En tratos co lixo

No CEIP Plurilingüe de Seixalbo preocúpanos o futuro do noso planeta. Preocúpanos o doente que está e asústanos saber que somos responsables da súa enfermidade. E queremos cambiar iso! Queremos coidalo, protexelo e sobre todo respectalo desde pequenas accións que poidan converterse en grandes, non por seren extraordinarias, senón porque son un inicio, un punto de partida dun proxecto no que cremos, que sentimos.

Elia María Areal Salve, mestra de educación infantil
Coordinadora do Proxecta Escolas Verdes no CEIP Plurilingüe de Seixalbo (Ourense)
eliaareal@edu.xunta.gal

 

Introdución

No curso 2019/20 o noso centro, CEIP PLURILINGÜE DE SEIXALBO en Ourense, participou por primeira vez nos Programas Proxecta. Concretamente no Proxecta Escolas Verdes organizado pola Consellería de Educación, Univ. e FP e pola Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio) co proxecto En tratos co lixo.

Neste proxecto pretendiamos pór en marcha un proxecto real no que reducir, reciclar, reutilizar e recuperar fosen os seus piares e no que a reflexión fose a mellor ferramenta de avaliación do proxecto no seu comezo, no seu desenvolvemento e no seu «punto e seguido» (xa que supuxo un cambio de actitude e a creación dunha rutina de coidado e conservación do medio ambiente).

A preocupación polo futuro do planeta e por saber que somos responsables directos da súa destrución levounos a modificar hábitos da nosa vida cotiá no colexio e nas nosas casas, que eran prexudiciais para o medio ambiente.

Toda a comunidade educativa aprendemos a clasificar o lixo e a saber máis sobre a reciclaxe e a reutilización dos residuos a partir de diferentes actividades, sempre baixo unha metodoloxía lúdica. Ademais aprendemos a reducir o lixo grazas á campaña «Friameira e cantimplora, merenda que mola», logo da cal o noso alumnado deixou de lado o uso de papel de aluminio e plástico á hora da merenda e volveu á friameira e á botella reutilizable, buscando así o reto de plásticos cero!

 

Quen somos? Contextualización

O CEIP Plurilingüe de Seixalbo é un centro de educación infantil e primaria, de titularidade pública, situado en Seixalbo, nas aforas da cidade de Ourense –a unha distancia de 3,5 km desta–, ao lado da vila que lle dá o nome: Seixalbo. Situado nun enclave natural, está arrodeado de vexetación, o que contribúe de xeito significativo á paz e tranquilidade da que goza o noso alumnado.

Conta con 12 unidades e case 200 alumnos.

Nesta misión medioambiental participamos o 100 % do alumnado e case o total do profesorado do centro, ademais do persoal non docente (conserxe, limpadoras, cociñeiras) e das familias (coa colaboración da ANPA).

Tema do proxecto: O lixo. Reducir, clasificar, reciclar, reutilizar, recuperar e reflexionar

 

Obxectivos

1) Analizar e reflexionar sobre o noso papel como xeradores de lixo.

2) Favorecer un cambio de actitude no tratamento do lixo, aprendendo a clasificar, reducir, reciclar, reutilizar e recuperar.

3) Diminuír a produción de lixo, sendo conscientes de que é un obxectivo real e asumible.

4) Potenciar o traballo en equipo e de xeito coordinado para acadar unha escola limpa e comprometida co medio ambiente.

5) Promover a participación das familias nos nosos retos medioambientais: clasificar, reducir, reciclar, reutilizar, recuperar e reflexionar.

6) Dotar o centro de contedores para que a reciclaxe poida levarse a cabo.

7) Colaborar con distintas entidades públicas e privadas para formación, achega de material…

8) Facer visible o noso compromiso e traballo sobre o lixo, contaxiándolle o noso cambio de actitude ao contorno próximo.

9) Recoñecernos como axentes activos no tratamento do lixo.

 

Relación cos temas transversais

Educación ambiental:

  • Reducir, reciclar, reutilizar e recuperar co lixo que producimos.
  • Manter limpo de lixo o contorno do colexio (merendeiro), así como as principais rutas de sendeirismo e cicloturismo próximas ao noso centro.

Educación para a cidadanía:

  • Reflexionar sobre a nosa produción excesiva de lixo e o seu tratamento.
  • Aprender a clasificar os nosos residuos de xeito correcto.

 Educación para o consumidor e uso das TIC:

  • Fomentar o consumo responsable, que supoña producir menos lixo.
  • Empregar as TIC como ferramenta de busca de información, de divulgación do proxecto…

Educación para a saúde:

  • Consumir nas merendas máis froita e auga, evitando zumes e produtos elaborados empaquetados con envoltorios plásticos.

Educación multicultural e para a igualdade:

  • Coñecer que fan noutros países, noutras culturas co lixo.
  • Coñecer os prexuízos do lixo noutros países.

Educación viaria:

  • Comprometernos a ser peóns e condutores «verdes», respectuosos co medio ambiente que non tiran lixo desde o coche (cabichas, papeis…).

Espírito emprendedor:

  • Investigar como podemos ser protagonistas activos e como podemos transmitirlles as nosas inquedanzas e compromisos ás nosas familias e achegados.

 

Como nos organizamos? Desenvolvemento das actividades. Metodoloxía

Un dos principais inconvenientes que xurdiron ao inicio do proxecto foi crear o Comando Verde. Elixir un único alumno ou alumna cando a motivación de todo o alumnado era «extraordinaria» pareceunos contraproducente. De aí que os titores e titoras fosen voceiros do seu grupo e transmisores das ideas, propostas e sentir do seu alumnado aos demais titores, especialistas…

Así, o noso Comando Verde estivo formado polos titores que participaron, a coordinadora do Proxecta (que representaba o equipo de educación infantil, como coordinadora deste), a orientadora (representando o seu departamento), a directora, a especialista en Música (coordinadora TIC), o conserxe, unha limpadora, unha cociñeira e unha representante da ANPA.

Aínda que parecen moitos, cada membro deste Comando Verde foi importante e fundamental, non só porque eran a voz do seu alumnado, senón porque moitos deles eran tamén coordinadores das dinamizacións que hai no centro; o que lle deu ao proxecto un carácter globalizador e de interdisciplinariedade.

Todas as actividades foron deseñadas por este Comando Verde, que as planificou e organizou desde a flexibilidade dos horarios do alumnado e dos mestres responsables de cada unha delas.

Para a diagnose realizamos as seguintes actividades:

- Inspectores polo cole, co alumnado de terceiro comprobando a situación real do centro e que serviu de punto de partida deste proxecto.

- Situación de novos contedores, na que o alumnado de primeiro e segundo estivo á procura do mellor lugar para poñer os novos contedores dos distintos residuos.

- E de lixo como imos? Nesta actividade, realizada por todo o alumnado, recolleuse o lixo, por aulas, durante toda a xornada para a súa posterior exposición e ver así a cantidade de lixo que xerabamos a diario. A partir de aí, fixemos unha reflexión e chegamos ao compromiso de reducir os residuos en cada aula.

 

Os maiores preparando a exposición

 

Outra das partes esenciais do proxecto, ademais de coñecer o punto de partida, era sensibilizar os nenos e nenas da excesiva produción de residuos no centro e da súa falta de clasificación.

Neste sentido, hai que destacar as actividades realizadas polo alumnado de sexto de educación primaria, moi visuais e impactantes que marcaron o resto do alumnado (un dos obxectivos que pretendiamos). Algunhas destas actividades de sensibilización foron:

- Observa, pensa, actúa, na que o alumnado de sexto elaborou un vídeo con imaxes de paisaxes fermosas e de paisaxes contaminadas que buscaron previamente.

- Observa, pensa, reflexiona, na que se elaborou un vídeo con imaxes de paisaxes fermosas e paisaxes tras conflitos bélicos.

- E a actividade de Charla coas especialistas, que foi unha das actividades máis especiais e emotivas. Nela entrevistouse o equipo de limpeza do noso centro para saber máis das súas integrantes e do seu traballo, con preguntas feitas por todo o alumnado. Esta actividade serviu tamén para facerlle unha merecida homenaxe.

 

Coñecendo un pouquiño máis as especialistas da limpeza

 

Unha vez rematada a fase de diagnóstico e a fase de sensibilización, comezouse co plan de acción con actividades como:

- Cada contedor ten a súa cor: xogo de clasificación no que se presentaron os diferentes contedores (envases reutilizados) e todo o alumnado e profesorado aprendemos a clasificar os distintos residuos e coñecemos os principais erros que se cometen á hora de botar o lixo nos diferentes contedores.

 

Os pequenos estiveron moi atentos ás explicacións antes de xogar

 

- Colocación de contedores novos, coa localización dos novos contedores nos lugares que consideraron máis axeitados tras a fase de diagnóstico. Os contedores eran colocados polo alumnado de educación infantil.

- Creación na biblioteca do recanto Salvemos o globo, con libros de temática medioambiental.

- Monstros polo Samaín: actividade na que o alumnado e as súas familias deixaron voar a súa creatividade elaborando monstros con material de refugallo.

- Campaña «Friameira e cantimplora, merenda que mola», realizada polo alumnado de cuarto e que tiña como obxectivo eliminar os envases dun só uso e as botellas de plástico á hora das merendas.

- Creación e funcionamento da patrulla do lixo: patrulla formada por un ou dous representantes dos diferentes cursos de primaria que tiña a misión de solucionar dúbidas sobre a clasificación do lixo na hora do recreo e axudar no cumprimento do compromiso de manter os espazos limpos. Unha das peculiaridades desta patrulla era o seu dinamismo, xa que os seus compoñentes cambiaban cada 15 días.

- Recollida do lixo e dos contedores: misión executada, con entusiasmo e dilixencia, por todos os nenos e nenas. Esta recollida fíxose por cursos e seguindo un calendario previamente establecido.

 

Recollendo o lixo dos distintos contedores

 

Outras actividades que realizamos foron:

- Semana polo Clima, na penúltima semana de setembro.

- Polo Día das Bibliotecas, vimos o conto Unha princesa en apuros, cunha dobraxe realizada polo alumnado de sexto de primaria, que nos fixo reflexionar sobre o cambio climático.

- Polo Entroido, cada unha das aulas disfrazouse cunha temática medioambiental.

Ademais das actividades previstas no proxecto, tivemos a oportunidade de realizar algunhas outras que foron xurdindo ou ben por contactos con outras entidades, como a «Charla das 3R ás 7R» con Lucía Méndez Lamas, responsable da aula medioambiental de URBASER-Málaga ou a «Charla sobre enerxías renovables e biodiésel», impartida por Rubén Garrido Rivero, antigo profesor do IES Cidade de Antioquía de Xinzo.

Todas estas actividades están recollidas na páxina web do centro no apartado Salvemos o globo, curso 2019/20.

Con respecto á metodoloxía, desde que comezamos o deseño deste proxecto, tiñamos claro o marcado carácter lúdico que queriamos darlles a todas as actividades realizadas. Ademais queriamos actividades prácticas, manipulativas, que se enriquecesen co traballo colaborativo e en equipo.

Se a todo isto lle engadimos o compoñente de interdisciplinariedade do proxecto En tratos co lixo, que foi da man do proxecto xeral do colexio para este curso que era Salvemos o globo, o resultado foi un proxecto ao que tanto o alumnado como o profesorado e o resto da comunidade educativa queren darlle continuidade.

 

Valoración do proxecto

Aínda que as actividades deseñadas para a avaliación final do proxecto non puideron realizarse polo confinamento debido á covid, si que podemos valorar a consecución dos obxectivos propostos, o desenvolvemento das actividades realizadas, a motivación e implicación do alumnado ao longo de todo o proxecto, a modificación de hábitos, incluso o cambio nos espazos do centro (libre de sucidade e con contedores suficientes para os diferentes residuos).

A motivación do alumnado e a súa implicación en cada unha das actividades foi in crescendo durante todo o proxecto. Tamén aumentou a súa capacidade de cooperación/colaboración, amosando que o traballo en equipo é moi enriquecedor.

Coa situación da covid-19, moitas actividades previstas non puideron realizarse, como unha serie de obradoiros que iamos levar a cabo no terceiro trimestre, unha andaina coas familias para limpar a contorna próxima, a visita e charla dos ecovixilantes do colexio Divina Pastora de Ourense...

Aínda así, a valoración da posta en marcha deste proxecto medioambiental no noso centro é moi positiva. A consecución case total dos obxectivos, a pesar do «parón» pola covid-19, reflectiuse no compromiso e entrega de todo o alumnado do centro, que non só reflexionou sobre o seu comportamento cara ao medio ambiente, senón que tamén valorou a necesidade dun cambio de hábitos e actitudes.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Billioud,J.M. (2007). Cuida tu planeta. España: SM.

Bouttier-Guérive, G. (2018). El gran libro juego de salvar el planeta. Ed. Edebé.

Brownjohn, E. (2010). Entre todos podemos! Salvar nuestro planeta. Barcelona: Combel.

Grant, D. (2008). Nuestro planeta en peligro. Barcelona: Juventud.

Grañó, M. (2018). Ahora o nunca. Barcelona: Alfaguara.

Hoffman, M. (2015). El gran libro de la ecología. Barcelona: Juventud.

Hough, R. (2008). Tú puedes salvar el planeta. Un día en la vida de tu huella ecológica. Barcelona: Lynx Edicions.

Poitier, A. (2009). Antes era una caja de cartón, pero ahora soy un libro sobre osos polares! España: Susaeta.

 

 

Sección: