguntas sobre un tema concreto. Ao igual ca nas webquest, facilítase unha serie de ligazóns que conteñen as respostas requiridas. Na unidade 2 deben investigar sobre os deportes extremos e na unidade 4 sobre a biografía dunha serie de xente famosa.

1 miniquest (unidade 3): as miniquest pretenden simplificar o traballo das webquest reducíndoas a tres pasos para poder ser realizadas en dúas ou tres sesións. Esta trata sobre as tatuaxes.

7. REAL ENGLISH: neste apartado trabállanse situacións de comunicación que serán útiles na vida diaria. Tal e como vimos en apartados anteriores, propóñense actividades tamén de comprensión oral e produción oral e escrita. Nestas 4 unidades tócanse os seguintes temas:

  • Formular unha queixa.
  • Efectuar unha chamada de emerxencia.
  • Arte corporal (tatuaxes, piercings...)
  • Invitar a alguén

8. CULTURAL SPOT: en cada unidade hai tamén unha sección dedicada a aspectos culturais directamente relacionados con algún dos temas da unidade en cuestión. Este apartado contribúe á adquisición da competencia clave Conciencia e expresións culturais:

  • Dous xenios informáticos: Steve Jobs e Bill Gates
  • Os X-Games
  • Historia das tatuaxes
  • Dez mulleres que cambiaron o mundo

9. MIND TWISTERS: para rematar cada unha das unidades, nesta sección aparecen unha serie de pasatempos e probas de enxeño. Aproveitamos para traballar tamén a competencia lóxica e matemática e rematamos cunha iniciación á programación informática con actividades interactivas.

 

Metodoloxía e organización na aula

As unidades están deseñadas para que funcionen como un libro dixital. Pódense visualizar e/ou descargar desde as seguintes ligazóns correspondentes aos recursos Abalar:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/ud-1-technology

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/ud-2-exploring-limits

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/ud-3-arthttps://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/ud-4-its-my-life

Se vostede como docente descarga a unidade, pode facer uso dela a través dunha intranet (debe ter instalado un servidor local para que funcione correctamente) ou tamén pode subila á aula virtual onde será plenamente operativa.

O enfoque metodolóxico usado ten como obxectivo fomentar a aprendizaxe do inglés mediante a integración das TIC e o uso real da lingua e non só mediante a simple manipulación das actividades; de modo que os procesos de aprendizaxe inclúan procesos de comunicación e integren as catro destrezas. Asemade, preténdese que o alumnado traballe de xeito cooperativo e se responsabilice para realizar as tarefas requiridas nas webquest, cazas do tesouro, miniquest ou os traballos colaborativos.

 

Proposta de desenvolvemento na aula

Cada unidade leva aproximadamente doce sesións (4 semanas).

O profesorado pode facer uso das guías didácticas ou dos dicionarios visuais para presentar o tema de xeito presencial ou se adopta o enfoque flipped classroom, para que o alumnado o consulte desde a casa. A partir dese momento, o docente adopta un papel de guía mentres o alumnado leva a cabo as actividades interactivas propostas. Lembre, en todo caso, que cada recurso pode ser usado de xeito individual.

 

Avaliación

Cada paquete de actividades contén o seu propio sistema de retroalimentación e de autoavaliación, tal e como se explica na guía didáctica que acompaña a cada unidade. 

Como docente podemos facer que esa autoavaliación poida converterse nunha nota de avaliación. Para iso, simplemente debe pedirlle ao alumnado que faga unha captura de pantalla do rexistro de avaliación que acompaña a cada paquete de actividades e que o envíe como tarefa a través da aula virtual. Fíxese na imaxe:

 

 

Se quere optar por un método máis «profesional», pode refacer o espazo web usando o material da unidade, elaborar un xestor de usuarios e facer uso da fantástica nova utilidade de Ardora, o Desktop. Sen necesidade de coñecementos informáticos nin instalación de bases de datos de ningún tipo, poderá ter acceso a un seguimento exhaustivo do realizado polo seu alumnado. Ademais, o alumnado terá acceso en todo momento á puntuación conseguida.

 

Conclusión

Technology, Exploring the limits, Art e It’s my life son catro unidades deseñadas para traballar desde as catro destrezas básicas e desde un enfoque multidisciplinar, a adquisición do inglés como terceira lingua.

Despois da acollida tan positiva tanto por parte de compañeiras e compañeiros de profesión como, e fundamentalmente, por parte do alumnado que debe realizar as devanditas actividades, a intención é seguir elaborando materiais dixitais con este formato e completar dese xeito o currículo de terceiro da ESO.