A nova Lei de bibliotecas de Galicia
Retos actuais dun sistema bibliotecario de calidade.
A nova lei establece as condicións básicas para adaptar a xestión das bibliotecas públicas galegas ao contexto dixital e ten como obxectivo consolidar as bibliotecas como centros produtores e provedores de información que melloren o acceso e favorezan procesos de democratización cultural.
O Diario Oficial de Galicia publicou o día 27 de xuño a nova Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, que entrará en vigor en vinte días. Esta nova normativa realizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten como obxectivo consolidar as bibliotecas como centros produtores e provedores de información que favorezan os procesos de democratización cultural; como espazos de formación e desenvolvemento; e como un punto de encontro cultural.
O modelo de biblioteca que establece esta nova normativa supera o concepto tradicional de biblioteca pública. Na actualidade, encontrámonos ante unha sociedade con profundos cambios sociais que apuntan cara a unha actualización constante e o rápido desfasamento dos coñecementos profesionais e da información, polo que as bibliotecas deberán de adaptarse a esta nova realidade.
Os cambios producidos nas bibliotecas nos últimos vinte anos implican que a vixente Lei 14/1989, do 11 de outubro, de Bibliotecas de Galicia estea superada pola nova realidade bibliotecaria. Por este motivo, considerouse necesario impulsar unha nova normativa que estableza un marco legal adecuado para garantirlle á sociedade servizos bibliotecarios de calidade e que articule o sistema bibliotecario galego.
Actualización do Sistema Galego de Bibliotecas
Esta nova Lei dará resposta ás necesidades actuais e proporcionará as ferramentas necesarias para a creación dun novo concepto de biblioteca. Esta norma aposta por grandes bibliotecas centrais ben dotadas; polo traballo en rede no ámbito local que permita tender unha rede a partir da biblioteca central coas bibliotecas de proximidade, que acheguen o servizo aos cidadáns; pola presenza da biblioteca fora da súa propia sede, entendendo a biblioteca como un centro de información, aprendizaxe e cultura; e incrementando os servizos en liña.
Doutra banda, conformada unha importante Rede de bibliotecas públicas de Galicia, incidirase na mellora, modernización e planificación dos centros existentes, máis que na creación doutros novos. Para acadar esta finalidade, a nova norma recolle a elaboración do Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia como o instrumento que determinará en función de criterios obxectivos os servizos bibliotecarios dispoñibles, as necesidades de lectura pública e planificará o tipo de servizos que lle corresponderá a cada poboación, conforme aos estándares internacionais e comunitarios.
O mapa realizarase a partir do contraste da situación actual cunha situación ideal proxectada por uns estándares bibliotecarios, e permitirá coñecer a realidade bibliotecaria do territorio; detectar os déficits bibliotecarios segundo os estándares vixentes; establecer as necesidades de lectura pública de cada municipio; calcular os investimentos que se precisan para corrixir os déficits existentes; e planificar e establecer as prioridades de investimento.
Doutra banda, a nova Lei contempla xa as bibliotecas públicas do estado como parte integrante da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Ademais, abre as portas para a súa consideración como bibliotecas centrais territoriais en función dos criterios obxectivos e tipoloxía que determinará o Mapa de Bibliotecas de Galicia. A nova lexislación tamén reforza o papel da Biblioteca de Galicia, sita na Cidade da Cultura, como cabeceira do Sistema Galego de Bibliotecas.
Adaptación ás novas tecnoloxías da información
A Lei, que estará vixente nun prazo de vinte días, tamén establece as condicións básicas para adaptar a xestión das bibliotecas públicas galegas ao contexto dixital. Deste xeito, indica que se proporcionarán os instrumentos necesarios para traballar no ámbito da dixitalización, a accesibilidade en liña ao material cultural, a conservación dixital e a incorporación dos sistemas de xestión documental ao ámbito dixital.
A conexión a través de redes de comunicación de alta capacidade entre bibliotecas e usuarios fará posible compartir recursos e o desenvolvemento de novos servizos. Na actualidade, tras a incorporación das novas tecnoloxías da información e da comunicación, a maioría das bibliotecas públicas galegas teñen os seus fondos informatizados, o que permite consultalos a través da web de forma instantánea e dende calquera parte do mundo.
Fonte: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Número:
Sección: