As avoas de Sugata Mitra

 

Cedemos o editorial deste número 80 da Revista Galega do Ensino (EDUGA) ao noso compañeiro José Manuel Dopazo Mella, experto docente e arquitecto de mil batallas dixitais. Andamos os mestres embebidos nunha batalla dobre, a loita dos centros educativos por manter a saúde das comunidades escolares fronte á pandemia -aí imos gañando grazas ao formidable esforzo e a implicación de todos- e a nosa permanente adaptación ao traballo en contornas dixitais. Postos nesta tesitura, bo é lembrar que na diatriba entre o culto ás contornas binarias e a defensa da tradición do didactismo mais mayéutico e pastoral, non gaña ninguén. A experiencia demostrou xa sobradamente que todo o que está ao noso redor son ferramentas, desde unha aula virtual a unha lección maxistral, o segredo é saber cando e como usalas, no convencemento de que cada utilidade serve a determinados fins e adáptase mellor ou peor a segundo que contextos. Aí reside seguramente o segredo da excelencia, onde o verdadeiramente insubstituíble é a paixón do que ensina. Como deixou dito Goethe nunha das súas cartas a Schiller:

“Cando non se fala dos escritos, como dos actos, con afectuosa simpatía, cun certo entusiasmo fanático, queda tan pouco que non merece a pena falar deles; a alegría, o pracer, a participación nas cousas é o único real, que á súa vez produce realidade; todo o demais é van e só obstaculiza”.

Todos os que conformamos o equipo da Revista Galega do Ensino queremos desexarvos unhas felices vacacións de Nadal, mais que nunca en compañía dos próximos; no convencemento de que haberá luz tras a peste e poderemos regresar mais pronto que tarde a tanto afecto furtado.

 

Juan Granados
Director da Revista Galega do Ensino. EDUGA.

 

 

Todo profesor que poida ser substituído por un ordenador deberá ser substituído por un ordenador.
Arthur C. Clarke

Moi pronto, nos colexios os libros consideraranse obxectos obsoletos (…). O noso sistema escolar cambiará drasticamente en dez anos.
Thomas Alva Edison

 

 

Sospeito que este editorial tardou en ser escrito moito máis tempo do inicialmente previsto. O motivo? Había un teléfono móbil enriba da miña mesa de traballo.

Non foi fácil manter a concentración. De cando en vez, o móbil facía descarrilar a mente con preocupacións da máxima transcendencia: haberá algún correo importante para contestar? Cal será o trending topic de hoxe en Twitter? Chegaría algún meme gracioso por WhatsApp? A lectura da bibliografía, a análise e a reflexión (actividades intelectuais que requiren esforzo e sosego) foron postergadas pola pracenteira, superficial e fulgurante descarga de dopamina que xera no noso cerebro unha ollada, aínda que sexa furtiva, ao teléfono móbil.

Porén, esa mesma ferramenta de distracción foi extraordinariamente útil para a elaboración desta peza: permitiu atopar artigos actualizados, entrevistas esclarecedoras, bibliografía que desafía os coñecementos asentados..., e incluso fíos de Twitter que promoven a reflexión e o debate.

Cal é, pois, o balance da presenza dun dispositivo con conexión a Internet na miña mesa durante a creación deste texto? Parecería, ademais, pertinente elevar esta pregunta a outro nivel, aplicándoa a unha reflexión sobre o tipo de ensino ao que, ao parecer, estamos irremediablemente abocados ou afortunadamente conducidos: o ensino virtual. Cal é o verdadeiro impacto das tecnoloxías na aprendizaxe? Teñen repercusións negativas ou positivas nas destrezas intelectuais do alumnado? Será gratuíto o festival de apps, dispositivos, plataformas, redes sociais e clases virtuais ou supoñerá un custo, quizais excesivo, para as nosas mentes e os nosos comportamentos?

A fenomenal conxunción da omnipresenza das pantallas nas nosas vidas, da dixitalización de todos os sectores produtivos e dunha pandemia que provocou a aceleración de procesos en estado latente renovou vigorosamente as vellas diatribas entre apocalípticos e integrados, entre as persoas que nos advirten das contrapartidas do ensino virtual e as que proclaman a apertura de infinitas posibilidades educativas grazas ás tecnoloxías. Cómpre que os docentes coñezamos o estado da cuestión. Ese coñecemento permitiranos adoptar decisións educativas máis atinadas. As avoas de Sugata Mitra poderán, quizais, axudarnos nesa tarefa.

 

O ensino dixital como fábrica de cretinos

Xa se converteu en tópico a idea de que Steve Jobs e Bill Gates lles prohibían as súas fillas e fillos o emprego dos dispositivos e aplicacións que eles mesmos crearon. Proliferan, ademais, os programadores de Facebook e Twitter que, arrepentidos, denuncian as estratexias manipuladoras destas redes sociais que eles mesmos contribuíron a deseñar. Estes dous feitos son enarborados por unha parte non pequena de neurocientíficos e pedagogos como símbolos das prevencións que se deberían ter co uso das tecnoloxías. Trátase dunha corrente de pensamento que quere evitar que caiamos nunha especie de euforia positivista decimonónica que conclúa, como concluíu aquela, nunha sonora decepción.

O último ensaio do prestixioso neurocientífico francés Michel Desmurget, titulado La fábrica de cretinos digitales (Barcelona, Península, 2020), está sendo un éxito de vendas en toda Europa e está reactivando un debate (paradoxalmente, en redes sociais e medios dixitais) que tivo varios momentos álxidos na última década.

O primeiro obxectivo de Desmurget é mostrar como a premisa de que as tecnoloxías dixitais melloran a aprendizaxe se basea en opinións subxectivas, non en datos obtidos mediante métodos científicos. Cun ton irónico, o autor exclama: «es toda una proeza seguir haciendo creer a los ciudadanos que las tabletas, la televisión, los smartphones, los ordenadores, los videojuegos y otros divertimentos similares tienen efectos globalmente positivos sobre el desarrollo de los niños, a pesar de que montones y montones de estudios coinciden en demostrar lo contrario. ¡El artista que hay detrás de todo esto se merece un aplauso!» (p. 37). E a continuación realiza un extraordinario labor documental con 1082 referencias bibliográficas a investigacións que corroboran a súa tese inicial.

Desmurget advirte de que os estudos manifestan de xeito tallante que as principais vítimas da omnipresenza das pantallas na vida do alumnado son a intelixencia, a capacidade de concentración e, consecuentemente, o rendemento escolar. As conclusións, avaladas todas e cada unha delas con estudos e investigacións, son rotundas: o uso do smartphone –cualificado por Desmurget como «el grial de los chupacerebros, el último caballo de Troya de nuestra descerebración» (p. 225)– supón unha perda notable da capacidade de concentración, as tabletas e ordenadores provocan que o traballo académico quede relegado por actividades dixitais lúdicas, a simplicidade das apps non permite que as neuronas se estruturen, organicen e conecten... Ademais, o alumnado que emprega estas tecnoloxías non demostra saber realmente de tecnoloxía, senón que só sabe exercer como usuario ou consumidor de funcionalidades moi específicas. Todo o anterior, sumado ás dificultades do alumnado para atopar e seleccionar a información valiosa e convertela en coñecemento e ás consecuencias negativas para a expresión escrita ou para o desenvolvemento emocional, leva o autor a proclamar que o alumnado está en perigo. Segundo el, debemos libralo dos «viajantes de la industria digital» (p. 20) que enuncian discursos baleiros sobre as bondades das pantallas.

Pero Desmurget non demoniza radicalmente a dixitalización no ensino:

Nadie discute que determinadas herramientas digitales, estén o no ligadas a Internet, pueden constituir soportes adecuados para el aprendizaje, siempre que se empleen en el contexto de proyectos educativos específicos y aplicados por profesores debidamente cualificados. (...). La idea de una utilización puntual, conceptualmente controlada y limitada de forma estricta a las necesidades pedagógicas parece muy alejada del extravagante tecnofrenesí imperante hoy en día (pp. 233-234).

A pedagoxía baseada en evidencias, en datos e en estudos contrastados, di Desmurget, é a que debe determinar cales son as prácticas educativas e os medios máis adecuados para conseguir os nosos propósitos.

 

Ensino dixital: canto máis, mellor, e o antes posible

O coruñés Enrique Dans é probablemente o experto español máis recoñecido internacionalmente no ámbito das tecnoloxías educativas. Hai unha década publicou un libro de título profético: Todo va a cambiar (Barcelona, Deusto, 2010), no que realizaba afirmacións entusiastas sobre a aprendizaxe dixital: «La aproximación correcta a la interacción entre tecnología y niños es, sencillamente, cuanto más, mejor. (...). En principio, haciendo lógico uso del sentido común, ponga a sus hijos en contacto con el ordenador lo antes que pueda. (...). Los dos años no son una mala edad para que un niño empiece a mover un ratón» (pp. 122-123). Así mesmo, daba por boa a existencia dos denominados «nativos dixitais», atribuíndolles unha maior predisposición e facilidade no uso da tecnoloxía.

Respecto da xestión da información, Dans consideraba que os nativos dixitais «cuentan con estrategias de búsqueda, en muchos casos, verdaderamente brillantes para encontrar lo que necesitan» (p. 128), e afirmaba que o uso das redes sociais non provocaba relegar outras tarefas nin diminuía a capacidade de concentración: «pueden pasarse horas viendo fotografías de sus contactos o escribiendo en sus páginas, pero si tienen otra tarea que hacer, mantendrán la red social en segundo plano» (pp. 129-130).

Dans matizou algunhas desas ideas nas súas publicacións diarias en distintos medios de comunicación do planeta e no seu blog (que resulta absolutamente recomendable): por exemplo, considera agora que os «nativos dixitais» non existen. Pero no seu último libro, titulado Viviendo en el futuro (Barcelona, Deusto, 2020), afirma con contundencia que «la próxima vez que escuche a alguien criticar a las generaciones actuales porque “pasan todo el tiempo pegados a la pantalla”, haría bien en tomárselo directamente a risa (...). No hay ninguna métrica objetiva que demuestre que los niños, por usar el smartphone desde pequeños, escriban peor, aprendan menos o sean más torpes. Ninguna. Y de hecho, muchas pruebas sí demuestran que se expresan mejor por escrito que nosotros» (p. 57).

Dans prevé para os próximos anos un cambio radical no sistema educativo, que pasa ineludiblemente, con pandemia ou sen ela, polo ensino virtual. Detecta no ensino en liña posibilidades moi superiores ás da clase presencial, sempre que entendamos que o ensino virtual non é simplemente unha clase presencial cunha webcam acendida. Perpetuar unha metodoloxía parapetada na exposición e na reprodución de contidos nunha contorna virtual carece de sentido. Cómpre, afirma Dans, empregar formatos atractivos adaptados ao novo medio, crear modelos de interacción co alumnado e reeducar na lectura dixital (asumindo que as pantallas tamén admiten a lectura profunda e reflexiva).

 

As avoas de Sugata Mitra

Ante o ardor co que apocalípticos e integrados defenden as súas teses e atacan as contrarias, que debemos facer os docentes? Abrazar o ensino virtual ou afastarse de toda pantalla?

No fondo, esta non é máis ca unha nova versión dunha dicotomía básica na filosofía do ensino. O pedagogo francés Philippe Meirieu (Aprender, sí. Pero, ¿cómo?, Madrid, Octaedro, 2009) nomea así as dúas pólas desa dicotomía: a promoción do endóxeno (que confía na aprendizaxe natural do individuo) e a organización do esóxeno (que considera que o individuo só pode aprender se alguén o dirixe). Ambas as pedagoxías achegan razóns de peso, esgrimen argumentos válidos e teñen representantes de máximo nivel. É difícil, di Meirieu, atopar razóns para abandonar unha pedagoxía ou outra na súa totalidade, como tampouco é doado atopar razóns suficientes para adoptar unha ou outra integramente.

A principios deste século, o profesor indio Sugata Mitra impulsou o proxecto Hole in the Wall. Consistía en colocar ordenadores na parede dun barrio deprimido de Nova Delhi. O alumnado que se achegaba a eses ordenadores podía aprender por si mesmo, seguindo os principios do que Mitra denominou «educación minimamente invasiva». O proxecto funcionou ben e incluso foi replicado en máis países. Pero...

Mitra e o seu equipo comprobaron que, malia o alumnado aprender pronto a manexar os ordenadores, os vídeos explicativos dos contidos das distintas materias non estaban dando os resultados agardados: só o trinta por cento do alumnado conseguía asimilar os contidos mínimos.

O proxecto necesitaba un novo impulso, acadar unha nova dimensión. Pensaron que necesitaban o apoio de persoas relevantes para o alumnado. Persoas que, coa súa autoridade e co seu cariño, puidesen estimular, retar e motivar a cada unha das alumnas e alumnos. Naceu así o proxecto The Granny Cloud: unha rede de avoas de todo o mundo que manteñen contacto co alumnado, sobre todo de maneira virtual, pero sempre coa calor da escoita, do ánimo e do apoio persoal e inquebrantable. Só con iso (nada menos ca con iso) dobrouse a porcentaxe de alumnado que triunfaba academicamente.

Estas avoas non podían ser substituídas por un ordenador e non foron substituídas por un ordenador.

 

José Manuel Dopazo Mella
Profesor de Lingua Castelá e Literatura
Director do IES Maruxa Mallo (Ordes - A Coruña)

 

Sección: