La ciudad de los niños

 

Título do libro: La ciudad de los niños
Autor: Francesco Tonucci
Editorial: Graó, 2015
Autora da recensión: Beatriz López Dorado
Enderezo electrónico: belodor@edu.xunta.es
CFR destino: Lugo

 

 

Francesco Tonucci, tamén coñecido polo pseudónimo de Frato a través das súas viñetas, convídanos con este libro a repensar o espazo urbano tendo en conta as necesidades da infancia. Para tal fin, o autor recupera a Convención dos dereitos do neno de 1989 e subliña a importancia de exercer a cidadanía plena, tamén, nesta etapa da vida.

A obra que temos entre as nosas mans estrutúrase en tres partes ben diferenciadas:

En primeira instancia, preséntase o marco do proxecto, incidindo na análise dun malestar. As cidades, nas últimas décadas, pasaron de ser lugares de encontro e intercambio entre a veciñanza para convertérense en parcelas segregadoras da poboación. Fronte a estas grandes urbes, cheas de ameazas, contaminación e ocupación do espazo público, Tonucci propón establecer unha nova perspectiva, máis amable e  hospitalaria, que parte do hábitat do neno e a súa capacidade de decisión.

A continuación, achéganse unha serie de propostas que poden emprenderse para axudar as persoas adultas a recoñecer as necesidades e dereitos dos nenos e comprender mellor o seu punto de partida. Porque, tal e como sinala o autor, hai un conflito que notan perfectamente: quéreselles moito, pero non se lles escoita nada. Así pois, na medida en que o contorno responde ao ritmo de vida dos máis pequenos, tamén o está a facer, simultaneamente, para o conxunto da cidadanía, sen excluír os colectivos máis vulnerables (persoas de avanzada idade ou con dificultades motoras, por exemplo).

Finalmente, conclúese cunha serie de experiencias que contribúen, dalgunha maneira, a dar exemplo real e concreto do modelo instaurado polo pedagogo italiano tanto en cidades pequenas e medianas como grandes. 

En definitiva, un proxecto necesario e innovador, máxime nos últimos tempos, que convida á reflexión do espazo comunitario e dos seus usos, e que vén acompañado polo aval da gran traxectoria e implicación de Tonucci en todo o seu labor social. Na actualidade, máis de duascentas cidades en España, Italia, A Arxentina, O Uruguai, Colombia, O  Perú, Chile e O Líbano forman parte desta rede educadora.

 

 

Sección: