Proxecto de humanización pediátrico a partir da aula hospitalaria e das súas necesidades
Aula Hospitalaria Arquitecto Marcide. Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF)
María Pilar Porta Rodríguez
pilarporta@edu.xunta.es
O proxecto que presento neste artigo nace tras a experiencia profesional de máis de dez anos como mestra responsable á fronte dunha escola hospitalaria.
Inscríbese a presente actuación na Aula Hospitalaria Arquitecto Marcide de Ferrol, onde continúa o meu desempeño profesional na actualidade.
As actuacións desenvoltas para poder levar a cabo este proxecto de humanización precisan dunha formación do profesorado constante, actualizada e vencellada ás necesidades e particularidades de cada centro escolar, así como ao perfil do seu alumnado, no noso caso, especialmente.
Nos últimos dous cursos escolares estamos a realizar, en colaboración co CFR de Ferrol, actividades formativas a través de grupos de traballo interaulas hospitalarias, abordando procesos de innovación educativa, para a creación da Maleta dos contos sandadores rodantes, que abranguen diversos aspectos relativos ao proceso de enfermidade e ingreso hospitalario.
Estas actividades formativas tamén se centran no coñecemento e mellora da educación emocional, coa intención de elaborar materiais específicos, como é a ferramenta en construción A saqueta emocional do hospital, composta por xogos interactivos e portafolio colectivo, para abranguer directamente diversos momentos do proceso de hospitalización do alumnado.
Para situarnos en contexto, direi que unha aula hospitalaria representa un espazo educativo multietapa, de atención preferente ao alumnado que cursa ensinanzas obrigatorias: educación primaria, ESO e FP básica, e, ao igual que calquera outro centro educativo, presenta unha idiosincrasia que a diferencia dos demais.
A diferenza máis significativa destes microcentros educativos é que están insertos nun andar pediátrico dentro do propio hospital, que pode ser infantil ou de atención xeral, como é o caso concreto do CHUF.
O alumnado enfermo que precisa ser hospitalizado por un período de tempo, xa sexa de curta, media ou longa estancia, ten igualmente ese dereito fundamental, o dereito á educación, establecido no ámbito internacional na Carta dos dereitos dos nenos hospitalizados e concretado no ámbito estatal, primeiramente, na Constitución española e, como non, nas leis orgánicas que delimitan o sistema educativo español vixente: LODE 1985, LOE 2006 LOMCE 2013.
E aí estamos esas sete aulas hospitalarias, repartidas pola xeografía galega, situadas nos hospitais de referencia das sete áreas sanitarias que compoñen o Sergas. Estes espazos educativos levan décadas funcionando na nosa comunidade autónoma para poder dar resposta ás necesidades específicas de apoio educativo do alumnado hospitalizado. Todo isto ao abeiro do establecido no artigo 25 do Decreto 229/2011, polo que establece a atención á diversidade do alumnado de Galicia.
A fundamentación deste proxecto foi primeiramente analizar e categorizar esas necesidades para poder establecer propostas de mellora e dar así una resposta eficaz e de calidade ao conxunto do alumnado usuario da Escola Hospitalaria Arquitecto Marcide de Ferrol.
Os principais obxectivos que se pretendían acadar, que desde o principio tivemos claro neste proxecto foron:
- Dar resposta ás necesidades específicas de apoio educativo do alumnado hospitalizado.
- Crear desde a propia escola e cos nenos e nenas hospitalizados un proxecto de humanización pediátrica.
- Facilitar sinais recoñecibles e adaptados nos cuartos, corredor, zonas comúns...
- Facer da aula hospitalaria un espazo mais activo, participativo, interdisciplinar e integrador.
- Deseñar unha ambientación artística partindo dunha estratexia lúdica e pedagóxica a través de xincanas de xogo na escola, nos cuartos e, especialmente, nos corredores, a modo de patio de recreo.
- Transformar o andar de pediatría nun espazo con entidade propia adaptado ao perfil dos usuarios.
- Promover a difusión da lingua galega na transformación dos distintos espazos hospitalarios en espazos lúdicos e educativos.
A execución do proxecto de humanización educativo e psicopedagóxico que aquí se presenta levou anos de traballo, concretamente tres, e desenvolveuse en sete momentos ou fases moi estruturados, de traballo interactivo.
Nun centro escolar ordinario, o seu alumnado non soamente permanece na súa aula, senón que usa, goza e participa de toda a contorna educativa.
Ese foi o fío condutor deste proxecto de humanización: mellorar eses espazos proximais onde os nenos e nenas enfermos se desenvolven e facer deles espazos de aprendizaxe, de lecer, de socialización… establecendo propostas de mellora no clima hospitalario.
Actuacións levadas a cabo
A media anual de ingreso hospitalario no CHUF é de 1000 nenas e nenos, con idades comprendidas entre 0-14 anos, segundo datos das memorias anuais do Sergas.
Dese cómputo total de 1000 menores, todos eles se benefician dos aspectos físicos, espaciais e de clima ambiental. E aproximadamente o 40 por 100 deles asiste tamén á aula hospitalaria, roldando a cifra entre 350 e 400 alumnos de atención educativa directa por curso escolar.
Dentro desta acción educativa, humanizada, e con base en paramétros de calidade, eficiencia e funcionalidade, que fan a contorna hospitalaria o máis humanizada posible, nomeo algunhas das accións que se están a levar a cabo:
A maleta dos contos sandadores rodantes
Ferramenta creada o pasado curso escolar, deseñada por e para o alumnado usuario das sete aulas hospitalarias e en atención domiciciliaria. Consta dunha maleta de rodas decorada con autorretratos de nenos e nenas enfermos e contén un total de 40 libros en lingua galega.
Os libros que inclúe abordan distintas temáticas: emocións, medos e historias de superación persoal, no ámbito infantil e xuvenil, vinculadas a diversas enfermidades: cancro, diabetes, amputacións, trastornos alimentarios…
A selección foi feita por mestras das aulas hospitalarias de Ourense, Lugo e Ferrol e fundaméntase no soporte teórico en estudos do Reading Well (Reino Unido). O proxecto foi o resultado dun GT no marco da innovación educativa e grazas ao financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O conto interactivo: o meu paso polo quirófano
É un álbum ilustrado, un conto e tamén un caderno de actividades.
Foi creado baixo unha perspectiva médica e educativa e as súas autoras son traballadoras no CHUF: unha médica anestesista e eu, unha mestra de escola hospitalaria.
A publicación en formato dixital é gratuíta e pode atoparse no Portal da lingua galega.
Constitúe unha ferramenta moi útil para a facilitarlles a asimilación aos nenos e nenas deste momento nada doado das súas vidas: o paso polo quirófano por mor dunha operación. O seu contido está elaborado para facelo extensivo a todos os hospitais e aulas hospitalarias que conforman a nosa comunidade autónoma.
Non só os menores serán a poboación diana prioritaria, senón tamén as nais, pais, titores legais, o propio persoal sanitario e, como non, os centros escolares de referencia, a través das bibliotecas escolares e dos propios departamentos de orientación. O presente libro pode constituír unha ferramenta de axuda.
Diversos programas de aprendizaxe-servizo
Derivadas do proxecto de humanización, devólvense accións tanto internas como externas nesta liña.
Externas: en colaboración coa UDC: Programa aprendo saúde xogando con futuros enfermeiros. Acción desenvolvida en colaboración co alumnado de Enfermería para o intercambio de accións educativas e formativas, así como a elaboración e exposición de materiais funxibles e TIC, a través do xogo e a promoción da saúde.
Internas: en colaboración con distintos servizos do hospital (cociña e lavandería: Programa achégate á escola.
Programa para o coñecemento, recoñecemento e enriquecemento mutuo entre o alumando hospitalizado e diversos servizos do propio hospital. Consiste nunha serie de entrevistas, xogos de pistas e excursións dentro do propio hospital e co seu persoal como protagonista.
Esta actividade ten como eixe verterbrador a interacción, para unha mellora das actitudes de coñecemento, convivencia, respecto e valoración.
Os diversos espazos humanizados e intervidos cunha ambientación artística, foron deseñados con base en propostas reais das nenas e nenos hospitalizados, tras un concurso de ideas para a súa escolla.
A illa do lecer para ler
Recuncho do artista da aula hospitalaria
A balea na procura dos faros de Ferrolterra
Sinais de corredor e cuartos
Sala de curas de pediatría
Impacto na mellora do proceso ensino-aprendizaxe
As incidencias na mellora e implicacións futuras que se analizaron tras este proxecto de humanización categorízanse en dous apartados: o primeiro relacionado coa incidencia nos individuos beneficiarios e o segundo, co propio proceso de ensinanza-aprendizaxe.
En relación co primeiro, a humanización de espazos hospitalarios pediátricos reverte directamente na mellora da calidade de todas as persoas implicadas (pacientes, acompañantes e persoal sanitario), o que se reflicte no seu estado emocional e tamén de saúde.
No ámbito de pacientes/alumnado, existe unha mellor evolución, tanto nas tarefas (textos, debuxos, expresións orais e escritas…) como nos desprazamentos, xa que intentan realizalos autonomamente, tanto para descubrir as distintas actividades dos corredores como para interactuar nos distintos recunchos de actividade educativa, grazas á sinalética adaptada para tal fin.
En canto aos acompañantes, compróbase como nos casos de pacientes illados de longa ou media duración valoran a humanización do espazo e agradecen a mellora destes lugares, así como a posibilidade de observar as diversas interaccións con outros ingresos.
No referente ao persoal sanitario, valora favorablemente traballar nunha contorna de estética agradable e funcional. O impacto foi moi positivo.
En relación co proceso de ensino-aprendizaxe, observamos desde a perspectiva educativa e psicopedagóxica as vantaxes de aprender a través de elementos visuais motivadores, de calidade plástica, baseados nun estudo de formas, cores e materiais adaptados a un concepto estético e pedagóxico, para dar resposta ás especiais necesidades educativas deste perfil de alumnado.
A importancia de desenvolver elementos de xogo, dinámico e interactivo como temática central, todo isto con base na contorna física na que se atopa o centro e na temática seleccionada, moitas das veces, polo seu alumnado tras concurso de ideas.
O potenciar unha narrativa visual con interacción fomentando paseos dentro do hospital, como un percorrido lúdico a modo de patio de recreo, dentro do propio contexto sanitario.
O gozo cos xogos de imaxinación, de autorrepresentación, de coñecemento do propio medio social e natural (a balea que visita os faros de Ferrolterra), ou do coñecemento e busca dixital de información (a serea Maruxaina que os convida a facer una pequena investigación na web).
O relevante da incorporación de xogos que fomentan aprendizaxe por competencias, o sentido crítico, aprender a aprender, ou competencia matemática e lingüística entre outras, a través de diversos xogos e actividades de busca, de recoñecemento, de identificación, e adaptados ás distintas idades, que traballan contidos e competencias básicas, partindo sempre do fomento do uso da lingua galega, desde unha perspectiva de igualdade e paridade de xénero.
Valoración da experiencia
A OMS (Organización Mundial da Saúde) acuña este termo, o de saúde, co significado seguinte: «Un estado completo de benestar físico, mental e social e non só a ausencia de afeccións ou doenzas».
A calidade como parámetro en si mesmo, ata hai uns anos, limitábase á avaliación dos servizos, non obstante, estes últimos anos vai estreitamente vencellado o principio de calidade ao de humanización.
É moi relevante, polo tanto, en calquera espazo educativo esa mellora do clima de aula ou clima escolar, pero dun xeito moito máis especial nos contextos hospitalarios, polo que estes supoñen en si mesmos e pola separación temporal do menor do seu contexto ordinario de referencia: a súa casa, a súa escola, os seus irmáns, os seus amigos…
O impacto real reflíctese acotío, coa práctica diaria, como resultado da implementación das diversas actuacións educativas creadas especificamente para o noso alumnado e que forman parte desta humanización. O que cada día crea na infancia hospitalizada ilusión, emoción e expectativas positivas e funcionais, que lles axudan na evasión dos seus medos e temores, e ofrecen un anaco de normalidade nese momento, en ocasións hostil, das súas vidas e das da súa familia.
Con este proxecto de innovación, feito hoxe realidade, acadamos mellorar o clima sanitario, humanizando diversos espazos e creando ferramentas funxibles, escolares e dixitais.
Agradecementos
Fundación PAIDEIA GALIZA (entidade financiadora): www.paideia.es
Escola de tempo libre Paspallás (entidade executora): www.paspallas.com
Xefe de servizo de Pediatría, J. Ramón Fernández Prieto, e supervisoras de enfermería de Pediatría e Tocopediatría, María Luisa Moure e Pilar Loureiro, pola súa implicación e colaboración directa no ámbito tanto profesional como persoal no desenvolvemento do proxecto de humanización pediátrico durante o tempo de intervención e execución.
E a todo o equipo sanitario e de servizos que engloba o propio CHUF, as persoas que colaboran cada día activamente coas propostas da escola, posto que son todas e cada unha delas quen fan, a través das súas condutas, comportamentos e colaboracións desinteresadas, do proxecto de humanización unha realidade que transcende os espazos e implica e beneficia as persoas.
Barrio Del, C. (1990). Psicopediatría. Barcelona: Editorial Anthropos.
Calvo, S. (1992). Educación para la salud en la escuela. Madrid: Ed. Díaz Santos.
Derechos de los niños hospitalizados (1986).
González-Simancas, J. L. e Polaino, A.(1991). La pedagogía hospitalaria en la actualidad. Actividad educativa en ambientes clínicos. Madrid: Editorial Narcea.
Facio, A., Porta, M.ª P. e Fernández, R. (2010). Un oasis na estancia hospitalaria, en Revista Galega de Educación, 46, 34-37.
Guijarro , M. e Torres, R. (1990). La escuela hospitalaria como complemento a la curación del niño, en Infancia y Sociedad, 5, 133-141.
Lizausoáin Rumeu, O. (2000). Educando al niño enfermo. Perspectivas de la pedagogía hospitalaria. Pamplona: Ed. Gobierno Vasco.
Ministerio de Salud y Protección Social (2013). Documento de avance en politica de humanización. Comité de Humanización del MSPS.
Ortigosa, J. M. e Méndez, F. (1999). Hospitalización infantil: repercusiones psicológicas. Biblioteca Nueva Psicología. Universidad Autónoma de Madrid.
Pacto internacional de los derechos económicos, sociales y culturales (1966).
Ponce, J. A. (1993). Niño con problemas crónicos, en Revista Rol de Enfermería, 181, 19-23.
Porta Rodríguez, M.ª P. (2011). Análisis del impacto psicológico y social en torno a una escuela hospitalaria, en II Congreso Gallego de Investigación en Ciencias de la Educación, etapa de posgrado, 459-467. ISBN: 978-84-938774-1-5.