Asociación Ambar das persoas con diversidade funcional
educacioninclusiva@asociacionambar.org
Sobre Ambar
Ambar é a asociación pioneira na comarca da Barbanza, que leva traballando polos dereitos das persoas con diversidade funcional desde 1982.
A súa misión é a de promover a independencia, a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional na comunidade autónoma de Galicia.
Para acadar isto, traballa:
- Ofrecendo ferramentas para a autonomía persoal nos servizos de atención diúrna (centro de día e ocupacional).
- Impulsando o apoderamento a través da expresión artística e da creatividade.
- Prestando apoios para mellorar a calidade de vida a través do deporte e das actividades de ocio.
- Facilitando a vida independente na comunidade a través do programa de vivenda con apoio.
- Formando e promovendo o emprego inclusivo na comarca.
- Promovendo a accesibilidade universal nos servizos e actividades da nosa contorna.
Na última década, Ambar foi pioneira en programas de inclusión social, sendo a primeira entidade en Galicia en:
- Iniciar un programa de vela inclusivo.
- Implementar un proxecto de vivenda para a transición á vida independente.
- E tamén en comezar un proxecto de emprego inclusivo baseado nas estratexias de diversidade e inclusión en toda España.
Ambar pola educación inclusiva
Ambar leva traballando cos centros educativos desde hai máis de tres décadas, co obxectivo de promover unha visión positiva da diversidade funcional. Nos dous últimos anos, ao redor de 1700 escolares da comarca da Barbanza participaron en polo menos unha acción de sensibilización e convivencia impulsada por Ambar.
A principios de 2019, como parte do programa educativo de Ambar, realizouse unha enquisa ao profesorado de educación primaria, secundaria, orientadores e profesorado especialista da Barbanza e extraeuse como conclusión a necesidade de traballar a diversidade desde unha perspectiva integral e máis práctica no ámbito educativo para:
- Darlle difusión ao modelo de dereitos humanos da diversidade funcional.
- Traballar as habilidades básicas e instrumentais do alumnado con diversidade para o seu desenvolvemento educativo, social e laboral futuro.
Desta investigación naceu EduDiversa: programa de apoio á educación inclusiva e atención á diversidade.
Programa EduDiversa
EduDiversa ten como obxectivo a promoción dunha educación inclusiva real baseada no modelo de dereitos humanos e unha xestión da diversidade que garanta a igualdade de oportunidades de todo o alumnado.
A través da posta en marcha do programa EduDiversa, Ambar quere xerar unha alianza social entre centros, profesorado, familias, asociacións e concellos, para conseguir unha educación inclusiva real e de calidade.
En que consiste EduDiversa?
A través da posta en marcha de EduDiversa preténdese colaborar na implementación dun sistema 100% inclusivo, no cal todas as persoas, con independencia das súas características individuais, teñan acceso a unha educación de calidade.
EduDiversa concíbese arredor de tres fases que responden aos obxectivos de formar, asesorar e fomentar a accesibilidade.
Aprendizaxe
Nesta fase difundirase o modelo de dereitos humanos da diversidade funcional entre o profesorado, para promover os piares sobre os que se sustenta a educación inclusiva.
Ademais, levaranse a cabo xornadas formativas dirixidas a mellorar a atención á diversidade dentro das aulas.
Asesoramento
Durante esta fase traballarase na adaptación do proceso de ensinanza-aprendizaxe ás necesidades educativas especiais do alumnado, así como no desenvolvemento de metodoloxías inclusivas dentro da aula ordinaria. Este asesoramento prestarase da seguinte maneira:
- Axudando no deseño de espazos inclusivos: patios dinámicos, xardíns multisensoriais, centros e aulas accesibles...
- Orientando na implementación de metodoloxías activas e inclusivas que dean resposta a todas as necesidades, apoiándonos no modelo DUA (Deseño Universal para a Aprendizaxe).
- Asesorando na selección de recursos TIC e produtos de apoio.
Accesibilidade
Nesta última fase elaboraranse itinerarios personalizados e material adaptado específico empregando tecnoloxías innovadoras como a impresión 3D.
A defensa da educación inclusiva
A educación inclusiva responde ao desafío de ofrecer educación adaptada a todo o alumnado, no que calquera, con independencia das súas condicións persoais, sociais ou culturais, poida participar na vida do centro educativo cos apoios necesarios, garantindo así a súa plena participación en igualdade de oportunidades.
Para isto, é necesario avanzar dun sistema integrativo a un inclusivo, xa que mentres a integración se centra na intervención directa coa nena ou neno con necesidades educativas especiais, a inclusión parte do recoñecemento e valoración da diversidade como un dereito humano, e a intervención está centrada na escola.
Pero que levará a crear unha escola e currículo inclusivos? Desde que un centro educativo realiza a súa concreción curricular, en función do contexto, das características do centro e do alumnado que escolariza, debe asegurar que todo o alumnado poida seguir ese currículo, facilitando diferentes formas de representación, expresión, acción e motivación. Porque se non hai unha única maneira de aprender, non debería haber unha única forma de ensinar.
Hoxe en día dispoñemos de multitude de ferramentas que nos axudan na construción dunha aula inclusiva que dea resposta a todo o alumnado. Apoiándonos no modelo DUA, resulta fundamental proporcionarlle ao alumnado diferentes formas de representación, acción e expresión e motivación.
Aquí pódense ver algúns exemplos:
En conclusión, un sistema educativo de calidade ten como piar fundamental dar unha resposta educativa axeitada ás características e necesidades de cada alumna/o. Esta tarefa debe ser un traballo integral e compartido entre a comunidade educativa e o resto da sociedade. Porque xuntas e xuntos é posible conseguir unha sociedade inclusiva!