As ideas medraron na gaiola

Marta Cameselle Barge
martacamesellebarge@edu.xunta.es 
CEIP Nicolás del Río (Cedeira - A Coruña)

 

 

A partir do mes de marzo pasado, a nosa escala de prioridades mudou cara a un enfoque máis práctico da vida e tamén o fixo en educación.

Unha vez superada esa primeira sorpresa pola desconcertante e incerta situación que se nos viña enriba, un grupo de mestres do centro decidimos seguir adiante coas ideas e proxectos que tiñamos en mente e mesmo foron xurdindo polo camiño outras posibilidades que a nova situación nos ofrecía, e que acollemos sen saber moi ben en que se traducirían finalmente.

O noso centro pretende ser un lugar motivante, atractivo e integrador. Supoñemos que o mesmo pretenden outros mestres doutros tantos centros  que hai na nosa comunidade.

Cremos firmemente que a escola é ese espazo máxico onde se compensan as desigualdades da nosa sociedade. E aínda que nos últimos cursos xa comezamos a converter en realidade moitas das nosas ideas, foi a partir da situación de confinamento, provocada pola covid-19, cando moitos dos nosos espazos comezaron a mudar e a adaptarse a esa nova escola que temos en mente, e que será a encargada de cumprir ese soño de escola creativa, inclusiva, con igualdade de oportunidades e motivadora, esa escola que reciba aos nosos nenos e nenas e que saiba motivalos, de tal xeito que as súas potencialidades sexan desenvolvidas e os axuden a encarar a vida con seguridade e ilusión. E esa é a nosa misión como mestres, transmitir esa ilusión, incluso nas peores situacións.

Unha vez confinados e solucionando o problema da comunicación coas familias, tema preocupante de primeira orde, decidimos non quedar de brazos cruzados. As clases non presenciais a través da aula virtual, da plataforma EVA no caso de E-Dixgal, e as videoconferencias ocupaban o noso día a día. Os novos formatos de aprendizaxe en liña, a nosa formación como docentes e todas as novidades que ían xurdindo foron un desafío diario, constante, sempre coa inquedanza do novo, do imprevisto, pero sempre con ganas de superalo.

Así, decidimos seguir medrando e aproveitamos a presenza no centro de varios mestres para reconverter espazos mortos, invadidos polo abandono e as humidades, en espazos cheos de vida e posibilidades educativas. Unha das tarefas máis importantes foi converter os patios interiores nunha horta escolar, con diversos socalcos de plantación e un invernadoiro, para traballar cos alumnos dos distintos niveis educativos.

 

 

A reconversión doutros dous patios en patios vivos de xogo simbólico con cociña e lavadoiro. Outro dos recunchos transformouse en espazo de lectura ao aire libre. Fomos aplicando todas a ideas que foron xurdindo, xunto coas recollidas nas viaxes dos proxectos Erasmus e as xeradas polas actividades programadas desde a nosa biblioteca: creamos un recuncho de cociña e unha aula de ensaios de teatro (auditorio) con módulos bancadas-librería.

 

 

O curso pasado, o noso proxecto de formación en centro (PFPP) tiña como eixe principal a radio escolar. A nosa formación con este recurso educativo, a través do CFR de Ferrol, viuse truncado pola irrupción da covid-19 e mesmo nos vimos obrigados a seguir coa formación en liña. Contamos para o seguimento da actividade con Isidoro Valerio (Radio Voz Ferrol) nun primeiro momento e con Luis Losada (Radio Espora) para continuar a formación.

 

 

Atopamos nos podcast de radio un excelente recurso para comunicarnos coas familias e animalas a compartir con nós os proxectos de centro. Así, desde as casas, as familias colaboraron cos pequenos e gravaron o que ía acontecendo, logo enviárono ao centro e aquí fixemos a montaxe na canle de IVOOX, para despois edítalo e que todos o puidesen escoitar. Foi nese momento de incerteza cando todo o que iamos aprendendo o aplicamos ás situacións que ían xurdindo, e acadamos así unha estreita colaboración coas familias e o alumnado mentres durou o confinamento.

Os podcast gravados pódense escoitar nas seguintes ligazóns:

Podcast gañador premio radio bibliotecas escolares na nosa categoría

Anuncio sobre a nosa feira dos libros que se ía realizar xusto cando pecharon as escolas

 

Ligazón á entrevista de Radio Voz Ferrol

 

 

Consideramos sempre de especial relevancia crear eses espazos que ilusionen a comunidade educativa, para propoñer actividades onde todos teñan cabida, desenvolvan habilidades e se sintan protagonistas. Á volta do confinamento puidemos desenvolver os obradoiros grazas aos espazos creados durante o confinamento.

Tamén fixemos realidade o protocolo de reciclaxe elaborado meses antes polo alumnado de cuarto de educación primaria, con papeleiras de reciclaxe personalizadas, por todo o centro.

Todas estas accións que levamos a cabo durante o confinamento non serían posibles sen o estupendo equipo que conforma o claustro, a súa ilusión e as ganas de seguir adiante. A elevada porcentaxe de persoal de profesorado con destino definitivo no centro tamén axuda.
Antes de rematar, queremos agradecer as colaboracións de formación por parte de Bibliotecas Escolares de Galicia, CFR e Concello de Cedeira.

 

 

 

Sección: