Xogando en igualdade. Experiencia de dinamización dos patios no CEIP Santa María do Castro

Experiencia levada a cabo polo grupo de traballo do CEIP Santa María do Castro co obxectivo de dinamizar os tempos de recreo para mellorar a convivencia no centro e a inclusión de todo o alumnado, potenciando o respecto, a diversidade e a coeducación.

Laura Guitián Castromil
lauraguitian@edu.xunta.gal
Centro educativo: CEIP Santa María do Castro (Boiro-A Coruña)

 

 

Contexto

O programa Xogando en igualdade levouse a cabo no CEIP Santa María do Castro. Trátase dun centro pequeno (unha liña), onde o funcionamento e o trato persoal é cordial e familiar. As instalacións do centro, tanto exteriores como interiores, son amplas e variadas. Ademais, o patio conta con diferentes espazos, rodeados de natureza, que ofrecen posibilidades de movemento e xogo. Non obstante, observamos que o uso destes espazos estaba sendo cada vez máis restrinxido, ocupábanse na súa maior parte con actividades orientadas a uns poucos alumnos e alumnas (fundamentalmente o fútbol), que resultaban excluíntes para moitos outros, porque marcaban claras diferenciacións, atendendo a características persoais (sexo, capacidades motrices, idade...).

Observamos tamén que o tempo de recreo, en lugar de ser un momento de distensión e relaxación era, moitas veces, unha fonte de estrés e conflitos entre os nenos e nenas. Tamén nos chamou a atención ver como algúns dos alumnos e alumnas do centro permanecían sos durante o recreo e se dedicaban a deambular polo patio, sen dar mostras de divertirse nin de gozar deste tempo de lecer.

A diversidade dentro do alumnado é moi grande, tanto no ámbito social como de características persoais, comportamento, aprendizaxe, comunicación... e algúns deles precisan axudas e apoios específicos para a autonomía, a comunicación e a socialización.

 

Patios dinámicos

Tendo en conta estas necesidades, pareceunos interesante poñer en marcha no centro un programa relacionado cos patios e parques dinámicos. Como a propia creadora deste programa define: «Trátase dun programa inclusivo mediante o cal nenos e nenas en xeral, sexa cal sexa a súa condición persoal, aprenden a xogar xuntos, a respectar a diversidade e a desfrutar do xogo compartido» (Fernández Lagar, 2015, p. 3).

Entendemos que o xogo é a forma natural de desenvolvemento e aprendizaxe dos nenos e nenas e que todos eles, dun modo ou doutro, queren xogar, participar e relacionarse co resto do seu grupo. Por iso consideramos necesaria unha intervención nos tempos de lecer no centro, coa finalidade de axudar a todas e todos a gozar deste tempo e desenvolver capacidades que lles axuden a imaxinar, crear e participar en xogos cos seus iguais, partindo do respecto ás diferenzas.

O recreo é un período da xornada escolar na que os menores non teñen unha actividade dirixida. Ao non estar estruturado este tempo e este espazo, os nenos con NEE, principalmente o alumnado con TEA, adoitan atopar maior dificultade para saber que facer, como relacionarse, como xogar etc. e, en definitiva, como pasar esta parte da xornada, que deberían ser momentos de ocio e entretemento nos que se xestasen relacións positivas cos iguais. (Muñoz e Ruíz, 2017, p. 26)

O enfoque da inclusión, aínda que se refire á participación total, tamén responde a un concepto de «diferenza». Preferimos falar de convivencia e de respecto cara a todas as persoas, sen diferenzas. Non se trata do dereito a ser iguais, senón do dereito a ser diferentes. Pretendemos que, xogando xuntos, todos vexan o mellor deles mesmos e aprendan a valorarse e respectarse polo que son, coa finalidade de poñer o noso gran de area na formación dunha sociedade máis respectuosa e inclusiva.

 

Fases do proxecto

1.ª FASE: FORMACIÓN E CONCIENCIACIÓN

Comezamos o proxecto coa formación do profesorado en patios dinámicos. A través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), organizouse un seminario. A formación estivo impartida por Alicia Queiro e Gey Lagar, do programa Patios e parques dinámicos. Nela sentáronse as bases do que son os patios dinámicos e explicouse o proceso que había que seguir para participar no programa. 

Ademais, consideramos necesario ampliar a nosa formación sobre os trastornos do espectro do autismo (TEA), as súas características e necesidades, para poder axudar da mellor maneira o alumnado con esta diversidade. Para iso contamos con Marlene Horna, da Asociación Bata, que nos axudou a «poñernos no lugar» das persoas con autismo e entendelas un pouco mellor, co obxectivo de facilitar a súa participación e socialización. Paralelamente, todos os membros do equipo nos dedicamos a observar diferentes patios, parques, a falar con compañeiros e a buscar ideas para a remodelación do noso patio e a incorporación de posibles actividades.

Os patios, os xogos, a diversidade e a accesibilidade convertéronse pronto nun proxecto de centro no que se logrou a implicación de todo o profesorado. Deste xeito, conseguiuse incentivar a participación a través das diferentes titorías. Os nenos e nenas de todos os cursos valoraron as necesidades, achegaron ideas e preferencias e chegaron a acordos sobre o tipo de actividades que poderían levarse a cabo no patio. Tamén as familias se implicaron no proceso. Explicóuselles o proxecto e contouse coa súa participación na detección de necesidades e, en moitos casos, na proposta de ideas e de colaboracións. Especialmente importante foi a colaboración da ANPA do centro, que axudou con ideas, traballo, materiais e mesmo cunha contribución económica.

Concienciación

Organizáronse actividades relacionadas cos xogos, tanto polo Día da Diversidade, como polo Día do Autismo, coa colaboración da Asociacion Amicos, que acudiu ao noso centro para xogar con nós e axudarnos a entender e respectar un pouco máis as diferenzas. Tanto os nenos e nenas como o persoal que traballamos no centro divertímonos e conseguimos poñernos no lugar de persoas con diferentes diversidades, así como coñecer algunha das axudas que podemos brindar para mellorar a integración de todos e todas.

Ademais, xunto coas súas familias, investigamos sobre as características do autismo e sobre persoas famosas que, polas súas características persoais, poderían clasificarse dentro deste espectro. Así, toda a comunidade se familiarizou un pouco máis coas características do TEA e se concienciou de que non todas as diferenzas teñen que ser negativas.

 

2.ª FASE: OBSERVACIÓN E REFLEXIÓN

En primeiro lugar, realizamos enquisas, a alumnado e familias, sobre as necesidades observadas nos patios, ideas, prioridades etc., para que os xogos e remodelacións que iamos levar a cabo fosen acordes coas necesidades e preferencias de todos.

Deseguido, compartimos co claustro a metodoloxía que se ía utilizar na observación dos recreos, tomando como referencia os seguintes puntos:

  • ESPAZOS DE RECREO: Sinaléctica/Elementos físicos/Elementos sensoriais/Axentes activos/Axentes semiactivos.
  • ALUMNADO DIANA (alumnado con dificultade de integración no xogo libre): Curso/Que fai/Onde/Con quen/Como.
  • ALUMNADO RESTANTE: Grupo de referencia/Curso ou ciclo/Que fan/Onde/Con quen/Como.

Así, durante o primeiro trimestre, dedicámonos a observar e valorar os patios, tomando as anotacións oportunas e fixándonos especialmente nas preferencias do alumnado e na utilización dos espazos. A partir desta información, que se sumou aos datos e reflexións procedentes das enquisas e das asembleas de alumnos e alumnas, realizamos varias reunións con todo o profesorado, nas que valoramos e sintetizamos os datos recollidos e tomamos decisións cara á preparación das actividades no segundo trimestre.

3.ª FASE: PREPARACIÓN

No comezo desta fase, realizamos varias reunións para tomar decisións sobre a organización do traballo, nas que se trataron os seguintes temas:

  • Adquisición de bibliografía especializada.
  • Accións que se van realizar.
  • Calendario de actuacións.
  • Repartición de tarefas.

Unha vez acordadas as decisións principais, comezamos coa preparación propiamente dita das actividades. Cada membro do grupo encargouse da preparación dun ou varios xogos, así como das instrucións, materiais necesarios etc. O profesorado titor, pola súa banda, organizou co alumnado do seu grupo a investigación sobre os xogos, preparación dalgúns, ilustracións para as instrucións etc. Por último, repartíronse as tarefas pendentes para a adquisición de material e preparación dos xogos.

4.ª FASE: IMPLEMENTACIÓN. ACONDICIONAMENTO DOS ESPAZOS EXTERIORES

Comezamos ordenando e limpando as zonas dos patios que estaban máis descoidadas ou deterioradas e incorporamos pequenos cambios que, de forma sinxela, puidesen transformalos en espazos máis lúdicos e motivadores.

Así, no patio cuberto de educación infantil púxose un encerado para poder pintar e debuxar libremente. Pola súa banda, o alumnado de educación primaria, trouxo das súas casas cacharriños e cubertos para facer un recuncho de xogo simbólico. O patio contaba cunha casiña, dotada de cociña, aseo e mobiliario, pero moi sucia e deteriorada. Pareceunos prioritario utilizar este espazo para promover o xogo simbólico en igualdade e fomentar a coeducación. Levouse a cabo unha limpeza e renovación dos materiais e, de novo coas achegas das familias, dotouse de material. Na mesma liña, tamén se solicitou a colaboración do Concello, que se comprometeu a dotar de bambáns o patio de primaria. Por último, construíuse unha vivenda castrexa de pedra, en colaboración coa ANPA, que se utilizará como zona de lectura ou «bibliopatio».

Pintado de xogos no patio

Ademais das actuacións mencionadas anteriormente, de novo en colaboración coa ANPA, pintáronse varios xogos tradicionais, distribuídos polos diferentes espazos do patio. Durante os recreos dos días seguintes, o profesorado ensinou o seu funcionamento e motivou os nenos e nenas para que os empezasen a usar. Rapidamente o alumnado comezou a darlles uso segundo as normas ensinadas e, moitas veces, suxerindo novas formas de utilizalos e xogar.

Xogos dinámicos durante os recreos

Unha vez melloradas as infraestruturas, estableceuse un calendario entre o profesorado participante para a organización de xogos durante os recreos dos mércores, un, no patio de educación infantil e dous, no de educación primaria. O mestre ou mestra encargado da dinamización dos patios en cada quenda organizou o material, explicou o xogo, coas correspondentes axudas visuais e, coa colaboración do resto do persoal, ocupouse de promover a participación do alumnado e, en especial, daqueles nenas e nenos que adoitaban participar menos nos xogos de grupo. Tanto o alumnado como o profesorado gozamos moito destes momentos de ocio.

Tamén aquí contamos coa colaboración da ANPA, que programou xogos para promover a participación conxunta de alumnado, persoal do centro e familias. Estas dinámicas permitíronnos coñecernos mellor mentres pasamos xuntos un tempo de lecer. Ao mesmo tempo, a asociación Amicos incorporouse ás actividades, propoñendo xogos adaptados ás necesidades específicas de comunicación e comprensión do alumnado con TEA.

Valoración

Como valoración xeral, estamos moi satisfeitos coa posta en marcha deste traballo. Pensamos que os obxectivos principais foron acadados, tal como reflicten os indicadores de mellora seleccionados. O proxecto tamén tivo una valoración moi positiva por parte do alumnado: boa parte dos nenos e nenas que permanecían máis illados ou non se integraban no xogo comezou a participar e amosou que se divertía cos xogos dirixidos.

O proxecto de patios dinámicos tivo tamén un impacto positivo nos tempos de xogo libre. En efecto, nos recreos nos que non se aplica a dinámica, apréciase tamén unha maior variedade de xogos, así como una maior participación do alumnado.

Por último, pensamos que a formación do profesorado, tanto na atención á diversidade como nos patios dinámicos e inclusión, mellorou notablemente, así como a sensibilización de toda a comunidade educativa cara á diversidade e a inclusión.

No curso actual (2019/20) o proxecto continúa, centrando a formación na integración de alumnado  con outro tipo de diversidade e dedicando máis tempo á parte de implementación do programa nos recreos. Tamén intentamos incidir no tema da coeducación e na repartición dos espazos de forma máis equilibrada e diversa, coa colaboración de diferentes entidades e asociacións da contorna para promover a sensibilización.

Como conclusión, pensamos que se acadou o máis importante dos obxectivos que nos propuxemos, isto é, a mellora da convivencia no centro e o respecto á diversidade, procurando a integración de todos e todas, tanto nos recreos como nas sesións de clase, dentro e fóra do centro.

 

 

Bibliografía: 

 

 

FERNÁNDEZ LAGAR, R. A. (2015). Patios y parques dinámicos. Programa y herramienta de inclusión social para personas con TEA. Oviedo: Ed. Trabe, SL
RUÍZ BUSTOS, S. e MUÑOZ TORRES, M. (2017). ¡Yo también juego! ¿TEApuntas? Guía para el juego dirigido en centros educativos. Córdoba: Ed. Diputación de Córdoba.

Asociacións de referencia

Patios e parques dinámicos (Programa e marca rexistrada)
Asociación Bata para el Tratamiento del Autismo.
Asociación Amicos. Asociación sen ánimo de lucro para a atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, dano cerebral e as súas familias.

Páxinas web

https://amicos.org/

www.autismobata.com

www.edu.xunta.gal/centros/ceipsantamariadocastro/

https://patiosyparquesdinamicos.com

https://santamariadocastro.blogspot.com

 

 

Sección: