Os camiños da lectura no CEIP Juana de Vega

Equipo de biblioteca do CEIP Juana de Vega (Oleiros-A Coruña)

 

Este vai ser o relato da nosa viaxe, á que lle chamaremos Os camiños da lectura; aínda non deu remate e non agardamos que, afortunadamente, o teña. Será a proba final de que, efectivamente, conseguimos alcanzar o noso obxectivo: non deixar de camiñar. 

Cando iniciamos unha viaxe, ilusionámonos coa chegada ao noso destino, mais tamén gozamos dos preparativos. Nunha viaxe partimos non só dun punto concreto da xeografía, senón dunha situación persoal e vital, dun estado de ánimo, dun lugar no tempo. Marcámonos metas e, se cadra, etapas. Trazamos o percorrido axudándonos dos mapas, de trebellos varios, dun compás... E preferimos non facelo sos ou soas: buscamos compañeiros e compañeiras de viaxe; hai quen se «apea» sen rematar a singradura e outros soben ao noso «barco» seducidos pola nosa ilusión, polo noso obxectivo ou por vai saber ti que causa... En todo caso, iso, precisamente, é o camiño. 

O punto de partida

O CEIP Juana de Vega é un centro novo, situado na parte máis «rural» do concello de Oleiros. A súa proximidade ao concello da Coruña determina o carácter semiurbano da contorna, onde conviven modernas urbanizacións coas vivendas tradicionais da veciñanza de toda a vida. A parroquia de Nós, onde se localiza o centro, ten amplas zonas arboradas, unha biblioteca municipal, espazos para o deporte e o lecer, e a vida cultural e social dunha parroquia galega activa. O noso alumnado é de orixe diversa e contamos cunha significativa porcentaxe de alumnado inmigrante procedente, na súa maioría, de distintos países de América do Sur. 

O núcleo do actual equipo de biblioteca formouse no curso 2016/17 e atopou xa un rego feito polas compañeiras que puxeron en marcha a biblioteca no curso anterior, e un acompañante que estaba agardando por nós: o Señor Pippin, a mascota da nosa biblioteca. Tamén contamos con moitos «víveres» para iniciar o camiño, xa que o Concello de Oleiros deixou ao noso dispor os fondos da clausurada Biblioteca Municipal de Montrove. 

Nesta situación, e cargando as nosas «mochilas» de ilusión, dispuxémonos a turrar por unha biblioteca activa, moderna, viva e que respondese ás necesidades de todos os sectores da comunidade educativa. 

 

 

Marcámonos metas e puntos de encontro en cada etapa

 

Cumpría, antes de iniciar a viaxe, revisar as nosas capacidades, ferramentas, instrumentos... e preguntar a todos os que podían acompañarnos para non equivocar o camiño co perigo de perdernos. Así, fomos elaborando cuestionarios para comezar a deseñar o noso proxecto lector e preguntámoslles ao profesorado, ás familias e ao alumnado. Cando, entre as repostas do alumnado, atopamos tal interese pola lectura, favorecido sen dúbida pola rede de bibliotecas municipais, non tivemos dúbida de cal sería o noso papel como biblioteca escolar: alimentar as gañas de aprender e complementar o magnífico labor das bibliotecas das parroquias.

Por suposto, tamén nos preguntamos a nós mesmos, facendo un autodiagnóstico para detectar necesidades e identificar as nosas fortalezas, a enerxía que nos poñería en marcha.

Así deseñamos os nosos tres primeiros e ambiciosos obxectivos:

  • Mellorar a xestión e organización dos recursos materiais e humanos. 
  • Deseñar actividades de dinamización da lectura e de alfabetización no uso da información.
  • Establecer pautas de colaboración con todos os estamentos da comunidade educativa. 

Ao mesmo tempo que preguntabamos, fomos ofrecendo o que tiñamos e comezamos por cambiar o espazo, o noso «punto de encontro» en cada etapa da viaxe. 

Tamén foi preciso presentarnos. Comezamos a manter reunións coa ANPA e constituímos a Comisión de Biblioteca no seo do novo consello escolar. Abrimos as portas e convidamos a ler, con diversas actividades de dinamización da lectura, entendéndoa non só como actividade de lecer, senón como satisfacción ás necesidades de saber, de aprender, de investigar e de experimentar.

Trazamos o percorrido: recursos e instrumentos de traballo. As nosas provisións

Cunha perspectiva máis clara de onde estabamos e a onde queriamos chegar, deseñamos dez obxectivos para o noso proxecto lector:

E puxémonos mans á obra: camiñar e construír a un tempo. 

  • Como en toda biblioteca escolar galega, organizamos a Hora de ler.Esta actividade foi evolucionando, mesmo desde o principio, no que a realizamos de forma sincronizada en todo o centro. No punto do camiño no que nos atopamos, tratamos de diversificar actividades e soportes de lectura para aproveitar estes vinte minutiños diarios, amosando que a lectura non é só «mirar un libro».
  • Repartirmos Mochilas viaxeiras en cada aula (facilitándolles material de apoio aos titores). Foi un camiño iniciado en primaria que ten continuidade na actualidade en cada unha das aulas de infantil e que se acompaña dun viaxeiro especial: a nosa mascota Pippin en cada unha das mochilas. É unha viaxe de ida e volta na que recibimos a resposta agarimosa das familias. 
  • Tamén as tecnoloxíasson ferramentas de traballo hoxe imprescindibles e instrumentos de lecer. Rexistramos diariamente a finalidade do uso dos ordenadores nos recreos, por exemplo, para indagar nas preferencias do alumnado e procurar un mellor uso das TIC. Desde o presente curso integramos na aprendizaxe a biblioteca creativa, que inclúe un intercambio de información constante entre os seus maiores (alumnado de quinto e sexto) e os pequenos (alumnado de infantil). Procuramos mellorar a expresión oral coa participación na radio escolar (Radio de Vega), como canle para adestrar no bo uso da información e da súa transmisión. 
  • Tamén nos apuntamos desde o primeiro curso do noso traballo á proposta da Asesoría sobre o voluntariado de lectura, para formar e apoiar os nosos equipos de auxiliares de biblioteca e o noso nutrido grupo de voluntarios lectores. 

 

 

Foi este un camiño constante e diario arredor da lectura que desembocou no presente curso 2019/20 nun «desvío» inesperado. Temos dúas aulas de primeiro nivel de primaria ateigadas con 28 alumnos e alumnas cada unha, que deberían «arrancar» a ler. No primeiro trimestre viuse a dificultade de xestionar este importante obxectivo e xurdiu a idea das Lecturas compartidas: os alumnos de segundo dedicarían unha sesión semanal completa a lerlles aos seus compañeiros de primeiro, incitando o seu interese na lectura. O resultado foi plenamente satisfactorio e, da forma máis sinxela, levándoos da man, os pequenos romperon a ler acompañados dos seus «pequenos padriños». Tal éxito tivo a actividade que rematou por estenderse a todos os niveis e cada nivel apadriñou a outro nalgunha sesión da semana, compartindo, imitando, comentando e gozando coa lectura. 

As mestras de terceiro de primaria e de quinto de infantil explícano así:

As lecturas compartidas consisten en xuntar aulas de diferentes niveis do centro para ler xuntas. Concretamente, hoxe vimos contar a experiencia da lectura compartida entre o alumnado de 5.° B de educación infantil e o alumnado de terceiro de primaria.

O alumnado de primaria xestiona a actividade e inclúe o uso tanto de material bibliográfico como tecnolóxico. No caso da clase de terceiro eliximos as lecturas previamente na aula, onde traballamos tamén con fondos das bibliotecas municipais, ou poden acudir libremente durante os recreos á nosa biblioteca. Despois das lecturas compartidas, facemos unha valoración da sesión, para mellorar aspectos organizativos, tamén levamos un rexistro individual das lecturas que imos completando.

O alumnado de infantil acode á biblioteca, onde se emparella co seu padriño ou madriña de primaria e comeza a lectura. Para os cativos e cativas de infantil esta experiencia serve como animación á lecto-escritura, xa que gozan lendo cos seus compañeiros e compañeiras maiores, e tamén se desenvolven actitudes e valores como a colaboración, o respecto, a toma de decisión compartidas… para eles é toda unha aventura!

Ás veces len nas mesas, outras na colchoneta, outras sentados a carón da xanela, e incluso algunha vez... ata leron en pixama!

Desde logo, é unha actividade enriquecedora tanto para os maiores como para os pequenos, aprender xuntos é mais motivador!

  • Aprendendo doutras bibliotecas, atrevémonos a chegar máis lonxe e buscamos tempo e espazo para: 

- Vaille co conto: unha actividade aprendida do CEIP Condesa de Fenosa facilitou o acceso do alumnado á lectura en voz alta. A proposta é tan simple como sentarse no recreo nun lugar «íntimo» escoitar a lectura tanto daqueles que queiran compartir os seus primeiros pasos na paixón de ler como dos de que son experimentados locutores. Basta co sacrificio dun recreo por parte dalgún membro do claustro.

- Canto conto ten:é o reverso da proposta, xa que temos grandes contadores e contadoras entre os nosos colegas. O alumnado arremuíñase para escoitar a palabra lida. Descubrimos aquí tamén a entrega das familias, que se ofreceron voluntarias a acudir nos recreos para facer as súas «contadas». Mesmo neste tempo de confinamento conseguimos manter a necesidade de contar e de escoitar. 

  • A lectura en voz alta

Desde o primeiro momento tomamos moi en serio a lectura en voz alta como oportunidade para demostrar destrezas publicamente. Outros e outras poden «lucir» no recreo o seu talento en dominar un balón ou en facer acrobacias. Por que non podiamos tamén deleitar os demais coas nosas habilidades lendo en voz alta?

O aniversario de Rosalía de Castro cada 24 de febreiro é a oportunidade de celebrar un emotivo recital, aberto á comunidade, no que participan as familias e que monopoliza o recreo do día. 

Celebramos a poesía durante o mes de marzo con diversas actividades. A guinda é o Concurso de lectura de poesía en voz alta, no que o alumnado, de forma voluntaria, se presenta para competir por niveis escollendo o seu poema favorito para ler. 

Xa que eliximos un libro de cabeceira ─normalmente un clásico da literatura infantil─ para desenvolver o tema anual, levamos a cabo un Maratón de lectura o Día do Libro. Cada titoría que queira acudir como oínte participa do maratón durante uns dez minutos; cada persoa (alumnado, familias, docentes...) que queira participar como lector será responsable dunha quenda, que manterá a lectura sen interrupcións, completando toda a xornada escolar.

 

 

  • As campañas de lectura

Para non esquecer que a lectura non é só lecer, trazamos un calendario anual para esculcar na nosa biblioteca e na nosa contorna. Son un pretexto para remexer en cada sección da CDU.

No primeiro trimestre, mentres organizamos o curso escolar, investigamos a nosa propia biblioteca, mergullámonos nos misterios do outono ─3 (educación/psicoloxía), 5 (ciencias da natureza)─ ou atopamos motivos para defender a non violencia contra as mulleres ─1 (psicoloxía), 3 (educación), 8 (literatura), 9 (historia, biografías)─ . No segundo trimestre enfiamos a convivencia no centro arredor do tema da paz –9 (xeografía, historia, biografías)─, para recibir a Candelaria, aproveitamos para estudar as aves que rodean a escola como anunciadoras da primavera ─5 (ciencias da natureza)─ e unimos con lazos de amor e amizade as persoas no mes de febreiro. Chegamos logo a marzo, cheo de poesía ─8 (literatura)─, e sen case decatarnos entramos en abril e maio, concentrados na lectura e na investigación de grandes autores e historias inmortais (8 e 9, literatura, historia e xeografía, unidas novamente).

 

 

Os compañeiros de viaxe

Nas viaxes non aprendemos só dos lugares que visitamos. O coñecemento dos nosos acompañantes muda e descubrimos neles virtudes e defectos que na vida cotiá non apreciamos. O mesmo sucedeu no noso «camiño da lectura»: de todo ─do positivo e do negativo─ aprendemos e con iso melloramos. 

A ANPA NÓS: o primeiro encontro por petición nosa supuxo o comezo dunha afectuosa e produtiva relación. Creamos a figura das «familias voluntarias» que ceden o seu tempo libre para vir forrar libros á nosa biblio ou levan caixas deles para facer este labor na casa. O camiño bifurcouse e agora tamén temos «familias catalogadoras». A ANPA colaborou xenerosamente a sufragar actividades de dinamización e a difundir as nosas propostas, incluída a elaboración do noso proxecto lector.

- O Obradoiro das familias: aproveitando o apoio do CFR, e xa que desenvolvemos grupos de traballo cada curso, decidimos achegarnos ás familias para aprender con elas sobre literatura infantil e xuvenil. A proposta é moi sinxela: o equipo de biblioteca elabora un dossiersobre un tema concreto da literatura infantil, seleccionamos exemplares da nosa colección e compartimos unha tarde de cafés e lecturas que teceron unha relación especial entre docentes e «mamás». Grazas a isto, podemos gozar das experiencias e habilidades de mulleres que teñen moito que dar. 

As familias enchen os corredores da nosa escola respondendo ás nosas convocatorias e son a manifestación máis tanxible do seguimento que fan do noso traballo. 

- As bibliotecas de Oleiros e da Coruña: na nosa primeira etapa foi fundamental contar cos empréstitos das bibliotecas públicas. Elas encheron as exposicións temáticas que ocuparon os corredores e serviron de inspiración para o noso traballo. 

- O Concello de Oleiros: desde a primeira convocatoria da Comisión de Biblioteca, a colaboración do Concello, a través da súa concelleira de Educación e da responsable de bibliotecas municipais, foi incondicional. Un exemplo pode ser a campaña As viaxes dos refuxiados que desenvolvemos no curso 2018/19 e a dispoñibilidade para as propostas que chegan da nosa biblioteca (mantemento, radio escolar...).

O CFR: desde o primeiro curso de funcionamento deste equipo contamos co asesoramento, apoio e seguimento do CFR. Incansables no camiño, son compañeiros indispensables nesta viaxe.

A Asesoría de Bibliotecas: mesmo na distancia, o contacto co equipo da Asesoría é imprescindible. Son o coche-vasoira e o indispensable albergue. O seu labor de acompañamento, a súa xenerosidade e o seu asesoramento (mochilas e maletas viaxeiras, apoio técnico, asesoramento nas programacións e memorias...). A nosa entrada no PLAMBE no curso 2018/19 supuxo adiantar moitísimas etapas ao poder subir ao tren do grupo de bibliotecas que perseguiamos. 

- O claustro: nada do que sucede no centro é alleo a un equipo coma a do CEIP Juana de Vega. Un claustro emprendedor, colaborador, xeneroso e incansable é un luxo para poder traballar desde esta biblioteca. Buscamos a coordinación co Departamento de Orientación, e os equipos de normalización lingüística, extraescolares e convivencia. Con compañeiros de viaxe comprometidos, ilusionados e formados, os atrancos supéranse con mellor actitude.

- O alumnado: seguramente, os compañeiros de viaxe menos conscientes da propia viaxe. O seu balbordo nos recreos da biblioteca son a pura mostra do que é a nosa biblioteca, a súa biblioteca, o terceiro espazo do centro, o seu punto de encontro, a nosa meta. 

A viaxe non rematou; apenas nos basta con saber en que punto estamos e ben sabemos que non desexamos que termine. A nosa única teima é manter viva cada unha das ilusións creadas, seguir sentíndonos acompañadas por quen tanto nos dá de bo, continuar aprendendo a cada paso e só baleirar as alforxas para librarnos das pedras que non permiten avanzar, repartir cos demais o que levamos aprendido e deixar oco a novas ideas, novas aprendizaxes e novos acompañantes. 

 

 

 

Sección: