Nuevas tecnologías aplicadas a la educación

Autor: Julio Cabero Almenara (coordinador)
Editorial: McGraw-Hill/Interamericana de España, SLU, 2007

Autor da recensión: Eduardo Rodríguez Sáiz
eduardorsaiz@edu.xunta.gal
CFR de Vigo (Pontevedra)

 

 

A pandemia da covid-19 zarandeou todas as estruturas das nosas sociedades. No caso da educación, as vellas eivas inherentes ao sistema educativo afloraron con crueza, reclamando solucións urxentes e apropiadas. Ata este momento, realidades como a insuficiente atención á diversidade ou a perversa relación entre o fracaso escolar e o nivel socieoeconómico das familias eran abordadas desde a escola con maior ou menor éxito. Co confinamento, a nudez do emperador fíxose evidente.

Centrándonos no uso das TIC, o que ata marzo de 2020 era unha opción, unha aposta metodolóxica, converteuse da noite para a mañá nunha obriga: a única canle de comunicación co noso alumnado foi a través da tecnoloxía nas súas diferentes variantes.

Hai máis dunha década e coordinados por Julio Cabero, catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Sevilla, unha serie de profesores de varias universidades do Estado reflexionou sobre as TIC no ámbito educativo. Produto desas reflexións é o libro Nuevas tecnologías aplicadas a la educación.

Sorprende que, malia non ser unha publicación recente –a edición é de 2007–, a súa lectura evócanos a situación que estamos a vivir. Asuntos como as videoconferencias no ámbito educativo, ou as contornas virtuais de aprendizaxe, ou a relación entre as TIC e as necesidades educativas especiais (abordado nun capítulo con solucións concretas de hardware e software) probablemente hai un ou dous anos nos parecerían esaxeradas, moi afastadas das nosas realidades cotiás. Porén, xa están aquí e probablemente chegaron para quedar.

Malia ao acerto da edición, os anos non pasan en balde. Nun enfoque actual da cuestión, un novo factor tería que sumarse ao binomio TIC-educación: a protección de datos. A non-presencialidade ou a fórmula de ensino mixto fan que xurdan multitude de dúbidas entre o profesorado (podemos gravar as sesións por videoconferencia co alumnado?, é aconsellable usar apps ou plataformas non institucionais? etc.) que son novas, pero que tamén chegaron para quedar. Nunha hipotética reedición da obra, un capítulo que afondase nestes aspectos resultaría imprescindible.

En síntese, un magnífico achegamento á relación entre as TIC e a educación, con certeiras reflexións metodolóxicas e amosando solucións concretas sobre o traballo coas novas tecnoloxías nas aulas.

 

 

Sección: