Cada encerado, un mundo

Reutilización de encerados obsoletos nos patios do CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela
Este artigo describe a actividade de reutilización de encerados vellos no patio escolar do CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela. Este traballo favoreceu as aprendizaxes e a formación integral do alumnado nos períodos de lecer.

José Manuel Vázquez López
Orientación Escolar
CEIP Plurilingüe Vista Alegre (Burela - Lugo)
josemanuel.vazquez@edu.xunta.es

 

Introdución

Este artigo achega un traballo descritivo sobre a actividade de reutilización de encerados vellos no patio escolar do CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela. Esta iniciativa constituíu un exercicio pedagóxico para promover as aprendizaxes e a formación integral do alumno nos períodos de lecer. Os antigos encerados constitúen un formidable recurso lúdico nos patios dos colexios. Estes materiais escolares, agora substituídos en parte polos EDI, poden servir para dinamizar os patios dos colexios, fomentar a reutilización de mobiliario, estimular o xogo simbólico, achegarse á lectoescritura, favorecer a psicomotricidade fina e potenciar as producións artísticas nos períodos de lecer. Para conseguir isto, o equipo docente do CEIP Vista Alegre de Burela reutilizou catro encerados antigos situándoos nos distintos patios escolares. O emprego destes encerados conseguiu potenciar o xogo libre, o interese polos grafismos e a creatividade do neno. Ademais, con esta proposta ofrecéuselle á comunidade educativa unha imaxe ecolóxica de aproveitamento de recursos antes esquecidos. Cando se trata de aproveitar os recursos vetustos, cómpre ter en conta o exemplo que como centro público lles ofrecemos ás familias. Por este motivo, esta iniciativa tamén implica unha imaxe positiva de consumo responsable e eficiente ante os retos do século XXI e o cambio climático.

A nova utilización dos encerados escolares foi unha experiencia extensible e positiva para dinamizar outros espazos. Ademais, nos cursos inferiores de educación infantil favorece a súa psicomotricidade fina e a expresión artística e creativa. A continuación achégase pormenorizadamente o proceso de implantación dos catro encerados escolares nos distintos patios do CEIP Vista Alegre de Burela.

 

 

Descrición do proxecto

1. Restauración e implantación dos encerados: En primeiro lugar, elixíronse os encerados almacenados sen uso, substituídos polos EDI e encerados sintéticos. Unha vez seleccionados, o conserxe do centro restaurounos, deulles unha man de pintura de exterior. A continuación, seleccionamos os lugares onde situar os encerados restaurados. A súa situación foi proposta e elixida polos mestres do centro. Para a súa colocación foi necesario ter en conta a idade dos alumnos para situalos á á altura correcta. Ademais intentouse que os lugares estivesen recollidos da choiva e respectasen a fachada principal do centro segundo a lexislación correspondente.

2. Elección do alumnado responsable da recollida de material: Acto seguido, nomeamos os discentes responsables da repartición e recollida do material durante os períodos de lecer (borradores e xices). Os encargados foron propostos polos titores segundo o grao de responsabilidade. A súa disposición foi de carácter trimestral e podían cambiar segundo as premisas do titor. Para que os encargados de material puidesen ser identificados polo resto do alumnado portaron unha chapa de identificación.

Mediante esta iniciativa puidemos comprobar como as responsabilidades motivan moito os nenos. A figura do responsable de aula comporta unha axuda importante para o docente e unha motivación extra para os alumnos que queren conseguir ocupar este cargo. Neste sentido este nomeamento pode empregarse como reforzador e premio. Favorecer a incorporación de responsabilidade nos discentes motiva o alumnado, xa que esta faceta estivo sinalada cunha chapa personalizada para que o resto de alumnado puidese identificar o novo responsable.

3. Implementación da experiencia pedagóxica: Comezando coa observación do uso dos encerados escolares en contextos libres non dirixidos: a socialización, o coidado do material, a creatividade, o compañeirismo, o respecto de quenda, a evolución caligráfica, a produción plástica, a responsabilidade dos encargados de recollida do material e o xogo simbólico.

 

Obxectivos

  • Reutilizar materiais escolares obsoletos.
  • Mellorar a expresión plástica e artística.
  • Favorecer o xogo simbólico
  • Dinamizar os espazos e tempos de lecer.
  • Empregar a lectoescritura con fins lúdicos
  • Potenciar a creatividade e o xogo libre.
  • Favorecer a psicomotricidade fina e a grafomotricidade.
  • Delegar nos alumnos responsabilidades de coidado do material e do contorno.
  • Motivar os discentes mediante a toma de responsabilidades.
  • Realizar actividades ao aire libre en contacto coa natureza.
  • Potenciar o desenvolvemento cognitivo, comunicativo, psicomotriz, afectivo e social mediante o xogo libre.
  • Favorecer a produción de traballos en postura erguida.

 

Contidos

  • O xogo libre
  • A psicomotricidade fina
  • A responsabilidade escolar
  • O xogo simbólico
  • A ecoloxía nos centros escolares
  • A reutilización de materias escolares
  • O xogo en espazos abertos
  • A grafomotricidade
  • A expresión plástica e artística
  • A creatividade
  • Produción en posición erguida

 

Metodoloxía e fundamentación

En primeiro lugar, esta experiencia fundamentouse na intención de cambiar a utilización do encerado escolar –tradicionalmente usado para traballos académicos– e darlle un carácter máis lúdico. Tratouse de dotar este recurso dunha nova perspectiva máis motivadora e non tan académica. Mediante a metodoloxía do xogo libre conséguese mellorar a capacidade creativa e a motivación. Considerouse que non era favorable normativizar en demasía a utilización dos encerados escolares nos períodos de lecer, porque podería limitar o libre desenvolvemento da creatividade no xogo.

O encerado é un soporte grande que favorece os movementos amplos, prerrequisito que mellora da psicomotricidade fina. En efecto, estes movementos favorecen o desenvolvemento psicomotor dos menores. Esta estimulación fundaméntase partindo das leis próximo-distal, encéfalo-caudal, de diferenza progresiva e flexión-extensión muscular. Ademais, a postura erguida favorece o desenvolvemento físico do menor.

 

Temporización

Os encerados poden ser empregados voluntariamente nos períodos de lecer, comprendidos entre as 11:45 e as 12:15 en horario lectivo. Pero este recurso non só pode ser empregado nos recreos, tamén é usado polo persoal docente para clases de maxisterio ao aire libre e en actividades extraescolares autorizadas polo centro como as actividades en sesión de tarde.

 

Materiais empregados

  • 4 encerados antigos
  • 1 bote de pintura antitóxico de exteriores
  • 4 borradores.
  • 4 paquetes de xices de cores: 100 Milán (antialérxico)

 

Actividades

  • Xogo libre
  • Xogo simbólico-dramático: «Xogamos a ser mestres»
  • Emprego dos encerados para clases maxistrais ao aire libre os días de bo tempo
  • Correspondencia escolar
  • Taboleiro de suxestións
  • Cadro de noticias escolares
  • Outros anuncios
  • Exposición pública de producións

 

Estratexias

1. RESPONSABILIDADE: Procuramos involucrar os discentes na conservación e coidado do contorno escolar. Este tipo de actividades favorecen a súa maduración e o protagonismo do alumno nos procesos de ensino/aprendizaxe.

2. ECOLOXÍA: Ofrecerlle á comunidade educativa unha imaxe de aproveitamento dos recursos e minimizar os custos económicos e produtivos: «Coidar o noso contorno é tarefa de todos».

3. LECTOESCRITURA: Mellorar os prerrequisitos lectoescritores mediante o xogo libre.

4. CREATIVIDADE: Realizar actividades dramáticas, simbólicas e plásticas creativas mediante o libre desenvolvemento da súa imaxinación.

5. NATUREZA: Favorecer as actividades ao aire libre, en espazos abertos preto de zonas naturais. A finalidade última é que o alumno, mediante a convivencia cos espazos verdes, coide, valore e aproveite os recursos da escola.

6. POSICIÓN ERGUIDA: Cada vez os nenos pasan mais tempo sentados. Esta posición en exceso é antinatural para o neno. Co uso do encerado trátase de que os nenos estean o menor tempo posible nesta posición. Ademais, a produción plástica noutro soporte (encerado) e noutra postura mellora a creación e a experiencia.

 

 

Avaliación

A avaliación desta experiencia tratou de valorar de xeito global a consecución dos obxectivos e as accións programadas. Por este motivo, o presente documento inclúe os criterios para contrastar o grao de satisfacción dos obxectivos programados. Ademais, tivemos presente, en todo momento, que a meta última desta experiencia era lograr unha libre expresión plástica xeneralizada e sistematizada do alumnado nos espazos de lecer.

A nosa experiencia con esta iniciativa ecolóxica foi moi positiva, non só pola súa condición próxima á reciclaxe, senón pola dinamización de espazos de lecer, a mellora coeducativa, a toma de responsabilidade polos encargados e o traballo ao aire libre. Ademais, a aprendizaxe en espazos abertos mellorou os procesos de ensino e aprendizaxe, o contacto coa natureza e o revestimento dun novo sentir aos procesos artísticos e caligráficos. Os principais criterios de avaliación foron:

  •  Grao de cumprimento dos obxectivos.
  •  Grao de cumprimento dos acordos entre os alumnos e socialización destes.
  •  Nivel de consenso acadado polos alumnos nos espazos de lecer.
  •  Grao de fluidez na relación co equipo, en especial coa xefatura de estudos.
  •  Grao de integración das actividades de expresión plástica nos espazos de lecer.

Así mesmo, é necesario analizar o proceso de organización da recollida do material empregado: borradores e xices.

Os instrumentos de avaliación foron:

- A autovaloración do traballo dos membros participantes en relación coas tarefas encomendadas.

- A valoración semanal das medidas levadas a cabo nos espazos de lecer.

- A avaliación conxunta do alumnado respecto do grao de aceptación. - Pódense empregar cuestionarios de avaliación cubertos polos titores e titoras.

 

Conclusión

Despois da boa experiencia da reutilización de encerados nos patios do colexio, entendemos que esta iniciativa é extensible ao resto dos centros que a consideren interesante, en función dos seus recursos, localización ou intereses. O alumnado do noso centro viuse moi favorecido e estimulado, cun investimento económico mínimo, «xa que cada encerado pode ser un mundo». Este tipo de reutilización dálles exemplo aos pais e ao alumnado sobre a forma de actuar responsable co noso contorno: «porque os nenos aprenden máis polo que ven que polo que se lles di». Constitúe para os docentes un orgullo ver como os nenos xogan de forma gráfica e plástica cos encerados. Ademais, a estimulación mediante os movementos amplos son a base e o prerrequisito da lectoescritura, un dos obxectivos principais da nosa escola. Só me queda animar a todas as comunidades educativas a emprender esta nova aventura pedagóxica «porque cada encerado pode ser un fantástico xogo estimulador e motivador nos períodos de lecer».

 

 

Bibliografía: 

 

 

Amor, C. (1935). Que hay de vivo en la escuela activa. Revista de Pedagogía, 164, agosto, ano XIV, 349-355.

Ballesteros, A. (1924). El maestro rural. Revista de Pedagogía, 24, xaneiro, ano III, 3-8.

Barreiro Rodríguez, H. (1989). Lorenzo Luzuriaga y la renovación pedagógica en España. Santiago: Do Castro.

Campillo, R. (1924). Una visita a la escuela de Decroly. Revista de Pedagogía, 34, ano III, Madrid, 365-369.

Claperede, M. E. (1922). Rousseau y la significación de la infancia. Revista de Pedagogía, 4, abril, ano I, Madrid, 121-131.

 

Sección: