As bibliotecas gañan espazos. Avaliar para aprender

“O máis importante non é o feito de avaliar, nin sequera o xeito de facelo, senón ao servizo de quen se fai”.
Entrando xa no cuarto ano de desenvolvemento do programa “Biblioteca Creativa”, considerouse necesaria unha avaliación que permitise coñecer o momento no que se está e as múltiples iniciativas que en cada centro se están a desenvolver ao abeiro do programa. O encontro previsto para o mes de outubro constituíu un contexto ideal para compartir os avances, tamén as dificultades, os logros e as reflexións que están a xurdir.

 

Asesoría de Bibliotecas Escolares

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

asesoria.bibliotecas@edu.xunta.es

 

O máis importante non é o feito de avaliar, nin sequera o xeito de facelo, senón ao servizo de quen se fai. (M. A. Santos Guerra)

As bibliotecas en xeral, tamén as escolares, están a vivir importantes transformacións e unha das máis importantes é a de acoller todo tipo de actividades nas que as persoas usuarias (neste caso, alumnado, profesorado e familias) poden atoparse para pensar, deseñar, facer, construír e aprender xuntas, na liña dos makerspaces ou dos laboratorios de ideas, coa dotación dos equipamentos necesarios para a creación de recunchos creativos. Na actualidade, as bibliotecas escolares inclúen todo tipo de linguaxes (oral, escrita, icónica, audiovisual, artística…) e posibilítanlle ao alumnado múltiples oportunidades de aprendizaxe, expresión e creación. Neste contexto de alfabetización múltiple deseñouse no ano 2016 unha iniciativa destinada a introducir nas bibliotecas escolares unha nova linguaxe, a de programación, así como a impulsar a utilización de pequenos robots e outros medios propios da cultura maker (faino por ti mesmo) en actividades destinadas a mellorar a comunicación lingüística do alumnado, a expresión oral, o razoamento lóxico, a creatividade, o traballo colaborativo, a investigación, a aprendizaxe manipulativa e o xogo. (Convocatoria do programa Biblioteca creativa, 2019)

O actual Plan LIA establece, entre outros, o desafío relacionado coa evolución da biblioteca escolar cara a un «centro creativo de aprendizaxes», apoiando a construción de espazos creativos e cooperativos de experimentación, investigación e creación no seo da biblioteca escolar; recolle tamén o reto das alfabetizacións múltiples e, no seu ámbito, integra como medida a continuidade do programa de robótica na biblioteca escolar cando na fase piloto se obtivesen resultados positivos. En total son 79 bibliotecas escolares as que participan neste proxecto, as cales reciben pequenos robots, medios e formación para incorporar a impresión 3D, e axudas para a adquisición de materiais e para o desenvolvemento de talleres co alumnado coa finalidade de connverter as bibliotecas en espazos de investigación, experimentación e colaboración.

Entrando xa no cuarto ano de desenvolvemento do programa Biblioteca Creativa, considerouse necesaria unha avaliación que permitise coñecer o momento no que se está e as múltiples iniciativas que en cada centro se están a desenvolver ao abeiro do programa. O encontro previsto para o mes de outubro constituíu un contexto ideal para compartir os avances, tamén as dificultades, os logros e as reflexións que están a xurdir. Con este motivo elaborouse unha enquisa que se trasladou aos centros que estaban a participar nos programas Biblioteca Creativa e Radio na Biblio. Os resultados deste cuestionario promoveron unha reflexión compartida durante a xornada de formación que se realizou na EGAP de Compostela o pasado día 25 de outubro.

Este cuestionario permitiu recoller, e reflectir en forma de gráficos e axudas visuais, as iniciativas e transformacións máis significativas que se están a producir, coa finalidade de compartir esta información e aprender xuntos, a través do diálogo sobre a realidade que debuxan os datos recollidos. Daquela, lonxe de pretender medidas absolutas ou estimacións cuantitativas xeneralizables, esta ferramenta serviu como un punto de partida para a conversa, como un recurso de enorme interese para aprender en comunidade.

Á vista dos resultados, conversamos sobre:

Os novos espazos que as bibliotecas están conquistando

Un primeiro bloque de reflexións xirou arredor dos diferentes espazos que se van configurando nas bibliotecas escolares. Espazos que superan aquel concepto vencellado case en exclusiva á lectura (postos de lectura) e outros quizais para o traballo documental ou a consulta na rede mediada por ordenadores. Estes centros están a configurar novos espazos que dan resposta ás súas iniciativas máis características. Daquela cumpren cunha das premisas básicas do programa: estes novos espazos deben dar resposta a necesidades de carácter pedagóxico, nacen para servir como contextos apropiados para o desenvolvemento das competencias clave.

Así xorden espazos para obradoiros diversos, para a música e a representación teatral, laboratorios e cociñas (que son tamén laboratorios), espazos para a audición en diferentes soportes, tamén para a creación audiovisual (con dotación de equipamento e acondicionamento axeitado para a gravación, por exemplo, con cores que permiten o efecto croma); un exemplo moi significativo son as emisoras de radio (en moitos dos casos ligadas ao programa Radio na Biblio), que se configuran dentro da propia biblioteca, cando o espazo dispoñible o permite, ou fóra dela, colonizando outros espazos do centro.

Estas e outras opcións configuran o que, en xeral, se identifican como espazos creativos de aprendizaxes. Estes espazos, nuns casos, son motores de cambio e de renovación pedagóxica; noutros, son os cambios metodolóxicos os que piden novos espazos.

Os materiais diversos que enriquecen as coleccións

Outro ámbito de reflexión correspondeu aos múltiples recursos, ferramentas e fondos que agroman nos andeis destes novos espazos —en ocasións para sorpresa dalgunhas persoas— e que acompañan os libros, ampliando o abano de posibilidades de usos e interaccións destas bibliotecas e as comunidades ás que serven. De novo, estas coleccións enriquecidas son moi diversas e gardan unha relación estreita coas iniciativas pedagóxicas que as fixeron necesarias.

Daquela contamos, ademais de con mobiliario flexible e fondos específicos, con materiais de laboratorio (que nutren aquelas cociñas e laboratorios), equipos multimedia e instrumentos musicais, materiais artísticos (para deseñar, pintar, modelar, debuxar, construír, pantallas multitáctiles, mesas de luz…), material manipulativo en xeral, xogos de moi diversas clases; tamén se suman diferentes recursos e ferramentas dixitais, para a comunicación e a creación audiovisual (emisoras, estudios de TV, recunchos para o vestiario, para a caracterización etc.); moi en especial hai que sinalar a presenza de pequenos robots e das impresoras 3D, que forman parte dos primeiros banzos do programa.

A formación e asesoramento recibidos e/ou necesarios e a implicación da comunidade

Un dos eidos de máis interese para a reflexión foi o que incidiu nas persoas que participan no proxecto. Moi en particular, abordouse a reflexión sobre quen acompañou, quen formou parte do equipo que acometeu os cambios que están en marcha. Esta comunidade educativa inclúe tanto o alumnado e profesorado do propio centro como as súas familias, mais tamén lles corresponde a súa cota ás institucións que teñen responsabilidade no seu funcionamento (tanto as ANPA e outros colectivos como, por suposto, os concellos e a propia consellería, a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares, e, en xeral, o conxunto dos centros educativos que gardan algunha relación).

 

A visibilidade destes novos espazos

En que ámbitos se visibilizan estes novos usos e aqueles espazos innovadores que lles dan abeiro na biblioteca escolar? Pois son cada vez máis as bibliotecas que comunican as súas actividades non só cara a dentro senón que se abren á contorna, á comunidade. A Rede e os seus espazos web, blogs e cada vez con maior frecuencia as redes sociais son as canles que informan destas novas iniciativas que lle engaden valor á oferta formativa dos centros.

As melloras observadas: no alumnado, no profesorado, no cambio do propio concepto da biblioteca escolar, no cambio das dinámicas de ensino e aprendizaxe, o impulso do traballo colaborativo/cooperativo

Escollemos para compartir algunhas respostas ao cuestionario que dalgún xeito recollían os aspectos máis sinalados aos que se facía referencia. Cada un destes comentarios resalta unha faceta diferente —e valiosa— sobre o valor do propio programa, para o alumnado, para o profesorado, para o centro… retos, dificultades e, sobre todo, aspectos positivos:

  • A incorporación destes novos recursos esperta a curiosidade do alumnado e isto sérvenos para introducilos en novas dinámicas de aprendizaxe.
  • Para o profesorado supón un reto ter que incorporar estes recursos á súa práctica diaria.
  • A aceptación paulatina por parte da comunidade educativa de que a biblioteca é moito máis ca un lugar para ler e calar.
  • A inclusión progresiva nas tarefas da aula das posibilidades que ofrece a biblio.
  • Os recursos e o espazo permiten levar a cabo aprendizaxes cun alto protagonismo e motivación do alumnado.
  • A participación no espazo creativo da biblioteca leva implícita a colaboración e o traballo en grupo.
  • O carácter compensador de desigualdades.
  • A presenza en todos os espazos do centro.
  • Os docentes que se interesan por aprender.
  • O apoio ao currículo a través das competencias que se promoven.
  • A conexión co traballo por proxectos.
  • O traballo colaborativo e internivel.

 

A modo de conclusión. Avaliar para aprender

O Plan LIA establece, no seu reto número 12, «Avaliación, estudo e investigación», a necesidade de reforzar a avaliación do funcionamento da Rede de bibliotecas escolares e impulsar estudos e investigacións sobre o impacto nas aprendizaxes. En esencia, impulsa a promoción dunha «cultura da avaliación» nos centros, a necesidade de reflexionar sobre a práctica, para tratar de facer as cousas cada vez un pouco mellor.

O programa Biblioteca Creativa proporciónalles aos centros participantes un marco teórico e unhas liñas mestras de actuación, así como os medios e recursos básicos para poñer en marcha nestas bibliotecas espazos novos, dotados con equipamento e fondos que ofrezan novas posibilidades ás comunidades educativas para pensar xuntas, para investigar, deseñar e experimentar, para crear. En cada biblioteca, en cadanseu contexto, agroman propostas moi diversas, axeitadas ás súas realidades e tamén á tradición das súas prácticas. Todas valiosas, orixinais e interesantes.

A oportunidade de poñer estas experiencias en común e de compartir a reflexión sobre o seu valor pode redundar en beneficio de todas as persoas que coordinan estas iniciativas nas súas bibliotecas escolares. Pode tamén resultar valiosa para inspirar a outros equipos, noutros centros, para iniciar procesos semellantes nas súas bibliotecas. Trátase, xa que logo, de avaliación. Trátase de observar a realidade, recoller o máximo de información para tratar de comprendela e daquela poder tomar decisións para mellorala.

Nos procesos de innovación educativa cómpre a reflexión, a avaliación do que se fai na escola, pero hai diferentes formas de avaliar. Nesta ocasión, recordando a cita que abre este artigo, o que se fixo foi unha avaliación ao servizo dos suxeitos avaliados, unha avaliación para aprender.

 

 

Sección: