Diversificando o espazo educativo na EEI San Roque

Na procura de espazos diversos en prol da diversidade, a igualdade e a inclusión

Jacinta Fernández Pérez 
Paula Calvo García  
Carmen Ferreiro Maseda 
eei.sanroque@edu.xunta.gal
EEI San Roque (Viveiro-Lugo)

 

 

A vida nos centros educativos non deixa de ser un claro reflexo da sociedade na que vivimos, polo tanto, todos os elementos que nos rodean inflúen no proceso de ensino-aprendizaxe, do mesmo xeito que o medio ten influencia na vida das persoas que o habitan, nun sentido ou noutro.

Partindo desta premisa, a reflexión feita polo claustro do centro EEI San Roque na avaliación final do curso 2017/18 levounos a considerar que o espazo que ocupamos determina  a calidade do proceso de ensino do alumnado. Levabamos anos intervindo en espazos interiores, intentando que o noso día a día fose máis aló da aula convencional. Así, lugares como a biblioteca, desde a nosa incorporación ao Proxecto PLAMBE, viven un continuo proceso de mellora e  resulta ser o núcleo integrador dos proxectos de traballo, lugar de experiencias motivadoras, de acollida e intercambios tanto con outros centros como cos membros da comunidade educativa. Algúns espazos foron transformados para poder realizar agrupamentos flexibles e todo tipo de interrelacións. Contamos, por exemplo, cunha aula máxica, onde resulta doado facer obradoiros, unha ludoteca, que supón un lugar multifuncional cun espazo maker incluído.

Parecíanos que o patio resultaba un lugar con pouco aproveitamento máis aló do xogo libre e, ademais, xeraba múltiples conflitos que foran en aumento ao longo dese curso, debido aos xogos de balón competitivos. Partindo desta reflexión, ao inicio do curso 2018/19 decidimos converter todos os espazos do centro en lugares de xogo e motivación cara a aprendizaxe. Con este obxectivo, comezamos a investigar para acometer unha transformación doutros espazos. En primeiro lugar, varias compañeiras participamos nun curso sobre Patios e Parques Dinámicos impartido por Gay Lagar en Santiago de Compostela. Á volta, cargadas de ideas, involucramos a todo o claustro e embarcámonos nun plan de formación do centro para seguir a mellorar o espazo da biblioteca e transformar o patio.

Pasos iniciais na transformación dos espazos

O obxectivo primordial era chegar a todo o alumnado, a aqueles con máis dificultades, ou con algún tipo de necesidade específica, NEE, ANEAE, exclusión social, con problemas na resolución de conflitos etc.; intentando que socializasen e xogasen, potenciando habilidades de comunicación efectiva, actividades funcionais que contribuísen a eliminar condutas disruptivas ou estereotipadas e respectando as características persoais e crear así, polo tanto, camiños de inclusión real. Por iso, o proxecto implementouse en todos os niveis, adaptando as propostas ás capacidades do alumnado. Non esquecemos as familias, dado que pretendemos a inclusión social que debe levarse a cabo tanto no contexto escolar como no familiar; tal e como explicaba Gay Lagar a través da escola de pais e nais que puxemos en marcha nese mesmo momento.

Isto levounos a pensar nun plan de formación permanente do profesorado co obxectivo de mellorar os espazos e facernos máis inclusivos ─partindo da biblioteca xa que representa o lugar aglutinador dos nosos proxectos─ baixo o título Lecer inclusivo desde a biblioteca escolar.

Para isto traballamos contidos como: os espazos dinámicos e inclusivos noutros centros educativos, os xogos tradicionais na etapa de educación infantil e as normas de uso dos diferentes espazos.

Para a súa consecución, formulamos inicialmente un calendario de reunións onde poder idear e planificar este proxecto anual.

Nas diferentes sesións:

  • As profesoras que participamos no seminario de Gay Lagar Cuando el juego es presencia achegámoslle a información a todo o profesorado.
  • Observamos o que sucedía no noso patio, coa colaboración da propia Gay Lagar. Vimos a sinalización, elementos físicos, sensoriais, axentes activos, semiactivos...
  • A través desta autora descubrimos a dinámica dos chamados patios dinámicos inclusivos.

  • Recibimos o manual de implementación de parques e patios dinámicos e tomamos decisións de como levalo á práctica no noso centro. Recollemos información en todas as aulas a través de cuestionarios de interese xenérico adaptados aos diferentes niveis, tanto para o alumnado xeral como para o alumnado diana, sobre os intereses e gustos en canto a xogos de patio, xogos de mesa, xogos tecnolóxicos...
  • Puxemos en común o rexistro dos documentos do manual de implementación, dos resultados das enquisas e chegamos a acordos para a posta en práctica dos xogos elixidos con base nos intereses do alumnado. Decidimos, ademais, que nas sesións de psicomotricidade o alumnado fixese unha aprendizaxe significativa dos xogos que lles permitise posteriormente elixilos libremente no patio no día da semana no que se ofertaban. 
  • Organizamos a anticipación do profesorado ao alumnado para as primeiras sesións de patios dinámicos e os acordos de normas. Así mesmo,  tendo en conta as recomendacións da Asesoría de Bibliotecas Escolares, decidimos o deseño dun novo recuncho inclusivo dentro da biblioteca que respondese ás necesidades que presentaba o noso alumnado ao que lle chamamos espazo de acougo. Redeseñamos o espazo en si, seleccionamos e mercamos material multisensorial, xogos manipulativos, xogos cooperativos e textos adaptados que tamén se poñen á disposición das familias no horario de apertura da biblioteca en tempo non lectivo.
  • Elaboramos un caderno que tiña como obxectivo a posta en valor e a recompilación de xogos tradicionais ao que lle chamamos proxecto RE-XOGA para ter, deste xeito, unha boa selección de recursos nas sesións de patio dinámico. Puxémolo en circulación para que cada familia fixese a súa achega.

A avaliación final foi moi positiva tal e como demostra o rexistro da observación directa e continua e a transformación e usos dos espazos renovados.

Continuidade na diversificación dos espazos

Despois deste éxito inicial da transformación dos espazos inclusivos e do programa de patios dinámicos, este curso 2019/20, decidimos seguir adiante partindo como avaliación diagnóstica do traballo do curso anterior. 

Como apoio a esta proposta, decidimos darlle continuidade ao plan de formación ─o título elixido foi Diversidade=Igualdade e inclusión─, cos obxectivos iniciais de continuar coa proposta de mellora nos espazos inclusivos creados e investigar sobre novas prácticas pedagóxicas que incidan nas actuacións en todos os espazos.

Centrámonos en dúas actuacións: mellora continua do patio e da biblioteca inclusiva e afondamento en novas propostas pedagóxicas, en concreto a disciplina positiva.

Desde comezos do curso continuamos coa programación do patio do curso anterior, coa posibilidade de ir ampliando días semanais de patios dinámicos cada trimestre.

Tamén fomos enriquecendo a proposta inicial con distintos xogos para cada semana, organizando e ensaiando xogos coeducativos e cooperativos que fomentan o cambio de roles e nos que ninguén é eliminado. Tamén impulsamos que eses xogos se repetisen como xogo libre máis aló dos días de patios dinámicos. Na observación directa vemos que o alumnado se amosa feliz os días de patio dinámico, anticipan e agardan con ansia eses días. A participación é moi alta xa que son xogos que elixen libremente.

Para seguir mellorando e aumentando as opcións dos patios inclusivos, no tempo que tivemos de curso, interrompido polas difíciles circunstancias que estamos a vivir, fomos expondo novas ideas, tanto para diversificar a intervir nos espazos como para novas actividades:

  • Mercamos novos libros e xogos inclusivos e cooperativos para a biblioteca.
  • Elaboramos unha lista de xoguetes de madeira de gran formato para distintos espazos e agora estamos vendo a posibilidade de pedir a colaboración, para a súa realización, de centros de secundaria que conten con ciclo de formación profesional de madeira e carpintería.
  • Aumentamos a lista de xogos colaborativos e cooperativos para realizar nas distintas zonas do centro, principalmente para o patio. 
  • Fixemos unha choiva de ideas para ampliar os recantos do patio, mellorar o recuncho de acougo e o aproveitamento doutros espazos do centro.
  • Investigamos sobre novas propostas metodolóxicas que faciliten e melloren as actuacións neses espazos diversos, en concreto, a disciplina positiva. Para iso, contamos co grupo de psicólogas e pedagogas da Mariña que, a través de varios relatorios, nos expuxeron a filosofía desta pedagoxía. Pola súa vez, as familias tiveron formación a través da escola de nais e pais.  Constatamos no día a día que a posta en práctica resulta máis difícil ca a teoría en si, pero continuaremos xa que nos parece que está a dar resultados positivos.
  • Dotamos a biblioteca con máis xogos cooperativos e de mesa dentro de recuncho-espazo maker que chamamos casa escornabótica, ampliándoo como unha extensión desta, tamén á disposición das familias.
  • Estamos optimizando novos espazos en lugares pouco convencionais como os corredores, recunchos na ludoteca e incluso paredes do patio. Deste xeito créanse recunchos maker que posibiliten o traballo en equipo, a creatividade e a aprendizaxe activa con xogos e taboleiros Lego, xogos imantados, ópticos...

Avaliación do traballo realizado e ilusión por continuar

A avaliación continua feita ata agora é moi positiva, baseámonos  na observación directa e nos rexistros elaborados para constatar as melloras seguindo os seguintes criterios:

  • Participación activa de todo o alumnado.
  • Demanda das propostas por parte da comunidade educativa.
  • Frecuencia de uso dos espazos creados.
  • Utilización por parte do profesorado dos materiais e xogos.
  • Emprego da metodoloxía baseada na disciplina positiva.

Nestes momentos queda moito por facer, todo un camiño por andar, pero non perderemos a ilusión dunha mellora continua dos espazos, xa que verificamos resultados moi positivos para toda a comunidade educativa.

 

 

Sección: