Cinema en feminino

Unha escolma de obras, diferentes autoras e abondosas asistentes poden abranguer todo un arco evolutivo en FEMININO: as idades da nena, da moza, da muller, da velliña. Cinema espido como conforto. E como tributo a esa nudez, un acceso á cultura que eslúa gromos, expanda anhelos e combata superficies perigosas
 

Ramón Souto Caride e Juan José Álvarez Castro

Profesores de ensino secundario de Música e Orientación Educativa no IES de Mos (Pontevedra)

alvarezcastro@edu.xunta.es

Artigo dedicado á memoria de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, que con tanta xenerosidade apoiou esta proposta de comezo a fin.

Xustificación da actividade

Formamos parte dun mundo que só ve o que quere e non sempre o que precisa. Pero sentimos a necesidade dunha sociedade tamén en feminino, sen limitarnos a algunha exaltación illada do mundo da muller ou a celebracións pouco máis ca simbólicas. Porque existe un verdadeiro descoñecemento das perspectivas, das sensibilidades, dos pensamentos non mediados das mulleres, propoñemos —nós, dous homeṣ— esta actividade tamén como un proceso de coñecemento e aprendizaxe persoais, co afán de aprender a construír unha nova masculinidade máis respectuosa e consciente e cunha afectividade máis rica. Son moitos os homes que intimidan, descualifican, exercen presión sexualmente, insultan, desprezan ou intentan controlar a liberdade e o diñeiro das mulleres, ou simplemente que dispoñen de máis tempo libre porque a repartición de tarefas na vida en parella non é equitativa.

Seleccionamos películas fóra das rutas convencionais de distribución porque desexamos fuxir dun mundo unidimensional, cheo de «hipóteses autovalidadas na súa repetición, ata converterse en definicións hipnóticas ou ditados» (Marcuse). Ansiamos saír dese lugar no que «todas as ideas de felicidade rematan nunha tenda» (Bauman) ou que só nos engaiolan nas canles de distribución convencionais. Queriamos darlles espazo, atención, tempo e oportunidades ás propias mulleres para que falen por si mesmas, enchendo o inxusto baleiro no que atinxe ao acervo cultural creado por mulleres de latitudes distantes nun territorio común: o audiovisual.

Partimos de condicións favorables: o noso IES imparte as materias de Cultura Audiovisual I e II nun bacharelato de Artes, inscrito na ilusión polo distinto e polas voces alternativas, que poderían ser as súas. Ao propor esta idea, o alumnado devolveunos curiosidade e un prognóstico prometedor: sospeitamos que estes traballos formarán parte da súa voz, da súa ollada, ou das lembranzas que combustionen as súas necesidades expresivas.

A singularidade destas propostas quere cultivar esa sensibilidade que esixa cabalgar a estrañeza e emparellar a nosa atención coas emocións, personalidades e estéticas dunhas autoras que nos ensinan a convivir na diversidade e a desenvolver un senso ético da beleza e da creatividade.

Contextualización

Esta proposta admite tratamentos preferentes nas seguintes condicións:

- Entre os escolares de terceiro e cuarto da ESO, FP básica e bacharelato.

- Na sesión de titoría semanal na ESO e na FP básica, ao abeiro dos contidos formativos de cadanseus plans de acción titorial.

- Mesmo no bacharelato, tanto na materia de Cultura Audiovisual como nunha actividade extraescolar de cómoda temporización (unha sesión semanal cada luns, das 14:30 ata as 16:05, no salón de actos, nun total de seis sesións).

- E nesas tres etapas, nas datas «transversalmente» significativas: co gallo da celebración do Día Escolar da Paz, da Prevención de Violencia de Xénero, da Declaración Universal dos Dereitos Humanos...

Obxectivos

  • Facer pular nelas e neles unha toma de conciencia crítica para desbotar micromachismos nas aulas.
  • Encamiñar a atención do alumnado polas realidades femininas certeiramente relatadas no soporte audiovisual.
  • Pórlles de relevo obras de seis autoras con linguaxe persoal e ideas propias.
  • Favorecer a visión colectiva dunhas historias que salientan as desvantaxes e crimes sobre mulleres nun planeta dominado polos homes.
  • Ofrecer un espazo de reflexión e diálogo colectivo, que promova actitudes e condutas igualitarias entre as persoas.
  • Acenderlles iniciativas para saír deste descompensado presente cunha óptica de xustiza argumentada, valente e igualitaria.

Recursos empregados

Actividade comunitaria é aquela que, dalgún xeito, inclúe todas as partes ou persoas que participan dela. Partindo do DVD orixinal de cada título, apoiámonos no equipo de imaxe e son do salón de actos, cunha capacidade de 75 prazas na xornada inaugural e 50 prazas nas semanas sucesivas. Creamos un procedemento de asistencia por rigorosa orde de inscrición, para que o público interesado solicitase a súa entrada no despacho de billetes simbólico do IES. Pensamos que esta estratexia lle engadía ganas, seriedade e compromiso a este lecer formativo.

Ademais, ao entrar ou saír da sala, cada asistente recollía unha unidade didáctica correspondente á proxección; entendemos que o «visionado parcial» debe producir algo máis ca pasatempo: reflexión, pensamento crítico e, por suposto, accións positivas en materia de igualdade de xénero logo desta escolma.

Metodoloxía

Expositiva e interactiva. E naturalmente audiovisualizadora: baseada na aprendizaxe vicaria de modelos que se deben seguir ou rexeitar, logo da observación de comportamentos e da escoita de diálogos. Porque a realidade é dura, escollemos obras cuns argumentos que abaneasen zonas de visita obrigada, moralmente falando. Despois delas, a inacción parécenos imposible; asistir á violación dos dereitos humanos en mulleres con nomes propios méteas nas nosas vidas e lévanos a tomar parte a prol das vítimas de tantas agresións, aldraxes, pobreza e fenda salarial feminizadas, extorsións, trata de mulleres…

Ao remate de cada pase, abríase un coloquio para que o público puidese valorar cada obra. Quixemos subliñar a importancia das súas achegas; entendemos que toda persoa ten dereito a expresarse nun marco de respecto garantido. Dialogar sobre cinema transcende a longametraxe tratada, tamén xera oportunidades de estimular todas as competencias. Cremos que na proximidade deste feito, atreverse a dar puntos de vista, ideas ou revelar estados de ánimo derivados desta experiencia, remove ingredientes que educan a sensibilidade, estrutura a conciencia social e cultiva o gusto cinéfilo pola xénero de autora.

Panel correlativo

1. She, a Chinese (Ela, unha moza chinesa). País: Reino Unido/A China. Directora e guionista: XIAO LU GUO. Ano: 2009. Duración: 98 min. Cor. Festival de Cinema de Locarno (2008): Leopardo de Ouro á Mellor Longametraxe.

2. Wendy and Lucy (Wendy e Lucy). País: EUA. Directora e coguionista: KELLY REICHARDT. Ano: 2008. Duración 80 min. Cor.

3. Born into Brothels: Calcutta´s Red Light Kids (Os nenos do Arrabalde Vermello). País: EUA. Dirección: Ross Kauffman, Zana Brinsk. Ano: 2004. Duración: 85 min. Cor. Festival de Cannes: Premio ao Mellor Filme na sección Unha Certa Ollada.

4. XXY. País: A Arxentina. Directora e guionista: Lucía Puenzo. Ano: 2007. Duración: 86 min. Cor. Festival de Donostia: Cuncha de Prata á Mellor Directora.

5. Evelyn. País: España. Directora: Isabel de Ocampo. Ano: 2011. Duración: 96 min. Cor. Seminci de Valladolid: Premio do Público Novo.

6. Mulheres da Raia (Mulleres da Raia). País: Portugal. Directora e guionista: Diana Gonçalves. Ano: 2009. Duración: 42 min. Cor. Filminho 2009: Premio Cinema Minhoto. Premio Mestre Mateo ao mellor documental da Academia Galega do Audiovisual 2010. IX Mostra de Cinema Etnográfico de Huesca (2011): Premio em Espiello ao Mellor Documental. Esta sesión foi completada posteriormente coa presenza da autora, como cineforista da súa obra.

Epicentros

1. Ela, unha moza chinesa: unha moza ferida e aldraxada é quen de refacerse entre continentes e ceos nocturnos, sen distraerse coas cabichas.

2. Wendy e Lucy: feminización e xuvenilización da pobreza; unha existencia mínima se só se ten «o que non se ten»: nin fogar, nin traballo, nin cartos…

3. Os nenos do Arrabalde Vermello: a arte como forza liberadora nas vidas de nenas sometidas á pobreza, á extorsión, e á ameaza da inminente prostitución infantil.

4. XXY: o respecto e a comprensión do diferente a través da intersexualidade.

5. Evelyn: a trampa da escravitude sexual, disfrazada de vida prometedora.

6. Mulheres da Raia: tempos de escaseza motivaron o estraperlo entre Galicia e o veciño Norte de Portugal. Nunha loita pola supervivencia, unha serie de anciás reviven os seus pasados. Décadas de sacrificios na común incerteza de chegar a fin de mes.

Intervención complementaria

Nos cineforos, moderados polos dous profesores acompañantes, intentamos crear ocasións nas que se puidesen prodigar neste eido, animándoas/os a falar das impresións gravadas nas súas retinas.

Outros tres elementos foron determinantes para afondar nesta temática: as titorías presenciais de terceiro e cuarto da ESO, e os espazos curriculares ofrecidos por dúas áreas: Cultura Audiovisual I e II, correspondentes a primeiro e segundo do bacharelato de Artes. Nestes espazos afondábase  nas unidades didácticas, alternando o traballo persoal con diálogos semiestruturados ao abeiro da técnica Phillips 6/6 —advertimos que esta atmosfera cooperativa os comunica, cun ritmo áxil e cómodo—. O feito de revisar entre 6 compañeiros cada cuestión en 6 minutos, lévaos á súa sociedade da inmediatez e a nós prodúcenos certo benestar ver que unha dinámica clásica non lentifica o «seu mundo de multidatos».

Así mesmo, puidemos contar coa presenza da directora Diana Gonçalves, que nos explicou, póla a póla, a árbore dunhas mulleres case descoñecidas, mais co dereito a consideralas senlleiras. Horas de convivencia coas protagonistas, de gravación, de escolla de localizacións, e logo tamén anécdotas da rodaxe.

Conclusións

Desde a humildade, nós como profesores/autores desta actividade, quizais non sexamos as persoas máis axeitadas para cuantificar que obxectivos iniciais acadamos. Ao comezo, falabamos da intención de situalas/os no camiño dalgunhas mulleres, co denominador común da ferida, da agresión, da violencia. Porén, para saber se advertiron isto ou onde chega a protesta e accións que asumen, parécenos máis oportuna a idea de reproducir algunhas das súas achegas, por canto teñen de reflexión e de fresca iniciativa.

Por exemplo, na «ficha» correspondente ao filme XXY, tan centrado na realidade intersexual, velaí as respostas dun alumno ás seguintes preguntas:

- Cres que todas as persoas con estudos superiores aceptan este feito?

- Creo que non, debido a que todos tendemos a buscar un sexo, sobre o cal referirse.

- Pensas que nesta toma de conciencia tamén hai que traballar actitudes positivas?

- Si. Como a tolerancia, a empatía, e apoiar o que as persoas decidan e non ter falsos prexuízos sobre elas.

Ou, se imos á unidade didáctica de Wendy e Lucy, que tan directamente aterra no desemprego dunha moza, tamén contamos con outras opinións, resultantes das cuestións:

- Comunmente sabemos da fenda salarial entre homes e mulleres, e detéctanse maiormente beneficios a prol dos varóns. Por que sucede isto?

- Polo machismo.

- O feito de non dispor de oportunidades, produce en Wendy certa privación arbitraria da súa liberdade: ela non decide «paralizarse», nin sufrir o desespero. Entón, quen é o responsable desta violencia económica da que é vítima?

- O Estado, por non axudar as empresas para que contratan persoas novas.

- Que accións deberían defender as plataformas cidadás e as ONG para acadar a igualdade, polo de agora inexistente nas sociedades androcéntricas?

- Deberían loitar contra empresas que buscan homes, ou mulleres.

Por outra banda, Evelyn, como espello e denuncia do tráfico de escravas sexuais, provocou as declaracións desta estudante:

- Parécevos irresoluble esta traxedia?

- Si. Xa que, unha vez que Evelyn se aloxa no seu cuarto, non ten forma de saír ou fuxir de aí (o secuestro integral dunha identidade).

- Logo desta proxección, tedes máis clara a degradación dos monstros que as explotan?

- Si. Directamente as persoas que fan isto é porque están enfermas, deben ser penadas pola lei e tratadas psicoloxicamente.

- Pode ser «camiño sen retorno»?

- Depende da situación

- Que reformas legais deberían acometer os Estados nas súas políticas sociais?

- O primeiro, prohibir o tráfico ilegal de persoas dun país a outro e, despois, prohibir a prostitución.

- Onde e en quen situades a responsabilidade desta actividade criminal?

- Nas autoridades (nos controis de seguridade dos aeroportos, das estradas…).

Estas ideas xorden dun alumnado con gusto polo audiovisual, e coa determinación de afondar na súa formación en xeral e artística en particular.

Quizais, no seu día, o propio Edward Dmytryk viviu experiencias equivalentes. Cómprenos rescatar datos da súa vida revelados en entrevistas.

Migrante do Canadá, chegou a Hollywood en 1919. Marchou da casa aos 14 anos e pronto comezou como mozo dos recados na Paramount. Tiña que subsistir e estudar. Neste eido, a súa habelencia matemática prémiao cunha bolsa para o Instituto de Tecnoloxía de California: un ano a estudar Física e Matemáticas. Na universidade, tamén en paralelo, estudaba e traballaba como proxeccionista na Paramount, polas  noites e as fin de semana. Retrospectivamente fundamentou con brevidade aquela decisión de centrarse no cinema no canto doutros lugares: supúñao máis excitante.

Na nosa escolma procuramos entrar nas emocións das protagonistas e do público, chegar ás súas cognicións e ás súas crenzas con argumentos, coa pretensión de convertelo en peza activa da balanza igualitaria entre as persoas.

Por outra banda, de novo de Dmytryk recuperamos o espírito social de certo cinema:

Calidades dun bo director/a: en primeiro lugar, talento. Afirmaba que na universidade non se aprende a ter talento. Subliñaba un dato: só se pode aprender a técnica con relativa rapidez. E como segunda calidade distinguía un feito: saber entender a xente. As obras deben tratar entretidamente de seres humanos, dos seus sentimentos, das súas feblezas, das súas aspiracións.

Nós crémolo así e sabemos que boa parte do noso público posúe os catro requisitos sinalados: estudo, paixón, talento e sensibilidade para entender a xente, inspirándose nela, narrándoa.

Tampouco quereriamos omitir o espírito colectivo desta idea. Concibímola para un grupo de persoas que se xuntarían fronte á pantalla, preto unhas das outras, semana a semana durante dous meses. Este factor non foi casual e atopou excelentes referencias en M.ª José Díaz-Aguado, concretamente no capítulo primeiro da súa obra Del acoso escolar a la cooperación en las aulas. Cremos que ver e entender cinema en grupo nos levaba a un dos moitos datos desta eminente autora, de xeito que, na súa liña:

Decidimos situacións imaxinarias na aula, baseadas en documentos audiovisuais, nun contexto favorable para aprender o afrontamento de problemas que producirían riscos se só os traspasamos á realidade de xeito literal, como, por exemplo, o racismo ou a violencia. E con adhesión á mesma autora, advertimos que o compañeiro subministra unha oportunidade de comunicación moito máis próxima á linguaxe interna ca a que lle proporciona un adulto. Na adolescencia, a relevancia dos compañeiros na comprensión dos propios procesos psicolóxicos é enorme e falar cun deles é máis efectivo ca o debate cos adultos, para facer pular ese desenvolvemento cognitivo que produce unha maior comprensión do mundo exterior.

A «proximidade» da actividade quería, obviamente, achegar as persoas na fórmula de compañeirismo e tamén de amizade, pois, ás veces, por evidente, omitimos a importancia deste feito, reducíndoo á súa descuberta na nenez, como paso decisivo no desenvolvemento do coñecemento social. Acollémonos tamén á teoría do desenvolvemento moral de Kohlberg: seguramente o mellor xeito de influír no individuo é a través do seu grupo. Basicamente da escola á pequena democracia participativa, e de aí ata o concepto de comunidade.

Definitivamente, a violencia de xénero é un cancro poliédrico a engulir vítimas. Se a sociedade educa nos valores do respecto á integridade e á liberdade das mulleres, garantíndolles total seguridade e un pleno apoderamento que faga efectiva a igualdade entre sexos, quizais entón poidamos sedar a sombra desta memoria traumática. Todo nos obriga a unha permanente alerta que paralice os diferentes códigos, mensaxes e axentes violentos. Unha reflexión que se recoñece na valoración do filme Código descoñecido de Michael Haneke, descrita pola dramaturga, guionista e directora de cinema Yolanda García Serrano.

Esta autora destacaba deste cinema o papel do eixe cerebro-ollo-corazón para desfacer a dificultade dun tema crucial: convivir en sociedade, recoñecendo no outro un igual. As maiorías e as minorías, os proxenitores e a descendencia, ou os membros dunha parella. Convivir transcende o feito biolóxico da vida, pois contén abondosos sinais frecuentemente ignorados. Cómprenos aprender e traducir o idioma das relacións e as claves que o regulan, para non atoparnos co estoupido dunha realidade brutal.

Finalmente, quixemos expornos a eles neste ciclo por se, dalgún xeito, a nosa dispoñibilidade «psicolóxica» lles axudaba a desenvolver modelos internos positivos, na medida en que, se cadra, confiando en nós, aprendían «máis autoconfianza» e a confiar máis no mundo se se lles axuda a interpretar e expresar as súas emocións, e a estruturar con certa consistencia o seu comportamento en sociedade.

Marchamos coa sensación de, polo menos, orientar a ollada do noso alumnado a zonas escuras e letais que oxalá poidan mellorar. Grazas a elas e eles podemos concretar estas consideracións:

1. Pouco vale unha selecta escolma de cinema de autor se cae fóra dos seus intereses ou daquilo que valoran.

2. Os nosos argumentos puxémolos en pantalla. A personalidade adolescente cuestiona activamente a autoridade que non argumenta.

3. Preferimos un cinema realista que se interna nos principios da «socialización» e do «rol da muller», nas teses da psicoloxía social. En cada obra a audiencia advirte como pensa, sente e actúa en sociedade cada unha destas vidas (socialización). Á súa vez, poden identificar o rol que delas espera cadansúa sociedade, segundo a posición que ocupan nelas. Por exemplo, Li Mei rebélase contra o machismo da súa nai ou padece a violencia dun sistema laboral que a converte en recambio nun sistema de produción exclusivamente eficientista. Wendy non se rende a un mundo sen oportunidades, pagándoo con medos e grandes renuncias. Evelyn remóvese soa contra a arañeira que a reduciu a mercadoría sexual. Suchitra busca apoio en Zana para saír da ameaza dunha prostitución inminente. Álex aspira a existir sen o couto da intolerancia co diferente e loita afastándose do rol de muller limitado ao sexo biolóxico. Finalmente ven como as mulleres da Raia asumiron a dureza dun traballo arriscado e sen a xusta homenaxe que lles estaba a negar o paso do tempo.

4. Non é doado atopar oco na «cultura propiamente adolescente» (teñen a súa música, as súas revistas, visitan determinadas webs e videoxogos abofé, seguen as súas propias series…). Os educadores respectuosos con este mundo poderán visitalo se ofrecen experiencias que tamén lles axuden a constituír os seus xeitos de pensar, de sentir e de actuar, pero desde o modelo da mutualidade (Schaffer, 1989), ou sexa, tamén eles imporán orde a este feixe de estímulos co que aparezamos.

5. É básico dar feito grupo ao abeiro dunha actividade práctica, no noso caso unha especie de cinema club, entendido como grupo de afiliación, xa que se integran nel inscribíndose, por vontade propia e para satisfacer positivas aspiracións sociopersoais (facer amigos, aprender dos demais, o «lecer aumentado» en grupo, medrar cos coloquios posproxección: persoas importantes para el/ela subminístranlle datos, socialízanse socializando as súas opinións…). Obviamente este grupo de afiliación abastécese dun par de axentes educativos e dos grupos de pares de estrutura máis reducida, con símbolos propios e, por definición, con intereses curtopracistas (González Almagro).

6. É bo que xere pandas que lle dean a seguridade dunha identidade temporal, mentres están a separarse da familia e á espreita de construír un senso coherente de si mesmos (Brown, 1990).

7. Cómprenos salientar a importancia da alternancia/sucesión de roles na adolescencia. Evolutivamente están chamados aos roles descontinuos (de remate abrupto entre estadios, para esquecer o aprendido) e mesmo a ensaiar papeis incongruentes (como, por exemplo, querer liderar algo que gusta pouco). Camiños inevitables que se observan tamén na pantalla: para identificarse ou para tomar novas posicións...

8. É preciso que vexan neste tipo de ciclos algo divertido ou de certo entretemento. E se estamos a falar da construción da súa identidade, quererán, ademais, ideais do que significa ser muller, home e persoa. Todos temos ansia de ser identitariamente sólidos.

9.Convén asegurarlles mensaxes que os estimulen intensa e innovadoramente.

10. Merecen unha dose de escapismo das súas preocupacións, sen divismos e da man de heroínas cotiás.


Fotografías de Juan J. Álvarez Castro

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Díaz-Aguado, M. J. (2006). Del acoso escolar a la cooperación en las aulas. Madrid: Editorial Pearson. Prentice Hall.

Urra, J.; Compadre, A.; Romero, C.; Torres-Dulce, E. (2004). Jauría humana: cine y psicología. Barcelona: Editorial Gedisa (1.ª edición).

Montero Rivero, Y. (2006). Televisión, valores y adolescencia. Colección Estudios de Televisión, num. 22. Barcelona: Editorial Gedisa (1.ª edición).

Castro, A. (1999). Miradas sobre el mundo. Veinte conversaciones con cineastas. Colección Versión Original. Cáceres: Asociación Cinéfila RE BROSS (1.ª edición).

Avendaño, A. (1995). A comunicación visual. Colección Andel, núm. 28. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellería de Cultura.

Coira, P. (1995). As catro vidas dunha película. Colección Andel, núm. 25. Vilagarcía de Arousa: Xunta de Galicia. Consellería de Cultura.

García Serrano, Y. (2004). Mujer casada busca gente que la lleve al cine. Colección Fahrenheit 451. Madrid: Editorial Ocho y Medio (1.ª edición).

Haneke, M. (2005). Caché (Agochado). Francia: Les Films De Losange, Wega Film, Bavaria Film, e BIM Distribuzione (DVD).

Sección: