O papel da muller na comunidade mariñeira tradicional

«Mar» e «muller» son dous termos que na Galicia mariñeira e no decurso da historia se presentan unidos para quen saiba miralos. Mágoa que ata datas moi recentes as mulleres nunca foron consideradas como axentes importantes nos procesos históricos. O mesmo lle ocorría á historiografía mariñeira, cualificada como a irmá cincenta se a comparamos coas historias política, social e demográfica. Afortunadamente, tanto a primeira formulación como o baleiro bibliográfico da segunda xa foron corrixidos, pero avanzar no camiño non foi doado, senón que esixiu remar contra corrente.

Herminia Pernas Oroza

Profesora de ensino secundario (doutora en Xeografía e Historia)

IES Monte Castelo (Burela, Lugo)

hpernasoroza@gmail.com

Introdución

Pretenden ser estas liñas o resultado dunha actividade traballada na aula para conmemorar o 8 de marzo. O seu destinatario era o alumnado de segundo de bacharelato, precisamente por tratarse do último nivel do ensino secundario e ao que se lle presupón unha maior capacidade de raciocinio. A maneira de expoñelo consistía nunha charla acompañada dun ppt e, ao final, un debate en común. O título e a estrutura eran os seguintes:

Uns apuntamentos sobre a historia das mulleres en Galicia. Séculos XIX-XX.

  • Estrutura familiar e emigración
  • O mundo do traballo
  • Caer na pobreza
  • O difícil acceso á educación
  • Espazos de sociabilidade
  • De “anxo do fogar” a muller transgresora

O curso pasado decidimos cambiar a temática e decantámonos por facer visible desde a aula o mundo das mulleres no mar, máxime cando a nosa vila, Burela, xurdiu grazas ao mar e ao barro (pero isto último forma parte doutra historia).

Con este obxectivo, e sen perder de vista o papel que foi desempeñando a muller nos relatos históricos (aparición excepcional, figurativa, formando parte da multitude e xa, por fin, como protagonista destes), empregamos idénticos recursos ca en cursos anteriores: formato de conferencia apoiada nun ppt e debate ao final desta. Velaquí o resultado.

Metodoloxía

Debandamos desde unha perspectiva macro desde cando se fai e por que se fai a historia das mulleres?

Era necesario que entendesen que a contestación a esa pregunta viña da man da historia social, disciplina que mudou radicalmente a forma de ver os sucesos e os seus actores, restablecendo as persoas comúns ao lugar que lles pertencía. Referímonos a eses individuos que non figuraban na historia, pero cuxa intervención nela foi fundamental á hora de entender os grandes movementos históricos. Non obstante, houbo que ir queimando etapas. Tratábase de facer unha historia dos de abaixo ou unha historia da xente corrente. E aquí vén a segunda pregunta: que se entende por xente común e por historia da xente común? É a que fan os historiadores sociais, quen a partir de agora (segunda metade do século XX) van ter en conta o traballo feminino, a infancia, a vellez, a relixión, a vida familiar e a cultura popular; incluso podían optar polo estudo dunha área específica ou de varias á vez: a historia das mulleres, da familia, dos marxinados, da alimentación etc.

Neste punto achegámonos á perspectiva micro para acoutar o noso campo de estudo. Cumpría unha reescritura da historia que incluíse a muller, porque ata entón os libros de historia escribíranse desde un punto de vista masculino. As mulleres adoitaban saír nos manuais escolares ligadas á súa parella; aquelas que aparecían nos relatos históricos era pola súa «excepcionalidade», referímonos con este termo á beleza, á virtude, ao heroísmo, a intervencións maléficas ou á vida licenciosa.

Dito doutra forma, a historia enxalzaba a presenza dunha determinada muller no escenario histórico: Isabel a Católica, Agustina de Aragón, María Pita... indicando precisamente esta excepcionalidade que o estado habitual da muller era o do silencio.

Ante a pregunta de se era necesario escribir unha historia só de mulleres, contestamos que non cumpría chegar a tanto, porque a historia das mulleres non se entende como unha historia independente da dos homes, senón como unha historia propia co seu propio espazo e tan complexa coma a destes.

Hoxe en día, os estudos sobre as mulleres acabaron tanto coas visións románticas como coas ideas do feminismo radical e xa non se fala de «vítimas» esquecidas ou silenciadas pola historia, senón de protagonistas que participan como suxeitos mobilizadores: presentes nas vidas das familias, traballando no ámbito doméstico e/ou no público, formando parte dos motíns, dos movementos revolucionarios ou reivindicativos, educando e criando os seus fillos, coidando os enfermos... E que dicir dos estudos sobre a muller e o mundo do mar? Con esta pregunta xa entramos na materia que nos ocupa.

Muller e economías mariñeiras

Os estudos sobre o mar contan, no ámbito galego, cunha bibliografía cada vez máis rica que afonda sobre todo nos séculos XIX e XX. De todas as formas, a historiografía mariñeira de Galicia non posúe unha cota tan elevada como as historias política, social e demográfica.

Bótanse en falta estudos de conxunto e de ámbito comarcal, sobre todo na área cantábrica, a menos coñecida da costa galega desde o punto de vista historiográfico. Porén, si é ben coñecida a relación das mulleres co mar e, aínda que a participación feminina nas actividades marítimas resulta incuestionable, cómpre falar dun déficit no recoñecemento público da súa achega.

O papel da muller de mariñeiro estivo vinculado tradicionalmente ao coidado da casa, da facenda e dos fillos mentres que o marido se ausentaba durante as costeiras; pero o certo é que, ao longo da súa vida, chegaba a desempeñar os máis diversos traballos. A súa vida laboral comezaba cedo, arredor dos trece anos ou incluso antes, despois de recibir unha moi elemental instrución nunha escola nocturna de pagamento (ante a falta de recursos, os estratos sociais máis humildes optaban por darlle prioridade á instrución dos fillos varóns antes que á formación das fillas). Podían escoller entre os oficios de redeira, pescantina ou traballar na conserva.

As familias de mariñeiros adoitaban ter moitos fillos porque cantos máis houbese, máis peixe e cartos entraban no núcleo familiar. Se estes eran varóns, pasaban a maior parte do tempo, desde que aprendían a andar, no peirao, afacéndose así á vida que os agardaba nun futuro nada afastado. Para as nenas reservábase a aprendizaxe da costura ou coser as redes.

É case descoñecido na costa luguesa o rol da muller mariñeira que se dedicase á pesca no mar. Pero si foron moitas as mulleres que, do mar ou dos seus produtos, obtiñan uns ingresos que contribuían a reforzar os acadados polos seus pais, maridos ou irmáns. Son as denominadas economías femininas, das que imos citar unhas cantas. Este termo, de connotacións máis etnográficas ca históricas, foi acuñado por Xaquín Lorenzo (1983) para referirse á comercialización de determinados produtos, ao aproveitamento doutros, así como á realización de certas tarefas que complementaban a principal, desempeñada polos homes da casa. As mulleres contribuían desta maneira ao sostemento da economía familiar.

Coa «chona», que era a parte de peixe que lle correspondía a cada mariñeiro unha vez realizada a repartición das ganancias (cando andaban ao bocarte e á xarda, dúas caixas eran para repartir entre os mariñeiros; mentres que na pesca de arrastre se repartían centolos e potas), a muller dedicábase a lañar ou curar algunhas especies destinadas a seren consumidas durante o inverno, cando o mar non permitía dispoñer de peixe fresco, e tamén se vendían os excedentes.

Outra actividade importante consistía en recoller por si mesma aquel produto que logo vendía. Trátase da recollida de bígaros, navallas, percebes, longueiróns, mexillóns etc. que, nas penas ou nos areais, quedaban ao descuberto coa baixamar. Estas mulleres, nomeadas como as labregas do mar; son as mariscadoras. Esta práctica foi evolucionando ata converterse nun oficio diario e moi sacrificado, no que a xornada laboral comeza coa alba, ao aire libre e con auga ata os noelos, e acaba cando se leva o marisco á lonxa para a súa venda. Pero tamén se encargan as mariscadoras de limpar a praia de algas para que non se asfixie o marisco, ademais de sementar novos bivalvos. O xeito de traballaren estas labregas é moi similar ao das que desenvolven o seu labor na terra, pois tamén realizan as súas tarefas agachadas, con sachos e angazos. Sementan, recollen e coidan o froito e, ao igual que ocorreu coas labregas de terra, as mariscadoras tardaron en ver o seu oficio recoñecido legalmente, despois de levar toda a súa vida dedicándose ao mar.

Hai que salientar como terceira economía feminina a contribución feita pola muller á descarga das embarcacións cando quedaban varadas na praia, por non poder ou non ter lugar naquel momento, a posibilidade de achegarse a un porto ou dársena.

Non menos duro era o traballo de machucar as cascas de pino e salgueiro para tinguir as redes. Unha vez machucadas cun mazo de madeira, enchíanse os píos de auga ─as encargadas desta tarefa eran tamén as mulleres─ e, cando fervía, botábanse as cascas a cocer. Estes píos podían ser de madeira ou, se as redes eran grandes, de pedra; neste último suposto, empregábanse tamén caldeiras de cobre. En Burela chegou a haber cinco píos repartidos por distintos lugares da vila.

Outra función exclusivamente feminina era a venda do peixe. En canto o barco chegaba ao porto, os mariñeiros descargaban as capturas e, a partir de aí, desentendíanse. Era a muller do armador quen se encargaba da comercialización de toda a pesca capturada. Logo estaban as chonas individuais das que cada unha dispoñía pola súa conta. Isto convertíaa na dona dos cartos e da despensa. O home só interviña cando se trataba de compras maiores (a casa, unha horta...) ou cando se trataba de mercar aparellos para a pesca.

Tamén había grupos de mulleres que acudían por conta propia á poxa dalgún lote capturado no trasmallo. Rematado o lote, a súa propietaria colocábao nunha patela, nun carabelo ou, de ser o caso, valíase das angarellas da burra para aliviar a carga que doutra maneira tería que levar na cabeza. Comezaba así unha particular peregrinación polas aldeas veciñas para vender ou trocar a súa mercancía por produtos agrícolas. Eran estas as pescantinas, mulleres de rexo carácter e desgarrada linguaxe, duras e heroicas como animais de labor, que percorrían quilómetros a paso rápido, ás veces descalzas, a miúdo rebentadas pola fatiga, pero sempre cun dominio a conciencia do seu oficio, tanto na arte de poxar na lonxa como despois coa súa clientela.

«A pescantina burelá Clara García Barcia ía todos os sábados a Ferreira do Valadouro (que dista de Burela uns 17 km) vender o peixe coa súa burra Perrachica».

A economía feminina que vén a continuación consiste no labor paciente e delicado de ir reparando, baixo o sol do verán ou exposta ao frío vento do nordeste no inverno, as redes rotas polo peso da pesca, por engancharse nelas algún obxecto estraño ou porque unha tolina as desgarrou ao pretender tomar como presa a carnada que ficaba no copo. O traballo das atadeiras ou redeiras é un dos que ten máis peso no litoral galego. Comezaban a aprender o oficio da man dunha muller de máis experiencia. Con ela aprendían nas chabolas a diferenciar as distintas partes dunha rede e a coller pericia coa agulla. No caso de teren que coser o aparello do cerco, as redeiras facíano no porto ou nun campo próximo, incluso no barco, mentres que coas outras artes podían coser na chabola do propio armador ou tamén tiñan a opción de levar os aparellos para as súas casas, o que lles permitía compaxinar o traballo co coidado dos fillos durante todo o ano.

E xa, como última economía feminina (pero non por iso menos importante), figura a recollida de alga, traballo que requiría dun gran esforzo físico, primeiro para baixar á ribeira coas cestas e despois para subilas, xa cheas, ao ombro.

Coa instalación de almacéns de salga, a muller vai adquirir un novo papel no proceso produtivo, xa que entra a traballar como empregada e pode achegar así un salario directo á economía familiar.

A partir de 1880, as fábricas de salga vanse ver desbancadas polas conserveiras. En xeral, en ambas as dúas, a principal man de obra era a feminina: ao lado das mesas de clasificación e limpeza, dos autoclaves, dos fornos ou preto das máquinas de confección ou peche dos envases. As que ían «á conserva» tiñan sona de traballar con rapidez, con limpeza e eficacia, e ademais adoitaban cantar moi ben.

Herdeiras da actividade da salga e cun alto compoñente de innovación fronte á anterior, as fábricas de conserva convértense no sector industrial galego por excelencia no primeiro terzo do século XX. Para o caso da Mariña lucense os datos sobre a introdución da conserva remítennos a principios do século XX.

O cadro de persoal adoitaba estar formado por un encargado ou encargada, que era un posto para o que se requiría experiencia e ter a confianza dos propietarios. Non menos importante era o posto de fogueiro ou fogueira, xa que había que estar pendente de que a caldeira tivese carbón para que puidese cocer o peixe, tarefa que se simplificou ao cambiar o carbón por combustibles derivados do petróleo. No caso de ter que fritir o peixe, era unha muller quen se encargaba deste traballo, e da súa destreza co lume dependía en gran medida a calidade do produto final. O resto do persoal eran obreiras que se encargaban de todo o proceso de transformación do peixe ata que se empacaba e pechaba a lata.

Estas mesmas mulleres, coa progresiva mecanización da fábrica, irán substituíndo os homes en oficios que eran tradicionalmente desempeñados por eles como, por exemplo, o de latoeiro (o encargado de montar e pechar as latas). Isto favorecía o emprego de traballo barato e, a partir dos anos vinte, coa consolidación da innovación técnica nos talleres de envase, foise reducindo moito o emprego de homes ao tempo que aumentaba o de mulleres e de adolescentes.

A xornada laboral na fábrica dependía das costeiras. Normalmente eran oito horas, a xornada partida, pero non era estraño ter que quedar traballando ata altas horas da noite e inclusive os domingos. O soldo cobrábase cada fin de semana e co paso do tempo acabou por cobrarse a final de mes. As traballadoras eventuais cobraban por día ou por horas.

O gran problema deste tipo de traballo era a súa temporalidade. Como a pesca da sardiña era irregular e a produción conserveira intermitente, o número de empregadas aumentaba ou diminuía en función das costeiras. Na Mariña luguesa, a costeira da anchoa, na primavera, era a que requiría maior número de brazos para traballar. En canto remataba, o número de empregadas decrecía para traballar o bonito. Coa introdución da semiconserva do filete de anchoa aumentaron os meses de ocupación das mulleres, que empregaba nesta actividade as de maior confianza. Cando non había sardiña, as obreiras combinaban o traballo nas fábricas con outras actividades como o traballo doméstico, o coidado das terras etc. Con todo, nos períodos de auxe, todas as mulleres das vilas costeiras, sen prexuízo da idade ou do estado civil, acudían ás conserveiras.

Unha das causas da elección de man de obra feminina por parte dos empresarios era manter un reducido custo laboral, que non superaba o 10 % da estrutura de custos, o que significaba un elemento decisivo para manter a competitividade do sector. As mulleres sufrían segregación ocupacional e concentrábanse case todas na categoría laboral de xornaleira, un posto eventual desde o que desenvolvían diferentes tarefas relacionadas coa elaboración do peixe na planta de fabricación. Pola contra, os homes percibíanse como traballadores estables e axeitados para postos de responsabilidade fronte ás mulleres.

Ata aquí, un breve percorrido pola historia do oficio do mar pensado en feminino. É certo que, tanto das denominadas economías femininas (hoxe en día algunhas como as mariscadoras e as redeiras xa non o son) como do traballo nas fábricas de salga e conserva, se podería falar e escribir a mancheas. Mais o propósito destas liñas era só achegarlle ao alumnado uns coñecementos sobre esta temática e espero ter cumprido.

 

Bibliografía: 

 

 

Lorenzo, X. (1983). Os oficios. Vigo: Galaxia.

Rodríguez Galdo, M.ª X. (coord.) (1999). Textos para a historia das mulleres en Galicia. Santiago de Compostela. Consello da Cultura Galega.

Romero Masiá, A. e Alfeirán Rodríguez, J. (2000). Salgadeiras e conserveiras de pescado en Galicia. Evolución histórica e o traballo das mulleres. A Coruña: Federación de Alimentación, Bebidas e Tabacos de Galicia UGT.

Casanova, J. (2003). La historia social y los historiadores ¿cenicienta o princesa? Barcelona: Crítica.

Muñoz Abeledo, Luisa (2010). Género, trabajo y niveles de vida en la industria conservera de Galicia, 1870-1970. Barcelona: Icaria editorial/Universitat de Barcelona.

Pernas Oroza, H. (2011). Historia das mulleres en Galicia. Época contemporánea. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia&Nigratrea.

http://tesourosdotempo.pontevedra.eu/especial/un-roteiro-polos-oficios-e-traballos-das-mulleres-da-moureira/

Entrevistas coa asociación de mariñeiros xubilados e afíns, A Moncloa, de Burela (Lugo), decembro de 2019.

 

 

Sección: