Xeografías lectoras na biblioteca escolar

Atravesar o mapa da lectura pode facerse desde distintas ópticas, comezar a viaxe desde distintos portos
Xeografías lectoras na biblioteca escolar convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...

Consuelo Gundín e María José Pousa
Asesoría de Bibliotecas Escolares

 

 

O lema e o cartel publicado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade (Asesoría de Bibliotecas Escolares)  para as bibliotecas escolares de Galicia cara a este curso 2020/21,  «Xeografías lectoras na biblioteca escolar», quere poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon á disposición da comunidade educativa.

 

 

O lema e o cartel  de Bea Lema –que nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír–  chega  nun curso tan atípico coma o que cargamos sobre as nosas costas, coma Atlas, para volver á orixe de todo isto, ao fundamental, «mapear» a lectura, buscar toda a súa potencialidade.

 

 

Porque concordaremos en que, neste noso tempo presente, onde temos acoutado o espazo físico polo que nos podemos desprazar, a  lectura  non pode ser flor dun día ou cuestión soamente das materias de Lingua ou da Hora de Ler, verdade?

É volvendo ás orixes, no ano 2006 arranca o programa Hora de Ler facendo fincapé na necesidade de poñer en valor a experiencia da lectura, mellorar os hábitos lectores da poboación escolar e estimular a lectura comprensiva e a autonomía das persoas lectoras.

A partir dese curso, publicáronse lemas e carteis anuais que convidaban a explorar todas as posibilidades da lectura:

 

Lecturas en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...

Pódese cartografar a lectura con varios instrumentos:

  • Con lecturas que convidan a viaxar, que nos permiten chegar lonxe sen movernos da escola (ou da casa).
  • Con lecturas que nos levan á exploración e á investigación.
  • Con lecturas que axudan a incentivar o inconformismo, a necesidade de coñecer outros mundos, de ampliar a nosa visión, de «ler o mundo».
  • Con lecturas que nos axudan a coñecer ao outro.
  • Con lecturas que constrúen o nosa identidade lectora, a nosa xeografía literaria.
  • Con lecturas reparadoras e «curadoras», que achegan a práctica da lectura desde o propio corpo.
  • Con lecturas que relacionan literatura e cartografía, de mapas reais e imaxinarios.

Toda lectura é, á fin, unha viaxe. Saír de viaxe e ler un libro obedecen á mesma pulsión: o desexo ou a necesidade de abrir unha paréntese na vida cotiá, romper coa rutina, coñecer outros lugares, vivir novas experiencias, ser outros. Regresar, como pechar o libro, supón a volta á vida de cadaquén, pero cunha maior bagaxe: coñecementos, palabras, imaxes, sons, inquedanzas, emocións... son os souvenirs lixeiros que se foron engadindo á equipaxe de saída.

Marcapáxinas

 

Ao longo destes anos, nas bibliotecas escolares foron promovéndose actuacións en prol do traballo coa lectura: a Hora de Ler, as mochilas viaxeiras, as lecturas compartidas, os apadriñamentos lectores, os clubs de lectura, as recomendacións lectoras, as lecturas apoiadas…

Pero non esquezamos que cada libro que o alumnado ten a oportunidade de ler é unha ocasión para ampliar a súa imaxinación e aumentar os seus coñecementos, de aí a importancia da selección de lecturas que se pon ao seu alcance. A nosa responsabilidade é poñer en mans do noso alumnado a verdadeira literatura, afastándonos de modas e correntes.

Este curso, no que celebramos os 15 anos do Plan de mellora de bibliotecas, editouse, en colaboración co profesorado responsable de bibliotecas escolares, unha selección de LIX galega con títulos que son referentes de lectura e forman parte do imaxinario do lector e da lectora que foi medrando, na nosa lingua, xunto coa rede de bibliotecas escolares galegas. Unha mostra, pequena, da importancia da selección de lecturas na construción de persoas lectoras.

Cartel 15 anos Lix Galega

 

Por outra banda, aquelas constelacións literarias das que Guadalupe Jover nos falaba xa en 2009 seguen sendo un desafío potente e de alto interese para calquera comunidade educativa da nosa xeografía.

A Asesoría de Bibliotecas Escolares fixo unha proposta en maio de 2018 centrada na obra de María Victoria Moreno, homenaxeada aquel ano nas Letras Galegas. Trátase dunha selección de títulos que se vinculan, a modo de «constelación literaria» con outros libros referenciais da literatura infantil e xuvenil galega, con base en distintos criterios (temática, personaxes comúns e outros).

 

Constelación literaria MVMC

 

A achega das bibliotecas escolares pode ter outros formatos: naquel caso concreto escollemos o da árbore porque á autora de nena lle gustaba poñerlles nome ás pólas das árbores.

Algunhas das actividades que se poden facer son:

  • Seleccionar os temas, autores, clásicos… que se queren abordar.
  • Seleccionar os textos (literarios e non literarios: imaxes, cine, videoclips, anuncios publicitarios, xornalísticos, ensaio, divulgativos, gráficos…).
  • Explicitar a vinculación entre os textos seleccionados. Convidar a ampliar a selección coas súas propias lecturas ou experiencias previas (cine, cómics…).
  • Ler textos escollidos para traballos en pequeno e gran grupo.
  • Realizar propostas de creación (escrita, plástica, fotográfica, dramática, audiovisual…) que obriguen a que interaccionen uns textos con otros, uns personaxes con outros…
  • Organizar sesións de diálogo/faladoiro sobre textos concretos ou temáticas que se desexen abordar, logo da súa lectura.
  • Propoñer investigacións sobre un personaxe e crear un monólogo ou entrevista imaxinaria ou biografía.

Descubrimos que os libros se relacionan uns con outros de mil maneiras, levan uns a outros por mil camiños, comunícanse –por amplos corredores ou portas secretas– como as salas dun pazo inmenso, forman parte dun organismo vivo e en continuo desenvolvemento, son follas dunha mesma árbore. Descubrimos a literatura, nunha palabra. Non como materia escolar, non como catálogo de títulos e autores, senón como mundo animado, como universo. Descubrimos a galaxia Gutenberg, moi anterior ao ciberespazo e mellor cartografado, aínda que non por iso menos rico en sorpresas e aventuras. E ao converternos en libernautas accedemos, entre a infancia e a adolescencia, ao noso primeiro territorio libre. Carlo Frabetti (Liberespazo)

E para rematar, sería importante e necesario reflexionar arredor do cambio nos hábitos de lectura durante esta pandemia. Facelo  axudaranos a comprender a nosa propia xeografía lectora e lembrar a importancia daquelas primeiras aprendizaxes que fixemos sobre a lectura: o que, o como e o onde? Indagar en que era o que o noso corpo precisaba da lectura: información, evasión, encontro… en como levamos á práctica a lectura: papel, pantalla, relecturas... e onde o facemos: a importancia do noso espazo, de atopar un lugar de encontro no que compartir o lido…

Quizais estas reflexións nos axuden  a enfrontar a necesaria e privilexiada tarefa que temos, que nos axude mellor a comprender o noso mundo e o mundo dos outros.