Mª del Mar Lorenzo Moledo

Profesora e investigadora

Entrevista realizada por Carmen Baña Rial

Asesora de programas educativos

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Nesta nova edición da Revista Galega do Ensino, comprácenos contar coa inestimable colaboración de Mar Lorenzo, profesora titular do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Grupo de Investigación Esculca, que forma parte da rede de investigación RIES (Rede de inmigración, escola e sociedade).

Non é a primeira vez que esta publicación abusa da súa xenerosidade para que comparta con Eduga a súa ampla experiencia docente e investigadora, polo que non podemos iniciar esta entrevista sen agradecerlle a súa dispoñibilidade, e mais nun momento tan complicado para todos, pois este encontro virtual tivo lugar ao longo do mes de abril de 2020, en pleno confinamento e sen albiscar aínda a fin desta crise.

Eduga: É por iso que se fai obrigado comenzar pedíndolle que nos transmita as súas sensacións sobre o contexto actual, individualmente e como sociedade que debe afrontar un reto para o que non estaba preparada.

ML: A verdade é que estamos a afrontar como sociedade unha situación impensable hai meses atrás, cando ir dun lado a outro, reunirse coa familia e as amizades, abrazalos, sentar nun banco... era algo que formaba parte da nosa identidade, do noso día da día. Unha situación que nos descoloca como cidadáns e como sociedade. Tivemos, nun moi corto espazo de tempo, que reprogramarnos para aprender outras formas de relacionarnos, de vivir e de compartir. Persoalmente, as miñas sensacións foron desde a incredulidade do que estaba a vivir, a preocupación polas persoas máis vulnerables ante a enfermidade, o medo ante o descoñecido e as incertezas, a inmensa sensación de soidade e desamparo cando me poño no lugar das familias que non puideron despedirse das persoas que queren ou estar arroupadas para facer más levadío o seu dó, ou a satisfacción ao ver a veciñanza aplaudíndolles aos profesionais que día a día están a facer todo o que poden e máis para protexernos. Pero tamén de tristura ao ver como outros e outras poñen en perigo o difícil e fráxil equilibrio que fomos capaces de conseguir. Penso que nada distinto do que sentiu e sente calquera membro desta sociedade.

 

Eduga: Limitándonos ao eido educativo, e tendo que adaptarnos todos (profesorado, alumnado, familias) ás condicións que esta crise nos impón, coa suspensión das actividades presenciais, insubstituíbles neste ámbito e, especialmente, nos niveis inferiores nos que a intervención directa do mestre ou mestra resulta de maior transcendencia, considera que a universidade está resolvendo eficazmente este obstáculo ou atopouse con máis dificultades das desexables?

ML: Creo sinceramente que toda a comunidade educativa está a facer un enorme esforzo para poder continuar co proceso educativo, facendo fronte a variables nunca antes imaxinadas. Xustamente, hoxe máis ca nunca, demostrouse a necesidade do traballo compartido entre centro educativo, familia e comunidade. Se nos paramos a pensar un instante, decatarémonos de que mediaron escasamente 15 días para cambiar de esquema, organización e modelo, e non tivemos tempo de facer ensaios e reflexionar porque o que tocaba era actuar, sen perder o horizonte de que o centro de todo é o noso alumnado. Na universidade, igual ca no ensino non universitario, tamén nos enfrontamos a este reto e tanto o profesorado, o persoal de administración e servizos como os alumnos e alumnas tivemos que facer un exercicio de adaptación non sempre fácil para continuar nun novo marco coas tarefas de aprendizaxe. As tres misións da universidade ─a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento─ tiveron que ser reformuladas artellando novas vías de xestión do espazo e do tempo. Creo que este tempo serviu tamén para pór a proba a nosa capacidade de reacción e de liderado social pondo todas as nosas capacidades ao servizo da sociedade.

 

Eduga: Centrándonos xa no seu labor na  universidade, ademais da súa tarefa docente, a investigación ocúpalle boa parte da xornada laboral. Vostede forma parte do Grupo de Investigación Esculca.

 

 

Para quen non o coñeza, Esculca compóñeno un grupo de profesores e profesoras da Facultade de Ciencias da Educación e da Facultade de Psicoloxía da USC, docentes doutras universidades, profesorado non universitario e outros profesionais do ámbito socioeducativo. Tamén traballan no grupo mozos e mozas que están a iniciar a súa carreira investigadora.

Entre as súas liñas de investigación, no eido da educación en xeral e da pedagoxía en particular, destacan a educación intercultural, a inmigración, proxectos educativos na escola e na familia ou os fondos de coñecemento, ámbitos nos que Mar acumula sobrada experiencia e sobre os que afondaremos a continuación.

 

Eduga: Un dos proxectos que teñen actualmente en curso é ApSUni-e, centrado na aprendizaxe-servizo nun contorno universitario. Fálenos brevemente deste traballo.

ML: ApSUni(e) é un proxecto competitivo que lidera a USC e no que participan outras universidades españolas e do Reino Unido, Irlanda e Os Estados Unidos. É continuación dun anterior ApSUni no que validamos un modelo de institucionalización da metodoloxía de ApS na universidade; é dicir, pautamos como se debe implementar esta metodoloxía para que non se acabe convertendo nunha especie de moda fugaz. E pasa iso, débense mostrar evidencias do que supón a ApS para o alumnado, en termos de aprendizaxes, o profesorado, a universidade e a comunidade. Nesta ocasión, estamos a traballar para comprobar como esta metodoloxía mellora, concretamente, o desenvolvemento das competencias transversais, as chamadas soft skills, tan importantes para a inserción laboral dos universitarios e universitarias.

 

Eduga: Esta metodoloxía é igualmente aplicable en niveis académicos inferiores ao universitario, incluída a educación primaria, polo seu carácter eminentemente práctico e o fomento de valores persoais, sociais e cívicos. De feito, cada vez atopamos máis centros educativos que desenvolven prácticas seguindo esta liña de traballo, aínda que continúa a ser un modelo pouco estendido. Que vantaxes destacaría vostede desta metodoloxía que incitasen o profesorado a implantala na súa práctica docente?

ML: É unha metodoloxía activa que permite que o alumnado aprenda mentres lle presta un servizo á comunidade a partir dunha necesidade detectada. Mediante esta metodoloxía non só aprenden os contidos dunha determinada materia ou materias senón que desenvolven toda unha serie de competencias e habilidades cívico-sociais. Ademais, permite que o alumnado se implique nos problemas da súa contorna e na busca de solucións. Por outra banda, favorece que outros axentes educativos compartan o espazo da aprendizaxe.

 

Eduga: Outra das liñas de investigación obxecto do grupo Esculca é a inmigración, temática na que se centrou o proxecto Unintegra, desenvolvido no curso 2018/19, e no que se aborda a integración das persoas refuxiadas en Europa a través dun enfoque integral no que se inclúen accións de formación, sensibilización e apoio á integración no ámbito social, laboral e educativo.

Coméntenos os aspectos máis destacados deste proxecto, incidindo especialmente na integración no sistema educativo, tendo en conta o incremento da porcentaxe de familias inmigrantes nos centros de ensino.

ML: Neste proxecto europeo traballamos coa Universidade do Minho e coa National and Kapodistrian University of Athens, aínda que tamén estaban implicadas outras entidades da sociedade civil e o Concello de Santiago de Compostela. Foi un traballo moi intenso no que se abordou a integración como un proceso bidireccional asentado en tres elementos: a integración escolar tanto dos nenos e nenas como das súas familias, a integración laboral e a integración comunitaria. Fíxose unha importante investigación tanto con familias refuxiadas en Grecia, Portugal e España, como con familias do país de acollida, así como cos centros educativos dos tres países para elaborar unhas guías de integración que serven como documento de traballo para os/as profesionais e para as familias que buscaron refuxio en Europa.

 

Eduga: Considera que a poboación inmigrante é ben acollida na sociedade en xeral e no contexto escolar en particular? Que lle reflicten nesta cuestión os resultados das súas investigacións?

ML: Os centros educativos galegos e os seus profesionais cos que levamos anos de traballo conxunto fan un grande esforzo para introducir metodoloxías que favorezan a cooperación entre o alumnado, buscan novas vías para implicar as familias e exploran alianzas coa comunidade. Traballan todos os eixes que deben conformar o proxecto educativo intercultural. Moitas veces sorpréndeme chegar a un centro e comprobar como traballan, como buscaron solucións para procurar a equidade... pero o que máis admiro é que o fan... como se fan as cousas na nosa profesión de forma calada, sen grandes focos e sen esperar máis recoñecemento ca a satisfacción de observar o crecemento dos seus alumnos e alumnas. Sempre digo que os profesionais da educación en Galicia deberiamos facer formación en markéting, pero quizais a posta en valor do que facemos vén por outros intanxibles fóra deses circuítos. Pódense cometer erros, iso sen lugar a dúbidas, pero a escola é un servizo moi ben valorado polas familias estranxeiras que teñen grandes expectativas educativas para os seus fillos e fillas.

 

Eduga: No caso daqueles centros cun perfil máis heteroxéneo en canto á procedencia do seu alumnado, que estratexias se poderían poñer en marcha para facilitar unha mellor integración deste alumnado de xeito que supere as dificultades motivadas polas diferenzas lingüísticas e/ou culturais? Está preparado o profesorado para acometer esta tarefa?

ML: O Grupo de Investigación leva anos formando o profesorado en técnicas de aprendizaxe cooperativa. A investigación educativa infórmanos de que debemos introducir metodoloxías de corte construtivista, que implican un maior protagonismo do alumnado no proceso de aprendizaxe, en contextos de diversidade cultural. Pero tamén traballamos cos centros para axudalos en procedementos para implicar as familias na educación dos seus fillos e fillas e mellorar o seu éxito escolar.

 

Eduga: Un alumnado que adoita ter certas dificultades de integración é o alumnado xitano. Esculca traballa tamén con familias en risco de exclusión social a través dos fondos de coñecemento. Gustaríanos que nos explicara en que consiste este enfoque e como o levan á práctica.

ML: Os fondos de coñecemento defínense como todos aqueles coñecementos adquiridos historicamente a partir das condicións sociais, económicas e culturais que posúen as familias e as comunidades e que son útiles tanto para o seu benestar individual como familiar. En concreto, no ámbito educativo búscase que esa experiencia vital (laboral, familiar, económica, social) poida ser empregada polos docentes como recursos que poidan estar conectados co currículo do seu alumnado, dándolle así valor e recoñecemento a outras formas de coñecemento, normalmente deslexitimadas polo sistema educativo. Nós introducimos os fondos de coñecemento coas familias da Fundación Secretariado Xitano de Pontevedra e cos centros educativos nos que están escolarizados os seus fillos e fillas. Traballamos sobre todo a partir dos relatos de vida que os nenos e nenas elaboraron xunto coas súas familias. Dentro de moi pouco vaise defender unha tese de doutoramento sobre esta temática da que é autora Gabriela Miguez Salina que se estivo a formar en esta metodoloxía na Universidade de Arizona.

 

Eduga: Unha cuestión de relevancia no eido educativo é a relación familia-escola, sobre todo  agora nestes tempos en que é precisa unha comunicación máis directa entre ambas para afrontar a irregular e imprevista situación que estamos vivindo.

Sobre este asunto levaron a cabo o programa ECO-FA-SE, un programa socioeducativo para a mellora do rendemento educativo do alumnado da ESO, implicando alumnado de primeiro e segundo, profesorado, familias e comunidade. Unha breve descrición deste programa foi obxecto dun artigo seu publicado na edición 74 desta revista. Os resultados dese proxecto recóllense nun estudo recente que determina a súa eficacia respecto da mellora dos niveis de participación familiar na escola e da implicación educativa dos proxenitores no fogar. Que conclusións extraeron dese estudo?

ML: Neste proxecto o que demostramos é a eficacia do programa para mellorar o rendemento educativo dos rapaces e rapazas de secundaria. O programa inclúe tres subprogramas: un de aprendizaxe cooperativa para traballar no contexto da aula, outro de educación familiar que implica tanto as familias como os seus fillos e fillas e un terceiro de ApS. No programa de educación familiar traballamos con pais e nais como poden axudar os seus fillos e fillas no estudo. Quizais un dos aspectos que cómpre resaltar foi comprobar como as familias foron conscientes de como as súas condutas afectaban ao estudo dos nenos e nenas e ensinarlles a xestionar os conflitos cos seus fillos e fillas adolescentes. Cando realizamos a avaliación do programa coas familias, o que nos dixeron é que o programa lles chegaba tarde, que o terían que ter xa na primaria e iso deu lugar a outro programa que estamos a pechar que é Implica2.

 

Eduga: Facendo un exercicio de imaxinación, como intúe o futuro da educación a curto prazo? Ve necesaria unha revisión do sistema educativo actual logo de ter superada esta crise? En tal caso, cara a onde temos que dirixirnos?

ML: Eu creo que os profesionais da educación están continuamente revisando os procesos para adaptarse aos rápidos cambios que acontecen na nosa sociedade. Claro que teremos que facer unha profunda análise do que esta crise supuxo para a educación, pero tamén das aprendizaxes adquiridas e iso marcará cara a onde temos que dirixirnos, un camiño, o do proceso educativo, no que as tecnoloxías ocupan un lugar importante pero no que o centro son os alumnos e alumnas e o seu crecemento persoal e social.

 

Eduga: Xa para finalizar, e posto que comezamos falando das súas impresións no escenario actual, gustaríanos rematar preguntándolle que debemos aprender como sociedade tras superar esta crítica paréntese. Seremos capaces de modificar a nosa actitude, a nosa escala de valores coa aprendizaxe «extra» que nos proporcionou o illamento social, ou esqueceremos esa aprendizaxe en canto recuperemos a normalidade?

ML: Creo que deberiamos aprender a ver a nosa fraxilidade como individuos e como sociedade, deberiamos aprender a importancia de ter unha sociedade civil forte, deberiamos aprender a ser máis empáticos, deberiamos aprender a importancia da nosa responsabilidade e das nosas condutas para os demais... en definitiva, esta é unha oportunidade para aprender a ser mellores cidadáns para lograr unha sociedade máis xusta e resiliente... pero, como en todo proceso de aprendizaxe, precísase reflexión e seguro que disto andamos faltos.

 

Eduga: Moitas grazas, Mar, por atender tan amablemente a petición da Revista Galega do Ensino e trasladarnos as súas reflexións e opinións.

 

 

Sección: