Dinamizando a lectura

Desde a biblioteca do centro viñéronse levando a cabo no curso escolar 2019/20 algunhas iniciativas para dinamizar a lectura entre o alumnado e as familias. Buscouse a súa implicación como parte da comunidade educativa e porque é imprescindible o seu labor no proceso educativo do alumado.

Rocío Rodríguez Conde
Coordinadora da biblioteca e titora de Primaria
CEIP Emilia Pardo Bazán (Vigo - Pontevedra)
rocio.rodriguez@edu.xunta.es

 

 

Contextualización

A biblioteca do centro debe ser o seu centro neurálxico de actividade. É por iso imprescindible o traballo desde este espazo e, por suposto, as iniciativas que saen dela, para o que é necesario o apoio dos titores, que son os referentes dos alumnos e alumnas no centro, así como do resto da comunidade educativa. É así como se levaron a cabo diferentes propostas para o fomento da lectura e do hábito lector para o bo desenvolvemento das competencias clave, en especial a lingüística. As bibliotecas, neste senso, teñen o reto de favorecer a alfabetización múltiple.

 

Obxectivos

Estas iniciativas lectoras teñen por obxectivo o fomento da competencia lingüística entre o alumnado e favorecer tamén a relación no eido familiar e, así mesmo, das familias coa escola.

A lectura está considerada unha ferramenta imprescindible de aprendizaxe, xa que favorece o acceso aos contidos das áreas curriculares e tamén ao desenvolvemento da imaxinación e creatividade do alumnado. Pero non soamente buscamos que os alumnos e alumnas se involucren na lectura para ter acceso ás ensinanzas da escola, senón para que, a través dela, falen, lean e escriban sobre as emocións, afectos, aventuras, en definitiva, sobre a vida.

 

Descrición da actividade

Sendo a biblioteca escolar un espazo para deseñar e apoiar actividades de fomento da lectura, buscamos mergullar aínda máis as familias na educación dos seus fillos e fillas, creando compromisos con elas para o mellor progreso educativo do alumnado, como indica o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, que establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta liña de creación de actividades dentro da biblioteca é fundamental o fomento do hábito lector desde infantil para que sexan futuros lectores competentes e usuarios críticos da información. É así como xorde a iniciativa de crear unha campaña lectora «Le cos teus».

 

 

Esta actividade toma de referencia a proposta Leer en familia da Junta de Extremadura. Cremos necesario, como docentes, aprender das boas prácticas educativas de centros da contorna. Neste caso traspasamos a fronteira de Galicia para mergullarnos nunha iniciativa que tivo unha moi boa acollida en Estremadura, polo que decidimos adaptala ao noso centro e ao noso alumnado e familias.

En que consiste? En implicar as familias no gran labor de inculcar no noso alumnado o hábito lector para fomentar o amor pola lectura e que tantos beneficios ten:

  • Incrementa a capacidade de concentración e atención.
  • Abre a porta á información.
  • Achega descubrimentos.
  • Estimula a capacidade de análise e reflexión.
  • Desenvolve a linguaxe e a expresión.
  • Contribúe a mellorar a ortografía.
  • Desenvolve a empatía.
  • Favorece o desenvolvemento intelectual.
  • Favorece a estimulación da imaxinación.

As familias son o contexto principal no que se desenvolven os nosos nenos e nenas. É no fogar onde se desenvolven as súas primeiras conexións neuronais e, polo tanto, poden axudar e colaborar na súa madurez, tanto cognitiva como emocional, ofrecendo un contorno positivo e de confianza, onde a lectura ocupe un espazo especial, aprendendo a través do exemplo dos maiores. Este ambiente de exemplo contribuirá, non soamente a formar as súas conexións cerebrais, senón tamén aos seus coñecementos e ao seu comportamento, adaptándose ao seu contorno. Trátase así de proporcionar un ámbito de aprendizaxe, unhas vivencias de aprendizaxe en familia, no que se divirtan, o que implica que, aprendendo con alegría, a través de algo que os motive, o cerebro intentará repetir a acción e consolidará mellor as aprendizaxes.

É así como nace esta iniciativa de lectura en familia.

Pola especial relación que ten a aprendizaxe coas vivencias e a motivación do alumnado, como establecen os estudos da neuroeducación, quixemos involucrar o alumnado na creación do logo da iniciativa. Desta maneira, enchemos os corredores do centro con carteis nos que se anunciaba un concurso para ilustrar esta campaña. Os alumnos e alumnas que así o quixeron entregaron a súa proposta de debuxo e lema. Unha vez recibidas todas estas propostas, o equipo de biblioteca decidiu o gañador que encabezará esta campaña lectora, co lema «Le cos teus».

Coa imaxe ilustrativa, creamos uns trípticos informativos nos que lles explicabamos esta campaña lectora ás familias e as animabamos a participar. O único que se pedía era compartir un pouco de lectura cos seus fillos e fillas, por exemplo, 30 minutos diarios, polo menos cinco días á semana. A lectura pódese facer en voz alta, de forma compartida, acompañándoos na súa lectura ou compartindo un mesmo tempo e espazo de lectura no que cadaquén escolla as súas lecturas, pero sempre respectando os seus ritmos e partindo das súas experiencias e capacidades.

Tras a recepción da información, as familias que lles interesou a idea e queren compartir este tempo de lectura cos seus, enviaron cuberta a folla de inscrición da actividade para poder enviarlles uns cupóns que deben de asinar cada día de lectura. Ao final de cada mes, o alumnado leva ao centro o cupón dese mes debidamente cuberto e asinado pola familia pola parte de atrás como sinal de compromiso coas lecturas feitas. Cando finalice a campaña, as familias que cumpran o compromiso recibirán un diploma de familia lectora.

Esta actividade supón un reto para o alumnado, ten que chegar a ler un mínimo para poder acceder a ese premio, a ese diploma. Trátase dunha forma de implicar o alumnado dunha maneira lúdica e motivadora e que xera entusiasmo entre os nenos e nenas e coas súas familias.

Nun primeiro momento non foron moitas as familias que se anotaron, había clases nas que soamente había un ou dous nenos anotados. Pero, a medida que as semanas pasaban, foron moitas as familias que se foron sumando a esta medida de fomento da lectura, polo que non puidemos máis que darlles as grazas a todas estas familias pola súa implicación neste labor tan complexo.

Para darlles maior importancia a estes momentos de lectura, pediuse que enviasen ao centro imaxes das familias compartindo ese tempo de lecer. É algo moi importante que o alumnado se sinta o protagonista das aprendizaxes, así como motivado por elas, compartindo as súas experiencias cos compañeiros e compañeiras.

Sempre que se prepara unha actividade destas dimensións, faise con algo de medo, pensando na acollida que pode ter entre a comunidade educativa. Neste caso foi ben recibida e cada semana eran máis familias as que se querían sumar a esta iniciativa. Tamén foi moi gratificante a cara dos nenos e nenas ao entregar o primeiro cupón do mes de febreiro e preguntando, con medo, se a lectura feita nos días que traían marcados sería suficiente.

A implicación das familias no proceso de ensino-aprendizaxe é un factor que hai que potenciar, xa que queda moito camiño por percorrer. Son moitas as familias que participan gustosas, tanto desta como doutras actividades propostas ao longo do curso. Pero tamén é certo que quedan aínda familias por achegarse á biblioteca e compartir ese tempo de lecer cos seus fillos e fillas. Aí está o noso labor, seguir creando actividades que poidan conectar cos seus intereses e que lles resulten atractivas e os enganchen a participar e a enriquecerse das experiencias da comunidade educativa.

Ademais desta gran medida lectora que implicaba a comunidade educativa, dentro do noso PDI Coñezo Galicia, puxemos en marcha un Carballo lector, árbore que se construíu con material reciclado, moreas de cartóns das caixas que recibimos no centro e non podemos desaproveitar, algo necesario para fomentar no alumnado a necesidade de coidar o medio e reutilizar os materiais aos que lles podemos buscar unha segunda vida.

 

 

Esta árbore tan característica da nosa comunidade autónoma empregámola como motivación para que o alumnado cubrise de follas o noso carballo coas súas suxestións lectoras. Para tal fin, puxemos á disposición do alumnado e tamén das familias que acoden á biblioteca polas tardes unha bandexa de follas do carballo para que cubrisen e enriquecesen con elas o Carballo lector. O alumnado foi partícipe da produción e crecemento desta árbore, o que lle engade significatividade ao proceso de aprendizaxe. Estas suxestións lectoras que se van colgando, pouco a pouco, no noso carballo serven para que o resto de compañeiros e compañeiras as vexan e teñan ganas de participar e poñer as súas e tamén para ver as suxestións dos demais e poder ler eses libros se lles interesan.

A maiores das suxestións lectoras, sinalamos a zona cun letreiro para que fose aínda máis visible e, á vez, máis vistoso para eles e elas. Tamén se acordoou a zona do Carballo e, nun pequeno atril, púxoselle información relativa á árbore para amosar a importancia do coidado da natureza e deste ben, traballando así a competencia social e cívica. Pero, por que acordoamos a zona? Coma calquera zona con estas características, buscamos preservar o estado do noso carballo, por exemplo, para que non se contamine a zona con lixo nin se dane esta árbore centenaria. O alumnado pode acceder sempre acompañado dun membro do equipo de biblioteca para transmitir ese sentimento de respecto polo coidado do medio, así como polo traballo dos demais na elaboración desta escena lectora que tanto lle gusta.

Tamén dentro do proxecto deste ano, Coñezo Galicia, levamos a cabo a iniciativa Lendas na lareira.

 

 

Cal é a súa finalidade? Inculcar no alumnado as raíces da nosa comunidade e facelos partícipes de costumes galegos que quizais non coñezan. Nas aldeas, é moi común ver nas antigas cociñas lareiras, o lugar onde se facía o lume e se usaba para cociñar e quentar a casa. As familias sentaban arredor dela a contar historias. É aí onde radica a importancia da nosa lareira, na tradición oral, buscar que esas lendas e historias que están na cabeza dos nosos maiores non se perdan e pasen de xeración en xeración, buscando así facer perdurar a nosa cultura e as nosas raíces. Son moitos os nenos e nenas que non coñecen este elemento tan esencial de moitas casas, xa que nos encontramos nun ámbito urbano e tamén con alumnado procedente do estranxeiro, ao que lle debemos dar a coñecer a nosa historia e cultura.

É nesta lareira onde os titores e titoras, figuras fundamentais para o bo funcionamento desta actividade, realizaron lecturas co seu alumnado arredor dela, tendo de fondo un pote representativo da cociña con leña debaixo. Creamos así un lugar moi atractivo e motivador para o alumnado e que, con tanto agarimo, construíu o equipo da biblioteca, rememorando historias dos nosos avós mentres o elaborabamos.

A verdade é que esta foi unha das actividades máis motivadoras para o alumnado porque todos querían ler as súas historias neste espazo tan singular que moitos non coñecían.

 

 

Avaliación

Todas as iniciativas postas en marcha para o fomento do hábito lector se consideraron axeitadas e con boa recepción, tanto desde o claustro como desde as familias. A pesar disto, consideramos que esta é unha ardua tarefa na que queda moito por facer e na que se seguirá afondando, xa que a escola é un lugar onde evitar desigualdades sociais e a biblioteca é un espazo esencial para tal fin.

 

 

Sección: