Unha experiencia única

Viaxar e aprender cos ollos ben abertos

IES Johan Carballeira (Bueu - Pontevedra)

 

Desde hai varios cursos, o noso centro traballa no fomento da educación en valores e do pensamento crítico no alumnado para preparar cidadáns concienciados coa tolerancia, o respecto, a solidariedade e que combatan todo tipo de prexuízos e actividades xenófobas nun mundo cada vez máis complexo. É tamén moi importante a aprendizaxe de linguas e o coñecemento de culturas distintas á nosa que nos axuden a coñecer a realidade doutros países e a ser cidadáns europeos. O proxecto Migración e crise de refuxiados desde o punto de vista dos estudantes permitiunos coñecer de primeira man a realidade das migracións e do drama da crise de refuxiados que sofre Europa.

O IES Johan Carballeira inclúe como base fundamental do seu proxecto de centro a educación en valores e o fomento do pensamento crítico no alumnado; por iso levamos moitos anos realizando actividades de colaboración co Centro de Información á Muller (CIM), para traballar a violencia de xénero, e con diversas ONG, para coñecer a realidade e solidarizarnos con persoas que viven realidades distintas á nosa. 

Bueu é una pequena vila mariñeira que, como moitas outras, viviu a emigración e por iso é moi sensible á situación dos refuxiados e migrantes na actualidade. No ano 2017 solicitámoslle ao Concello un lugar para levar á rúa o noso proxecto de centro, para facelo visible, e cedéronnos un lateral do Centro Social do Mar para que o alumnado pintase un mural no que, partindo do Guernica de Picasso, fixese unha adaptación coa que mostrar a realidade da emigración no século XXI.

No curso 2017/18 tivemos a oportunidade de embarcarnos no proxecto K 219, Migración e crise de refuxiados desde o punto de vista dos estudantes, con outros cinco países da Unión Europea (Italia, Polonia, Eslovaquia, Eslovenia e Romanía), cunha duración de dous anos. Pareceunos unha marabillosa oportunidade para continuar co traballo que estiveramos facendo ata ese momento e dábanos a posibilidade de que o noso alumnado puidese viaxar e estar en contacto directo con estudantes doutros países preocupados polo mesmo ca eles, coñecer lugares e culturas distintas, ver outras maneiras de interpretar o mundo.

Aínda que xa tiñamos experiencia en proxectos Erasmus (o noso alumnado de formación profesional leva anos realizando a FCT en distintos países da Unión Europea e o seu profesorado facendo visitas a empresas para mellorar a súa formación), nunca participaramos nun proxecto destas dimensións e no que era necesario implicar a toda a comunidade educativa. En cada unha das mobilidades para realizar as actividades de aprendizaxe, ensino e formación, o alumnado tiña que levar preparada unha historia de vida enfocada desde distintos aspectos, para presentarlla ao resto do alumnado participante e compartila con el; seis historias nas que traballar, desde un pensamento crítico, a comprensión do problema, a tolerancia, o respecto e a solidariedade para combater os prexuízos e as actitudes xenófobas e comprender as razóns que levan os migrantes a asumir os riscos da viaxe.

O primeiro que fixemos para preparar as presentacións foi pórnos en contacto con distintas ONG que traballan con refuxiados, as cales colaboraron de xeito desinteresado con nós explicándonos todos os problemas cos que se encontraban estes cando chegaban e como intentaban axudarlles a resolvelos. Aínda que os grupos que ían participar no proxecto o primeiro ano eran os de terceiro da ESO, quixemos que todo o alumnado do centro coñecese o traballo destas organizacións e se concienciase con este problema.

Participar neste proxecto era un reto para nós. Os últimos cursos solicitaramos un plan de formación permanente do profesorado e continuamos con el pedindo liñas que nos axudasen a mellorar a nosa práctica docente e nos desen formación nas distintas competencias necesarias para chegarmos a bo porto nesta nova aventura na que nos iamos embarcar.

No curso 2017/18 foron dúas liñas: 

1. Traballo colaborativo.

2. Plan pedagóxico competencial de centro.

E no curso 2018/19 outras dúas:

1. Xestión dos programas Erasmus+ do centro.

2. Avaliación competencial nun proxecto interdisciplinar.

A liña de xestión dos programas Erasmus+ foi fundamental. Dentro dela fixemos dous grupos de traballo: un para mellorar a competencia lingüística en inglés, xa que esta era a lingua vehicular que tiñamos que empregar tanto oralmente como por escrito no proxecto; e outro para aprender a usar Etwinning, a plataforma na que traballa alumnado e profesorado dos seis países e que nos permitía estar en contacto continuo para ir vendo todo o que estabamos facendo os distintos centros.

O alumnado participante nas mobilidades preparaba a historia que iamos levar coa supervisión do profesorado que os ía acompañar (en todas as mobilidades ían dous membros do profesorado e dous do alumnado, excepto a Italia que levamos catro alumnas). Esta historia recollíase nunha gravación de vídeo con subtítulos en inglés, a cal logo presentaba na súa aula. Isto servíalle de preparación para a presentación que tería que facer nas xornadas de traballo ás que asistimos.

Unha experiencia especialmente positiva tivo lugar cando a profesora de Matemáticas de terceiro da ESO impartiu unha clase en liña na que participaba simultaneamente alumnado noso e do centro italiano.

En maio de 2019 recibimos en Bueu o alumnado e profesorado dos outros cinco países. A súa visita supuxo para nós un grande esforzo organizativo, pero pagou a pena. Nas presentacións do alumnado traballáronse historias de refuxiados que botaron raíces nos países de acollida e estaban integrados na comunidade; pareceunos a mellor maneira de rematar estas historia de vida. O noso grupo de teatro (Comediantes Anónimos) preparou unha obra na que se reflexionaba sobre a crise dos refuxiados e representouna para os nosos invitados e o alumnado en xeral. Os alfombristas de Bueu axudáronnos a facer, con todo o alumnado da mobilidade no vestíbulo do centro, unha alfombra floral (arte efémera) co logo do proxecto. O noso alcalde recibiunos no Concello e deulles a benvida. «Presumimos» do noso mar, porque todos os outros centros participantes son de vilas e cidades do interior, así que ver o mar e visitar as illas foi unha experiencia inesquecible para eles.

A valoración que podemos facer destes dous anos é moi positiva. Coñecemos outras experiencias educativas enriquecedoras que melloraron o noso labor docente. Fixemos un traballo por proxectos e colaborativo, este foi o plan de centro que desenvolvemos durante dous anos e no que conseguimos implicar a toda a comunidade educativa, ao Concello de Bueu e a moitas  asociacións.

Agradecementos:

A Marc Taeguer, por axudarnos a pintar o mural do centro social.

A Carmen Fernández do IES de Poio, pola gran paciencia que tivo para ensinarnos a traballar co Etwinning.

A todas as ONG que nos visitaron e ás que visitamos.

A todas aquelas persoas que se prestaron a ser entrevistadas polo alumnado. 

Á nosa inspectora, que sempre está aí para botarnos unha man.

Ao Concello de Bueu e ao seu alcalde, que sempre se ilusiona cando nos recibe. 

Á Asociación de Alfombras Bueu, polo seu esforzo e colaboración.

Un agradecemento moi especial ás nosas familias acolledoras, sen elas non poderiamos levar adiante este proxecto.

Á ANPA, por estar sempre aí cando a necesitamos.

A todo o profesorado, alumnado e persoal non docente.

 

Sección: