ALFIN en tempos de coronavirus

O estado de confinamento cambiounos por completo a vida e os plans. A meirande parte dos nosos proxectos de biblioteca quedaron metidos nun caixón, esperando unha ocasión mellor para retomalos. E, non obstante, esta crise non é máis ca unha oportunidade. Unha oportunidade excepcional para introducir a ALFIN nas nosas rutinas diarias.

Mónica P. Muñoz Sobrino, munozsobrino@edu.xunta.gal

 CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Navia - VIgo)

 

 

O pasado 12 de marzo, dous días antes de publicarse o real decreto que declaraba o estado de alarma, a miña amiga e compañeira Asun Carballo e mais eu tiñamos na nosa axenda un apuntamento: impartir unha charla nas Xornadas PLAMBE que titulamos «Enredando coa ALFIN».

Ata o último intre estivo na nosa mente acudir, xa que nos comprometeramos a facelo, pero, se son sincera, debo dicir que, ante o cariz que tomaban as cousas, agradecín a anulación da cita. 

Hai uns días, a Asesoría de Bibliotecas Escolares propúxome escribir un artigo para esta revista sobre ALFIN xa que a nosa charla quedara adiada. Evidentemente, aínda que tratando sobre alfabetización informacional, o contido deste texto non pode ser tan teórico como o que formulabamos para as xornadas, así que decidín titulalo «ALFIN en tempos de coronavirus»

O estado de confinamento cambiounos por completo a vida e os plans. A meirande parte dos nosos proxectos de biblioteca quedou metida nun caixón, esperando unha ocasión mellor para retomalos. Non obstante, esta crise non é máis ca unha oportunidade. Unha oportunidade excepcional para introducir a ALFIN nas nosas rutinas diarias.

1. Por que unha oportunidade?

1.1. O punto de partida: análise de documentos

Para argumentar esta afirmación, é necesario remitirnos a diferente documentación.

a) Comezamos co Marco de referencia para as bibliotecas escolares, onde se define a alfabetización informacionaldeste xeito: «É saber cando e por que precisas información, onde atopala, e como avaliala, empregala e comunicala dun xeito ético». 

Nesta definición existe unha palabra clave: a información. É con ela coa que temos que traballar alumnado e profesorado nestes tempos de crise. 

b) Outro texto que me parece vital é a Orde ECD/65/2015, do 21 de xaneiro, pola que se describen as relaciones entre as competencias, os contidos e os criterios de avaliación da educación primaria, a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato. Considero este documento de obrigada lectura e reflexión, pola súa utilidade, riqueza e amplitude de miras, pero,  ao ser o espazo escaso, limitareime a facer unicamente dúas citas: 

A adquisición eficaz das competencias clave por parte do alumnado (…) require do deseño de actividades de aprendizaxe integradas que permitan avanzar cara os resultados de aprendizaxe de máis dunha competencia ao mesmo tempo. (Artigo 3.3)

Para potenciar a motivación pola aprendizaxe de competencias requírense (…) metodoloxías activas e contextualizadas (…) que faciliten a participación e implicación do alumnado e a adquisición e uso de coñecementos en situacións reais. (…) As metodoloxías que (….) permiten a aprendizaxe por proxectos (…) favorecen a participación activa (…) e a motivación dos alumnos e alumnas ao contribuír decisivamente á transferibilidade das aprendizaxes. (Anexo II)

c) Por último, precisamos referirnos á recente Orde EFP/365/2020, do 22 de abril, pola que se establecen o marco e as directrices de actuación para o terceiro trimestre do curso 2019/20 e o inicio do curso 2020/21,ante a situación de crise ocasionada polo COVID-19.

Na medida do posible, os centros educativos e o profesorado deseñarán actividades globalizadoras e interdisciplinarias (…) promovendo o traballo colaborativo entre os equipos docentes.(Anexo II, 4.d)

O MEFP constituirá (…) un grupo de expertos para analizar a experiencia acumulada neste período e emitir recomendacións para a transición á escola dixital e para estar nas mellores condicións ante situacións similares. (Anexo II, 7.c.)

1.2. Os tempos son chegados

Esa é a miña conclusión tras reflexionar sobre os devanditos documentos.  A educación dixital que ata o de agora non acababa de se impoñer vai ser, necesariamente, o ecosistema no que nos desenvolveremos polo menos durante os vindeiros meses. E isto representa, na miña opinión, unha oportunidade para a ALFIN: o momento de impulsar unha metodoloxía do traballo por proxectos que permita integrar por fin o uso da información, a globalización, a implicación do alumnado, a aprendizaxe competencial e o contexto dixital. 

Cada centro educativo presenta unha realidade e un punto de partida diferentes á hora de iniciar esa andaina cara a unha educación dixital. A continuación farei unha análise sobre como se está levando a cabo esa transición na nosa escola e como se está a beneficiar dela o noso proxecto documental integrado deste curso: Primus circumdedisti me.

2. A escola adáptase ás novas circunstancias

Ante o novo (e inesperado) contexto educativo, era preciso potenciar o uso de ferramentas dixitais que estaban ao noso alcance pero que, ata o de agora, non usaramos de xeito xeneralizado. O equipo directivo (en colaboración co equipo da biblioteca) iniciou unha carreira para dotar a todo o profesorado de ferramentas

  • Campaña entre as familias para subscribirse a abalarMóbil
  • Creación de usuarios para a páxina web e a aula virtual
  • Correos electrónicos para as aulas
  • Blogs
  • Cursos virtuais
  • Muros de Padlet para o intercambio de materiais… 

Unha carreira desenfreada para posibilitar o achegamento ás familias e ao alumnado. Non obstante,estas accións non bastaban para empregar de xeito efectivo estas plataformas, xa que nin o profesorado, nin o alumnado, nin as familias estaban afeitos a usalas. Por tal motivo foi preciso elaborar titoriais básicosque permitisen acurtar os tempos de aprendizaxe e implementar o uso destas ferramentas dixitais no menor espazo de tempo posible. Nesta tarefa de creación de titoriais o equipo da biblioteca colaborou achegando diversos materiais.

3. O PDI tamén se adapta

Na nosa escola, este curso, estamos a traballar sobre a primeira volta aomundo. Un proxecto que ía ter o seu momento culminante, precisamente, na derradeira semana do segundo trimestre. Aí pensabamos estrear as instalacións da nosa nova biblioteca creativa, elaborando programas de radio e vídeo. 

Non puido ser, pero non por iso iamos frear o proxecto. Houbo que readaptarse e utilizar un contexto enteiramente dixital. Novas ferramentas, novas actividades, nova mentalidade. Probablemente, todo moi mellorable, pero o esforzo realizado polo profesorado e as familias resulta encomiable e penso que debe ser salientado. 

Do mesmo xeito, creo que debe subliñarse o entusiasmo do alumnadode todas as idades cando lle ofertamos un tipo de actividadeque esixe pór en xogotodas as súas competencias e habilidades e aprender dun xeito lúdico e divertido.Esa é a experiencia que constatamos cando o equipo da biblioteca propuxo escape rooms especialmente deseñados para educación primaria.

3.1. De viaxe con Magallanes

Coa intención de lle ofrecer ao profesorado un tempo necesario para coñecer as novas ferramentas e organizarse, o equipo da biblioteca encargouse de preparar as actividades do alumnado para a derradeira xornada do segundo trimestre e a primeira do terceiro. As propostas elaboráronse con genial.ly e tiveron en conta a totalidade das competencias. Enfocáronse a dous niveis de dificultade:

    Nivel I: primeiro, segundo e terceiro de primaria

    Nivel II: cuarto, quinto e sexto de primaria

Tamén se preparou unha recompilación informativa sobre animais típicos da fauna andina, enfocada ao alumnado de educación infantil.

3.2. Creación de recursos para a alfabetización informacional

Xa desde o principio do proxecto, o equipo da biblioteca seleccionara diversa bibliografía e webgrafía  que compartira a través de Google Sites. Con todo,ante a necesidade de reestruturar os nosos proxectos e orientar oprofesorado, o equipo da biblioteca elaborou catro titoriais:

  • Aprende a elaborar unha bibliografía
  • Como elaborar un traballo escrito
  • Aprendendo a empregar imaxes
  • Preparando a nosa exposición oral

Todos eles están publicados neste post do blog da biblioteca.

3.3. Viaxando polas aulas virtuais 

O  13 de marzo algunhas aulas xa tiñan moi avanzado o seu traballo, realizado de xeito  presencial. O resultado das investigacións repousa nas aulas á espera de poder ser organizado e fotografado. 

Noutros casos, o traballo completouse coa presentación de información ou retos complementarios, para o que se empregaron distintas ferramentas tecnolóxicas.

E nalgún outro caso, volveuse programar integramente a tarefa para investigar a través de medios exclusivamente tecnolóxicos. 

Neste enlace podemos comprobar as tarefas relacionadas co PDI propostas nos distintos grupos a través dos blogs, a páxina web ou as aulas virtuais durante este tempo de confinamento, todas elas etiquetadas como #quedonacasa #quedocoPDI

Neste paseo voume deter en catro puntos:

  1. Educación infantil

En educación infantil, cada nivel focalizou a súa investigación sobre un tema relacionado co proxecto: 

  • 3 anos: África
  • 4 anos: As culturas inca, maia e azteca
  • 5 anos: Andaina polo mundo

Moito traballo desenvolveuse de xeito presencial nas aulas, pero agora aproveitan o blog de educación infantilpara propor diferentes retos relacionados co proxecto e para mostrar imaxes da rapazada que as familias envían a través do correo electrónico.

b) Primeiro curso de educación primaria

O proxecto do alumnado deste nivel trata sobre os faros, eses elementos que resultan tan imprescindibles na navegación e cos que, desgraciadamente, non contaron Magallanes nin Elcano. Porén, os rapaces están a seguir os pasos de ambos os dous navegantes na actualidade, investigando sobre os diferentes faros que atoparían nunha viaxe arredor do mundo. 

O traballo, iniciado nas aulas, enganchou oalumnado desde o primeiro momento, segundo se pode ver neste post.

Os rapaces, aolongo dos meses previos ao confinamento foran creando diferentes produtos nos que reflectían o que ían aprendendo: murais, maquetas, textos escritos, manualidades con material de refugallo…, pero non deu tempo a completar a súa particular volta ao mundo, así que a súa titora está a servirse do blog de cicloe da aula virtualpara facer distintas propostas e continuar investigando. No seguinte enlace recóllense as ditas propostas.

c) Cuarto curso de primaria

No traballo diarioque se propón desde a páxina web estanse a incluír propostas vencelladas co proxecto: lecturas e comentarios de texto, pequenas investigacións, actividades de cálculo…

Sobre todo, queremos incidir nunha actividade que está a contribuír de xeito notable na motivación deste alumnado: o Pasapalabra. Cada día, o profesorado propón unha definición relacionada co PDI e ofrece a resposta ao día seguinte. 

Con estas propostas, o equipo da biblioteca confeccionou un xogo interactivo  empregando genial.ly.

d) Sexto curso de primaria

Por diferentes motivos, en sexto de primaria houbo que adiar a investigación sobre o proxecto ata o terceiro trimestre. O confinamento fixo necesario reformular a proposta inicial, que se converteu nunha investigación integramente virtual

O tema elixido neste nivel titúlase A bordo dunha nao. Para traballar estanse a empregar distintos espazos virtuais

•   En Google Sitese no blog de aula,a titora recompilou diversas páxinas web onde o alumnado puidese atopar a información necesaria para desenvolver o seu traballo.

•   Na aula virtualfóronse propondo as distintas tarefas.

•   En muros de Padlet compartíronse traballos artísticos do alumnado. 

•   A través de videoconferencias en Webex, o alumnado compartiu os seus coñecementos. Tamén a través desta plataforma están a organizar coa titora o xeito de lle dar forma ao seu proxecto. 

Unha experiencia realmente interesante que paga a pena analizar cando estea rematada. Polo momento, podemos dar conta do proceso neste enlace.

3.4. Alfabetizando dixitalmente as familias

Como en todo proxecto documental integrado, o papel das familias resulta fundamental. Elas tamén tiveron que actualizarse ás présas para acompañar os seus fillos e fillas na súa aprendizaxe e para participar das nosas propostas: 

•  Subscribirse a abalarMóbil 

•  Consultar o blog da biblioteca

• Compartir as súas colaboracións a través do correo electrónico 

• Intercambiar información en muros virtuais de Padlet… 

O máis claro exemplo desta colaboración a través de ferramentas tecnolóxicas é esta actividade que titulamos Cociñando con especias.

4. Recapitulando

Ninguén querería dar o paso nestas circunstancias, pero o coronavirus chegou e cambiou as nosas vidas, non só desde o punto de vista da prevención e da saúde, senón tamén desde o punto de vista comunicativo e educativo. 

O «bichiño» obrigounos a cambiar as nosas metodoloxías, a aprender o funcionamento de novas ferramentas, a ler e escribir en formatos distintos ao impreso, a recoñecer se a información que recibimos é fiable ou non… E iso xa non ten marcha atrás!

No noso refraneiro hai un dito moi acaído para esta situación: Non hai mal en que non haxa ben. Espero que, despois destas liñas, compartades a miña intuición de que, contrariamente ao que se puidese pensar, os tempos do coronavirus son «bos tempos para a ALFIN».

 

 

Bibliografía: 

 

 

Comisión técnica de bibliotecas escolares (2011). Marco de referencia para as bibliotecas escolares.Ministerio de Educación. Dispoñible en https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/files/Marco%20de%20referencia%...(final).pdf (consultado o 17 de maio de 2020).

Orde ECD/65/2015, do 21 de xaneiro, pola que se describen as relacións entre as competencias, os contidos e os criterios de avaliación.Dispoñible en https://www.boe.es/buscar/pdf/2015/BOE-A-2015-738-consolidado.pdf(consultado o 17 de maio de 2020).

Orde EFP/365/2020, do 22 de abril, pola que se establecen o marco e as directrices de actuación para o terceiro trimestre do curso 2019/20 e o inicio do curso 2020/21 ante a situación de crise ocasionada polo COVID-19.Dispoñible en https://www.boe.es/eli/es/o/2020/04/22/efp365/dof/spa/pdf(consultado o 17 de maio de 2020).