Aula nova – Espazo de encontro, aprendizaxe e experimentación

Presentación da Aula nova, un espazo de traballo innovador deseñado para todo o profesorado galego.

José M. Álvarez Rodríguez, exasesor de Aula nova
Diana Pastoriza Espasandín, asesora no Departamento de Formación, Innovación e Internacionalización
cafi.aulanova@edu.xunta.es

 

 

A adaptación dos espazos de aprendizaxe é unha temática que cada vez chama máis a atención de líderes e lexisladores educativos en tanto que facilita a incorporación de pedagoxías innovadoras e a integración didáctica das TIC sen costuras.

Seguindo esta tendencia, o CAFI ─Centro Autonómico de Formación e Innovación─ estreou no mes de xullo de 2018 un espazo de encontro, aprendizaxe e experimentación: a Aula nova. Concíbese como un lugar de traballo comunitario, flexible e agradable, onde a metodoloxía está orientada á amplificación da aprendizaxe, ao desenvolvemento da creatividade, á innovación e á autonomía do profesorado.

A Aula nova xorde como proposta para crear espazos de aprendizaxe máis flexibles, fomentar o emprego de pedagoxías innovadoras e das TIC, e para ser a panca que facilita a innovación dos centros educativos. Sendo os centros parte dunha ecoloxía humana e cultural máis ampla, cando algo cambia neles, tamén o fai o ecosistema en xeral. A introdución de aspectos relativamente innovadores ou a recuperación doutros, como poden ser as ferramentas e recursos dixitais, a aprendizaxe móbil, o pensamento de deseño, a alfabetización mediática e dixital ou o traballo colaborativo, lévannos tamén á revisión do deseño da propia escola, do que se ensina e como se fai. Do mesmo xeito que os estándares son o corazón do modelo de aprendizaxe e lle engaden fluidez ao currículo educativo, a tecnoloxía e o contorno modifican os modelos de ensino, que buscan adecuarse ás necesidades do mundo actual, centradas no fomento da autonomía e a autorregulación do alumnado, no deseño dos seus propios itinerarios de aprendizaxe e na creación de solucións útiles para a comunidade na que están inmersos.

Esa filosofía é a que inspira espazos como os fab labs, obradoiros de pequena escala que se centran na fabricación dixital; os espazos maker (makerspaces ou hackerspaces) é dicir, espazos de traballo colaborativo en escolas, bibliotecas ou lugares públicos que teñen como obxectivo «facer», aprender, explorar e compartir, empregando ferramentas de todo tipo (tecnolóxica ou non); ou a Future Classroom Lab (FCL), que divide o espazo en seis zonas específicas de ensino-aprendizaxe co obxectivo de repensar diferentes aspectos: o espazo físico, os recursos, os roles cambiantes de docente e discente e o apoio a diferentes estilos de aprendizaxe.

Estes espazos son diferentes, mais a súa cerna é a mesma: todos son lugares para «facer», colaborar, aprender e compartir. Son unha metáfora dun ambiente de aprendizaxe que fomenta a exploración e o xogo para todos/as, que difuminan as fronteiras da aula e tamén entre a educación formal, non formal e informal. Os proxectos que se levan a cabo neles son tamén diversos e van desde a programación, a impresión 3D, a electrónica e o traballo con Arduino, ata robótica, circuítos e electricidade, ou costura.

Sendo coñecedores desta realidade e despois de explorar algúns deses espazos, o Centro Autonómico de Formación e Innovación percibiu en 2017 a necesidade de crear un novo espazo físico que servise como referencia para a implementación dos cambios necesarios que permitisen a modificación dunha aula tradicional nunha aula do futuro, ou ben a súa creación por parte dos centros educativos galegos. Alén disto, dispoñer deste espazo modelo permitiría realizar a súa avaliación en contextos reais e proporcionaría información sobre a súa pertinencia e a idoneidade da distribución dos escenarios de aprendizaxe creados e o mobiliario empregado.

O traballo dirixiuno e coordinouno a dirección do CAFI e fíxose realidade grazas ao traballo das comisións de traballo formadas polo persoal asesor dos diferentes departamentos. Así, no verán do 2018 tivo lugar a inauguración da Aula nova e abriu as súas portas ao profesorado no comezo do curso 2018/19.

Como espazo ao servizo do profesorado galego, a Aula nova é un lugar onde facer cousas pero, sobre todo, é un lugar para crear «significado» e permitir que a curiosidade e a imaxinación florezan. Dese xeito conflúen a tecnoloxía, a aprendizaxe colaborativa e a arte nun espazo seguro onde a creatividade e o ensaio-erro triunfan no proceso de deseño, prototipado, manufactura e revisión. Ese proceso é moito máis relevante ca os produtos finais creados.

 

 

Co fin de servir a ese proceso, a Aula nova configúrase atendendo aos seguintes cinco espazos ou escenarios de aprendizaxe:

  • Espazo para a comunicación (expresa e presenta). Dispón de cadeiras de pa con rodas que se poden mover á vontade para que todos/as poidan verse, unha mesa de presentación cun pequeno soporte regulable, un atril con micrófono, unha pantalla interactiva na que se pode escribir con lapis electrónico, xiz ou rotulador, e unha cabina de gravación de son.
  • Espazo de colaboración (supera retos e interactúa). Dividida en varias zonas, e con mobiliario variable e modulable, esta área ofrece a oportunidade de experimentar diversas formas de organizar o espazo para fomentar a interacción coa axuda de diversos medios: mesas con taboleiros individuais que tamén serven para separar espazos, cómoda cabina con sofás e monitor ou mesas triangulares cun centro de carga para dispositivos móbiles.
  • Espazo de creación (realiza a túa idea e aprende). Aquí pódese traballar individualmente, centrando a atención na creatividade e nas habilidades comunicativas para crear vídeos, facer deseño gráfico ou experimentar co pensamento visual. Ten unha zona croma, dúas tabletas gráficas de alta resolución e software de edición de imaxe e vídeo (Adobe CC).
  • Espazo de prototipado (explora e desenvolve). É unha zona de traballo con distintos recursos e ferramentas de mecanizado e electrónica para investigar e aprender de xeito informal, esbozando, probando e creando un produto para lle dar solución a un problema ou necesidade.
  • Espazo de deseño (inventa e descubre). Equipada con dúas mesas e cadeiras, esta zona permite traballar colaborativamente no desenvolvemento de proxectos e na creación de pequenos obxectos empregando os recursos dispoñibles (placas de Arduino, pezas impresas en 3D, robótica entre outros).
  • Estes espazos de prototipado e deseño conforman a área maker da aula, un lugar onde os procesos de invención, prototipado, superación de retos, realización de ideas, compartición e colaboración se fan realidade. Numerosos recursos en robótica, impresión 3D, electrónica básica, kits de mecanismos e montaxe, simuladores de procesos, cortadora láser ou máquinas de control numérico entre outros, facilitan o deseño e execución de proxectos e a creación dun produto final.

 

 

Para poñer en valor todos estes espazos ou escenarios de aprendizaxe, e a Aula nova no seu conxunto, o CAFI leva dous cursos académicos seguindo unha serie de liñas de actuación, sobre todo:

  • Difusión e promoción da Aula nova entre o profesorado do ámbito CAFI e o profesorado galego en xeral. Neste sentido, realizouse o deseño e publicación da páxina web da Aula nova (http://www.aulanova.gal) e posteriormente do seu blog (http://blogs.xunta.gal/aulanova) e creáronse vídeos divulgativos deste espazo. Tamén se realizaron carteis e trípticos que foron distribuídos ao persoal asesor de centros, nos que se daba cumprida información sobre a Aula nova e as actividades programadas para este espazo. Na web poden descargarse estes vídeos, carteis e trípticos.
  • Deseño de actividades de formación específicas para este espazo. No pasado curso 2018/19 realizáronse un total de sete actividades de formación deseñadas especificamente para a Aula nova. Este número ampliouse neste curso 2019/20, malia que as actuais condicións nos levaron a suspendelas. Estas actividades pretenderon poñer a aprendizaxe no centro da formación, fomentando a aprendizaxe social e colaborativa mediante o establecemento e superación dun reto ou proxecto, e integrando tarefas de reflexión e avaliación, incluída unha análise da influencia do espazo na experiencia de aprendizaxe. As liñas temáticas destas actividades foron as novas metodoloxías, o emprego e uso dos espazos maker e proxectos STEM. Tamén se realizaron tres talleres ou obradoiros de formación específicos en temáticas como o biomaking, a creación de vídeos educativos mediante croma e unha formación específica para os integrantes da axencia NOSA. Arredor do mes de maio poderás consultar o  plan de formación anual do profesorado para o vindeiro curso académico e poderás solicitar novas actividades de formación deseñadas para este espazo.
  • Visitas de centros educativos e profesorado. Tanto no ámbito persoal como en grupos de docentes de centros educativos, o persoal asesor está encantado de recibir a vosa visita para coñecer as instalacións e demandar información sobre o espazo, a súa organización, o mobiliario e os recursos educativos e materiais cos que conta. Podes facernos chegar a túa solicitude a través do enderezo electrónico cafi.aulanova@edu.xunta.gal ou por teléfono no número 981 522 411.
  • Proxectos presentados polo profesorado. Tamén podes presentar o teu propio proxecto grupal para explorar o espazo de maneira máis autónoma. Atendéronse proxectos de temáticas relacionadas co escaneo e a impresión 3D, gravación de son e edición de vídeo, emprego da cortadora láser, robótica ou biomaking entre outras. Este proxectos poden solicitarse a través da páxina web de Aula nova, na pestana «Como solicitala?», cubrindo o formulario e anexando unha breve memoria descritiva do proxecto.
  • A Aula nova forma parte tamén da rede de laboratorios de aprendizaxe («FCL Network of Learning Labs»), unha rede aberta liderada por European Schoolnet que permite o intercambio e o debate arredor de temas como a xestión, a cooperación co mundo empresarial ou o deseño das actividades formativas neste espazo. A rede fai encontros regulares (tanto presenciais como en liña) para intercambiar ideas e boas prácticas e, normalmente, adoita colaborar tamén na publicación de documentos de directrices referentes a aspectos ligados a tres piares principais: a tecnoloxía, a pedagoxía e o espazo.
  • Por último, desde outubro de 2019, o CAFI participa no proxecto Erasmus Plus Acción Clave KA2 «Designing Future Innovative Learning Spaces». É un proxecto centrado na innovación coordinado por YEĞİTEK (Milli Egitim Bakanligi Yenilik ve Egitim Teknolojileri Genel Mudurlugu) en Turquía e nel participan socios de seis países diferentes: a Hacettepe Universitesi (Turquía), a Universidade de Lisboa (Portugal), European Schoolnet (Bélxica), Zakladni skola Dr. Edvarda Benese (República Checa), PH Wien (Austria) e o CAFI (España). Podes obter máis información sobre este proxecto nas redes sociais co cancelo #designfils e #CAFI_ERASMUS e tamén na aula virtual de proxectos europeos do CAFI.

 

 

A través destas múltiples accións, a Aula nova é un espazo que facilita a aprendizaxe experiencial e competencial, apostando por novos modelos formativos, onde o profesorado pode facer realidade e levar á práctica os proxectos educativos que ten en mente. Ademais, configúrase como un espazo onde converter o coñecemento en acción, ben a través da participación en actividades de formación baixo diferentes formatos e/ou duración, ben a través da exploración e aproveitamento autónomo dos recursos e materiais. A Aula nova tamén te agarda se estás indagando en novas metodoloxías activas e participativas ou traballando con elas, ou se estás na procura de novos espazos para o teu centro. Vén coñecernos! Máis información na web www.aulanova.gal; vídeo de presentación e vídeo de promoción.

 

 

 

Sección: