Profe, xa podemos saír ao patio?
Jessica María Vázquez, jessicamariavazquez@edu.xunta.es
Lourdes Estévez Abad, lourdes.estevez.abad@edu.xunta.es
CEIP Saco e Arce (Toén-Ourense)
Profe, xa podemos saír ao patio?
Un dos momentos máis esperados polo alumnado dun centro sempre é o descanso, a saída ao patio para divertirse xogando e aprendendo cos compañeiros, de aí a importancia de que este sexa o máis motivador e axeitado posible.
No CEIP Saco e Arce de Toén, un municipio de arredor de 2300 habitantes da provincia de Ourense, decatámonos da importancia de contar cun bo patio para que o alumnado lle saque o maior partido posible ao tempo de ocio.
Organización do patio
No centro contamos coa enorme sorte de estar rodeados de natureza pura e de ter un patio moi amplo, que consta de varias partes:
- No patio superior, os máis cativos contan cunha zona pavimentada na que principalmente xogan ao fútbol e outra cun amplo areeiro na que non só dispoñen de elementos coma o tobogán ou a casiña, senón de xoguetes para favorecer o xogo simbólico.
- No patio inferior, adoitan estar os máis maiores, que se reparten entre un polideportivo no que xogan ao fútbol ou ao baloncesto e unha zona máis agreste con árbores e herba natural, rodeados de natureza.
- Así mesmo, contamos cunha pequena horta e con mesa de ping-pong e algún xogo lúdico-deportivo máis no ximnasio.
Non obstante, aínda que temos un patio grande e que ofrece moitas posibilidades, decatámonos de que está totalmente desaproveitado. O alumnado xoga case sempre aos mesmos xogos e faltan elementos enriquecedores para favorecer a socialización, a creatividade e a busca de intereses propios. Cremos que chegou o momento de favorecer o acceso a outro tipo de entretemento e de potenciar así a curiosidade e a competencia de aprender a aprender. Deste xeito, teremos en conta a riqueza educativa do patio e a necesidade de inclusión de todas as sensibilidades e necesidades existentes, na medida do posible.
Obxectivos
Por iso comezamos un plan de formación do profesorado relacionado cos patios máis activos e algúns dos obxectivos que queriamos conseguir eran os seguintes:
- Adquirir habilidades, aptitudes e recursos para mellorar a convivencia no centro e o desenvolvemento sostible e saudable.
- Mellorar e diversificar as instalacións dos patios.
- Dinamizar o máximo posible o funcionamento dos patios para promover a convivencia.
- Favorecer o desenvolvemento da creatividade e da capacidade de resolución de problemas da rapazada.
- Asegurar a igualdade de condicións, rompendo barreiras e favorecendo a atención á diversidade.
- Achegarlle ao alumnado recursos de xogo e aprendizaxe baseados no seus intereses e de acordo coas características da súa contorna.
- Sacarlle o máximo partido pedagóxico ás horas de lecer e a todos os momentos no patio.
- Promover o emprego do patio fóra das horas de lecer, introducíndoo como recurso básico á hora de traballar todos os contidos académicos.
- Conseguir que o alumnado sexa consciente da importancia do coidado da contorna.
- Promover unha maior relación e necesidade de toma de decisións compartidas para favorecer un bo desenvolvemento das habilidades sociais do alumnado.
- Posibilitar que os nenos con problemas de socialización se relacionen cos compañeiros e compañeiras, de acordo cos gustos.
Bases metodolóxicas
O PFPP foi moi ben acollido polo claustro que decidiu participar case ao completo. Deste xeito, asegurouse unha mellor posta en marcha e un posible mellor resultado.
A principal base metodolóxica que teremos en conta é que o xogo é a forma máis cómoda e segura que teñen os rapaces para aprender de forma significativa e agradable, de socializar e descubrirse a si mesmos.
Entre todos coincidimos na necesidade dunha estreita relación familia-escola que promova que as familias do alumnado estivesen totalmente implicadas para poder contar coa súa colaboración e aprobación nos cambios que vaian xurdindo. Neste sentido, estamos interesados en que as familias participen nalgunha xornada de formación para que se decaten da importancia de que os nenos poidan xogar libremente, asumindo incluso certo risco, pois o xogo libre supón que o neno ás veces se magoe con algunha rascadela. Por sorte, contamos cunha asociación de familias do alumnado (AFA) que se implica moito no funcionamento do centro e que mostra moito interese en realizar cambios que aumenten as posibilidades de xogo dos seus fillos, intereses que teremos moi en conta.
Xa nesta mesma liña se levou a cabo no centro, durante o curso pasado, unha actividade promovida pola AFA na que os cativos decoraron pintando libremente algunhas das fachadas do centro, facendo a actividade coa colaboración das familias e durante o horario lectivo. O alumnado quedou moi contento e sentiuse moi realizado por poder participar na decoración da escola e poder deixar a súa propia pegada nela. Con este tipo de actividades axudamos a que promovan a súa creatividade e capacidades artísticas, así como que sintan propio un espazo no que pasan gran parte do seu día.
Por outra banda, tamén nos animou a participar neste PFPP o feito de que a biblioteca escolar está levando a cabo durante este curso un proxecto documental integrado baseado na ecoloxía e no desenvolvemento sostible. Deste xeito, para poder traballar estas inquedanzas co alumnado, pensamos que o patio se pode converter no xerme do cambio, dado que desde el podemos facer que os nenos se dean de conta da importancia do coidado da nosa contorna e do nexo de unión que temos coa natureza como especie humana. Así pois, unha das ideas iniciais é que todos os materiais que ampliemos ou cambiemos sexan naturais ou reciclados, escapando sobre todo dos plásticos, facéndolle ver ao alumnado que de elementos naturais podemos sacar moito máis partido do que eles e elas consideran.
En definitiva, queremos facerlles ver aos rapaces que como mellor o van pasar é empregando materiais que nos pode dar a natureza, tales como paus, troncos, auga, terra, pedras, follas, barrancos, covas... e gustaríanos axudarlles a recuperar esa capacidade de divertirse e aprender cos materiais máis simples e sinxelos de acadar.
Formación
Para comezar coa formación, unha das docencias que recibimos foi por parte dunha cooperativa chamada Miudiño, que, ademais doutras moitas iniciativas e funcións, se encarga da formación das escolas que se interesan por converter os seus patios nun espazo diverso cheo de experiencias para os rapaces, e que tamén ofrecen o servizo de venda e instalación de materias, maioritariamente naturais, para facer o patio máis aberto ás diferentes necesidades, intereses do alumnado e, sobre todo, conectado co medio natural.
As primeiras xornadas de formación foron cos cativos e organizáronse en tres diferentes:
- Unha para o alumnado de infantil.
- Outra para os cursos de primaria de primeiro, segundo e terceiro.
- E finalmente, unha última para os cursos de cuarto, quinto e sexto de primaria.
As tres sesións baseáronse, principalmente, na importancia de que se adecúe o patio aos intereses dos pequenos, polo que se lles preguntou como lles gustaría que fose o seu patio e que materiais incorporarían nel, mediante unha choiva de ideas e posterior reflexión, sobre a rastrexabilidade, utilidade e alternativas destes.
Para os rapaces foi unha experiencia moi positiva e tiveron ideas moi orixinais que teremos en conta e intentaremos levar a cabo na medida do posible.
A seguinte xornada xa foi para o profesorado e nela explicáronnos as bases pedagóxicas e a importancia dun patio que promova o xogo libre. Mostráronnos moita biografía interesante da que podemos botar man e recalcaron a importancia de ter en conta a lexislación vixente en canto a seguridade. De igual xeito, amosaron ducias de fotografías como exemplo do uso da madeira no patio con elementos que poderían incluso ser elaborados cos materia prima natural, atendendo sempre á normativa vixente e á seguridade dos cativos.
Continuaremos con formación por parte deste grupo e tamén recibiremos a visita de compañeiros e compañeiras doutra escola de Galicia que xa levaron a cabo este proxecto no seu colexio de maneira moi efectiva.
Agora mesmo, en plena posta en marcha, é importante formarse, empaparse de distintos puntos de vista e iniciativas, así como atender as necesidades da nosa comunidade educativa en particular, para adaptar o proxecto ao noso contorno.
Valoración
Polo de agora a experiencia está sendo moi positiva, estamos con moitas ganas de poñernos a incorporar elementos novos no patio e incluso a levar a cabo cambios profundos no seu funcionamento e organización, tales como evitar a segregación por cursos nos dous patios e permitir o libre paso dos cativos dun patio a outro, partindo dos beneficios que supón a convivencia entre diferentes rangos de idade, favorecendo enormemente o crecemento persoal do alumnado, a madureza e a socialización.
Esperamos que todas as medidas que levemos a cabo promovan que os pequenos e pequenas aprendan e gocen, potenciando os seus recursos persoais e redefinindo a relación co medio natural circundante. Se enriquecen o seu mundo interior, será máis posible que comecen a escoller o xogo libre fóra, antes que os videoxogos e o sedentarismo.
Sabemos que se trata dun proxecto ambicioso a longo prazo, pero asentando ben as bases, avanzaremos cara ao patio que precisan e queremos.