E se formarse ao final é util?
Manuel Felpeto González
manufelpeto@edu.xunta.gal
CEIP San Tomé (Cambados - Pontevedra)
A loable actuación do profesorado galego durante o confinamento, mostrando unha capacidade de adaptación enorme e unha vontade de ferro para continuar co seu labor docente a custa de horas e horas de dedicación, sacou á luz tamén as diferentes formas de enfrontarse á situación, que non fixo máis que reflectir as notables diferenzas que existen nas aulas ordinarias.
Un dos comentarios máis estendidos foi que a competencia dixital do profesorado se erixiu como un dos elementos diferenciadores á hora de alcanzar o «éxito» nese duro período de tempo. Non lle falta razón a esta opinión, xa que sen un mínimo de habilidade no manexo tecnolóxico resulta complicado dar resposta ao ensino a distancia, mais existiron outros elementos, relacionados cos aspectos metodolóxicos, que influíron de xeito moi importante en que o proceso de ensino-aprendizaxe sufrise os menores danos posibles.
Agora mesmo resultará estraño atopar algún centro educativo que non estea na vertixe formativa sobre ferramentas educativas e sobre modelos de ensino mixto que nos ofrezan algo de luz sobre como afrontar o difícil labor de traballar co alumnado a distancia. A pregunta é: non houbo tempo antes?
Evidentemente ninguén pensou nunha formación específica cavilando nunha pandemia que nos obrigase a permanecer encerrados nos nosos domicilios durante meses, pero moitos dos recursos (tecnolóxicos e metodolóxicos) que se están a ofrecer levan anos nos programas de formación que se lles ofertan aos centros educativos, e aqueles que os integraron na dinámica diaria resolveron dun mellor xeito o ensino nos meses de marzo a xuño.
A continuación, imos describir como eses contidos que levan anos sendo ofertados nos axudaron a xestionar as propostas que lle fixemos ao noso alumnado a través da aula virtual e da plataforma EVA.
Formación en TIC
A través da liña de formación Integración didáctica das TIC, comprobamos que nas aulas físicas había tamén lugar para que a tecnoloxía, empregada dun xeito responsable, axudase a levar a cabo o noso traballo competencial. O distinto software empregado por nós durante o confinamento foi sempre moi sinxelo, para que estivese ao alcance de calquera e que todos os participantes fosen quen de crear contidos desde o primeiro día. Saber elaborar un titorial (de autogravación ou captura de escritorio), facer un podcast, editar un vídeo simple ou crear contidos interactivos básicos deunos a opción de que o noso alumnado recibise as propostas dun xeito diferente a documentos, fotocopias, ligazóns e vídeos de YouTube. As explicacións resultaron familiares (eran da súa mestra ou mestre) e o xeito de formular as preguntas e activar os coñecementos previos non lles resultou estraña. As videoconferencias chegarían máis tarde, pero ata ese intre, as nenas e nenos do CEIP San Tomé seguiron en todo momento vendo e escoitando os seus mestres.
A conclusión é que en pleno século XXI non podemos permitirnos o luxo de seguir escudándonos naquilo de que «as tecnoloxías non se me dan ben». A formación permanente ofrece, como mínimo, a competencia imprescindible para dominar o básico das ferramentas educativas.
Formación en tipoloxías textuais
Despois de tres anos con formación na liña Planificación estratéxica das linguas no centro, proxecto lingüístico de centro (PLC) e tratamento integrado das linguas (TIL), a metodoloxía nas áreas lingüísticas no noso centro deu un cambio radical, no que a produción de textos (orais ou escritos) por parte do alumnado pasou a ser o obxectivo de cada sesión. O fío condutor é a lectura dun libro e, a través da «provocación», da curiosidade e do diálogo, chégase a un punto no que as nenas e nenos están xa predispostos para comezar a producir. Os contidos gramaticais son abordados de xeito integrado en cada unha das tipoloxías textuais que se van empregando ao longo de cada nivel.
No confinamento houbo aspectos que non se puideron levar a cabo, como a lectura guiada e a provocación de conflitos cognitivos in situ, pero o alumnado produciu textos igualmente sen perder ese hábito. Os coñecementos adquiridos durante os anos de formación proporcionáronnos unha flexibilidade e creatividade que se viu reflectida no xeito de abordar estas áreas desde a casa. Ao non depender dun libro de texto e de seguir un temario ríxido e encorsetado non houbo o estrés de ter que inventar unha nova forma de dar clase, senón que tratamos de adaptar o que xa faciamos. Para o alumnado, o traballo non se limitou a cubrir fotocopias, senón que puideron expresarse e crear. Non é a finalidade do ensino das linguas que as nenas e nenos sexan capaces de comprender o que len e escoitan e expresarse correctamente de xeito verbal e escrito?
Formación en matemáticas
Limitar as matemáticas a facer contas e resolver problemas inventados e plasmados nun papel é un erro moi frecuente e que a través do plan de formación conseguimos esquecer. As matemáticas están presentes na nosa vida cotiá e desde esa perspectiva debemos afrontalas. A través da manipulación e vivenciación interiorizamos conceptos que nos permiten aplicar a situacións reais os distintos aspectos matemáticos que imos adquirindo. Por outro lado, en todo ese proceso vimos como era fundamental que o alumnado fose quen de verbalizar aquilo que está a facer como outro elemento máis de comprensión.
Isto, trasladado á docencia virtual, foi un filón, pois unha casa é un lugar perfecto para «facer matemáticas». Independentemente do nivel educativo, podemos propoñer numerosas actividades de contar, de estimación, de medición, de aritmética ou de xeometría sen saírmos do noso cuarto. O alumnado, afeito a empregar a súa contorna e a experimentar en situacións da vida cotiá, non ve como estrañas tarefas nas que teña que medir a superficie do seu cuarto, facer un plano da súa casa, calcular o prezo da cesta da compra, apreciar a xeometría ao seu arredor ou fraccionar unha receita para menos comensais. Todas estas situacións poden ser resoltas sen empregar o papel, aínda que o solicitemos como derradeiro paso da tarefa, a diferenza dos problemas «importados», que quedan no caderno e seguro que «ben feitos», pero, na maioría das ocasións, non son significativos para o alumnado.
Podemos dicir que esta liña do PFPP provocou que, en vez de fichas de contas e problemas, o alumnado «vivise» matemáticas na casa.
Traballo cooperativo
Cando iniciamos a formación sobre o traballo cooperativo, fixémolo pensando nos beneficios que lle ofrecería ao noso alumnado, que foron máis que evidentes desde a primeira sesión. O que posiblemente ninguén imaxinase foi que unha pandemia obrigase a que o profesorado empregase a formación adquirida en beneficio propio e do claustro, permitindo que o traballo cooperativo entre nós optimizase os recursos humanos do centro e realizar unha repartición de traballo que axudase un pouco a sobrelevar a tremenda carga que tiñamos ás nosas costas.
E non soamente repartir o traballo para alixeirar a mochila, senón para compartir e crear de forma conxunta, tecendo unha coordinación horizontal e vertical entre todos os niveis. Realmente regresamos ao centro sendo un grupo máis cohesionado e unido, con mellores estratexias colectivas.
Botando a vista atrás, facémonos unha pregunta: «Como afrontariamos esta situación hai sete anos, antes de comezar cos plans de formación?».
A resposta é que, seguramente, enviando imaxes dos libros ou fotocopias de fichas.
Con isto non pretendemos dicir que sexa peor, simplemente queremos reflectir que sería ben diferente e deixar claro que o tempo investido nos proporcionou recursos que nos foron moi útiles na nosa práctica docente, tamén durante o confinamento. Ao final, vai ser que a formación serve para algo máis que acumular puntos.