Ciudad educadora y patrimonio (Cookbook of heritage)

Título do libro: Ciudad educadora y patrimonio (Cookbook of heritage)
Autores: Laia Coma Quintana/Joan Santacana i Mestre
Editorial: Trea
Autor da recensión: Eduardo Rodríguez Sáiz
Enderezo electrónico: eduardorsaiz@edu.xunta.es
CFR destino: Vigo

 

 

Nas últimas décadas, moitas cidades engadiron unha nova función ás que asumimos como as tradicionais. A maiores de seren centros económicos, residenciais, socioculturais, pasarán a ser tamén obxectos de consumo: consumimos a súa historia, a súa gastronomía, o seu patrimonio (natural ou cultural). Deste xeito, o turista será o catalizador dalgunhas intervencións urbanísticas e, simplificando o argumento, observamos como se actúa sobre o patrimonio local (elemento de prestixio nas sociedades contemporáneas) para poder competir dentro do mercado turístico e así seducir os posibles visitantes.

Nese contexto, xurdiu unha reflexión sobre o novo paradigma: por que ten que ser o turista o centro das actuacións de revalorización do patrimonio? Por que non a cidadanía en xeral ou a comunidade educativa en particular?

Laia Coma e Joan Santacana, profesores da Universitat de Barcelona e investigadores na área da Didáctica das Ciencias Sociais, recollen esta idea ─colocar no centro do debate o cidadán─ e propóñennos pensar na cidade en clave educativa.

Na primeira parte do seu libro Ciudad educadora y patrimonio reflexionan sobre a idoneidade das cidades como suxeito educativo, pero non só centrándose na súa parte física, senón tamén na parte social. Valores como a solidariedade, o comunitario, a participación cidadá son máis facilmente comprensibles sobre o terreo que traballados na aula.

Nos últimos anos, dentro da comunidade educativa enfatizamos o valor do emocional no proceso de aprendizaxe do noso alumnado, incorporando estratexias para motivalo, manter o interese e, en fin, facelo corresponsable da súa aprendizaxe. Precisamente, un dos valores do patrimonio é a súa capacidade de emocionar, de evocar, de implicarnos nesa pertenza colectiva. Como será máis fácil motivar o noso alumnado no estudo da Guerra Civil? Lendo un libro de texto ou visitando as pegadas e as balas nas paredes traseiras de calquera dos nosos cemiterios?

No marco destas reflexións cidade-educación, Coma e Santacana apóianse nas experiencias da Red Estatal de Ciudades Educadoras (RECE), asociación con 30 anos de vida que naceu co obxectivo de pensar nas cidades coma unha extensión das aulas.

Na segunda parte da obra, presentan experiencias concretas (co suxestivo título de «Os menús educativos») de intervencións nas distintas etapas educativas en varias cidades españolas. Partindo do teatro, dos itinerarios, da investigación-acción, do xogo etc., veremos exemplos reais de traballo sobre a historia, o patrimonio natural, o medio ambiente, a literatura ou a ciencia. Son modelos que perfectamente poden ser fonte de inspiración para os nosos centros, xa que pasan por alto os deseños teóricos para centrarse no desenvolvemento real dos proxectos: contidos, metodoloxías, posta en práctica, problemas que xorden...

En síntese, nesta obra ─a maiores de reflexión teórica do binomio cidade/educación─,  atoparemos exemplos reais que poden animarnos a abrir as portas das nosas aulas, saír ás rúas e aproveitar as oportunidades educativas que proporcionan as cidades.

 

 

Sección: