
Mobilidade sostible e segura en Escairón
Noelia Álvarez Iglesias e M.ª Azucena Rodríguez Vázquez, mestras de educación infantil
Miriam González Pérez e M.ª Cruz López García, mestras de educación primaria
M.ª Estrella López González, mestra de Francés
Ángela Méndez González, mestra de Educación Musical
CPI Dr. López Súarez (O Saviñao - Lugo)
Contextualización
O CPI Doutor López Suárez está situado no concello do Saviñao, contorno completamente rural, cunha extensión de 200 km. Nel conviven uns 5000 habitantes. A poboación, envellecida e en recesión, está a experimentar un lixeiro incremento grazas á taxa de nacementos e á apreciable chegada de inmigrantes.
Trátase dun centro de liña 1 no que están escolarizados un total de 167 alumnos. O centro conta co PLAMBE desde o curso 2017/18.
Neste curso, o equipo docente de educación infantil recolleu na súa programación a temática de educación viaria e fíxoa extensible ás demais etapas educativas que se imparten no centro (educación primaria e secundaria). Vendo a implicación por parte de todo o profesorado do centro, decidiuse participar no Plan Proxecta: Mobilidade sostible e segura.
As dificultades provocadas pola suspensión da actividade lectiva presencial nos centros desde mediados de marzo non nos permitiron levar a cabo algunhas actividades que constituían o colofón do noso proxecto. Hai que destacar, entre outras:
• Cada grupo de alumnos debía elixir, por consenso, un nome para a súa aula, tomando como referencia os edificios públicos existentes nos concellos/cidades...
• Inauguración dos barrios, que a partir de agora formarán parte da nosa escola.
• Visita dalgunhas personaxes locais ás que se lles dedicou o nome da rúa, para a súa apertura, o cal conseguimos ao inicio deste novo curso.
• Percorrido por grupos polas vías do concello para estudar o nivel de sustentabilidade presente na contorna do alumnado, para valorar o nivel de sustentabilidade en materia de mobilidade, as implicacións para o medio ambiente e, no ámbito de centro, a posta en marcha do camiño escolar, no que queriamos implicar non só a comunidade educativa senón a todos os axentes socias da comunidade onde está situado o centro.
• Visita da DXT. Actividade na que os nenos e nenas gozarían coa presenza no centro de patrullas da Garda Civil (motos, coches, furgóns), con explicación detallada das súas funcións.
Dada a valoración tan positiva dos resultados acadados ata ese momento, non queriamos pasar por alto esta experiencia que resultou moi enriquecedora tanto para o alumnado como para o profesorado implicado, polo que nos pareceu importante dala a coñecer a outras comunidades educativas.
Obxectivos
O obxectivo do programa foi promover modos de mobilidade sustentables e seguros para toda a sociedade, adaptados ao contexto viario no que vive o noso alumnado de Escairón, no concello do Saviñao.
Partindo desta base, reintroducimos a educación viaria na escola, non como a aprendizaxe de normas e sinais para futuros condutores, senón cunha finalidade transformadora que cuestionou os modos de mobilidade imperantes. Este programa favoreceu a participación do alumnado na elaboración de propostas de mellora que garantan a súa seguridade nos seus desprazamentos e, sobre todo, que promovan modos de mobilidade máis saudables para toda a comunidade.
Os obxectivos xerais que pretendemos conseguir poden agruparse en tres bloques:
No ámbito de centro:
- Estimular o desenvolvemento de actitudes de solidariedade e cooperación.
- Potenciar a adquisición de técnicas e hábitos de traballo, estudo e investigación.
- Favorecer a participación do alumnado no proceso de ensino-aprendizaxe, estimulando o desenvolvemento do espírito crítico, a iniciativa e a creatividade.
- Facilitar o acceso do alumnado á utilización dos medios informáticos e audiovisuais en resposta ás novas esixencias da nosa sociedade.
- Fomentar a adquisición de hábitos de respecto.
- Reforzar os comportamentos e actuacións correctas para que sexan asumidos por toda a comunidade educativa e se vaian sistematizando.
- Favorecer as relacións entre os distintos membros da comunidade educativa, e estimular a cooperación entre esta e outras institucións da contorna.
- Fomentar a participación en actividades que contribúan á conservación e mellora do medio ambiente.
- Dar visibilidade e difusión das actividades realizadas dentro deste proxecto a través da páxina web do centro e dos blogs das distintas etapas educativas.
No ámbito de aula:
- Adoptar os contidos de educación viaria incluídos na lexislación dentro das áreas curriculares.
- Descubrir a importancia que teñen as norma de tráfico e coñecer o significado dalgunha delas, creando actitudes de respecto cara a estas.
- Fomentar no alumnado actitudes de conciencia cidadá en relación co uso das vías públicas e do tráfico, desenvolvendo comportamentos responsables.
- Desenvolver o sentido da responsabilidade como peóns e como condutores (triciclos/bicicletas).
- Recoñecer os problemas viarios e as situacións de risco que se presentan na súa contorna e vida cotiá para adoptar as precaucións necesarias para evitar que se produzan accidentes.
- Responsabilidade no manexo dos materiais: prensa, planos, mapas, libros, gravadoras, o propio informe de traballo de cada alumno ou alumna, ferramentas e maquetas.
- Promover o traballo cooperativo e a autonomía dos estudantes.
No ámbito individual:
- Valoración dos comportamentos sociais e persoais que fomentan a mobilidade sostible: desprazamento a pé, en bicicleta, uso dos transportes públicos. Conxunto de accións positivas a cuxa realización nos comprometemos.
- Achegas e propostas de intervención respecto da necesidade de que todas as persoas, incluso aquelas con mobilidade reducida, poidan ter facilidade de desprazamento.
- Pequeno compromiso persoal para despregar comportamentos responsables á hora de utilizar o transporte público: non molestar, facilitar o acceso e cederlles o asento ás persoas con mobilidade reducida, quitar as mochilas, entre outros.
- Confianza e seguridade nas actividades persoais: claridade nas mensaxes, ordenar secuencias, acabado e dominio do espazo do seu caderno de traballo.
Perseguiuse, en definitiva, que o traballo en valores e actitudes produza propostas que melloren as accións dos escolares no seu municipio e, por extensión, na sociedade.
Actividades realizadas
A temática traballada deu lugar a un grande abano de actividades nas diferentes etapas educativas, infantil, primaria e secundaria, que trataremos de agrupar por categorías.
Manualidades
- En infantil elaboraron medios de transporte con materiais reciclados.
- No Samaín, o ENLG propuxo a elaboración dun photocall dun tractor con remolque que ía cheo de produtos do outono (cabazas e millo).
- Na aula de cuarto de primaria realizáronse compadres (alumnado caricaturizado) con profesións de bombeiros e gardas de tráfico.
Proxecto Peón en quinto de educación infantil
Na aula de quinto de infantil levaron a cabo un proxecto para ter nocións básicas de educación viaria no seu contorno. Dividiuse nas seguintes partes:
- Partir sempre dun conto (facilitados pola DXT, Os Bolechas…)
- Normas e sinais de tráfico
- O semáforo
- Medios de transporte. Viaxar seguros
- Motos no Entroido (elaboración do disfrace de motoristas)
- Ambientación distintas dependencias do colexio (rúas, barrios)
- Lectoescritura temática sobre educación viaria
- Manualidades de medios de transporte
- Celebración do Día da Bicicleta, no que o alumnado amosou en vídeos e fotos a súa arte no mundo da bici durante o confinamento.
- Participación vídeo final do Plan Proxecta
Murais
- Mural de elementos da rúa. Na aula de sexto de infantil elaboraron unha maqueta que recollía os diferentes elementos de educación viaria.
- Mural de Rosalía de Castro e os medios de transporte. Para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, propúxose un traballo de investigación en grupo dos medios de transporte daquela época. Os alumnos seleccionaron e plasmaron fragmentos dos versos máis recoñecidos desta autora en vehículos antigos que eles mesmos decoraron.
Barrios
Cada andar do colexio converteuse nun barrio ao que se lle asignou unha temática:
- Barrio da literatura infantil tradicional (planta baixa-infantil).
- Barrio da igualdade e harmonía (planta principal do colexio).
- Barrio das letras e das ciencias (primeiro andar- secundaria).
- Barrio dos artistas (segundo andar-primaria).
Rúas
As rúas dos barrios precisaban nomes, polo que se elaborou un plano de cada andar do colexio. O alumnado de cada etapa, asesorado polos mestres, propuxo nomes de persoeiros para bautizar as rúas. Para enlazar coa temática do PLAMBE deste ano, A igualdade de xénero, pensouse en figuras destacadas neste ámbito, algunha delas locais. Pretendíase que estas figuras locais puidesen vir ao centro inaugurar a súa rúa.
Semáforos e sinais de circulación
Agora tocaba darlles vida ás rúas. Con motivo da celebración do Día da Paz, propúxose crear semáforos da paz. Nas luces dos semáforos estaban escritas palabras relativas a accións que provocan malestar, enfado ou conflito nas aulas (círculos vermellos), accións boas que axudan a crear un bo clima na aula e no centro (círculos verdes) e accións intermedias que permiten solucionar conflitos (círculos laranxas). Cada etapa educativa fixo a mesma actividade en diferentes linguas: infantil con pictogramas, primeiro ciclo de primaria en castelán, segundo ciclo de primaria en galego, terceiro ciclo de primaria en inglés e o alumnado de secundaria en francés.
O alumnado de primaria, nas áreas de plástica e ciencias sociais, colorearon sinais de tráfico cos que se sinalizaron todas as dependencias do colexio.
Grupos de alumnos, supervisados por titores, sinalizaron o chan dos corredores e as escaleiras dos diferentes andares con liñas continuas e descontinuas, sinais de ceder o paso, stops e rotondas.
Finalmente, na aula de cuarto de infantil fixeron un taller de cociña, no que prepararon semáforos con ricos ingredientes (pan de molde, chocolate de untar e Lacasitos) que os máis pequenos puideron degustar.
Entroido
A temática dos disfraces deste curso xirou arredor da educación viaria. Deste xeito atopamos disfraces de motoristas, axentes de tráfico, bombeiros, policías, radares, vehículos públicos, sinais e pasos de peóns.
Retos relacionados coa educación viaria
Na área de lingua traballáronse adiviñas relacionadas cos medios de transporte.
Durante o confinamento e visto que iamos tardar aínda en vernos, comunicámonos co alumnado e as familias para dicirlles que o estaban facendo moi ben e que estabamos orgullosos deles. Para que todos nos divertísemos na corentena e sacasen a súa vea artística, propoñiamos uns sinxelos retos artísticos. A única regra é que recreasen, con cousiñas da casa, o seu propio cadro e que deixasen voar a súa imaxinación e creatividade…
Unha das rúas, a de Maruxa Mallo, serviunos para retalos a recrear a obra desta gran muller e enviarnos a foto ca súa creación.
Inventando sinais de tráfico
Na área de educación artística, na materia de Plástica, o alumnado de primeiro da ESO creou iconas con sinais de tráfico.
Día da Bicicleta
Na área da educación física celebrouse esta festividade na que cada neno/a gozou dun paseo en bicicleta.
Metodoloxía
En liñas xerais, para todos os niveis educativos, a metodoloxía empregada nesta experiencia estivo baseada en todo momento no fomento da cooperación, das relacións interpersoais, a mellora da autoestima e a aprendizaxe do traballo en equipo, co protagonismo centrado no alumnado e a súa realidade respecto da seguridade viaria.
Máis concretamente, o traballo baseouse en proxectos. Partindo do que queriamos aprender, planificamos, pensamos, decidimos e organizamos o traballo para desenvolver propostas empregando tres tipos de agrupamento (gran grupo, pequeno grupo e traballo individual).
Valoración e avaliación
Valoramos moi positivamente a implicación e coordinación do alumnado e do profesorado en todas as actividades descritas.
A avaliación estivo presente en todo o proceso educativo, xa que nos permitiu e facilitou a reflexión e toma de decisións para orientar e corrixir as posibles desviacións que se puidesen producir nos obxectivos propostos e para manter así aquelas prácticas que nos permitiron seguir na dirección formulada.
O obxecto da avaliación inicial foi formarse un xuízo sobre o nivel medio das aulas de traballo no dominio dalgúns conceptos e procedementos a partir da súa percepción do problema da mobilidade urbana.
Valoráronse aspectos como o nivel de dominio de feitos e conceptos referidos ás formas de desprazamento do alumno, uso de medios de transporte máis sustentables, ocupación de espazos na vía pública por diferentes medios de transporte e os seus impactos ambientais, problemas da mobilidade actual e a mobilidade sustentable como solución.
Así mesmo, valorouse o nivel de dominio dalgúns procedementos como a indagación, descubrimento e análise da realidade, a síntese de información e imaxes sobre modos de transporte máis ou menos sustentables, así como a mobilidade cara a espazos públicos.
A avaliación continua levouse a cabo mediante o seguimento das actividades e nas reunións de coordinación do profesorado participante. Aplicáronse os criterios de avaliación establecidos na normativa, adaptándoos a cada unha das idades dos participantes.
Empregáronse como instrumentos de avaliación:
- Realización de entrevistas grupais ao noso alumnado para valorar os coñecementos previos sobre o tema.
- Realización de enquisas e recollida de opinión da súa percepción sobre a sustentabilidade en materia de mobilidade e as implicacións para o medio ambiente no seu concello.
- Revisión e análise dos traballos individuais e de grupo.
- No Proxecto Peón, empregáronse as TIC porque lles resultaban atractivas e prestan máis atención para avaliar que normas cumpren e cales non, o que favorece a súa autonomía, expresión oral e a motivación.
- En infantil a autoavaliación realizouse coloreando un sol cun sorriso ou con cara triste para valorar o traballo individual, en primaria empregouse un semáforo verde (moi ben), laranxa (regular) e vermello (hai que mellorar) en relación cuns ítems e en secundaria autoavaliouse a competencia técnico-táctica (nunca, ás veces, moitas veces ou sempre).
- Parte do proxecto levouse a cabo durante o confinamento, onde a avaliación se realizou en liña. Creouse un espazo virtual de comunicación grupal a través das tecnoloxías onde había unha comunicación de familias, alumnado e profesorado. Para motivar o alumnado para que fose responsable na participación do proxecto, establecíase un período para realizar determinadas actividades/retos e el mesmo respondía da súa realización.
Conclusións
A posta en marcha desta experiencia foi posible grazas á cooperación, xuntanza de esforzos, fortalezas persoais e á contribución de todo o grupo ao obxectivo común.
Foi un proxecto moi significativo e funcional, que prolongou a actividade que comeza na escola ao ámbito da comunidade, de xeito que o alumnado adquiriu e reforzou estratexias e habilidades para a vida.
Traballar en grupo nas aulas, tendo unha meta elixida para alcanzar, foi sinónimo de favorecer a inclusión educativa. Ningún alumno quedou fóra e o profesorado serviu de guía para resolver os conflitos que xurdiron nos agrupamentos. Traballamos todos xuntos sen excluír a ninguén.
Enlace blogs
As actividades realizadas quedaron plasmadas nestes blogs: