Quen nos quere ben... faranos felices

O botrato como forma de relación

Luisa Abad Abad

 

Temos normalizado o maltrato, aceptamos que insultos, humillacións... formen parte do noso día a día e ademais témolo «erotizado», de xeito que nos atraen as novelas, as películas de fortes paixóns nas que alguén sofre enormemente. Vemos a paixón como algo unido ao sufrimento. E máis, parece que nos aburrimos cando as relacións son plácidas e satisfactorias, parécenos que hai azucre de máis. E xa non digamos a publicidade negativa que ten todo o relacionado co crecemento espiritual e ata se ten acuñado o termo «buenismo» como un insulto. Estamos condenadas á infelicidade se separamos, por un lado, paixón, gustos, desexos, excitación e, polo outro, estabilidade, cariño e tenrura. Sexamos ambiciosas e queiramos todo iso xunto!

O substantivo maltrato e o verbo maltratar figuran no dicionario e coñecemos as súas definicións, pero non hai vocábulos nas nosas linguas, nin na galega nin na castelá, para ese concepto que nos ocupa e que, ao igual ca palabras como sororidade ou feminicidio, terán que entrar nalgún momento. Falo de botrato e bentratar. Canto antes as enchamos de contido e as fagamos circular, antes serán aceptadas. Trátase de ter experiencias de vida de botrato.

Sabemos que o que non se nomea non existe; de feito, cada vez que estudamos un novo fenómeno temos que bautizalo e así aparecen novas palabras como resiliencia ou procrastinar que, a forza de uso, facemos correntes.

Seguindo a Fina Sanz, definiremos botrato como unha forma de expresión de respecto e amor que merecemos e que podemos manifestar no noso contorno, como un desexo de vivir en paz, harmonía, equilibrio, de desenvolvernos en saúde, benestar e gozo.

Segundo esta autora, no botrato establécense tres dimensións:

- Persoal, individual: colocarse internamente en relación de paz e benestar.

- Relacional: en horizontalidade, relacións desde a igualdade e os acordos negociados.

- Social: cambiar as estruturas de poder favorecendo valores de solidariedade, cooperación e negociación. Por exemplo, tratar de combater o patriarcado.

O botrato ben entendido empeza por unha mesma: Que quero? Que necesito?

As tres prácticas máis sinxelas son:

- Aprender a coidarse: escoitarse, tratarse ben a través de pequenas cousas: facerse «regalos» diarios, facer «contratos de botrato» con nós mesmas que inclúan momentos de coidado especial.

- Desenvolvemento do coidado mutuo: dar pracer e recibir pracer. O gozo de coidar e ser coidada.

- Construción dunha «familia afectiva»: escoller persoas coas que sentimos que nos desenvolvemos (esas que sacan o mellor de nós mesmas), coas que establecemos vínculos afectivos incondicionais e libres: amizades que son unha base, un sustento afectivo, unha rede de amparo nos malos tempos.

Tradicionalmente, as mulleres eramos socializadas para estar atentas ás necesidades das demais persoas e atendelas aínda que nos supuxese un sacrifico, unha renuncia. A literatura e o cine están cheos de mulleres abnegadas. Aínda hoxe é normal escoitar conversas entre mulleres maiores, sobre todo as que son nais, falando das renuncias e sacrificios que fan por unha prole esixente xa criada, pero que aínda segue demandando. E elas seguen renunciando ao seu benestar para satisfacelas.

Veremos agora algúns aspectos que van axudar na tarefa de bentratarnos tanto a homes como a mulleres:

1.  Amarnos a nós mesmos de xeito incondicional

Non ten que ver co egocentrismo nin co egoísmo. Trátase de respectar o noso corpo e a nosa vida, aceptármonos, coñecérmonos e escoitarnos. Ten que ver co apoderamento e a autonomía, con facerse responsable da nosa vida e do noso benestar. Dentro dese autocoñecemento necesario estaría:

  •  Aceptar o noso corpo tal como é: sexuado, físico pero tamén mental, emocional, espiritual... Pensade na tiranía da beleza e como escraviza as mulleres, especialmente na adolescencia. Neste sentido quero falarvos da instalación Pequeno vestido negro de Yolanda Domínguez, que intenta que todas as mulleres se atopen incluídas na diversidade. Cada corpo é diferente, pero todos son válidos: a unhas mulleres o vestido quédalles pequeno, a outras vailles grande, pero todas posan en actitude de poder e orgullosas do seu corpo. Denuncia a tiranía das tallas pequenas e suscita o conflito entre a nosa imaxe e a que nos dita a moda.
  • Recoñecer as nosas emocións e aprender a manexalas. Cada emoción xera unha experiencia no noso corpo: alegría, tristeza, medo, ira... Debemos aprender a recoñecelas, a manexalas, a respiralas. Nos homes é especialmente importante aprender a manexar a ira. Por isto é tan necesaria nas escolas a educación emocional.

  • Saber poñer límites: respectar os propios e poñerlles límites ás outras persoas do noso contorno de forma clara. Saber dicir non.
  • Aceptar a frustración: non sempre é doado porque a frustración é o dó das nosas expectativas. Nestes tempos de tanto coidado e exceso faise necesario que os nenos teñan tolerancia á frustración,  que aprendan a gañar e a perder porque é imposible gañar sempre.
  • Saber pedir o que queremos: tomar a iniciativa. Non esperar a que as cousas cheguen a nós nin rexeitar algo que nos gusta polo mal entendido mandato de xénero que impide que as mulleres poidan aceptar cousas que lles gustan (pensade en toda a represión da sexualidade feminina ao longo da historia). Isto xustificou a teima dos homes de insistir nos acosos porque din que as mulleres din que non, pero no fondo estano desexando... Pois ben, trataríase de falar clariño: Non é non e si é si.
  • Recoñecer os nosos desexos: os nosos son nosos e non os das outras persoas que nos rodean. Saber o que realmente queremos. A sociedade cambiou, pero os nosos desexos no se reorganizaron, en ocasións non sei cal é o meu desexo real.

2. Coidármonos e deixármonos coidar

Escoitar as nosas necesidades. Darnos permiso para experimentar a nosa necesidade de amar, de abrírmonos, de entregármonos... e tamén deixar que nos coiden porque somos merecedores do benestar e coidado que nos proporcionen as nosas persoas de apego. Temos dereito a que nos traten ben e a gozar con isto, e a permitir que as demais persoas gocen de coidarnos.

As mulleres estamos habituadas a coidar, pero non a ser coidadas e hai moito de desvalorización nesa actitude. Por exemplo, algunhas nais comen cando os demais xa comeron, quedan cunha ración escasa se non chegou en vez de repartir o que haxa...

3. Conciencia dun espazo persoal

Trataríase do que entendemos por buscarlle un sentido á nosa vida. Ter vida propia, proxectos persoais, relacionais e sociais (moitos homes na xubilación deprímense, ao non ter un traballo non saben que facer da súa vida). Virginia Wolf demandaba para as mulleres un cuarto propio, un espazo no que poder crear. Un sitio para nós no que poder gozar da soidade e escoitar o silencio interior.

4. Agradecer, pedir perdón... feitos que xa parecen desterrados da nosa forma de comportarnos en sociedade, na que parece que todo sexan esixencias, e que fan que recuperemos a dimensión humana. Agradecer é o contrario de queixarse. Dar grazas é un xesto de recoñecemento cara á vida, amizades, familia, mesmo para esa cociñeira do restaurante que fixo un xantar tan rico. A todo o mundo lle agrada que o traten ben e comenta ao volver dunhas vacacións o amables que foron en tal sitio...

Pedir perdón é recoñecer que tivemos un erro ou lle fixemos dano a alguén. É un feito que honra e deixa abertas as portas do diálogo e da reconciliación.

Xa falamos do botrato no ámbito individual, toca agora meternos co botrato no relacional. Premisa imprescindible é que ambas as persoas desexen unha relación de botrato. Isto supón respecto cara a un mesmo e cara a outra persoa, confianza e dispoñibilidade. É a base das relacións, sexan amorosas, familiares ou de amizade.

O coidado mutuo xera benestar e pracer. Fina Sanz no seu libro Los vínculos amorosos estudou os modelos de relación e clasificounos en varios grupos atendendo aos espazos que cadaquén ocupa na relación. Interésannos tres especialmente:

1. Modelo de inclusión, de dependencia: unha das persoas non ten espazo propio, o seu espazo está incluído no da outra. Este era o modelo tradicional reservado ás mulleres (señora de Pérez). Favorece as relacións de dominio e poder, xerárquicas. Crea moita seguridade afectiva e ningunha liberdade.

2. Modelo de fusión: «ti mais eu somos un». É utópico, pode manterse durante moi pouco tempo, a miúdo durante a etapa do namoramento. Ofrécese como modelo ideal, pero responde a unha fantasía que se dá sobre todo nas mulleres por culpa dos estereotipos. A este modelo responde o fenómeno das «amigas intermitentes» que desaparecen cando teñen parella e volven cando xa non a teñen. Neste modelo hai moita seguridade de non sentirse abandonado.

3. Modelo de interconexión: supón unha relación máis igualitaria na que é posible a negociación. Este modelo precisa aprendizaxes sobre a fusión (estar xuntos) e a separación (que ben o paso cando saio soia por aí!). A separación non quere dicir ruptura. É o modelo máis desexable de relación. É un reto. Supón madurez, coñecerse, crear un espazo propio, compartir en igualdade con outra persoa. Desexar que a parella medre e goce con outras cousas e persoas que non son eu. Modelo de confianza na outra persoa. Dáse un equilibrio entre a seguridade afectiva (sentir que nos aman) e a liberdade persoal (espazo para o propio desenvolvemento). Ollo!, hai que poñer moito coidado para non invadir o espazo non compartido coa parella.

O espazo persoal pode ser máis amplo ou menos segundo a etapa da relación.

Charo Altable analiza o mito de Psique e Eros desde a perspectiva do crecemento persoal e das transformacións que temos que facer para alcanzar un amor en liberdade e igualdade.

Calquera vínculo comeza coa sedución. Iso que me atrae de ti, que me namora. Ás veces podo vivir un namoramento idealizado: só vexo o que me gusta de ti, o teu lado bo. Estou nunha etapa fusional que me xera moito pracer, pero pouco a pouco esta etapa dá lugar a momentos nos que vou descubrindo algún aspecto negativo ou simplemente real de ti. Empezo a ver o que me ofrece a relación e algunhas cousas que non me gustan, pequenas frustracións e desamores que se producen ao longo do día. A relación comeza a ter momentos de fusión e outros de separación. Os homes adoitan interiorizar máis a independencia e levan peor a fusión. As mulleres adoitan estar máis afeitas á dependencia e levan peor a separación. Aínda así, cada persoa ten o seu ritmo. A fusión leva ao desexo de separación e ao revés. Pode ser que eu estea moi ben estando soa e tamén estando contigo. Iso é o ideal, pero tamén pode ser que non viva ben as separacións, que me xeren ansiedade e que comecen os conflitos. Os conflitos son inherentes ás relacións, saber resolvelos ben é un reto. Cando aparece un conflito, hai varias cousas que o agravan:

  • Non falar del, negalo.
  • O silencio, o mutismo como maneira de reproche ou castigo.
  • A reactividade emocional: reacciono respondendo ao dano causado con outro dano (E ti máis).

Como se pode resolver ben un conflito? Falando, negociando. A comunicación é imprescindible. Por iso falamos de negociación e entón temos que falar dos renunciables e os irrenunciables. Daquelas cousas que para min son imprescindibles e que é moi necesario consensuar unha vez que establezo unha relación. Cada relación ten implícita ou explicitamente un contrato, uns acordos compartidos, a miúdo un proxecto común.

Acabamos de falar de negociación para resolver un conflito. En que consiste?

En poñerse de acordo naquelas cousas nas que temos diferenzas. Ollo!, ceder non é negociar e as cesións continuadas producen malestar e rancor. Por outra banda, só negocian as persoas iguais. Como di Marcela Lagarde un escravo e un amo non negocian, só negocia quen pode mover a posición do outro. En primeiro lugar, cadaquén ten que negociar consigo mesmo, escoitarse e calmar as propias emocións para non actuar reactivamente, ordenar as propias ideas e artellar un discurso que non fira a outra persoa.

Que é negociable e que é innegociable para min? En todas as relacións hai cousas que podo negociar e outras que son os meus irrenunciables (o maltrato, a violencia pode ser un deles, a independencia económica, ter ou non descendencia, parella aberta...). Convén que estean sempre claros os irrenunciables porque non admiten negociación.

O botrato na escola

Hai que ver a escola como espazo de cambio. Tarefa da escola será cambiar a nosa socialización, esa que ten erotizado o maltrato e que xunta paixón e sufrimento.

Seguindo a Jesús Gómez, creo que a través do diálogo, os debates e a comunicación poderemos cambiar o paradigma para permitirnos ser máis felices e ter amores que poidan ter ao tempo paixón e tenrura, coidado. O amor non se produce coma un raio, apréndese, trabállase. Hai que democratizar a intimidade e sometela a unha negociación permanente. O amor é social, pode transformarse a través das interaccións, pode educarse. Na sociedade do risco (termo do sociólogo alemán Beck), o diálogo imponse.

Se queremos trasladarlle ao noso alumnado outros modos de amor, de botrato, do amor amigo que diría Coral Herrera ou equiamor de Erick Pescador, en que teriamos que facer máis fincapé?

O amor non é un acontecemento que nos arrebata sen poder impedilo, senón que hai que conquistalo cada día de novo. A amar apréndese, os sentimentos edúcanse. Ocórrenseme uns cantos aspectos que teriamos que inculcar desde a escola infantil. Deberemos traballar especialmente:

 Cos rapaces:

- Empatía: trátase de escoitar co corazón, poñerse nos zapatos da outra persoa, ter compaixón. A escoita compasiva xera solidariedade, que se ve a miúdo cando hai catástrofes naturais con vítimas. É un sentimento de amor, de irmandade, de colocarse no lugar da outra persoa e querer aliviar o seu sufrimento.

- Autocontrol, especialmente o manexo da ira. A ira ou rabia é unha emoción que conmociona o corpo. Cando se vai acumulando, produce un enorme malestar que se pode volver contra un mesmo producindo unha depresión ou cara a fóra nun estalido. Nath Hanh, mestre zen, no seu libro La ira, afirma que este sentimento é coma as patacas, que hai que cociñalas para comelas. Nun primeiro momento non se poden comer porque están crúas. Afirma tamén que a ira é coma unha tormenta que envía sinais antes de producirse, por iso pode controlarse dende a respiración consciente, hai que respirala suavemente. Existen, hoxe en día, numerosos programas, contos, xogos que poden axudarnos a traballar cos rapaces o control da ira dende as idades máis temperás.

- Masculinidades igualitarias, disidentes... outras maneiras de ser home. Neste sentido, son cada vez máis as achegas de compañeiros. Este último ano saíron os libros de Octavio Salazar e de Jorge García Marín e son salientables traballos como o proxecto Ulises de Erick Pescador e os traballos de Pepe Cabido no IES Fontexería de Muros.

Coas rapazas:

- Autoafirmación: aprender a poñer límites. Xa falamos do importante que é aprender a dicir non e tamén a falar con asertividade. As mulleres adoitamos comportarnos de acordo co que Amelia Valcárcel chama «a lei do agrado» nos coidados, a beleza e o amor e temos máis dificultades para facer valer os nosos desexos e as nosas necesidades por mor de agradar as persoas que nos rodean. Sempre temos que ser «riquiñas».

- Ter un proxecto de vida: é moito o que levamos avanzado pero fai falla que todas as rapazas teñan un traballo, unha profesión que non abandonen ás primeiras de cambio cando se namoran. A independencia económica é básica. A dependencia impide a paridade e a negociación vai ser desvantaxosa para unha das partes. Laura Freixas explícao moi ben no seu libro A mí no me iba a pasar.

- Apoderamento: sobre todo do seu corpo, da súa sexualidade (non hai máis que pensar na ablación do clítoris aínda vixente nalgunhas partes do mundo). Mireia Darder afirma que a sexualidade feminina foi sistematicamente reprimida e aínda o é, debido moitas veces ás relixións, e que hai que traballar para desenvolver o instinto sexual, sen lle dar ás costas á emoción ou á tenrura. Hai un acordo xeneralizado en que os homes teñen que desenvolver a súa parte emocional, pero non está tan claro que as mulleres teñamos que recuperar o pracer dos xogos amorosos, permitirnos buscar o pracer sen límites e a satisfacción plena. Somos as eternas «cansadas», as raíñas da «dor de cabeza». Moitas veces pola carga mental que soportamos debido á nosa implicación no traballo doméstico, pero tamén porque moitas das prácticas sexuais están centradas no pracer masculino e non son atractivas para as mulleres. As causas deste fenómeno non deben buscarse no ámbito individual senón cultural e social. As crenzas patriarcais encárganse de que non nos sintamos con dereito a loitar polo que queremos, polo que nos gusta e que nos resignemos á insatisfacción sexual.

A sexualidade sitúase hoxe como o factor máis resistente ao cambio cara á igualdade. O desexo das mulleres é ignorado no porno (vídeo Jordi Évole en Salvados). E non temos que esquecer que desgraciadamente nestes momentos é o porno quen educa sexualmente a nosa mocidade.

Con ambos (rapazas e rapaces):

- Necesidade dunha educación afectivo-sexual igualitaria desde o parvulario. Será fundamental a análise dos modelos de amor e relación en que fomos creados para poder superalos. Jesús Gómez fala do modelo tradicional das relacións nas que se producen tres fenómenos non desexables:

- Homes mullereiros exemplo da dobre moral: tipo conquistar e abandonar, o modelo donxoán.

- Mulleres que imitan o tipo sociolóxico masculino tradicional: equivócanse, non se consegue igualdade imitando un modelo desigual.

- Parellas estables e sen paixón: burocratización do amor. Conviven ben, pero non hai «chispa».

Trátase entón de definir un modelo alternativo que fomente unha atracción e elección máis satisfactorias, construído a través do diálogo, a igualdade e a liberdade. Nel non hai cabida para a separación paixón e tenrura /amizade. Céntrase na elección intersubxectiva, comunicativa, con atención especial ás emocións.

Que competencias básicas teremos que adquirir? Poden resumirse en solidariedade-coherencia-racionalidade, pero se especificamos e con respecto á atracción será interesante traballar:

1. Desenvolver o amor como un sentimento que ten unha orixe social e non persoal: atacar a visión irracional do amor e ver como os canons de beleza foron cambiando ao longo do tempo e hoxe estamos predispostos para que nos atraian cousas e persoas que a publicidade e os medios potencian.

2. Examinar de forma crítica os medios de comunicación como formadores de namoramento de acordo co modelo tradicional: promoven e xustifican a persoa violenta. Resaltan neles «o duro» e nelas «que está boa».

3. Rexeitar as persoas que actúan con valores opostos a esta visión transformadora do amor: poden atraernos, pero teñen valores negativos, desenmascarar as faltas de respecto, o desprezo, a violencia deses mozos conquistadores.

4. Sentir atracción cara a quen encarna os valores transformadores do amor: valorar a fidelidade, o botrato...

5. Unir na mesma persoa sentimentos de paixón e amizade, de loucura e tenrura: home bo e sexy, muller boa e sexy.

Polo que respecta á elección, será interesante analizar e eliminar situacións nas que o desexo se opón á razón, o de «perder a cabeza» non sempre é unha boa idea. Ver se a elección está de acordo cos valores transformadores do amor. Será preciso analizar os celos e envexas.

- Adestrar na escoita activa. Aprender a escoitar, pero tamén aprender a contar (sobre todo nos rapaces), desde ben pequenos ensinarlles a que expresen e verbalicen o que lles pasa. Un bo exemplo é Children full of life do profesor Toshiro Kanamori, que conseguiu unir aprendizaxe con diversión con respecto á individualidade de cada neno e con gran crecemento persoal do seu alumnado. Coa experiencia “As cartas do caderno” na que tres alumnos escriben cada día unha carta explicando as súas vivencias e inquietudes e llas len en alto ao resto da clase consegue que os rapaces exterioricen os seus sentimentos ao tempo que desenvolven empatía.

- Aprender a resolver conflitos pacificamente: Moreno e Sastre elaboran unha proposta metodolóxica construtivista para traballar na aula a resolución de conflitos. Para elas é básico aprender a analizalos distinguindo as tres partes: historia, manifestación e solución. Sempre diferenciaremos as causas das manifestacións. A metodoloxía comeza en infantil e primaria coa educación das emocións, analizan máis tarde unha serie de conflitos seleccionados alleos ao alumnado para pasar posteriormente a analizar e resolver os conflitos propios que xorden coa convivencia. En interacción cos iguais apréndese a convivir, de aí que sexan moi desexables as metodoloxías cooperativas, a existencia nos centros de equipos de mediación formados por alumnado... Todo o profesorado ten que implicarse co botrato e primar sempre as relacións de axuda e cooperación. Neste sentido é importantísimo que as normas de cada grupo estean consensuadas e teña un papel activo o propio alumnado porque así está claro que tipo de actitudes e comportamentos queremos potenciar.

- Traballar as emocións a través do corpo (o teatro como metodoloxía de traballo): aprender a acariñar, a relaxarse. Charo Altable e Erick Pescador son bos exemplos de metodoloxías baseadas no traballo co corpo.

- Corresponsabilidade nos coidados. As profesoras Oliveira e Traba no seu libro ám@me estudan exhaustivamente o amor con perspectiva de xénero e desenvolven no último capítulo un modelo de amor baseado nos coidados, coincidente totalmente co que vimos explicando.

En resumo, trátase de desfacer desigualdades, violencias ao longo de toda a escolaridade: estar alerta a todo tipo de sexismo.

Rematamos como empezamos, facendo un chamamento a erotizar o botrato, a traballar cara a un novo modelo de amor, porque en contra do refrán popular, quen nos quere ben, faranos felices.

 

Bibliografía: 

 

 

Altable, Charo (2018 ): Otras maneras de amar. Otro amor es posible. Barcelona: Ed. Mágina.

Darder, Mireia (2014): Nacidas para el placer. Instinto y sexualidad de la mujer. Barcelona: Editorial Rigden Institut Gestalt.

García Marín, Jorge (2019 ): Papá, por que non pintas as unllas de cores? Vigo: Ed. Galaxia.

Gómez, Jesús (2004): El amor en la sociedad del riesgo. Barcelona: Ed. El Roure.

Lagarde, Marcela (2001): Claves feministas para la negociación en el amor. Managua: Ed. Puntos de Encuentro.

Moreno, Montserrat e Sastre, Genoveva (2002): Resolución de conflictos y aprendizaje emocional. Una perspectiva de género. Barcelona: Ed. Gedisa.

Oliveira, Chis e Traba, Amada (2018): ám@me. Vigo: Ed. Galaxia.

Salazar, Octavio (2018): El hombre que no deberíamos ser. La revolución masculina que tantas mujeres llevan siglos esperando. Barcelona: Editorial Planeta.

Sanz, Fina (2016): El buentrato: Como proyecto de vida. Barcelona: Ed Kairós.

Thich Nhat Hanh (2009): La ira. El dominio del fuego interior. Barcelona: Editorial Zenith.

Webgrafía

Vídeo Children full of life.

Vídeo Jordi Évole en Salvados

 

Sección: