Internacionalizando o CIFP Porta da Auga de Ribadeo

Bárbara Cuesta García
barbaracugar@edu.xunta.gal
CIFP Porta da Auga (Ribadeo - Lugo)

 

Son Bárbara Cuesta García, profesora da especialidade de FOL en Galicia, e vouvos contar a miña experiencia como coordinadora de proxectos internacionais durante o pasado curso académico no CIFP Porta da Auga, despois de participar no PFPP do centro sobre a elaboración deste tipo de proxectos.

Cando o ano pasado comecei a prestar servizos no CIFP Porta da Auga de Ribadeo, decidín presentarme como coordinadora de proxectos internacionais. Desde un principio sabía que sería todo un desafío para min xa que non tiña nin a máis remota idea de como se elabora un proxecto internacional dun centro educativo, pero, pola miña experiencia como estudante e traballadora, sempre crin na utilidade de que o alumnado saíse fóra das súas fronteiras e da súa zona de confort e abrise a súa mentalidade; iso e mais o meu interese en practicar inglés e mellorar a miña competencia en lingua estranxeira fixo que me lanzase a por este reto.

Por parte da dirección do centro había unha clara vontade de dedicar esforzos a internacionalizar o CIFP, de modo que a cultura Erasmus chegase ao alumnado de todos os niveis educativos que alí se imparten: formación profesional básica, ciclos formativos de grao medio e ciclos formativos de grao superior. Por este motivo, o equipo directivo formulou a acertada proposta de solicitarlle ao CFR de Lugo, da sección de Burela, un PFPP sobre a elaboración de proxectos internacionais dentro do programa Erasmus+. 

Unha vez que se creou o que chamamos o equipo de internacionalización, formado por un grupo de docentes interesados nas posibilidades que o programa Erasmus+ lles brinda aos centros educativos de titularidade pública e, tras comezar a experimentar pola nosa conta, chegou o mellor relator que poderiamos esperar para facernos máis doado o camiño e comezar a elaborar o noso propio proxecto KA 102 (destinado a mobilidades para estudantado e profesorado de ciclos formativos de grado medio) e KA 101 (destinado a mobilidades para estudantado e profesorado de ciclos formativos de grao superior).

O noso relator foi Pepe Franco, coordinador de proxectos internacionais cunha dilatada experiencia ao longo de moitos anos no CIFP Politécnico de Lugo. Pepe resolveu cunha incrible facilidade e proximidade todas as nosas dúbidas que eran moitas, moitísimas… Pero grazas ás sesións de formación con el e ás xuntanzas propias do grupo de traballo, comezamos a saber que ferramentas eran necesarias (Mobility Tool, eTwinning, Europass…) para comezar a elaborar os nosos propios proxectos internacionais Erasmus KA 102 e KA 101. 

A través desta actividade formativa, desde o CIFP Porta da Auga logramos atender a necesidade de saber os pasos que dar para elaborar un proxecto internacional KA 102 e KA 101.

Dado que o centro xa tiña concedido un proxecto KA 101 propio, froito do traballo do anterior coordinador de proxectos internacionais en cursos pasados, o noso relator tamén atendeu a necesidade que tiñamos de xestionar as mobilidades que se puidesen solicitar. Así, Pepe indicounos todos os pasos que tiñamos que dar para encontrar empresas «socias» ás que enviar o alumnado realizar a formación en centros de traballo e cubrir todos os documentos necesarios para formalizar unha mobilidade. 

Finalmente, con respecto ao proxecto xa iniciado, dous alumnos, Daniel do ciclo superior de Automoción e Dánae do ciclo superior de Educación Infantil, fixeron o módulo de formación en centros de traballo en dúas empresas de Alemaña e Malta, respectivamente.

Daniel facendo prácticas en Alemaña

 

Con respecto ao proxecto KA 102 e KA 101 que elaboramos coa axuda de Pepe, á fin, en maio comunicóusenos que nos fora concedido, o que supón toda unha oportunidade para o profesorado e o alumnado do CIFP. Nese novo proxecto, pedíronse tamén mobilidades para que o profesorado puidese viaxar a outros países e observar boas prácticas doutros centros educativos ou empresas.

Unha das principais dificultades coa que nos atopamos nesta andanza foi que o alumnado, en xeral, non está disposto a participar nas mobilidades Erasmus. O descoñecemento dos programas internacionais e a falta de cultura Erasmus nos centros educativos, tanto por parte do alumnado como do propio profesorado, sorprendeunos moitísimo xa que, do proxecto aprobado de anos anteriores, un elevado número de mobilidades quedou sen aproveitar. 

Grazas á formación realizada no propio centro, aprendemos como tratar de mitigar isto, promovendo os proxectos entre o alumnado, a través da creación dunha conta Twitter e da realización de xornadas de difusión. Neste tipo de eventos, tanto o alumnado Erasmus que se beneficiou das mobilidades noutros anos como eu mesma, en calidade de coordinadora, tratamos de amosarlle ao resto de estudantes dos distintos ciclos do centro como Erasmus+ é unha oportunidade única para a formación profesional e que merece ser aproveitada.

Na miña opinión, este feito é moi importante, xa que o alumnado se sente identificado cando lles escoita aos compañeiros relatar as súas experiencias positivas nas mobilidades. Aínda que tamén é necesario que o conxunto do profesorado crea nos proxectos internacionais. Do contrario, se o alumnado non percibe interese, máis que nuns poucos docentes, non sentirá seguridade e confianza para realizar unha destas mobilidades. É por iso que nas conclusións do PFPP fixemos constar este aspecto e tívose en conta como obxectivo de centro o feito de fomentar a cultura Erasmus entre o conxunto do profesorado.

Por todo o exposto, como coordinadora de proxectos internacionais teño que dicir que a experiencia realizada na formación en proxectos internacionais foi moi positiva, xa que partiamos de cero e fomos capaces de coordinar dúas mobilidades de alumnado de ciclo superior. Tamén o feito de que Erasmus, a través do SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación), nos concedese o noso propio proxecto Erasmus para vindeiras mobilidades de alumnado e profesorado durante o actual e o seguinte curso académico constituíu todo un logro.

Parte do equipo de internacionalización co alumnado que realizou mobilidades]

 

Ao rematar a formación, apreciouse nas aulas unha lixeira vontade por parte do alumnado de realizar mobilidades. Mais aínda queda moito por facer e coa continuidade desta formación do profesorado no presente curso académico, tal e como estaba previsto, quizais se consigan os obxectivos que tivemos cando comezamos esta aventura: ser capaces de aproveitar o cen por cento das mobilidades concedidas, incrementar as competencias para o emprego do noso alumnado e facer do CIFP Porta da Auga un centro aberto a Europa e ás oportunidades que nos brinda.

 

 

Sección: