Os proxectos Erasmus+ nos centros de formación e recursos
Manuel Losada Cabanas
Miguel Carlos de Castro Miguel
Carolina Fernández Bravo
María Isabel González Camoira
María del Carmen Pérez Rico
José Antonio Sordo Freire
Vidal Tenreiro Allegue
Pilar Vilela Castro
CFR de Ferrol (cfr.ferrol@edu.xunta.es)
A formación permanente do profesorado, conforme se recolle no Decreto 74/2011, «concíbese como un amplo sistema de apoio aos docentes, que parte das súas necesidades e que é acorde coa realidade social e educativa que envolve o seu labor» . No artigo 14 do citado decreto indícase que «os centros de formación e recursos son as unidades encargadas da execución daquelas accións formativas previstas nos plans anuais de formación e das propostas pola dirección xeral competente en formación permanente do profesorado».
Dous eixes fundamentais no deseño da oferta formativa que deben desenvolver os centros de formación e recursos (CFR), xunto co Servizo de Formación do Profesorado e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), son:
1. As liñas prioritarias propostas pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa que, para o curso 2019/20, son:
a) Deseño e desenvolvemento curricular no marco do modelo competencial.
b) Planificación estratéxica das linguas no centro. Proxecto lingüístico de centro (PLC) e tratamento integrado das linguas (TIL).
c) Integración didáctica das TIC. Traballo colaborativo na rede a través de espazos virtuais. Educación dixital.
d) Escola inclusiva e atención á diversidade.
e) Convivencia escolar e clima da aula. Centros saudables. Relacións coas familias.
f) Actualización científica e didáctica do profesorado. Observación interpares e intercentros.
g) Mellora da xestión dos centros.
h) Programas europeos e internacionais.
i) Biblioteca escolar.
j) Iniciativas formativas no ámbito STEM (ciencia-tecnoloxía, enxeñería, matemáticas).
2. O modelo de competencias profesionais docentes que publicou a Rede de formación da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en maio de 2015 no que se recollen 23 subcompetencias relacionadas coas sete competencias seguintes:
1. Educador/a guía no proceso de aprendizaxe e desenvolvemento do/a alumno/a
2. Membro dunha organización
3. Interlocutor/a e referente na comunidade educativa
4. Investigador/a e innovador/a
5. Especialista na súa materia
6. Comunicador/a en linguas maternas e estranxeiras
7. Competente en tecnoloxías da información e a comunicación
O Plan anual de formación do profesorado dedícalles un apartado en exclusiva aos proxectos Erasmus+ e unha das liñas prioritarias (h) céntrase neste mesmo tema, o que reflicte a súa importancia no ámbito da formación permanente do profesorado. Desde o curso 2013, o CFR de Ferrol coordinou diferentes proxectos internacionais, 26 en total, como se recolle na táboa 1 adxunta.
Coa excepción do primeiro, un Comenius Regio, os proxectos coordinados polo CFR de Ferrol corresponden ás modalidades dos proxectos Erasmus+: Acción Clave 1 K101, Clave 2 K102 e K104. Lévanse a cabo en 12 países: España, Finlandia, País de Gales, Irlanda, Romanía, Francia, Grecia, Turquía, Noruega, Portugal, Alemaña e Polonia, e participan un total de 77 centros no período 2014/19 como se recolle na táboa 2 adxunta.
A táboa 2 evidencia a relación directa entre os proxectos desenvolvidos e as liñas prioritarias e as competencias profesionais docentes. De feito, nos proxectos desenvolvidos, traballáronse directamente todas as liñas prioritarias coa excepción da liña i, Biblioteca escolar, que está indirectamente presente por ser a biblioteca o elemento máis destacado do centro para desenvolver proxectos.
Hai liñas e competencias que, evidentemente, están presentes en todos os proxectos, como a liña h), Programas europeos e internacionais, ou a subcompetencia 9, Xestión de participación e implicación en proxectos común, noutras dependerá da natureza do tema que se vaia desenvolver no proxecto. Resulta relevante o caso da liña f), Actualización científica e didáctica do profesorado. Observación interpares e intercentros, presente en todos os proxectos coordinados polo CFR, dado que en todos eles se desenvolven actuacións de observación, debido a que os proxectos inclúen sesións de job shadowing que non poden reducirse a unha mera visita aos centros. Por esta razón, no CFR de Ferrol deseñouse unha táboa de observación que se recolle na guía de observación adxunta, coas observacións que se consideren pertinentes, os seguintes apartados:
1. Esquema xeral da estrutura dos grupos.
2. Modo de actuación dos docentes.
3. Os diferentes segmentos de interactividade.
Esta táboa non so é unha ferramenta útil para guiar o proceso de observación, é tamén un instrumento que permite comparar e analizar as anotacións do profesorado e serve de base para debater en profundidade sobre a información recibida.
Polo indicado evidénciase a importancia dos proxectos Erasmus+ na formación permanente do profesorado, polo que corresponde incluílos no PFPP do centro. O CFR de Ferrol deseñou protocolos de actuación que facilitan o desenvolvemento dos proxectos, e que constan de diferentes xuntanzas de presentación, formación, organización, avaliación e final.
Dado o carácter formativo dos proxectos, consideramos relevante a participación dos CFR como coordinadores destes, xa que garanten o máximo aproveitamento da acción formativa. Pola súa experiencia organizativa serven de apoio aos centros, tanto na elaboración dos proxectos como na supervisión da súa execución, e son as institucións máis axeitadas para organizar eventos multiplicadores e facilitar a difusión da formación recibida polos profesores e centros participantes ao resto dos centros e profesorado.
Aínda que unha acción formativa se deseñe tendo en conta as liñas prioritarias e as competencias profesionais docentes que vai desenvolver, carecerá de efecto se a súa realización non supón impacto no centro e na aula. Para verificar que así sexa e co obxecto de lle dar resposta á demanda de formación dos centros, en relación cos proxectos internacionais, a Rede de formación da Consellería de Educación Universidade e Formación Profesional deseñou un itinerario de internacionalización, conforme o esquema da táboa 3, que permite, no marco dun PFPP, adquirir as competencias precisas para deseñar, solicitar e, de ser o caso, desenvolver un proxecto Erasmus+. No itinerario recóllense indicadores que permiten determinar o impacto, así como o nivel de adquisición dunha determinada subcompetencia. Corresponderalle á persoa asesora do CFR acordar coa dirección do centro educativo as datas previstas para comprobar o cumprimento do programado.
Agradecementos
Queremos aproveitar esta oportunidade para lles agradecer aos centros do ámbito do CFR de Ferrol a súa colaboración, confianza e ilusión. O labor docente é un traballo colaborativo, de equipo. Todos os obxectivos acadados a partir da participación nestes proxectos foi grazas ao esforzo conxunto, entre CFR e centros.