
A inclusión na situación actual
Coral Elizondo Carmona
Mestra e orientadora
A crise actual do coronavirus é un cisne negro. Nassim Taleb no seu libro O cisne negro, o impacto do altamente improbable explica que un cisne negro se caracteriza polos seguintes atributos:
1. É unha rareza; está fóra das expectativas normais.
2. Produce un impacto tremendo, difícil de predicir.
3. A natureza humana fai que inventemos explicacións da súa existencia despois do feito, co que, erroneamente, se fai explicable e predicible.
A contorna complexa á que nos levou este cisne negro obríganos a repensar a educación e a crear alternativas para garantir o dereito a unha educación inclusiva e equitativa de calidade. Axúdanos a parar e cuestionarnos distintos aspectos da educación que xa tiñamos asumidos como normais. Este cisne negro tamén evidenciou grandes brechas na educación; e non falo só de fendas dixitais, tamén se constataron brechas nas metodoloxías, no currículo, na avaliación, nos tempos e espazos ríxidos, pero sobre todo na mesma concepción da educación que separa e segrega de forma habitual. Este cisne negro visibilizou máis ca nunca os nenos e nenas perdidos que recolle Peter Pan e leva ao mundo de Nunca Xamais.
A volta á normalidade dos centros educativos con esta pandemia da covid-19 obriga os docentes a tomar medidas de prevención e protección para evitar posibles contaxios, medidas consideradas moitas veces antipedagóxicas que supoñen un retroceso metodolóxico e que obrigan a reformularse a organización de múltiples actividades para poder renovalas de maneira segura. Como atender a diversidade de forma segura, saudable e sustentable? Como garantir unha educación inclusiva e equitativa de calidade que non leve ao país de Nunca Xamais? Analicemos diferentes propostas, todas elas encamiñadas a lograr centros acolledores e seguros. Centros e aulas garantes da inclusión. Noticia Faro de Vigo.
Centrarnos unicamente na seguridade médica a través de medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde adaptadas a cada etapa educativa é deixar de lado a dimensión «socioemocional» da educación, tan importante ou máis agora ca antes da pandemia. Un centro acolledor e seguro é aquel que inclúe factores promotores de saúde e benestar, e mellora a calidade de vida en todas e cada unha das persoas en todas as súas dimensións: benestar material, benestar emocional, benestar físico, relacións interpersoais, inclusión social, desenvolvemento persoal, autodeterminación, dereitos. Pero tamén é capaz de crear ambientes sans onde se aprende de maneira saudable e solidaria co medio abordando a ecoloxía da aprendizaxe desde unha dimensión socioemocional. Analicemos algúns aspectos.
• Medidas covid-19 que lles permitan aos centros garantir unhas adecuadas medidas de prevención e hixiene con calefacción e ventilación apropiadas e un correcto número de alumnos por aula:
- Agrupamentos por niveis. Moitos centros, para crear grupos estables de convivencia máis reducidos optaron por diminuír as ratios das súas aulas, agrupando niveis distintos. Este agrupamento, xa defendido por Montessori, permite flexibilizar os grupos por idades e resulta moi interesante para unha adecuada atención á diversidade. As clases mixtas de diferentes niveis educativos son cada vez máis unha práctica habitual en centros educativos tanto de infantil e primaria como de secundaria.
Non é inclusión organizar grupos burbullas integrados só por alumnado con necesidades educativas especiais.
• Dimensión emocional. Falar de educación inclusiva é salientar a presenza, participación e logros, pero sobre todo a pertenza e o benestar emocional.
- Coñecer a persoa. Debemos avogar por unha educación centrada na persoa, nas súas fortalezas, nas súas necesidades, nos seus retos, nos seus desafíos, nos seus soños e inquietudes, ofrecendo os apoios, axustes e estratexias necesarias para que poidan construír o seu propio proxecto de vida.
- Benestar emocional. É necesario levar a cabo nos centros educativos programas socioemocionais dirixidos a traballar a resiliencia e habilidades inter e intrapersoais que garantan o benestar emocional.
- Disciplina positiva. Unha educación respectuosa está na base dunha convivencia positiva nos centros, calar as nosas voces para escoitar a do noso alumnado lévanos a educar en democracia, a educar en positivo e a traballar con prácticas restaurativas. A convivir apréndese convivindo, establecendo relacións de igualdade e respecto mutuo con normas consensuadas.Non é inclusión pechar os ollos e non ver os nenos e nenas que prefiren quedar na casa confinados porque sofren nos centros educativos. Non é inclusión pechar os ollos ante o bullying. Non é inclusión non escoitar a súa voz. Non é inclusión non favorecer os procesos participativos de todo o alumnado.
• Dimensión social. Centros e aulas acolledores e seguros que favorecen as relacións interpersoais e a inclusión social.
- Procesos participativos. O debate é unha práctica que promove o pensamento crítico e nos convida a argumentar, a «contraargumentar», a emitir xuízos. Debemos promover nos centros a aprendizaxe deliberativa, fundamentada, con diálogos democráticos.
- Reorganizar os espazos. As obrigadas e recomendadas distancias sociais en grupos non estables de convivencia impiden a proximidade, a interacción cara a cara, polo que é necesario «redeseñar» a docencia. Pódese optar por reorganizar a aula e poñer os pupitres con forma de flor ou coroa, para traballar cooperativamente mantendo a distancia como explicaba a directora dun centro educativo no Faro de Vigo a finais do mes de agosto de 2020.1
- Humanizar a tecnoloxía e utilizala para traballar na elaboración de itinerarios de aprendizaxe que nos permitan personalizar a educación. Para iso resulta moi interesante programar con paisaxes de aprendizaxe. Unha paisaxe de aprendizaxe é unha ferramenta didáctica inclusiva que permite deseñar de forma universal escenarios personalizados e proporcionar múltiples formas de compromiso, de representación e de acción e expresión. Unha paisaxe de aprendizaxe permite o uso da tecnoloxía ao servizo da educación. Para saber máis, pode lerse a entrada do blog
DUA e paisaxes de aprendizaxe.
- Humanizar a tecnoloxía e non esquecerse do factor humano, das relacións persoais agora boicoteadas polo virus. Tecnoloxía ao servizo da cooperación: documentos compartidos, planificacións deseñadas de forma conxunta, traballos colaborativos, autonomía e xestión con ferramentas tecnolóxicas…
- Humanizar a tecnoloxía para o desenvolvemento non só de competencias dixitais, senón tamén de competencias brandas ou soft skills, con deseño de contornas persoais de aprendizaxe, con tecnoloxías para incluír non só fontes de información ou ferramentas, senón tamén para crear verdadeiras redes de aprendizaxe colaborativas.
Non é inclusión centrarse nunha educación memorística que deixa nas marxes os ninguéns, os ningúns e «ninguneados» e que rompe coa educación competencial. Non é inclusión non promover a cooperación e a axuda entre iguais. Non é inclusión deseñar para o «estudante medio» e non personalizar a educación. Non é inclusión homoxeneizar o ensino e considerar a variabilidade humana como algo excepcional de forma que a atención á diversidade é unha atención específica e diferenciada duns poucos. Tampouco é inclusión utilizar a tecnoloxía para segregar ou utilizar a tecnoloxía só para transmitir un coñecemento que xa está liberado.
Ámbitos para a aprendizaxe. Centrámonos na pandemia, nas súas medidas sanitarias, pero non percibimos que a sociedade actual é unha sociedade global, polo que é necesario abordar a educación desde un enfoque globalizado que interrelacione todas as disciplinas. Unha educación que rompa «coa fragmentación do saber que impide ver a globalidade e que mesmo dificulta responder adecuadamente a problemas parcelados, illados en contextos auténticos, sempre descontextualizados. Neste mundo globalizado necesitamos currículos globalizados, que unan disciplinas, que rompan e dilúan as súas fronteiras permitindo obter respostas con miradas de varias áreas do coñecemento» ( Elizondo, 2020).
A través deste percorrido vimos como é posible xestionar a inclusión con medidas sanitarias que limitan os contactos, que imposibilitan compartir materiais e que manteñen a distancia. A inclusión é un cambio de mirada que nos axuda a eliminar as barreiras. Estas medidas non eliminan as dimensións dunha aprendizaxe cooperativa que agora pode traballarse con ferramentas tecnolóxicas, nin tampouco nos impide traballar con metodoloxías activas que promovan unha aprendizaxe competencial, nin tampouco desenvolver o pensamento crítico, nin personalizar a aprendizaxe, nin levar a cabo unha avaliación formativa, nin deseñar un novo ecosistema de aprendizaxe universal, nin tampouco deseñar ámbitos «internivelares». Agora máis ca nunca debemos reflexionar sobre que ensinamos, como o facemos e como avaliamos, e abrirnos a novas contornas de aprendizaxe que permitan a todo o noso alumnado adquirir as competencias necesarias para lograr unha aprendizaxe ao longo da vida.
Elizondo, C. (2020). Ámbitos para el aprendizaje. Una propuesta interdisciplinar. Barcelona: Octaedro.
Taleb, N. (2010). El cisne negro, el impacto de lo altamente improbable. Barcelona: Paidós.