Betanzos, 800 anos

Historia condensada dun ano de traballo por proxectos
No 2017/18, o primeiro no que participabamos nun PFPP, traballamos sobre mulleres científicas. A nós, que non sabiamos traballar por proxectos, os resultados e a nosa ousadía, trouxéronnos o V Concurso de Traballos por Proxectos. No 2019 non houbo debate: a vila de Betanzos conmemoraba o 800 aniversario do traslado da cidade. Así chegamos a lograr o premio co noso proxecto documental integrado Betanzos, 800 anos.

Julián Ferrer García, profesor de Xeografía e Historia
julian.ferrer@edu.xunta.es
María Jesús Santamariña Núñez, profesora de Bioloxía e Xeoloxía
chussantamarina@edu.xunta.es
María Carmen Suárez Moledo, profesora de Lingua e Literatura Galegas
msmoledo@edu.xunta.es
IES Francisco Aguiar (Betanzos - A Coruña)

 

O 13 de febreiro do ano 1219, o rei Afonso IX asínalles un privilexio aos habitantes de San Martiño de Tiobre, hoxe Betanzos Vello, polo que lles permite o traslado á croa do Castro de Untia, territorio pertencente ao mosteiro de Monfero. O 13 de febreiro de 2019 fixéronse 800 anos dese traslado e, polo tanto, o inicio do que será a futura vila de Betanzos, na que está situado o IES Francisco Aguiar e á que pertence a maioría do noso alumnado. Comezaba un ano de celebración institucional desde o Concello de Betanzos que obrigaba a botar a ollada en tres direccións diferentes, e das que nós, ensinantes, tiñamos obrigatoriamente que participar: mirar o pasado para coñecer a historia e a importancia desta vila no desenvolvemento de Galicia desde o século XIII; mirar o presente, de maneira crítica, analizando aspectos urbanísticos e sociais; mirar o futuro para saber cara a onde camiñamos e cales son as vías máis convenientes para facelo co fin de protexer o patrimonio, o contorno natural e as manifestacións culturais.

 

 

Poderiamos dicir que así comezaba o noso traballo por proxectos Betanzos, 800 anos, que sería merecedor de premio na VI convocatoria organizada pola Asesoría de Bibliotecas Escolares; pero iso non sería de todo certo. Para chegar ata aí, temos que mencionar os pasos dados cara a unha maneira de traballar que se foi conformando ao longo de varios anos, que comezou, quizais, cando a biblioteca propoñía actividades, que resultaban máis vistosas e eficaces cando na súa execución participaban varios departamentos: confección de minilibros, que esixía a coordinación de tecnoloxía, EPV e das linguas; o Safari fotopoético no que colaboraban EPV e lingua galega, por poñer só algún exemplo.

 

Safari fotopoético. Fotografando a poesía

 

Pero, sen dúbida, o xermolo está na realización da Semana da Ciencia e da Tecnoloxía. No curso 2012/13, un grupo de profesores e profesoras dos departamentos de ciencias pensaron en organizar unha semana na que se lles dese visibilidade ás actividades científicas e de tecnoloxía que se desenvolvían no centro. A idea consistía en que, ao longo desa semana, á que chamaron Semana da Ciencia e da Tecnoloxía, o alumnado de ciencias e de tecnoloxía exercese como monitor ante o resto do alumnado poñendo en práctica coñecementos adquiridos previamente. Cada ano ía aumentando o número de departamentos implicados e a oferta de actividades tamén se incrementaba. Por primeira vez propúxose unha temática común –o turismo sustentable– e algunhas das actividades xiraron arredor desta temática. Pero faltaba un elo, un fío condutor, que entrelazase esas iniciativas individuais ou de pequeno grupo, e iso chegou no curso seguinte, 2017/18, cando se elixe indagar sobre o papel da muller no campo da ciencia e da tecnoloxía. Comezouse así un traballo colaborativo que tiña como obxectivo, ademais de traballar os contidos curriculares, concienciar nas desigualdades de xénero no campo da ciencia e a tecnoloxía, ao longo da historia e tamén no momento actual (poucas son as alumnas que elixen a modalidade de bacharelato tecnolóxico no noso centro). A elección deste tema abría moitas posibilidades: afondar no tema da igualdade, cederlles protagonismo ás rapazas converténdoas en monitoras, indagar nas circunstancias das vidas e do traballo destas mulleres silenciadas en favor dos seus compañeiros homes, ficcionar sobre as circunstancias das súas vidas. Implícanse 29 profesores e practicamente todos os departamentos didácticos, que desenvolven 27 actividades que afectarán á maioría do alumnado do centro. Estaba en marcha o traballo por proxectos Ciencia en feminino: a muller na ciencia e na tecnoloxía. As primeiras reunións en gran grupo eran eficaces para a proposta de ideas, que logo, xa en grupos máis reducidos, se ían perfilando. Empregamos as posibilidades do Google Drive para dar a coñecer as diferentes propostas, compartir información, gardar os materiais elaborados e, finalmente, na VII Semana da Ciencia e da Tecnoloxía o centro ponse do revés con demostracións científicas, traballos de investigación, de creación literaria, charlas, conferencias, exposicións. E tan mal non o debemos de facer porque o noso traballo, o primeiro que realizabamos conscientemente como un proxecto integrado de centro, recibía o recoñecemento ao ser premiado na V Convocatoria de Traballo por Proxectos.

E chegamos así ao noso segundo proxecto didáctico integrado, Betanzos, 800 anos, un reto ineludible e, en certa medida, un regalo tentador. As posibilidades que ofrecía eran enormes e só tiñamos que aplicar o aprendido con respecto á organización. Ademais de traballar os contidos curriculares, permitíanos darlle a coñecer ao noso alumnado a realidade do seu contorno próximo, a súa vila, e proxectar eses coñecementos a todas as áreas de coñecemento posibles. A elección do tema abría moitas posibilidades: saír á rúa, experimentar, trazar proxectos, medir, coñecer no propio medio, fixar a mirada nun patrimonio que se deteriora, reflexionar sobre a cidade que queremos para o futuro e aproveitar como fontes de información os especialistas do noso arredor. Betanzos podía ser estudado desde todas as áreas de coñecemento: historia, xeografía, bioloxía, tecnoloxía, matemáticas, física, química, literatura, arte, estratexias comerciais, educación física... só había que aplicar os contidos curriculares á realidade máis inmediata e próxima ao alumnado.

 

Betanzos nas mans, construíndo pontes

 

A continuidade no PFPP é o contexto no que se realiza o proxecto. Participan 34 profesores e profesoras (50 % do claustro). Comezan as reunións en gran grupo, aparecen as primeiras ideas, xorde información que moitos descoñeciamos e vanse trazando as primeiras posibilidades de traballo (actividades, grupos encargados da súa preparación, grupos aos que ían dirixidas, materiais que se precisaban, necesidades de formación, espazos...). Nun documento de Google Drive especifícanse as actividades, o profesorado e grupos implicados, os contidos curriculares, criterios de avaliación, competencias que se traballan, o produto final e as fontes de información precisas. Ábrese a posibilidade á colaboración con asociacións, culturais e de empresarios; institucións, en especial o Concello; e especialistas do noso arredor, que serán a nosa mellor fonte de información. Tres son os momentos fundamentais nesta colaboración:

 

O proxecto sae á rúa

 

Iniciamos o proxecto co concurso Betanzos en detalle, coa intención de fomentar o coñecemento e conservación do núcleo histórico. Colaboran o Concello de Betanzos, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos Centro Comercial Aberto (ACEBE-CCA) e o IES Francisco Aguiar. Ao longo de seis meses publicaranse cinco fotos mensuais e unha pregunta no xornal Betanzos e a súa comarca, no taboleiro instalado para tal fin no Edificio Liceo e na páxina web do IES Francisco Aguiar. As fotos foron tiradas durante cursos polo alumnado de EPV, que sempre tivo unha teima na transmisión da deterioración do núcleo histórico e na necesidade da súa recuperación.

 

Ruta medieval, traslado da vila

 

O 12 de febreiro, véspera da celebración institucional do traslado da cidade, organizamos unha ruta Betanzos, 800 anos co alumnado do primeiro ciclo da ESO. Iniciamos a ruta coa lectura do privilexio outorgado polo rei Afonso IX, diante da igrexa do antigo enclave, en Tiobre, e posteriormente reproducimos o camiño realizado polos antigos habitantes, vestidos de época, acompañados de interpretacións musicais ata chegar á igrexa de Santa María de Azougue. Diante da praza do Concello somos recibidos pola alcaldesa e polo concelleiro de Cultura que nos reconfortan cunha pequena merenda logo do camiño. Alí interprétanse vellas danzas gremiais, recuperadas pola Escola Municipal de folclore de Betanzos e grupo Azougue ao que unha parte importante do noso alumnado pertence.

Xa rematando o curso, participamos nas balconadas, actividade que se vén organizando bienalmente, os anos pares, e que este ano ten unha convocatoria extraordinaria con motivo do aniversario e que atrae importantes artistas plásticos de fama mundial. O Departamento de EPV elabora un fermosísimo proxecto que consiste na recreación do calendario medieval dun capitel da igrexa de Santa María de Azougue, no rosetón desa mesma igrexa, parte do logo oficial da celebración.

Entre esas tres datas vaise desenvolvendo o proxecto. Aténdese ás necesidades de formación, tanto para alumnado como para o profesorado, e trázase un calendario de exposición dos resultados das diferentes actividades, facéndoos coincidir con momentos clave ou que xa se viñan celebrando, por exemplo, a ruta Betanzos en feminino, con motivo do 8 de marzo (ruta ofrecida polo Concello que pon de relevo o labor das mulleres na conformación da cidade) ou aprovéitase a Semana da Ciencia e da Tecnoloxía, a inicios de maio, para mostrar Betanzos desde unha perspectiva científica.

Todo o alumnado do centro, incluído o alumnado do ciclo superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais, participou no proxecto. Todos investigaron e crearon materiais, tanto informativos como artísticos, e en moitos casos o propio alumnado expuxo o resultado das súas investigacións aos compañeiros e compañeiras doutros cursos. Póñense en práctica arredor de 40 actividades que esixen camiñar a cidade, fotografala, falar cos seus habitantes para coñecer a historia, medila, estudala matematicamente, recreala a través da poesía e o relato, investigala cientificamente, indagar no seu pasado, analizar as súas carencias urbanísticas, deseñar camiños seguros. En definitiva, coñecela e educar así cidadáns responsables e activos.

 

Camiñar a cidade e os seus contornos

 

O proxecto saíu dos muros do IES e trasladouse ás familias, aos veciños, ás asociacións culturais e ás institucións. Tivo repercusión na prensa e incluso a TVG, no seu programa A Revista, se fixo eco da actividade Camiños de futuro, talleres con estudantes e profesores da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña.

A magnitude do proxecto queda recollida nesta recompilación e en cada un de nós a satisfacción de participar nun traballo ben feito, no que todos aprendemos.

Xa en setembro, o noso compañeiro Julián Ferrer ensambla a historia de Betanzos coas fotografías realizadas polo alumnado de terceiro da ESO na materia de EPV neste VÍDEO  e esta será a última parada do noso percorrido por Betanzos.

E así foi como chegamos ao noso segundo premio no VI Concurso de Traballos por Proxectos co noso proxecto documental integrado Betanzos, 800 anos.

 

 

Sección: