A inclusión e as bibliotecas creativas

A inclusión desde o novo modelo de biblioteca como espazo de converxencia cultural colaborativa e centro creativo de aprendizaxes. Presentación dunha experiencia sobre o papel desempeñado pola biblioteca nun centro de educación especial con FP básica adaptada.

Manuel Andrade Vallo

CEE López Navalón (Santiago de Compostela)

Contextualización

No contexto do Plan LIA 2016-2020 de Bibliotecas Escolares, o programa da Biblioteca Inclusiva da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que desenvolve algunhas das liñas establecidas no desafío número tres do devandito plan, pretende sensibilizar sobre a necesidade de avanzar cara á integración e mudar a visión que se ten sobre a discapacidade: fomentando a súa visibilización e normalización, sensibilizando a sociedade, buscando o respecto e o trato igualitario, así como a axuda, apoio e comunicación adaptada.

Para iso, un proxecto de biblioteca inclusiva debe ofrecer oportunidades para a realización de propostas significativas e adaptadas a todo o alumnado do centro, a través do uso de ferramentas facilitadoras do acceso á información e un enfoque participativo no deseño e realización das actividades.

Por outro lado, as instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para o comezo do curso 2018/19 apoian unha nova configuración da biblioteca como centro creativo de aprendizaxes. No referido á distribución dos espazos, incentiva explicitamente a súa organización en función das prácticas que intenta promover, que buscan sempre un enfoque participativo e un traballo cooperativo.

Partindo deses obxectivos e filosofía, no equipo de biblioteca do CEE López Navalón xurdiu unha pregunta: Por que, ademais de enfocar o noso traballo cara á preparación do noso alumnado para a súa saída e integración na sociedade, non deseñamos actividades encamiñadas a que sexan outras comunidades educativas e sociais as que acudan ao noso centro e aproveiten as nosa experiencias, coñecementos e instalacións, creando dese xeito oportunidades de intercambio e convivencia? En definitiva, tratamos de facer da inclusión un camiño de ida e volta.

Obxectivos da nosa biblioteca

Foi no ano 1857 cando se creou o Colexio Rexional de Sordomudos e Cegos.O seu fundador foi o insigne mestre, pedagogo e pensador toledano Manuel López Navalón. El consegue facer do centro unha institución de referencia en España e boa parte de Europa. Proba diso serían os traballos realizados polo alumnado que foron exhibidos en exposicións coma a de Chicago en 1893 ou París en 1900. O ministro Montero Ríos apoiou o proxecto e ordenou a construción dun edificio á altura da labor da institución (o que ocupa actualmente a Administración da Xunta de Galicia).

Hoxe en día, o CEE López Navalón atópase situado nun antigo convento: o dos padres combonianos (de aí a decoración africana que inunda algunhas zonas do centro). Conta con 12 unidades: 5 de formación básica, 5 de programas formativos (carpintería, cerámica, cultivos, restauración e costura) e 2 que funcionan como centro de recursos.

Un centro con estas características presenta unha serie de necesidades específicas e, para tratar de darlles a mellor resposta posible, o papel desempeñado pola biblioteca do centro é fundamental. Dentro do equipo acordamos os obxectivos que se debían seguir:

  • Facer da biblioteca un espazo que fomente a convivencia e a cidadanía. Moitas das nosas alumnas e alumnos chegan ao noso centro despois de sufrir acoso e illamento social, o cal repercute nunha mingua da súa capacidade de traballo en equipo e no desenvolvemento de proxectos colectivos.
  • Ser un espazo inclusivo no que se poñan en valor os traballos realizados polo noso alumnado, rapaces e rapazas que moitas veces chegan ao centro cunha baixa autoestima.
  • Transformar a biblioteca nun espazo de relaxación multisensorial para un alumnado que en moitas ocasións, por diversos motivos, presenta inestabilidade emocional.
  • Converterse nun faladoiro que fomente a súa competencia lingüística, especialmente no que atinxe á expresión oral. As nosas alumnas e alumnos aprenden nos talleres a «saber facer», pero moitas veces non saben «explicar o que fan». A exposición multimedia de traballos convértese nunha importante ferramenta de axuda nese obxectivo.
  • Evitar o illamento entre talleres de traballo. Fomentamos o uso da biblioteca como espazo de intercambio de ideas e elaboración de proxectos colectivos.
  • Promover a innovación no uso de novas tecnoloxías. No espazo fedellento da biblioteca investigamos distintas aplicacións para poder aplicalas nos distintos talleres do centro.

Recursos empregados

O apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia permitiu dotar a nosa biblioteca dunha serie de recursos fundamentais:

  • Instalación de pranchas de absorción acústica.
  • Construción dunhas bancadas con capacidade para 50 persoas.
  • Equipo de iluminación con focos de Par led con control DMX.
  • Hardware e software para gravación e edición de audio e vídeo: mesa de mesturas, stedycam, croma, videomappingtouch board
  • Placas de plataformas de creación electrónica de código aberto: ArduinoMakey Makey, Adafruit.
  • Colocación dun chan de tarima flotante, cálido e limpo.

Por outra banda, participamos en iniciativas que tamén deron os seus froitos:

a) Participar xunto con outros centros en proxectos de FP Innova permítenos dispor de dúas impresoras 3D, un escáner 3D e unha impresora de chocolate compartida.

b) Elaborar as pezas dos premios do festival Rebulir 2019 facilitou a adquisición dun plotter brother scancut.

c) Colaborar coa Asociación Galega de Artesáns fai que contemos cunhas esculturas de vimbio de Idoia Cuesta (Premio Nacional de Artesanía) e Julia de la Cal, que crean un magnífico recuncho de lectura relaxada.

Actividades desenvolvidas

PROXECTO: INCLUSIÓN, UN CAMIÑO DE IDA E VOLTA

O que nos propoñemos é potenciar a biblioteca como espazo multidisciplinar inclusivo cun proxecto dirixido ao noso alumnado (que sabe facer moitas cousas e queremos potenciar as competencias precisas para compartir eses coñecementos), pero tamén a calquera comunidade (outros centros e institutos, asociacións…) que desexe participar nas nosas actividades e vivir novas experiencias con nós.

Neste proxecto, a biblioteca desempeña o eixe vertebrador entre o centro e a súa contorna, entre os distintos talleres e entre o alumnado de primaria e de FP. E achega unha nova visión dos obxectos fabricados no centro: non só van ser o resultado dun proceso construtivo, senón tamén un instrumento que facilitará a interacción entre o noso alumnado e as persoas que queiran aprender con nós a fabricar lucernas romanas, ponte arcuato, preparación de garum, cuñado e gravado de coiro, camisetas estampadas con cianotipia…

Hai dous anos que iniciamos o camiño e as nosas alumnas e alumnos foron o profesorado das máis de 400 persoas que visitaron o noso centro: desde nenas e nenos de primaria ata adultos pertencentes a distintas organizacións.

APRENDIZAXE-SERVIZO

Forma parte da filosofía deste proxecto a busca de colaboracións doutras institucións. Así, para a consecución de varios dos obxectivos propostos anteriormente, solicitamos a participación das profesoras da USC María del Carmen Gutiérrez Moar e Xulia Diz López, que, a través da modalidade de aprendizaxe-servizo, levaron a cabo co seu alumnado un taller de lecturas emocionantes.

ARTIVISMO

Levamos dous anos celebrando na nosa biblioteca a Semana dos Días Europeos da Artesanía. A colaboración de Artesanía de Galicia facilitou a organización das seguintes charlas-obradoiro:

  • Susi Gesto: ourivería
  • Flores de Greta: eco-print
  • Nacho Porto: estampaxe cerámica
  • Apamp: serigrafía
  • Antón Román: forno de rakú

Grazas ao seu entusiasmo, o noso alumnado puido coñecer técnicas de moita tradición e outras totalmente innovadoras.

ESPAZO FEDELLENTO

As actividades que desenvolvemos no espazo fedellento articúlanse arredor de varias ideas:

  • A economía colaborativa: no espazo makernon facemos só electrónica. Tamén nos guiamos por outras ideas, como o concepto de economía colaborativa ou a filosofía DIY. Cando o noso alumnado, coa axuda desinteresada do ceramista Antón Román, emprega un bidón de refugallo para construír un forno de rakú portátil, co obxectivo de ofrecelo en préstamo a outros centros, estamos ante unha vivencia real de valores, sentimentos e procesos lóxicos manuais.
  • O emprego de distintos materiais como soporte de historias e ideas: investigamos a interacción entre as formas e os procesos característicos das novas tecnoloxías e o material propio de cada un dos talleres (madeira, barro, comida, teas, plantas): gravado e estampaxe a partir de moldes impresos en 3D, stencil e recorte de formas coa brother scancute técnicas de scrap, transplante de formas co escáner 3D… E, a partir de aí, obter produtos con mensaxe: camisetas poéticas, dioramas retroiluminados, táboas xeroglíficas en barro, madeira, papel…
  • A valorización de traballos como, por exemplo, as posibilidades que ofrecen os e-téxtiles no taller de costura ou a organización de obradoiros nas xornadas de FP Innova.

Conclusións

Reivindicamos o papel innovador da biblioteca creativa como motor de desenvolvemento e de inclusión social, entendida como un proceso de cambio que lle permite á persoa deseñarse a si mesma, pensarse doutra maneira, imaxinarse xestionando a súa vida doutro xeito, a través de experiencias que impacten nos participantes, producíndolles o desexo de actuar.

Unha biblioteca creativa e inclusiva debe proporcionar múltiples medios de representación, de acción e expresión, de motivación e compromiso, converténdose nun espazo de creación de coñecemento a través da palabra compartida.

Deste xeito, a biblioteca vólvese una ferramenta esencial para mudar a visión que se ten sobre a discapacidade.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Comisión técnica de bibliotecas escolares (2011). Marco de referencia para las bibliotecas escolares[en liña]. Madrid: Ministerio de Educación. Dispoñible en http://www.mecd.gob.es/cultura-mecd/dms/mecd/culturamecd/areascultura/bibliotecas/mc/consejocb/comisiones-tecnicas-decooperacion/escolares/Marcoreferenciabescolares.pdf

IFLA/UNESCO (1999). Manifiesto da biblioteca escolar[en liña]. Dispoñible en http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/files/Manifesto.pdf

Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2018/19. Accesible en https://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/1133

NOVOA, C. As bibliotecas escolares: lugares para a exploración e a experimentación[en liña]. Dispoñible en http://www.edu.xunta.gal/eduga/1655/bibliotecas/bibliotecas-escolares-lugares-para-exploracion-experimentacion]

 

Sección: