Se as pedras falasen... falarían con voces de muller
Isidora Gil González, isidoragil@gmail.com
Irma Fernández Alonso, irmafernandez81@gmail.com
Belén Sánchez Sánchez, mariabelenbethlehem@gmail.com
IES de Celanova. Ourense
O IES de Celanova é un sitio especial. Para quen non o coñeza diremos que é un deses espazos históricos e artísticos que se visitan, pero rara vez se habitan, aínda que nós vivímolo moito e el vive tamén en nós, inspirándonos. Ai, se as pedras falasen! Falaron. Ao longo de dous cursos, en Celanova, fixemos falar as paredes do noso centro, tan pétreas e vetustas, con Voces de muller. Ese é o título da campaña sobre a que versou o proxecto O fío de Ariadna polo que acabamos de recibir o selo do Consello de Cooperación Bibliotecaria. Acceso ao vídeo.
Se callar, cómpre explicar o símbolo. Ariadna foi quen lle entregou a Teseo o fío que lle permitiu fuxir do Minotauro. Coma no mito, o pensamento, as ciencias, as artes e a educación no seu sentido máis amplo son o único compás co que equipamos o alumnado para manexarse no complexo labirinto da vida. E o dos fíos non é cousa de tecedeiras? Por que non seguir explotando a metáfora? Iso fixemos. No fondo e na forma, queriamos facer visible a presenza das mulleres en cada momento da historia, en cada realización humana e, coma as tecedeiras do cadro de Velázquez, puxémonos ao labor. Pero como resumir en dúas ou tres mil palabras o traballo dun equipo humano ─todas nós mulleres─ empeñado en desfacer o entorto cultural que ten a metade da poboación camiñando un paso por detrás da outra metade?
A verdade é que se pode traballar a prol da igualdade de xénero desde calquera ámbito, posición ou momento, pero o noso, o ensino medio, é un lugar privilexiado. É o momento xusto no que se definen os esquemas de valores, no que se escollen referentes, no que se derruban, aceptan, crean ou ensanchan os propios moldes mentais. As lanzas para enfrontar os machismos de todas as castes e tamaños son a información (onde mellor que na biblioteca para atopala?) e o espírito crítico (a estas alturas haberá quen non entenda que esa é a competencia das competencias?).
Con esta bagaxe armamentística ─e moito traballo, horas e complicidade dentro do equipo─, decidimos que as paredes falasen: as paredes, as mesas, as xanelas, as escaleiras, calquera espazo do noso centro foi axeitado para dar soporte a actividades desde as que revisar a historia da cultura cunha perspectiva non androcéntrica. E todo dentro da nosa maneira de traballar, estruturada en campañas anuais que se desenvolven con métodos de venda: anuncio de produto en grandes paneis, primeiras informacións de carácter xeral seguidas de propostas de actividades concretas, bombardeo nas redes sociais... Preparamos e expuxemos materias con variados pretextos, sobre calquera ámbito, para que os fíos máis ocultos da trama cultural, eses que representaban as mulleres, reclamasen o seu dereito ao brillo:
- Unha campaña ten que empezar ao grande: o anuncio inicial do tema de 2019 (ou a continuación de 2020) foi directo e ocupou un sitio preferente nos corredores de entrada. Un grito en forma de graffiti para recordar as voces esquecidas.
- Unha campaña ten que ser recoñecible polo seu grafismo e pola decoración dos lugares que ocupa. Brochas e cores, tipos de letra, obxectos e escenografía. A clientela lectora entra nun espazo, a biblioteca, que proclama a súa dedicación e dá unha primeira información visual.
- Que significa esa decoración? Outra exposición, a modo de fito, cóntanolo á entrada: colocamos zapatos porque as mulleres pisamos forte, porque construímos camiños cos nosos pasos, porque nos queda moito por andar; colocamos espellos porque aínda necesitamos recoñecernos para acadar recoñecemento; colocamos tecidos porque as mulleres somos tecelás, tecemos os fíos da familia, as redes de solidariedade social, a trama do gran tapiz de fondo da historia.
- Que expón en primeiro lugar unha biblioteca? Os seus fondos. Saen das vitrinas os libros de narrativa de autoría feminina, as obras de poetisas e dramaturgas, as películas de directoras de cine, os relatos de viaxeiras, os ensaios de científicas, os catálogos de pintoras... Recoñecemos a escaseza de materiais e enfocamos a compra anual ao recheo de ocos: máis biografías, máis estudos sociolóxicos, máis manifestos, máis escritoras de contos, máis músicas. Etiquetamos todos eses fondos co logo que os identifica e confeccionamos os catálogos que os reúnen. Neste caso non falan as paredes reais, senón as virtuais nas que colgamos toda esta información.
- A primeira exposición que inunda os corredores versa, como non, sobre a ausencia das mulleres no relato histórico patriarcal. A idea era dar un material inicial para traballar nas aulas, nos períodos de lectura ou na organización de actividades. O material confeccionado arranca na voz de Jane Austen:
─A historia, a solemne historia real, non me interesa case nada. E a vostede?
─Adoro a historia.
─Que envexa me dá! Lin algo de historia, por obriga; pero non vexo nela nada que non me encarraxe ou non me aburra: rifas entre papas e reis, guerras ou pestes a cada páxina, homes que non valen gran cousa e case nada de mulleres; é moi pesada.
A reflexión que facemos é a seguinte: a historia con maiúsculas non rexistra a colaboración das mulleres en cada conquista científica, en cada avance social, en cada brote de xenialidade.A historia con maiúsculas é unha historia mutilada, fendida polo medio e medio, pois non inclúe o traballo escravo que, liberando a metade da humanidade dos afáns comúns e cotiáns da vida doméstica, permitiu que esta se dedicase ás tarefas que dignifican o ser humano e das que si dá conta.
A pregunta que deberiamos facernos é: están xustificadas as maiúsculas? Só coñecer esa historia pode axudar na resposta.
- Dese material inicial xorde a primeira colaboración, a do Departamento de Xeografía e Historia, que traballou co seu alumnado un panel sobre as mulleres galegas en forma de G, de Mulleres galegas, que nos fixo reflexionar sobre como contribuíron á construción da nosa identidade cultural como pobo. Presentan artistas plásticas, actrices, traballadoras do audiovisual, pedagogas, xornalistas, científicas, deportistas, pioneiras do feminismo... e tamén vítimas, loitadoras, ou guerrilleiras, sen que falten escritoras, compositoras e intérpretes, viaxeiras, navegantes e conquistadoras, aviadoras e camioneiras, raíñas ou bandoleiras.
- Desde o Departamento de Debuxo saíu información sobre ilustradoras, pintoras e fotógrafas para encher outra parede completa e servir de punto de partida para actividades de aula: Polas súas obras (gráficas) as coñeceredes. E desde o de Música, os traballos sobre Arquetipos de muller na músicapresiden o vestíbulo de entrada á súa aula: musicólogas e etnógrafas, intérpretes e compositoras, musas e divas, protagonistas e directoras, transmisoras do saber...
- As exposicións da biblioteca, ocupando todas as mesas sobre as que o alumnado se debruza, estuda e fantasía, fixémolas case seguindo ─non o podemos remediar, somos bibliotecarias─ a clasificación de Dewey: as mulleres na filosofía, as mulleres nas ciencias, as mulleres na historia, as mulleres nas literaturas, as mulleres na música, no cine, na danza, na pintura…
- E, como sabemos que o alumnado hai que animalo a ler, non só a rozar os textos coa ollada, preparamos os nosos quizzes para o blog da biblioteca, no que creamos a etiqueta correspondente: Voces de muller (sobre a visibilización da muller na historia) e As mulleres pintan moito (un cuestionario para a busca de información sobre o papel da muller na pintura). Unha biblioteca escolar ten, entre os seus obxectivos, o de formación documental e este tipo de actividades son unha das súas aplicacións máis evidentes.
- A maiores do material confeccionado pola biblioteca sobre As mulleres nas matemáticas, o departamento realizou un mural colaborativo no que o alumnado rescatou a figura de mulleres relevantes e eclipsadas neste ámbito e no da tecnoloxía: desde as que se disfrazaban de homes para asistir é Academia platónica ─a modo de escena de Monty Python─ ata as colaboradoras da NASA no século XX.
- A exposición sobre os roles das Mulleres na banda deseñada inaugura 2020.
- A partir dela estaba prevista a realización dun obradoiro e dunha mostra de cómics antigos, pero, dada a actual situación, teremos que esperar ao novo curso, no que tamén estamos pensando en abordar o tema dos roles asignados ás mulleres nos videoxogos.
Moitas das palabras das paredes foron precedidas, seguidas ou acompañadas de actividades que lles deron pé ou que derivaron delas. A biblioteca prepara materiais, coordina, pon os medios e os escenarios, pero é o profesorado o que ten que facer de intermediario para o seu aproveitamento nas aulas. Así, nós con eles e eles con nós, intentamos desmontar prexuízos machistas sobre:
- A imaxe feminina nos contos infantísna Hora de lectura, cos grupos da ESO. A partir de material exposto, analizamos como eran elas, que roles tiñan asignados, que comportamentos se esperaba que adoptasen e cales eran censurables. Non quedou unha sen repasar: da Sereíña de Andersen a Branca de Neve, de Carapuchiña Vermella a Cruella de Ville.
- A imaxe feminina na cultura tradicional galega (dándolle unha voltiña ao refraneiro e aproveitando que o Día das Letras se lle dedicou a un etnógrafo). Recompilamos ditos sobre as relacións entre os xéneros, as visións sobre as mulleres, a beleza feminina, o traballo, a economía, o trato que reciben e o lugar que a cultura popular lles asigna para propoñer actividades que fomenten o espírito crítico.
- Mulleres con mando foi outra recompilación de protagonistas femininas que lideraron pobos, dirixiron exércitos, patrocinaron descubertas ou gobernaron imperios. O traballo nas aulas de Debuxo Artístico afrontou este tema desde unha mirada particular: o papel das mulleres na monarquía española como raíñas, rexentes ou consortes. Partindo da investigación sobre pinturas e biografías, o alumnado versionou os seus retratos para traballar sobre a humana no proxecto Consortes con sorte?, premiado no concurso de Traballo por Proxectos da Consellería de Educación. Acceso ao vídeo .
- Cómprame a igualdade:os roles da muller en relación co consumo: como destinatarias, como obxectos, como reclamo… Esta é unha actividade que partiu da Hora de lectura e da que derivaron outros desenvolvementos, abríndonos un ramal menos informativo e máis activista que, iniciado en 2019, ten secuela en 2020. Esta sendo, en moitos sentidos, a ocasión para darlle a volta a todo, cuestionalo todo, cun alumnado que saíu á rúa, fixo enquisas, montou un mercadiño da igualdade na praza Maior de Celanova, realizou vídeos promocionais como se dunha campaña de markéting a grande escala se tratase e, como profesionais, vendéronnos o produto. Un vídeo (feito, coma todos, polo noso colaborador Carlos Alonso) vale máis que mil palabras:
Tamén lle rendemos o debido recoñecemento ao labor das mulleres desde as aulas
- Roupa estendida: a aula de primeiro de bacharelato de Lingua, traballando o texto breve, fíxolles unha homenaxe ás mulleres anónimas e próximas das súas vidas ─tías, avoas, nais e veciñas─ cunha fermosa corda de bogada, onde os mandís, batas e panos da cabeza desas mulleres foron o marco de fotos con emocionadas e emocionantes biografías reducidas a non máis de catro liñas.
- Con nome propio e en nome propiofoi outra pesquisa realizada desde o ámbito das literaturas ─a española e a galega─ que estableceu a diferenza que existe entre as visións que se destilan dos versos que os homes lles dedican ás mulleres e as que as mulleres que escriben poesía proxectan sobre si mesmas. A musa non sempre é muller, por certo. En forma de folletín, estamos publicando o material no blog durante este confinamento, entre o Día do Libro e o Día das Letras. E que fariamos sen estas paredes virtuais!
- As mensaxes de mulleres de todas as épocas reclamaron o seu dereito a expresarse e escoitouse o seu eco entre os claustros, ás veces co peculiar timbre en transición á súa definitiva voz de adulto do noso alumnado masculino. Máis tarde, esas mesmas mensaxes presidiron, en dous espectaculares estandartes, impresos na biblioteca, a escaleira nobre que dá acceso ao instituto. Era unha declaración de intencións; todo aquel que entraba ou saía non tiña máis remedio que velos.
- Memorias dunha nena labregafoi a actividade deseñada polo departamento de Educación Física para falar de saúde e de ciencia coa doutora Luisa Pérez, cardióloga procedente da nosa comarca e expoñente perfecto do papel da muller nos coñecementos STEM.
- E as efemérides prolongáronse con aleivosía ao longo de semanas nas que, de cando en vez, con calquera pretexto, caía un acto: un día, o Departamento de Música organizaba un recital e traía as Tanxugueiras; outro, o Departamento de Historia programaba unha conferencia sobre o papel das mulleres na bisbarra de Celanova durante a Idade Media; en marzo de 2019 fixemos un recital poético e unha rede simbólica da solidariedade coas mulleres e entre as mulleres que cubriu as cabezas do alumnado de terceiro da ESO; e, cando as sinerxías nos foron propicias, a campaña densificouse con lanzamento de vídeos en Internet, lecturas colectivas ou concertos de factura propia.Conscientes de que a educación e a cultura non son flores exóticas para exhibir nas súas campás de vidro, saímos do noso claustro, que tamén ten algo de materno, para colaborar con entidades da nosa vila: a Mancomunidade de Concellos, a escola de primaria… en accións de sensibilización social. E, como o que non se coñece non existe, démoslle publicidade e visibilidade ao que iamos facendo na prensa, no blog da biblioteca, nas redes sociais e nos cursos aos que nos invitan a falar das nosas experiencias.
As actividades programadas para este oito de marzo quedaron abafadas pola calamidade colectiva que nos atafega e, se cedemos á nostalxia, só podemos entrar na biblioteca virtualmente para contemplar, orgullosas, a instalación da nosa campaña, esa ambientación que acompaña sempre as temáticas que queremos dinamizar e que favorece a curiosidade polos temas: aí están os cadros das raíñas, velaí a mesa central coa súa crinolina, símbolo das gaiolas coas que nos aferrolla o mundo da moda; velaí as caixas das películas, o recuncho do jazz, co seu vello gramófono brillando no escuro, velaí os bolsos cheos de libros… os libros. Aí seguen. Xa estamos máis confortadas. As paredes volverán falar e as voces de muller seguirán mesturadas no tear de Ariadna cos fíos da cultura que gardamos e facemos no IES de Celanova.
O EQUIPO DE BIBLIOTECA DO IES CELANOVA somos:
Isidora Gil González isidoragil@gmail.com
Responsable da biblioteca escolar, profesora de Artes Plásticas.
A que debuxa o tapiz e corta a tea. Coautora deste artigo
Belén Sánchez Sánchez mariabelenbethlehem@gmail.com
Profesora de Lingua e Literatura galegas.
A que enreda a trama e tece os discursos. Autora principal do artigo
Irma Fernández Alonso irmafernandez81@gmail.com
Profesora de Música, editora do boletín trimestral
de información para as familias e responsable do blog e das redes sociais.
A que enfía as agullas da comunicación. Coautora deste artigo
Teresa Devesa Graña
Profesora de Lingua e Literatura castelás,
encargada de recitais, teatros e demais artes da farándula.
A tecedora de soños
Carmen Valugo Rúa
Profesora de Música e encargada da revista anual do centro.
A que toca as cordas e ata os cabos
VÍDEOS (Todos os enlaces remiten á canle de YouTube do IES Celanova).
Carlos Alonso Abad
ENLACES
Blog da biblioteca: http://bibliotecapoleiro.blogspot.com/
Visita virtual á biblioteca:https://my.matterport.com/show/?m=atHJVqJjmyj
VÍDEOS
60 segundos, 60 imágenes. Breve percorrido polo proxecto El hilo de Ariadna para el Consejo de Cooperación Bibliotecaria: https://youtu.be/RIpjP71caWY
Consortes con sorte: Un traballo de Debuxo Artístico arredor das raíñas españolas: https://youtu.be/f2U7Vbk_3xk
Cómprame a igualdade. Un proxecto sobre a muller na publicidade: https://www.youtube.com/watch?v=imtzT8KKs7c