As bibliotecas creativas e a diferenciación curricular

De un tempo a esta parte, as bibliotecas creativas convertéronse nun recurso ideal para potenciar os talentos de todo o alumnado, así como nunha ferramenta clave na diferenciación curricular, facendo delas un lugar onde nenas e nenos, sen importar as súas características, sempre teñen oportunidades de éxito.

Diego Rúa Romero
diegorua@edu.xunta.gal
CEIP Canosa-Rus (Coristanco - A Coruña)

 

 

De un tempo a esta parte, as bibliotecas creativas convertéronse nun recurso ideal para potenciar os talentos de todo o alumnado, así como nunha ferramenta clave na diferenciación curricular, facendo delas un lugar onde nenas e nenos, sen importar as súas características, sempre teñen oportunidades de éxito.

 

 

Un dos principais retos aos que se enfrontan as bibliotecas creativas é aprender a convivir e  xestionar a ampla variedade de recursos, especialmente interactivos e dixitais, cos que contamos na actualidade. Por iso, entendemos estes recursos e, en consecuencia, as tarefas e actividades propostas, como unha ocasión perfecta para facer das bibliotecas escolares un lugar onde as metodoloxías activas xurdan de xeito espontáneo e natural. Un lugar onde potenciar fortalezas e talentos dándolle oportunidades de éxito a todo o alumnado sen importar o seu ritmo, intereses e preferencias de estilo de aprendizaxe. 

 

 

Así é como a biblioteca creativa chegou ao ansiado concepto de diferenciación curricular (Renzulli e Reis, 1997), a unha ensinanza heteroxénea na que é totalmente posible, tal e como di Carol Ann Tomlinsson, «a modificación da instrución para satisfacer as necesidades de todo o alumnado». Polo tanto, todos os recursos (maker, interactivos, audiovisuais, manipulables etc.) cos que conta este espazo das bibliotecas escolares van ampliar, complementar e diferenciar todas as tarefas que engloban os proxectos dos centros e, evidentemente, os xurdidos nos plans da biblioteca xa que, en todo momento temos a posibilidade de adaptar e decidir distintos espazos de traballo, de agrupamentos e sobre todo, do xeito de presentar a información. Por exemplo, a un proxecto documental integrado (Rosa Piquín) sobre o universo, a biblioteca creativa enriquecerao coa posibilidade de traballar en espazos diferentes aos da súa aula de referencia, con outro tipo de mobiliario, de agrupamentos máis flexibles e cooperativos e, sobre todo, con materiais cos que facilitaremos a entrada de información, independentemente do seu sistema representacional de preferencia (visual, auditivo ou kinestésico). Isto é, a documentación bibliográfica, xogos e diferentes materiais manipulables de construción propia, o emprego de fichas de realidade aumentada, ou desta á realidade virtual que nos leve ao espazo exterior, visualización de vídeos, pezas de música etc. nas pantallas multitáctil, busca de información nos computadores portátiles, manexo de aplicacións educativas para tableta, emprego de robótica educativa con diferentes manteis do tema, crear o seu propio contido por medio da programación, por exemplo con Scratch, converter nunha realidade física as súas investigacións grazas a impresión 3D e concluír cun bo produto social relevante por medio do emprego do croma ou nas gravacións na Radio na Biblio de todo o que aprendemos durante o desenvolvemento do proxecto. 

 

 

As posibilidades dunha biblioteca creativa non quedan aquí. As coordinadoras e coordinadores do proxecto deben poñer especial atención en propoñer, deseñar e desenvolver tarefas integradoras de todos os elementos curriculares e especialmente das competencias clave, sempre tendo en conta o marcado na ECD/65/2015, do 21 de xaneiro que as regula, dándolle así opcións ao noso alumnado de realizar actividades onde usen os seus coñecementos matemáticos ou lingüísticos, destrezas, actitudes e valores, acompañado dun traballo cooperativo entre os distintos niveis, etapas e incluso intercentros, co que se potencia a inclusión de todas as nenas e nenos na nosa biblioteca creativa e deriva sempre nun determinado resultado práctico, nunha coordinación docente e nunha importantísima implicación familiar. 

As actividades, que estarán previamente planificadas por nós en colaboración coas e cos responsables deste, poden levarse a cabo nos espazos fedellos das bibliotecas creativas en diferentes obradoiros, con grupos de alumnado de distintos cursos e idades, e que, organizadas e organizados por intereses en común, son ideais para compartir os seus intereses, coñecementos e experiencias, crear redes de axuda, convivencia e, sobre todo, poder potenciar os seus talentos. Ademais, dando esta autonomía de organización, as alumnas e alumnos irán avanzando xuntas e xuntos na aprendizaxe, sendo eles mesmos os encargadas de decidiren e organizaren a temática que van traballar ou o problema que van resolver, deixando na mestra ou mestre un papel de facilitador da aprendizaxe e non o papel tradicional do seu transmisor. 

Un detalle importante que hai que ter en conta no desenvolvemento destes obradoiros é poder contar coa colaboración puntual de persoal experto, que forme, mentorice e afonde co grupo no seu centro de interese. Un persoal ou temática perfectamente asumible coas propostas de obradoiros para alumnado da propia asesoría de bibliotecas escolares ou enmarcados dentro dos plans de formacións permanentes de profesorado (PFPP). 

Tampouco podemos esquecernos do traballo intercentros. Actualmente, hai unha conexión moi importante entre os centros do programa, especialmente grazas ao foro común ou a redes sociais como Twitter, polo que é sinxelo atopar escolas con centros de interese, proxectos documentais integrados etc. similares aos nosos, co que é relativamente sinxelo programar diferentes actividades conxuntas en momentos puntuais por medio de videoconferencias, enderezos electrónicos etc. 

 

 

Anteriormente falabamos do reto das bibliotecas creativas de integrar todos os seus múltiples recursos, pero hai outro reto que non debemos perder de vista: conseguir facer dos nosos espazos fedellos lugares accesibles, inclusivos e equitativos, algo que ten que empezar coa adaptación de todas as actividades propostas desde estas ao deseño universal de aprendizaxe (DUA). Para iso, haberá que facer unha revisión destas e comezar a presentar opcións personalizadas que lle permitan progresar a todo o alumnado por igual. As actividades propostas deberían ser, polo tanto, multiformato e multinivel, atendendo aos diferentes niveis de desempeño que temos na escola, dándolles a opción, por exemplo, ás nenas e nenos dos niveis máis altos de educación primaria a participaren de xeito activo nos obradoiros ou recantos que falabamos anteriormente, como responsables destes, e contribuíndo de novo ao enriquecemento curricular da nosa biblioteca creativa. Para isto, tamén é importante volver falar do cambio de perspectiva das mestras e mestres do equipo de biblioteca, que pasarán a ser un persoal orientador, promotor e facilitador do desenvolvemento competencial das nenas e nenos durante os traballos nas diferentes tarefas e actividades propostas, de xeito que é o alumnado o encargado de decidir como participar e como planificar a súa experiencia e, polo tanto, a súa propia aprendizaxe. 

É importante falar aquí de que os espazos fedellos faciliten unha organización onde o traballo cooperativo estea totalmente integrado, para poder derivar así, nas nenas e nenos, actitudes de axuda mutua, igualdade, solidariedade etc.

 

 

As bibliotecas creativas tamén teñen que ser quen de dar o paso das TIC ás TAC (tecnoloxías da aprendizaxe e o coñecemento), buscando que os numerosos recursos desta índole (tabletas, computadores, pantalla multitáctil, robots etc.) cheguen a transformar esa información en coñecemento, como, por exemplo, facendo da biblioteca creativa o principal recurso para desenvolver as competencias STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths) na escola, cobrando importancia, nestes últimos anos, a integración da arte por medio de téxtiles electrónicos, circuítos eléctricos de papel ou o pensamento computacional con e sen pantallas, por medio do cal resolveremos diferentes problemas mediante conceptos de programación informática. 

Este carácter diferenciador e integrador da biblioteca creativa non queda aquí, é ideal para comezar a desenvolver metodoloxías activas como a gamificación, esa técnica de aprendizaxe que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo e que tan bos resultados ten á hora de motivar o alumnado na aprendizaxe e, sobre todo, que tan ben se adapta ao desenvolvemento dos nosos proxectos documentais integrados. 

 

 

Como vemos, as bibliotecas creativas son a ferramenta perfecta para desenvolver ao máximo as potencialidades de todo o alumnado e o medio ideal para proporcionarlle todas as oportunidades de éxito que a escola ten o deber de dar. Un lugar onde as nenas e nenos crean, experimentan, xogan, se equivocan, se emocionan... en definitiva, aprenden.