Formación e emoción transforman a escola rural

A través dun proxecto común ilusionante, unha mesma liña metodolóxica e o impulso dunha formación sólida a través dos PFPP, a escola pública é quen de transformarse para acadar un paradigma educativo axeitado a unha realidade peculiar nun contexto rural.

Beatriz Castro Suárez
bcsuarez@edu.xunta.es
Teresa Rodríguez Rama
teresarodriguezrama@edu.xunta.es
CRA Ponte da Pedra (Carballo-A Coruña)

 

 

As revolucións nacen dunha idea, dun sentimento e de moita ilusión na procura dun cambio do establecido. O CRA Ponte da Pedra é un exemplo de como a ilusión, as ganas dunha educación integradora e inclusiva para un contexto diferente e o pulo dun claustro comprometido se torna nunha realidade palpable.

Para comezar a falar desta transformación, sería conveniente especificar o punto de partida, así que vos presentamos os protagonistas. Somos o CRA Ponte da Pedra, formado por sete escolas rurais do contorno de Carballo, onde convive alumnado entre 3 e 8 anos. Son aulas moi heteroxéneas, onde a docencia tradicional se volve máis complexa, o profesorado ten que desprazarse dunha a outra escola durante a mesma xornada, o que fai que os tempos e os espazos sexan diferentes tamén. Observamos estas dificultades como oportunidades para desenvolver un xeito de docencia máis tolerante, respectuosa coa madurez de cadaquén e moi apegada ao contorno natural. 

Nun primeiro momento, o claustro adquiría formación en distintos eidos, pero en xeral a repercusión que tiña logo no alumnado non era moi notable. Ao avaliar estas aprendizaxes, démonos de conta que, entre os grupos de traballo ou seminarios que se facían, non atopabamos a canle para pór en práctica os contidos aprendidos na formación e que esta se vise reflectida no noso alumnado, con todo, as ganas de mellorar e adquirir competencias eran moi notorias no claustro. 

O punto de inflexión que dá comezo á transformación xorde cando se nos presenta a oportunidade de participar como centro piloto nun programa de educación emocional ao abeiro da Consellería de Educación e a Fundación Botín: Educación Responsable. Este proxecto incide no obxectivo de promover o crecemento saudable dos nenos e nenas, potenciando o seu talento e creatividade e axudándolles a ser autónomos, competentes e solidarios a través do desenvolvemento da intelixencia emocional.

 

 

A partir desta emocionante proposta, o claustro comeza a súa formación de tres anos, a través dun PFPP, no eido da intelixencia emocional. Os inicios foron moi alentadores xa que, grazas a integración do aprendido e a súa posterior e efectiva posta en práctica na aula, o claustro foi merecedor dun premio. O noso foi considerado como o mellor do proxecto do CFR da Coruña no 2016 polo seu contido innovador, o traballo en equipo, o grao de implicación do profesorado e a implantación e desenvolvemento deste.

Consideramos que o mellor xeito de investir o orzamento deste premio era a formación así que, como xa flotaban no ambiente do claustro as ganas de coñecer as pedagoxías activas, solicitamos a axuda das mestras do CRA Antía Cal, que xa traballaban baixo este enfoque, e, xunto coa mediación do CFR da Coruña, comezamos esta nova andaina coa visita ao devandito CRA nun día de xornada escolar. Completamos a formación coa visita a Montessori Santiago, que nos abriu as súas portas nunha xornada moi interesante.

Estas visitas inspiraron o segundo paso da transformación do centro: virar cara á aprendizaxe destas metodoloxías baseadas nun cambio de perspectiva educativa. Un enfoque dirixido a fomentar a autonomía, poñer o alumnado como protagonista da aprendizaxe, ofrecer experiencias provocadoras, respectar os intereses e ritmos e integrar a natureza e os elementos naturais dentro das aulas.

Así, no curso 2017/18, comeza a transformación das nosas aulas, que son espello do que se traballa na formación do PFPP, e todo isto sementa unha nova realidade, un noxo xeito de traballar: educación emocional e pedagoxías activas. Démonos de conta de que a introdución destas aprendizaxes ao inicio do curso tiña maior impacto na aula.

A educación emocional impregna toda a vida do centro como liña metodolóxica que soporta a andamiaxe do resto de aprendizaxes. Ademais das actividades propias de Educación Responsable, implementamos outras accións como unha Escola Obradoiro de Familias Responsables e o Día Emocionante. 

Na Escola Obradoiro de Familias Responsables, unha psicóloga especialista en disciplina positiva dialoga coas familias sobre a crianza dos seus fillos e fillas. Consideramos este obradoiro moi beneficioso para establecer sinerxías escola-familia.

O Día Emocionante consiste nun día de celebración e convivencia, no que a festa e actividades lúdicas desatan as emocións. Todo o profesorado elabora actividades, xogos, merendas creativas… para facer deste día un éxito.

Este é o marco común que soporta un cambio de metodoloxía educativa. Así pois, o proxecto deste novo enfoque comeza a ser unha realidade, onde o claustro asume os coñecementos adquiridos a través das distintas formacións e da bibliografía axeitada. Facemos unha reflexión sobre espazos, materiais, cores, luces, distribución das aulas e propostas de aprendizaxe. Este cambio materializouse paseniño, xa que consideramos esencial respectar os diversos ritmos de adquisición de competencias entre o profesorado e cadaquén foi introducindo pequenos ou grandes cambios dependo da súa confianza. A comunidade educativa apoiou e alentou este xeito de traballar e o claustro, aínda que muda co tempo, continúa mantendo a ilusión e as ganas de seguir medrando en novos coñecementos e apostando por esta educación.

Nos seguintes anos, observamos moi enriquecedor escoitar diferentes opcións que poderían complementar este enfoque pedagóxico e achegámonos á aprendizaxe baseada en proxectos e ao mundo das instalacións e xogo. 

Despois de iniciar esta viaxe transformadora, podemos afirmar que este cambio de perspectiva non deixa indiferente. Aínda que o noso centro non actúa ao cen por cento baixo o paradigma das metodoloxías activas, é certo que a pegada na maioría das escolas é ben palpable. Gustaríanos resaltar que é necesario que cada docente vaia adaptando as aprendizaxes ao seu contexto, incluíndo a súa propia mirada e personalizando a súa metodoloxía baixo este paraugas.

Acercarse a un novo enfoque supón facerse moitas preguntas sobre contidos, materiais, automatismos que nos fan repetir clixés sen reflexionar cales son as verdadeiras finalidades que perseguimos, documentos que non documentan e, así, infinidade de prácticas que con tempo e reflexión posiblemente mudariamos. Este é o primeiro paso, ademais da formación e da ilusión que se precisa para acadar unha verdadeira transformación de base. Seguramente as fotografías que anexamos son moi elocuentes e invitan á emoción e admiración, pero o verdadeiro traballo reside no tesón e a reflexión das mestras e mestres que integran o claustro, e a súa coherencia entre as necesidades reais da súa aula e o aluvión de diversas correntes e enfoques metodolóxicos que abundan e deixan fóra de xogo o profesorado. Faise indispensable predispoñerse a vivir un terremoto de preguntas sen resposta, non hai receitas máxicas, simplemente a necesidade de enfrontar o cambio con actitude valente e crítica.

Con todo este aluvión de ideas, actitudes e pequenos pasos centrámonos na transformación da aula tendo en conta os ambientes e propostas de aprendizaxe. O espazo non é neutral e trátase, dentro das posibilidades, de ofrecer ambientes ou propostas que provoquen ou sexan unha invitación a experimentar, empregando recunchos para bloques, construcións, arte, minimundos, ciencias naturais, lectura, xogo simbólico, xogo libre e propostas cognitivas.

 

 

Cada escola adáptase ás súas circunstancias e as propostas varían dependendo da madureza e os intereses do alumnado. Os materiais son diversos tratando de fomentar o uso de refugallo e os elementos naturais: pedras, barro, flores, plantas, auga, botóns, teas... Baixo o lema «Menos é mais», as clases son baleiradas de todo o superfluo, de todo aquilo que atrapa a atención e imposibilita a concentración.

Outro elemento que hai que ter en conta é o uso de andeis e mobles adaptados á súa estatura para fomentar a autonomía e a autoestima. Tanto a orde como a presentación dos materiais e propostas son importantes porque incitan tanto ao seu uso como á súa posterior colocación ordenada, ao tempo que promoven a independencia e evitan conflitos.

O alumnado escolle as propostas que quere experimentar e a mestra documenta os seus avances e dificultades adaptando as propostas a distintos niveis. Esta é unha característica diferenciadora que fai a escola máis inclusiva e diversa.

 

 

Ademais destas propostas, tamén hai tempo para aprender a través de proxectos (ABP) que normalmente duran un trimestre e nacen dos intereses do alumnado.

O xogo é outro dos piares que estimula a creatividade e suscita retos. A través de instalacións artísticas cuxo propósito é provocar e espertar aprendizaxes, as nenas e nenos xogan experimentando con materiais de xeito individual ou colectivo. Non hai regras, só as do xogo libre provocado por unha situación estética ben deseñada que xera curiosidade.

 

A sedución destas metodoloxías non ten fin, así que o terceiro paso no que nos encontramos agora é o de externalizar a formación a través dos programas europeos. Hai un ano fomos merecedoras de cinco mobilidades a Reggio Emilia a través dun KA-101. As primeiras mobilidades resultaron moi enriquecedoras e motivadoras e serviron de impulso para seguir avanzando neste eido. Así mesmo, o noso centro desenvolve outro programa de educación emocional xunto co CFR da Coruña e con tres centros educativos máis, establecendo liñas de cooperación e creación de programas que fomenten a inclusión da intelixencia emocional na vida escolar.

Esta é a nosa andaina ata o momento e sabemos que o camiño aínda non está rematado, seguimos a soñar cunha escola dinámica que afronte os novos retos que están por vir.

CRA Ponte da Pedra

 

 

Sección: