Ceda o vaso

Plan Proxecta de sensibilización cara á problemática do consumo de alcohol. IES Xesús Taboada Chivite (Verín) – Curso 2019/20
No presente artigo recóllese a experiencia educativa levada a cabo no IES Xesús Taboada Chivite durante o curso 2019/20, dentro do marco «Apuntámonos a non beber» do Plan Proxecta, coa finalidade de análise, interpretación e prevención das consecuencias adversas do consumo de alcohol na vila de Verín e, por extensión, na sociedade.

Fabio Álvarez Castro, Orientación educativa
fabioa@edu.xunta.gal

 

 

Introdución

A vila de Verín, na provincia de Ourense, vese enriquecida pola gran diversidade persoal e cultural da súa poboación, que presenta un status socioeconómico medio. Esta diversidade cristaliza tamén no alumnado do instituto de ensino secundario Xesús Taboada Chivite, no cal desenvolvín as miñas funcións de orientador educativo xunto coa orientadora Lucía Rúa López durante o curso 2019/20. Por aquel entón, e atendendo a estudos de investigación como o levado a cabo pola USC en colaboración coa área de Investigación e Innovación do Complexo Hospitalario de Ourense, o consumo intensivo de alcohol era unha práctica habitual para os mozos e mozas de Verín, ademais esta era unha das localidades con maior consumo deste tipo no total da súa poboación.

Dentro do marco de estratexias para o funcionamento harmónico da comunidade e de integración intercultural dos seus membros, as adicións e, en concreto, o consumo de alcohol presentábanse como factor adverso para unha mellora da convivencia e do benestar persoal.

Foi por estas razóns que o noso centro decidiu participar no Plan Proxecta «Apuntámonos a non beber», cunha clara intencionalidade de prevención e diminución desta práctica na mocidade galega. Consideramos, desde unha base de razoamento realista, que, se ben non estaría nas nosas mans erradicar a presenza desta circunstancia, poderiamos incidir nela de xeito efectivo para mitigala, na medida en que a sorte e o noso acerto nolo permitise. A partir dun traballo de sensibilización de e desde o alumnado dos primeiros cursos, escollido por ter unha idade propensa ao inicio do consumo de alcohol, tratar de chegar a toda a comunidade educativa e, por extensión, á sociedade. Pretensión arrogante, quizais, cimentada cun traballo humilde e dedicado.

Fun o encargado de coordinar un proxecto que aglutinou a atención e o esforzo dos profesores titores dos grupos de primeiro da ESO: Iago Rodríguez Ramos, da área de Francés, Carlos Sánchez Moura, da área de Xeografía e Historia, Juan Manuel Cid Álvarez, da área de Matemáticas e José Ángel Rodríguez Freire, da área de Bioloxía, coa vixilancia e axuda permanentes do director do centro, César Sánchez Pampín, e da miña compañeira Lucía. O espazo de comunicación entre nós, o alumnado e o resto de profesionais afectados permaneceu aberto durante todo o percorrido, recibindo iniciativas en forma de ideas, actividades, modelos de coordinación e difusión interna e externa do proxecto.

 

Planificación

A idea inicial foi a de aproveitar a diversidade de especializacións do profesorado participante para configurar un proxecto transversal, que recollese os distintos enfoques expertos sobre a cuestión. Deste xeito, o coñecemento construído por nós e a nosa amplitude de miras serían maiores para, a partir de aí, articular un xuízo informado e posibles solucións e alternativas.

Nin que dicir ten que a entrega do alumnado seleccionado foi o elemento decisivo, eles e elas tamén achegaron unha perspectiva contextualizada, ancorada nas rúas de Verín que pisan a diario, e ofreceron multitude de ideas, opinións, reflexións e iniciativas que foron o fluxo real do proxecto desenvolvido. Nada se lles pode obxectar en canto á implicación amosada desde o primeiro momento.

Co horizonte posto na redución do consumo de alcohol na mocidade, a curto prazo, e no conxunto da sociedade cara ao futuro, trazamos unhas metas específicas para orientar o noso traballo.

Buscamos fundamentar a nosa acción no coñecemento, investigando sobre as consecuencias que o consumo de alcohol pode provocar no organismo humano, no ámbito biolóxico, nos ámbitos persoal e social en canto á convivencia e relación coas demais persoas, e tamén na esfera económica desde a situación concreta. A utilidade desta información e do proceso de adquirila activa e criticamente pensamos que podería axudar a conformar un criterio propio sobre a cuestión, así como a fornecer as habilidades para resistir as presións grupais e, quen sabe, quizais a manter o compromiso de mellora da situación máis alá do desenvolvemento do proxecto.

Pactadas estas metas, articulamos unha metodoloxía interactiva para inserir os contidos do programa de xeito transversal ao currículo, desde ámbitos como os de Matemáticas, Xeografía, Historia, Bioloxía, Identidade Dixital e Educación Plástica e Visual dun xeito directo, e atinxindo  e reclamando a participación doutros sectores públicos como, por exemplo, a sanidade. Permanentemente axudado e apoiado polos meus compañeiros, deixei un ollo posto na unión sistémica de todas estas achegas para dar comezo á nosa andaina.

 

Actividades

A primeira actividade foi iniciativa do profesor Juan Manuel, que contou coa inestimable axuda das compañeiras do Departamento de Matemáticas Paula e Patricia. Desde unha perspectiva axustada ao contexto do alumnado, propúxose analizar e comparar diferentes posibilidades de consumo de bebidas, indagando sobre as características de cada opción e tamén sobre o gasto real que supoñerían en termos económicos. Para isto manexáronse operacións, táboas e aprenderon novas fórmulas matemáticas.

Ao comezo desta sesión inicial aproveitei para introducir o alumnado nas liñas xerais do programa e explicar a súa mecánica, remarcando a sorte de sermos seleccionados para levalo a cabo. A acollida foi moi positiva.

 

 

A segunda das sesións consistiu nunha charla-coloquio a cargo da exalumna do centro Ana García Nóvoa, estudante do último curso do Grao en Enfermaría na Universidade de Ourense, que estaba a realizar o seu traballo de fin de grao sobre a relación entre a autoestima e os hábitos tóxicos na adolescencia. Ela solicitáralle ao centro a posibilidade de recoller datos do alumnado para a súa investigación e ocorréuseme proporlle a súa participación no noso proxecto en beneficio mutuo. Así foi como xurdiu o xerme da fabulosa conferencia que deu no salón de actos do centro sobre os riscos do consumo de alcohol na xuventude e o consumo social, incorporando ademais pautas para unha alimentación e hábitos de vida saudables e achegando datos moi significativos extraídos da súa experiencia persoal e académica. Entendemos que Ana, que estudara nese mesmo instituto uns anos antes e veciña da vila de Verín, supoñía unha figura de referencia cara ao futuro do noso alumnado. Non nos equivocamos: a acollida dos rapaces e rapazas foi excelente. Participaron e formularon numerosas dúbidas que ela soubo aclarar con proximidade e aptitude, como a enfermeira altamente cualificada que pouco despois amosou ser. Aquí, neste punto, conseguimos a primeira conexión de traballo cooperativo coa contorna.

En canto á obtención de datos sobre o consumo, precisa para o seu traballo final, pasámoslles a enquisa que elaborou aos grupos participantes no noso proxecto na primeira sesión da actividade de Identidade Dixital, nun momento posterior aos grupos de segundo e terceiro da ESO do centro, e de xeito telemático ao alumnado de cuarto da ESO cando xa nos atopabamos en situación de confinamento.

 

Na mesma semana da visita de Ana ao instituto, Pilar Trabazo Arias, do Servizo de Alertas Epidemiolóxicas da Xefatura Territorial de Sanidade e responsable do programa na provincia de Ourense, achegouse tamén impartir unha charla sobre o modo de consumo de alcohol dos e das adolescentes e os seus efectos, incluído o dano que ocasiona no cerebro en desenvolvemento. Obtivemos con isto a nosa primeira inmersión, superficial, na parte biolóxica da cuestión, e tamén unhas pinceladas sobre aspectos da lei galega do consumo de alcohol. Os e as asistentes prestaron atención durante todo o desenvolvemento e formularon dúbidas na parte final.

Recibimos con agradecemento a coincidencia de ambas as actividades nun espazo tan curto de tempo, xa que así, coidando de non solapar contidos, puidemos estender a nosa panorámica sobre a situación: mentres que Ana proporcionaba coñecementos e unha visión axustada ao día a día do alumnado, Pilar facilitaba unha perspectiva máis técnica, froito da súa ampla experiencia profesional no eido. Esta complementariedade redondeou unha exposición introdutoria, aínda que ampla e fonda, sobre a circunstancia nuclear do noso proxecto.

 

O seguinte movemento foi propiciado polo profesor Iago, a quen se lle ocorreu a idea de participar co alumnado do noso proxecto no X Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos impulsado pola Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación. Era unha oportunidade de facer efectivo e visual o traballo de investigación por conta propia, exercitando as competencias dixitais, de sentido da iniciativa e espírito emprendedor e de aprender a aprender, consolidando coñecementos e actitudes integrados no proxecto Ceda o vaso no que xa participaban. Nin que dicir ten que a idea resultou do máis acertada. O alumnado, dividido en grupos de catro persoas, tiña que idear e levar a cabo unha pequena sondaxe no seu contexto que lle permitise extraer conclusións, sistematizalas e presentalas a un concurso con amplitude estatal no que o seu traballo sería valorado. Buscamos parcelar a problemática do consumo de alcohol na vila de Verín, de tal xeito que a pescuda de cada subgrupo ofrecese información nova sobre a cuestión. O alumnado estaba ilusionado coa iniciativa e, dun modo case natural, fluíron ideas variadas sobre temas para indagar. As fases da actividade eran as seguintes: 1.º Presentación: explicación da tarefa que se ía realizar (pasos que había que seguir) e creación dos grupos. 2.º Definición do campo de investigación e comezo do proceso: revisión da problemática, obxectivo/s da enquisa (que se quere conseguir) e creación do modelo de enquisa. 3.º Continuación do proceso creativo e período de obtención de resultados. 4.º Análise dos resultados (causas, posibles solucións, propostas). 5.º Fin da análise e «posta a punto» do documento (formato no que se vai presentar).

Como se pode percibir, o proxecto tiña un carácter proactivo e a súa parte final incluía a elaboración de estratexias alternativas para incidir na problemática estudada. O concurso foi aprazado polas circunstancias da pandemia, lamentablemente, e tamén o desenvolvemento da actividade. Isto non impediu que se chegasen a deseñar os breves cuestionarios estatísticos e mesmo pasar algún deles no contorno máis próximo do alumnado, coa intención engadida de facer partícipe e sensibilizar sobre a cuestión o resto da comunidade educativa (e, por extensión, o resto da poboación da vila).

 

Inseridos na actividade previa, en concreto na sesión introdutoria do proceso, incluímos uns exercicios en forma de xogos breves e variados, que elaborei aproveitando que naquel momento estaba a realizar un curso da Consellería de Educación sobre creación de recursos educativos co programa Ardora. O carácter lúdico desta tarefa tivo un efecto moi positivo sobre o alumnado, o cal amosou agrado e interese na resolución. O obxectivo, ademais de aprender novos contidos xogando, foi o de sacar á superficie e relacionar as nocións previas dos rapaces e rapazas sobre o consumo de alcohol.

 

O profesor Carlos, desde o seu ámbito especializado, preparou unha sesión que consistiu na visión da cuestión que nos ocupaba desde unha perspectiva histórico-social e xeográfica. Ademais de achegar datos moi ilustrativos sobre a «historia do alcohol», contextualizou o seu consumo actual en diferentes partes do mundo, entre elas na nosa sociedade, afondando tamén nas implicacións desta práctica social. A sesión remataba cunha actividade por grupos en forma de Pasapalabra, para afianzar os contidos traballados. A aceptación por parte dos nenos e nenas foi excelente, prestando a súa atención permanentemente, intercambiando impresións e esforzándose a fondo no «concurso» final.

 

Coa situación de confinamento que sobreveu a partir de marzo, tivemos que cambiar de estratexia. A actividade deseñada polo profesor José Ángel, axudado polo seu compañeiro do Departamento de Bioloxía, Javier, foi proposta xa de xeito telemático, cunha presentación virtual acompañada de cuestións para resolver. Versou sobre os efectos do consumo de alcohol no organismo humano. Tomando en conta os resultados, podemos afirmar que foi acollida con interese e dedicación.

O Plan Proxecta no que se enmarcaba o noso proxecto Ceda o vaso tiña pautada a realización dun traballo final, consistente, ou ben na análise dun anuncio publicitario de alcohol, ou ben nunha proposta de contrapublicidade para desaconsellar o seu consumo. Debido á excepcionalidade da situación, promovemos que se fixese de xeito individual e voluntario. Aínda con todo, recibimos numerosas achegas que puxeron de manifesto a implicación e a conciencia e coñecementos adquiridos durante o proceso por parte do alumnado, así como as súas capacidades crítica e artística. O profesor Iago sintetizou parte destes resultados nunha presentación elaborada na plataforma Genially.

Resumindo e condensando, a proposta metodolóxica do noso programa foi de aprendizaxe por proxectos, desenvolvida mediante actividades dinámicas que acadaron a atención e motivación do alumnado, e contextualizadas, buscando promover a súa experiencia práctica e posibilidade de mellora do contorno. Foi un proxecto interdisciplinar con difusión transversal aos obxectivos e competencias propias do currículo.

 

Avaliación

En canto á avaliación, procuramos que fose continua, global e formativa, con criterios de avaliación específicos revisados permanentemente, para valorar o progreso e os resultados. Foi levada a cabo coa participación de todas as persoas involucradas (profesionais e alumnado). Partimos dunha avaliación inicial, realizada a través dunha rutina de pensamento leve asociada a unha chuvia de ideas, que nos permitiu axustar con maior efectividade as liñas conceptuais e metodolóxicas do noso programa. Durante o resto do proceso, promovemos a autoavaliación reflexiva acompañada por dous instrumentos principais: a observación directa e participante, apoiada en ocasións con listas de control, e un cuestionario final para todas as persoas participantes.

 

Conclusións

Botando a vista atrás e revisando as nosas metas iniciais, puiden extraer as seguintes consideracións finais:

- O obxectivo xeral de diminuír o consumo de alcohol e retrasar o seu inicio na nosa vila e no resto da sociedade, razón de ser do programa e nexo conector de todas as accións, actividades e demais obxectivos específicos, foi formulado a longo prazo, polo que non será posible comprobar o seu grao de consecución ata pasados varios anos.  Empregámolo como ideal regulativo para lles dar consistencia e sentido ás nosas actuacións.

- Tampouco fomos quen de percibir tan a curto prazo e de xeito directo se o alumnado participante acadou un aumento das habilidades de resistencia ás presións grupais.

- Aínda así, durante o proceso, puidemos presenciar como os rapaces e rapazas construían paulatinamente un criterio propio sobre a cuestión, a través de novos coñecementos e actitudes, reafirmando, rexeitando ou modificando as ideas previas que traían consigo. Entendemos que desde este criterio será máis doado fornecer ferramentas ou recursos persoais para futuras situacións de aproximación ao alcohol. Agardabamos que a nosa incidencia na súa zona de desenvolvemento próximo (Vygotski define a zona de desenvolvemento próximo como «a distancia entre o nivel de desenvolvemento real, determinado pola resolución independente de problemas,  e potencial, determinado pola resolución de problemas baixo a guía dun adulto ou en colaboración con compañeiros máis expertos) lles permitise obter estes logros e desde logo que non nos defraudaron.

- Consideramos que o efecto prexudicial do alcohol para o organismo quedou suficientemente aprendido. Por outra banda, e tendo en conta que a visión común dos 13, 14 e 15 anos da superestrutura social non está desenvolvida aínda con garantía suficiente como para dar conta do dano do consumo de alcohol no baseamento mesmo da sociedade, cremos que si que foron percibidas, con bastante claridade, a actualidade e as consecuencias sociais derivadas desta práctica. Tamén nós, os profesionais participantes, levamos a cabo un proceso análogo de construción persoal propiciada polo intercambio.

- É por todo isto que mantemos certo optimismo na solvencia da consecución dos obxectivos do plan, malia sermos conscientes de que os perigos das adicións na adolescencia e na sociedade non se palían unicamente con accións ou programas puntuais.

Quero rematar sinalando o compromiso incuestionable, de principio a fin, do alumnado que foi alma deste proxecto. Sentimos moito agradecemento pola súa implicación e xenerosidade no desenvolvemento das actividades. Percibimos a súa motivación en practicamente todas as sesións e advertimos con gran satisfacción o potencial da súa imaxinación e orixinalidade.

A experiencia persoal e educativa compartida polas persoas participantes neste proxecto é algo que lle vai custar ao tempo facernos esquecer.

 

 

Bibliografía: 

 

 

García Nóvoa, A. (2020). Relación de la autoestima con hábitos tóxicos en población adolescente. Escola Universitaria de Enfermería de Ourense (Universidade de Vigo): traballo de fin de grao.

Vygotski, Lev S. (1978). El desarrollo de los procesos psicológicos superiores. Barcelona: Planeta.

https://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta

https://www.sergas.es

https://es.wikipedia.org

 

 

Sección: