Lei orgánica para a mellora da calidade educativa

O ministro de Educación, Cultura e Deporte preséntalle ao Consello de Ministros un primeiro informe sobre o anteproxecto de Lei orgánica para a mellora da calidade educativa

 

 
O ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, presentoulle esta mañá ao Consello de Ministros un primeiro informe sobre o anteproxecto e Lei orgánica para a mellora da calidade educativa, que modificará a Lei orgánica de educación de 2006.
 
A educación é o motor que promove a competitividade da economía e o nivel de prosperidade dun país. O seu nivel educativo determina a capacidade de competir con éxito no eido internacional e de afrontar os desafíos que se formulen no futuro. 
 
Mellorar o nivel educativo da cidadanía supón abrirlle as portas a postos de traballo de alta cualificación, o que representa unha aposta polo crecemento económico e pola competitividade no mercado global.
 
No ámbito individual, o nivel educativo determina as metas e expectativas da traxectoria vital, tanto profesional coma persoal. O conxunto de coñecementos, recursos e ferramentas de aprendizaxe capacitan a unha persoa para cumprir con éxito os obxetcivos formulados.
Polo tanto, a educación é un ben público de vital importancia e unha fonte de vantaxes materiais e simbólicas para os individuos. Vantaxes maiores canto máis avance cada un nese proceso e mellores resultados obteña neste.
 
Desde a transición á democracia, España conseguiu unhas taxas de escolarización desde os 3 anos practicamente do 100%. Desenvolveu, á parte, os instrumentos necesarios para asegurar uns niveis mínimos de educación, cubrindo as necesidades básicas dos estudantes para garantir a súa asistencia á clase (infraestrutura dos colexios, libros de texto, transporte e comedor escolar) e asegurando que o conxunto dos colexios atinxe uns niveis mínimos de calidade mediante o establecemento de criterios de uniformidade. Debemos, logo, considerar como un logro das últimas décadas a universalización da educación. 
 
Non obstante, o sistema actual non permite progresar cara a unha mellora dos resultados. Amósano as pobres cualificacións obtidas polo alumnado español nas probas de avaliación internacionais como PISA, as elevadas taxas de fracaso escolar e de abandono escolar temperán e o reducido número de estudantes que logra a excelencia. A obxectividade dos estudos comparativos internacionais, que reflicten como mínimo o estancamento do sistema, levan á conclusión de que é necesaria unha reforma do sistema educativo que fuxa dos debates ideolóxicos que empeceron o avance nos últimos anos. Cómpre unha reforma práctica, que permita desenvolver ao máximo o potencial de cada alumno.
 
O principal obxectivo desta reforma é mellorar a calidade educativa partindo da premisa de que esta debe medirse en función do "output" (resultados dos estudantes) e non do "input" (niveis de investimernto, número de profesores, número de colexios etc.). Para isto, todos e cada un dos alumnos serán obxecto de atención nunha busca de desenvolvemento do talento, que convirta a educación no principal instrumento de mobilidade social, axudando a superar barreiras económicas e sociais e xerando aspiracións e ambicións realizables para todos.
 
Os principios en que se basea esta reforma son dous:
 
  • En primeiro lugar, a igualdade de oportunidades que lle permita a cada estudante acceder a unha educación gratuíta e de calidade ata o final da etapa obrigatoria e motivar a  maioría a continuar os estudos postobrigatorios.
  • En segundo lugar, o sistema educativo debe contar cos mecanismos necesarios para recoñecer e potenciar o talento que posúen todos os estudantes.
O recoñecemeento da diversidade entre alumnos nas súas habilidades e expectativas é o  primeiro paso de cara ao desenvolvemento dunha estrutura educativa que estableza diferentes traxectorias. A lóxica da reforma fundaméntase na evolución cara a un sistema capaz de canalizar os estudantes cara ás traxectorias máis adecuadas ás súas fortalezas, de xeito que poidan facer realidade as súas aspiracións, e se convertan en rutas que faciliten a empregabilidade. Os estudantes con problemas de rendemento contarán con programas específicos de apoio que melloren as súas posibilidades de continuar no sistema. 
 
A reforma que se formula pretende ser gradualista, prudente e baseada no sentido común. A súa posta en marcha require de diálogo para conseguir que, coas achegas de todos, sexamos capaces de lograr un acordo que consiga e compromiso de alumnos, familias e profesores. É fundamental que a reforma educativa sexa sostible no tempo, pois o seu éxito medirase en función da mellora obxectiva dos resultados dos alumnos. Isto permitirá que a educación deixe de percibirse como un campo de batalla político e se converta nun obxectivo común. 
 
Os estudos internacionais revelan que os países que melloraron de forma relativamente rápida a calidade dos seus sistemas educativos implantaron, basicamente, as seguintes medidas: 
 
  • Simplificar o currículo e reforzar os coñecementos instrumentais.
  • Flexibilizar as traxectorias de forma que os estudantes poidan elixir as máis adecuadas ás súas capacidades e aspiracións,
  • Desenvolver sistemas de avaliación externa, censuais e consistentes no tempo.
  • Incrementar a transparencia dos resultados.
  • Promover unha maior autonomía e especialización nos centros.
  • Esixirlles aos estudantes, profesores e colexios que rendan contas.
  • Incentivar o esforzo.
 
Baseándose nos resultados destas experiencias internacionais e unha vez analizado o sistema educativo do noso  país, o primeiro informe presentado ao Consello de Ministros inclúe as seguintes liñas de traballo:
 
  • Reducir o número de materias e vías e aumentar a carga lectiva das materias instrumentais, tanto en ESO como en bacharelato.
  • Cursar, a partir de 2.º de ESO, programas de mellora da aprendizaxe  e do rendemento, así como de cualificación profesional.
  • Adiantar a 3.º de ESO a elección de itinerarios a través da elección de materias e converter 4.º de ESO nun curso de iniciación con dúas traxectorias ben diferenciadas: cara ao bacharelato e cara á formación profesional.
  • Realizar avaliacións externas ao remate de cada etapa, que serán deseñadas polo Goberno na  parte de ensinanzas mínimas e polas comunidades autónomas na parte restante.
  • Facilitar o acceso de FP de grao medio a FP de grao superior.
Polo que respecta aos centros docentes, o informe inclúe medidas tendentes a:
 
  • Promover a especialización dos centros docentes.
  • Unha maior autonomía para a xestión dos centros docentes, para impulsar e desenvolver accións orientadas á mellora da calidade.
  • Promover o uso das TIC como recursos de apoio, a utilización compartida de plataformas dixitais por autoridades educativas, centros docentes, profesores e alumnos, e a selección de recursos dixitais de calidade.
  • Potenciar o plurilingüismo.
 
Fonte: MEC
Bibliografía: 

Sección: