Proxecto “Somos Auga”: de presencial a virtual

Un proxecto interdisciplinario e anual realizado no curso 2019-20 no CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño) que rematou de xeito non presencial, coa colaboración das familias e utilizando diversos medios telemáticos.

Aurora Ramilo Alfaya
ramiloalfaya@edu.xunta.gal
Mª Begoña Muñoz Rodríguez
begomr@edu.xunta.gal
CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño - Pontevedra)

 

Hai oito anos, no curso 2012-2013, tras identificar as fortalezas e necesidades do centro, decidimos participar nos Plans de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) ofertados por primeira vez pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Pretendiamos adaptarnos aos retos educativos que, cos cambios lexislativos en materia de educación, se nos ían presentando, en particular a innovación metodolóxica e a súa posta en práctica. Deseñamos un plan de formación propio, sendo asesorados e apoiados en todo momento polo Centro de Formación do Profesorado de Vigo.

Deste xeito decidimos participar primeiramente e de forma moi tímida, nunha única liña de traballo que duraría tres cursos escolares (2012-2013, 2013-2014 e 2014-2015): Atención á diversidade e ao éxito escolar, promovendo a innovación, reflexión e avaliación da práctica educativa que propicie melloras metodolóxicas para o desenvolvemento das competencias básicas, do traballo cooperativo do profesorado así como dos cambios organizativos; liña de traballo asociada ao itinerario Aprendizaxe Cooperativa: Introdución, sistematización/xeneralización e consolidación da Aprendizaxe Cooperativa.

Durante estes tres cursos levamos ás aulas as nosas aprendizaxes, buscando a mellora da calidade educativa e os resultados escolares do alumnado. Tras a avaliación satisfactoria por parte do profesorado, e aproveitando a ampla participación (aproximadamente o 90% do claustro participou no PFPP), decidimos participar nun segundo Plan. Neste segundo Plan desenvolvido durante os cursos 2015-2016 e 2016-2017, a liña de traballo escollida foi a de Programación, desenvolvemento e avaliación de competencias clave segundo os novos currículos; no itinerario Aprendizaxe Cooperativa e Competencias Clave.

Desta volta afondamos na aprendizaxe cooperativa, e integramos e avaliamos as competencias clave na aprendizaxe a través do deseño e implementación de tarefas integradas. Con esta formación enriquecemos a nosa oferta educativa e sobre todo metodolóxica, posibilitando a convivencia do ensino tradicional con novas metodoloxías activas e cooperativas.

Durante os cursos 2017-2018 e 2018-2019, no terceiro PFPP, démoslle continuidade ao plan anterior escollendo como liñas de traballo o Desenvolvemento curricular no marco do modelo competencial e a Escola Inclusiva e a atención á diversidade; e como itinerarios A avaliación das Competencias Clave (Deseño de tarefas e avaliación das aprendizaxes) e o Afondamento na aprendizaxe Cooperativa.

Por outra banda, a nosa biblioteca escolar forma parte da rede do PLAMBE dende o curso 2007-08, o que aportou formación, recursos e novos espazos idóneos para desenvolver o modelo competencial e as alfabetizacións múltiples.

 

O deseño inicial do Proxecto Somos Auga

O proxecto nace da escoita da canción AUGA, de Elefantes e Manolo García para Intermon Oxfam. Pareceunos unha temática axeitada para achegármonos aos Obxectivos da Axenda 2030 da ONU, para educación ambiental e para a saúde, solidariedade, alimentación, cultura…e con moitas posibilidades de integración no currículo.

Como vimos facendo nos últimos anos, pensando na viabilidade do proxecto, partimos dunha reunión a principio de curso entre as coordinadoras dos equipos docentes coa xefatura de estudos e a dirección. Nela, ante todo, tratamos de integrar obxectivos dos equipos de Biblioteca, TIC, Dinamización da Lingua Galega e Actividades Complementarias. Desta reunión sae un deseño mínimo que logo se completa coas achegas do claustro. O proxecto é coordinado durante o curso dende a Biblioteca Escolar.

Incluímos como mínimo unha tarefa integrada por trimestre, quedando o desenvolvemento aberto a motivacións ou intereses que xurdan e, como consecuencia, a outras tarefas e actividades. Con este deseño inicial comezamos a traballar.

 

O deseño das tarefas

En cada nivel de Educación Infantil e Primaria elaborouse a secuencia de actividades para as tarefas integradas, escolléronse os estándares avaliables de diferentes materias que se axustaxen aos contidos que se ían traballar, decidíronse os instrumentos de avaliación que se empregarían, os tempos, os agrupamentos e materiais necesarios. Neste proceso, o profesorado novo no centro traballou apoiado por compañeiras que levan máis tempo na escola e con experiencia no desenvolvemento da aprendizaxe cooperativa e tarefas integradas, incluíndose así todo o profesorado no Plan de Formación do centro.

 

 

O desenvolvemento

Comezamos coa actividade de motivación e ideas previas. Escoitando a canción e vendo o vídeo producíronse conversas e choivas de ideas que nos animaron a investigar e comezar coas primeiras tarefas.

O primeiro trimestre centrouse nos aspectos científicos da auga, en coñecer. O alumnado realizou investigacións e experimentos sobre diferentes aspectos (ciclo da auga, os polos, as disolucións, o depuración natural, augas subterráneas, os polos terrestres…) realizando posteriormente exposicións orais na Biblioteca Escolar para outros cursos, durante unha semana.

 

 

No segundo trimestre a temática foi a auga e o ser humano, a cultura arredor da auga e tamén a problemática ambiental. Os produtos finais serían reportaxes en soportes variados, cadaquén sobre o tema elixido. O alumnado estaba motivado e implicado. Comezáronse as tarefas.

Ademais, integráramos a Semana da Prensa e o Día da Poesía: recolléronse noticias e comezamos a realizar producións plásticas e audiovisuais a partir de poemas.

 

 

Foi neste momento cando se detivo a actividade lectiva presencial pola crise sanitaria da covid-19, e comezamos a traballar dende a casa.

 

 

Como actividade complementaria tiñamos programada unha colaboración con alumnado do CIFP A Granxa de Ponteareas enmarcada no Proxecto Ríos que alí desenvolven, consistente nunha xornada de divulgación e experiencias no río Tea para o noso alumnado. Sería a segunda vez que colaborabamos con ese centro, con experiencia moi satisfactoria da anterior vez. Xa non puidemos realizar esta saída.

 

E agora que?

As primeiras semanas dende a casa transcorreron da inseguridade á adaptación, ata que un día pensamos en como poderíamos continuar co proxecto e darlle remate, adaptándonos á nova situación. Estaban sen rematar as tarefas do segundo trimestre, e para o terceiro programáranse outras de divulgación, concienciación e activismo, incluída a idea de colaborar con algunha ONG. Non sería posible abarcar todo, pero algunhas cousas si. Polo tanto algún grupo finalizou o que tiña programado, mentres que outros modificaron, adaptaron ou cambiaron as propostas.

  • En Educación Infantil estaban coñecendo a civilización exipcia e a súa vinculación ao río Nilo, unha maqueta comezada… As familias colaboraron realizando maquetas, recollida de información e contos xunto cos seus fillos e fillas e apoiados pola mestra.
  • No outro grupo de Educación Infantil traballaban con ditos e refráns relacionados coa auga, que enviaron gravados dende as súas casas para rematar o produto final.
  • En primero e segundo de primaria andaban na busca de lendas. A selección foi enviada polas mestras e o alumnado realizou textos orais e ilustracións.
  • En terceiro de primaria realizaron entrevistas a unha pediatra e a unha médico de familia, elaborando as preguntas e enviándoas en vídeo dende a casa. As entrevistadas responderon e a mestra realizou a montaxe audiovisual da entrevista.
  • En cuarto de primaria optaron por investigar os océanos, coincidindo co Día Mundial dos Océanos, e compartiron as fotografías dos seus murais.
  • En quinto de primaria fundaran unha ONG na aula, xa tiñan os seus obxectivos redactados e publicados nun programa de radio. Así que decidiron realizar un segundo programa de radio dende a casa sobre a escaseza de auga en moitos lugares do mundo e a súa repercusión na pandemia que estabamos a vivir.
  • O grupo de sexto estaban organizando unha viaxe á Antártida, xa tiñan a información recollida nun mural e nunha web. Faltaba o produto final, un documental, que puido chegar a realizarse cos envíos das gravacións dende a casa e o posterior montaxe pola mestra.

Finalmente quedaba pendente o peche de proxecto, ese evento pensado para compartir o aprendido con toda a comunidade educativa. Decidimos facer un encontro virtual aportando fotografías e lemas e enviamos a proposta ás familias.

Reunimos todo nun vídeo común e como fondo musical a canción que nos inspirou, logo de solicitar permiso para o seu uso na publicación.

 

Valoración

Tras a implementación da aprendizaxe cooperativa nestes anos notamos unha notable melloría na convivencia no centro, así como no desenvolvemento da análise crítica e expresión oral do noso alumnado. Tamén vemos beneficiada a súa autonomía persoal e a implicación nas tarefas escolares coas propostas de “aprender facendo”.

As familias colaboraron dende o primeiro momento nas nosas aventuras pedagóxicas, e no caso deste proxecto quedou patente a súa experiencia dos últimos anos neste tipo de traballos. A participación foi ampla, aínda que non chegou ao 100% como sería desexable e como tería sido de traballar presencialmente.

Actualmente estamos a desenvolver un cuarto Plan de Formación co que pretendemos adaptarnos un pouco máis ás necesidades da contorna: o uso das tecnoloxías da información e comunicación e o Deseño Universal de Aprendizaxes que nos permita dar mellor resposta á diversidade.

Estas metodoloxías e formas de entender o proceso de ensino-aprendizaxe chegaron para quedar connosco e formar parte da nosa idiosincrasia, ao igual que a formación no centro.

Ligazón ao blog do proxecto.

 

 

Sección: