En busca dunha biblioteca inclusiva

Atopámonos nunha sociedade moi diversa, cada persoa é única e diferente, polo que non podemos pretender chegar a todo o alumnado da mesma maneira, debemos de adaptarnos a esa diversidade. É por iso que o espazo máis importante da escola, a biblioteca, centro neurálxico da actividade do centro, debe ir en busca da mellor maneira de chegar a esa diversidade e proporcionar o material axeitado atendendo ás características persoais de cada un.

Rocío Rodríguez Conde, coordinadora biblioteca e titora de educación primaria no curso 2019/20
CEIP Emilia Pardo Bazán (Vigo-Pontevedra)
rocio.rodriguez@edu.xunta.es

Introdución

O noso centro, CEIP Emilia Pardo Bazán (Vigo), ao igual ca moitos centros, recibiu unha importante dotación económica incluída no programa de Biblioteca inclusiva para impulsar este espazo e seguir dándolle a importancia que ten para que estea aberto a todo o alumnado, familias, profesores, en definitiva, á comunidade educativa na súa totalidade. Pero para que buscamos isto? Para darlle cabida ao noso labor, que é intentar paliar as desigualdades existentes nos centro entre o alumnado debido a razóns de diversa índole.

É por iso que, tras esta inxección económica, nos vimos na obriga de ir en busca dunha biblioteca o máis inclusiva posible e que permita atender a diversidade, que é un dos obxectivos establecidos no PLAN LIA 2016-2020 de bibliotecas escolares.

 

Etiquetas inclusivas

O PLAN LIA establece que se promoverá a sinalización da biblioteca escolar para facilitar a comprensión por parte de todo o alumnado, tamén daquel que presenta dificultades para a lectura. Ademais dos carteis indicativos da biblioteca, e do gran panel da clasificación decimal universal (CDU) que temos, pensamos que era preciso ir máis aló. Como podiamos facer unha sinalización o máis inclusiva posible e que chegase a todo o alumnado, independentemente das súas necesidades? É por iso que se nos ocorreu pór en marcha unha etiquetaxe inclusiva, a maiores da CDU xa empregada. En que consiste? Empregamos un código de cores de fácil recoñecemento para toda a comunidade educativa:

- Rosa: para os libros con temática inclusiva, nos que ademais usamos  etiquetas de diferentes formas xeométricas, todas elas rosas: cadrados, triángulos, máis grandes, máis pequenas...; empregando como metáfora que, con estas etiquetas pasa o mesmo ca coas persoas, somos únicas e diferentes unhas das outras. Neste apartado, tamén se enmarcan os libros de lectura fácil, como son os que presentan pictogramas.

- O símbolo do Om: esta é unha etiquetaxe especial, xa que no centro se desenvolve un taller de ioga nos recreos e, en colaboración coa mestra que o leva a cabo, mercáronse libros para que tanto o alumnado que acode cada día a relaxarse e coñecerse mellor como o resto poidan localizar mellor eses libros, os que ademais distribuímos nun andel dedicado soamente a eles, co que son máis fáciles de localizar.

 

 

- Violetas: para os libros de temática de igualdade. Esta cor engadiuse tras a iniciativa da Consellería de dotar tanto o noso centro como moitos máis dun orzamento para iniciativas encamiñadas á igualdade, polo que pensamos tamén en mercar material didáctico relativo á temática e agora mesmo contamos cun amplo abano de lecturas.

 

- Laranxa: esta cor destinouse para os libros relacionados con conmemoracións de obrigado cumprimento que aparecen recollidas, anualmente, na orde de calendario escolar da nosa comunidade.

 

- STEAM: estas siglas inglesas (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas) identifican libros relacionados con este tema, xa que no centro levamos a cabo unhas sesións de Inspira Steam para sexto de educación primaria en colaboración coa Universidade de Vigo. Trátase dun proxecto para o fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, polo que esta etiquetaxe xurdiu como consecuencia dunha iniciativa levada a cabo no centro.

Debido a que esta é unha ardua tarefa que supón tempo de busca de todo este material entre os andeis da biblioteca, non están aínda todos os libros relacionados coas devanditas temáticas catalogados con estas etiquetas inclusivas. A medida que os libros van saíndo para que os nenos e nenas gocen con eles nas mans, imos revisando, pouco a pouco, coa axuda tamén dos auxiliares de biblioteca, e engadindo estas novas etiquetas que tanto éxito están tendo na biblioteca. Tamén, a medida que van xurdindo novas temáticas que se poidan diferenciar, aparecerán máis etiquetas, seguindo a demanda tanto do alumnado como do profesorado ou das situacións que veñen en camiño.

 

Para que todo isto?

Tanto esta como outras propostas veñen darlle cabida ao ditaminado pola Administración. Seguindo o establecido na Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, entendemos como accesible a «condición dun contorno, produto ou servizo que se axusta aos requirimentos funcionais, dimensionais, de iluminación e de comunicación que garantan a súa utilización autónoma, segura e con comodidade para todas as persoas». É así como intentamos buscar vías en prol dun material accesible a todo o alumnado, independentemente das súas características. Considerámolo un material baseado no deseño universal, é dicir, accesible a todo ao alumnado e que permite darlle resposta á diversidade.

 

Unha chea de iniciativas inclusivas

A maiores da etiquetaxe, debemos sinalar como unha inxección moi importante a achega económica recibida para dotar a biblioteca de recursos inclusivos. Puidemos investir en material tecnolóxico como:

  • Catro tabletas, para as que mercamos despois, co orzamento do centro, un armario para gardalas e poder cargalas e custodialas. Nelas buscamos que o alumnado, a través de diversas apps, poida traballar a atención, a lóxica...
  • Un encerado dixital que levamos para a biblioteca de infantil, xa que o consideramos un espazo máis acolledor para visionar curtas nas conmemoracións ou talleres de contacontos.
  • Libros relacionados coa temática inclusiva, moitos deles de lectura fácil con pictogramas.
  • Xogos de lóxica, como son os de «Ingeniosamente», para todas as idades.

A maiores da dotación recibida dentro do programa Bibliotecas inclusivas, co orzamento do centro máis a contribución de PLAMBE para este curso, fomos ampliando esta biblioteca inclusiva. É así como mercamos diversidade de xogos: damas, cartas... e o xogo estrela, o xadrez. Por que o chamamos xogo estrela? Porque resultou o gañador da biblioteca por goleada, tanto foi así que comezamos a facer pequenos torneos. Tivemos varios niveis de xogadores, xa que nos atopamos con xogadores expertos e outros que, incentivados pola curiosidade foron pasando pola biblioteca para coñecer este magnífico xogo. É así como os alumnos e alumnas recibiron formación por parte dunha das mestras do equipo de biblioteca sobre como xogar e os movementos que facer. Pareceunos un éxito este xogo que, ademais, tantos beneficios ten para o noso alumnado:

  • Potencia a memoria.
  • Facilita a concentración.
  • Axuda na resolución de problemas.
  • Mellora a capacidade lectora.

 

 

Tamén seguimos mercando libros relacionados coa educación inclusiva, coa igualdade, coa convivencia... Parecéronnos moi importantes os contos ilustrados, que serven tanto para infantil como para os maiores do centro, para traballar as emocións, a autoestima e o autoconcepto, aspectos básicos que cómpre traballar desde a escola.

Relacionado con este traballo das emocións, puxemos en funcionamento o «recuncho de música», un espazo diferenciado na biblioteca onde, cuns cascos e cuns coxíns para sentar, o alumnado escolle a música que quere escoitar durante ese tempo. Neste pequeno recuncho tamén se traballa a importancia do silencio e de sentir a música, así como a orde porque deben de manter o espazo ben recollido e os discos de música na súa correspondente caixa. Para este importante labor, o cal lles custa cumprir en ocasións, é moi importante o labor dos auxiliares de biblioteca que nos axudan nos recreos.

Como xa dixemos, unha das nosas funcións é compensar as desigualdades sociais e culturais da comunidade educativa que non ten acceso a determinados recursos. É por iso fundamental o labor que se leva a cabo tanto nos recreos como a apertura da biblioteca pola tarde para que acudan os nenos e nenas coa finalidade de dispor dos recursos precisos para levar a cabo as súas tarefas e tamén para poder gozar de cada unha das palabras que se agochan entre as páxinas dos libros dos andeis e que teñen por descubrir.

Fundamental tamén neste labor inclusivo, e que xa se leva resaltando ao longo destas liñas, é o traballo dos auxiliares de biblioteca. O alumnado de quinto e sexto é o encargado de axudar nos recreos a manter a orde e silencio na biblioteca. Trátase dun grupo de rapaces e rapazas moi involucrados coa súa misión. Nada máis chegar á biblioteca poñen o seu chaleco e o seu identificativo para cumprir a súa misión. A maiores disto, son un excelentes colaboradores co centro de día próximo ao colexio xa que adoitan acudir para cantar panxoliñas no Nadal, cantar nalgún aniversario ou facer un intercambio co aprendido no PDI do centro, ademais de lles preparar con moito agarimo algún agasallo para eles e elas que, cun marabilloso sorriso, reciben de bo grado.

 

Recomendacións lectoras

A continuación faise unha pequena lista daquelas recomendacións que se consideran imprescindibles para toda biblioteca inclusiva:

  • Brenman, I. (2011). Las princesas también se tiran pedos. Editorial Algar.
  • Díaz Reguera, Raquel (2017). Cuando las niñas vuelan alto. Beascoa.
  • Díaz Reguera, Raquel (2017). Las niñas serán lo que quieran ser. Beascoa.
  • Díaz Reguera, Raquel (2017). ¿Hay algo mas aburrido que ser una princesa rosa? Thule Ediciones.
  • GustI, Alicia Acosta (2018). Vivan las uñas de colores. Nubeocho Ediciones.
  • Lionni, Leo (2005). Pequeno azul e pequeno amarelo. Ed. Kalandraka.
  • Palacio, R. J. (2017). Wonder, todos somos únicos. Nube de Tinta.
  • Ruillier, Jerome (2014). Por cuatro esquinitas de nada. Editorial Juventud.
  • Saiz Abad, Raquel (2008). Chuzos de punta. OQO Editora.
  • Snel, Eline (2013). Tranquilos y atentos como una rana. Editorial Kairós.
  • Tiran, Miriam (2018). Tengo un volcán. Carambuco.
  • Turín, Adela (2012). Rosa Caramelo. Kalandraka.
  • Villar Janeiro, Helena (2019). Fina a pirata. Galaxia.

 

Conclusións

O camiño á inclusión é un camiño longo, pero do que debemos aprender a diario, ese é o noso labor docente. Quedan moitas cousas pendentes por facer,  por implementar e por mellorar... Esperamos seguilo facendo o vindeiro curso.

 

Bibliografía: 

 

 

Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.

Plan LIA 2016-2020.

Echeita, G. (2017). Educación inclusiva, sonrisas y lágrimas. Aula abierta, 46, 17-24. Recuperado de https://reunido.uniovi.es/index.php/AA/article/view/11982/11044

Guillén, Jesús (2017). Neuroeducación en el aula: De la teoría a la práctica. España: Create Space.

Mora, Francisco (2017). Neuroeducacion: solo se puede aprender aquello que se ama. España: Alianza Editorial.

Peix Cruz, Susana (xaneiro-xuño 2014). Bibliotecas inclusivas, bibliotecas para todos. Boletín de la asociación andaluza de bibliotecarios, 107, xaneiro-xuño 2014, pp. 42-49. Recuperado de: https://sid.usal.es/idocs/F8/ART21608/peix.pdf

Sección: