Comparte, colabora, viaxa e difunde

Mª del Carmen Mosquera Castro (moscas@edu.xunta.es)
Carmen María Suárez López (carmensuarez@edu.xunta.es)
IES David Buján (Cambre - A Coruña)

O IES David Buján é un centro de catrocentos alumnos de ESO e Bacharelato do concello de Cambre que leva sete anos traballando con proxectos internacionais en diversas áreas de coñecemento baseados no traballo colaborativo entre distintos países de Europa, cunha experiencia altamente positiva que permite ao noso alumnado e ás súas familias coñecer outras realidades e aprender delas, contribuíndo así a unha formación integral.

Un gran mapa de Europa cheo de chinchetas, moitas bandeiras, frechas que semellan os itinerarios dos avións, nomes estraños en idiomas descoñecidos: non é a descrición dun aeroporto; é o vestíbulo do IES David Buján de Cambre, un centro totalmente comprometido coa internacionalización do ensino e cos programas Erasmus+.

No curso 2012/13 un grupo heteroxéneo de profesores decidimos poñer en marcha un equipo de traballo de proxectos europeos no noso instituto que vén desenvolvendo durante estes últimos anos actividades relacionadas coa formación do profesorado e coa introdución do centro en distintos programas de inmersión lingüística: Comenius e Erasmus +. A participación en distintas accións formativas contribúe, por un lado, á mellora das competencias profesionais docentes do profesorado e, polo outro, ás competencias clave do alumnado. Ademais, os proxectos de formación permítennos afondar en temáticas concretas dos programas europeos que se desenvolven no centro.

A colaboración cos CFR e o CAFI e outros organismos de formación do profesorado doutras comunidades autónomas permítenos visibilizar o centro e divulgar proxectos como Ciencia Cidadá na Escola, clubs de ciencia, clubs STEM, programa Scientix, proxecto Next Lab etc., entre docentes interesados por esta dinámica de traballo.

Entre as motivacións que impulsaron este proxecto está a constatación da evidente e crecente importancia que a aprendizaxe das linguas e a súa utilización como vehículo de comunicación teñen na sociedade galega, dentro dun marco plurilingüe e pluricultural como é a Unión Europea no que a mobilidade e a cooperación entre países vai en aumento. A necesidade non só de coñecer, senón tamén de utilizar unha ou varias linguas estranxeiras, maniféstase en todos os  sectores da nosa sociedade e un centro educativo debe adiantarse ás necesidades da sociedade do seu tempo para lle facilitar ao seu alumnado a mellor educación que o axude a incorporarse ao mercado académico e laboral futuro.

Os principais obxectivos do noso centro son promover a aprendizaxe das linguas e a diversidade lingüística, facilitar a participación do alumnado nesta experiencia con independencia da súa situación económica, implicar o alumnado no traballo por proxectos, axudalo a adquirir aptitudes básicas para a vida que lle permitan desenvolverse en diversos ámbitos tanto académicos como profesionais, ofrecerlle á comunidade educativa, sobre todo ás familias, unha nova experiencia educativa.

Para a consecución destes obxectivos utilizamos unha dinámica de traballo colaborativa, solidaria e innovadora na que participa a meirande parte do profesorado e do alumnado do centro. Estas dinámicas afróntanse tamén desde a perspectiva da internacionalización e o intercambio de experiencias con outros centros de diversos países europeos.

O profesorado implicado, unha cuarta parte do claustro, reúnese periodicamente para a coordinación dos proxectos. Estas reunións tamén se realizan co alumnado participante en cada proxecto, co fin de realizar os traballos que se poñerán en común nos diferentes encontros.

Entre o curso 2013/14 e o 2018/19 participamos nun Comenius e en seis programas Erasmus+ con once países: Reino Unido, Holanda, Romanía, Turquía, Italia, Eslovenia, A República Checa, Macedonia, Portugal e Lituania. Neles estiveron implicados 15 profesores de distintos departamentos, 100 alumnos de catro niveis e outras tantas familias.

 

PROXECTOS DESENVOLVIDOS ATA A DATA

Me and you in a portable knowledge

Comenius de dous anos, desenvolvido nos cursos 2013/14 e 2014/15 con alumnado de segundo e terceiro da ESO. O obxectivo principal foi coñecer a diversidade cultural e lingüística dos países implicados (Reino Unido, Romanía, Turquía, Portugal, Holanda e España).

Our landscape. Our home. Our school

Proxecto de dous anos, desenvolvido nos cursos 2014/15 e 2015/16. Foi un proxecto só para profesorado sobre as actividades fóra da aula que se realizaban nos distintos países participantes: Lituania, Polonia, Turquía e España. Neste caso o profesorado implicado debeu elaborar un traballo académico relacionado co tema e que se publicou na web do proxecto.

Unpick your history, weave your future
Proxecto de dous anos (2016/17 e 2017/18) no que alumnado de cuarto da ESO e primeiro de bacharelato traballou coas propiedades de distintos tipos de tecidos intelixentes e reciclaxe de materiais. Participaron Italia, Macedonia, A República Checa e España.


 

A cultura celta en Bohemia e Galicia: semellanzas e diferenzas

Proxecto bilateral entre A República Checa e España con alumnado de primeiro de bacharelato no curso 2017/18. Para a realización do traballo final realizáronse visitas nos dous países aos principais centros arqueolóxicos das dúas rexións. Os resultados deste proxecto foron presentados na Open Science Fair de Cambre en 2018.

Sports and healthy food for inclusión

Proxecto de dous cursos coordinado polo Departamento de Educación Física sobre hábitos de vida saudables. Participou o alumnado de cuarto da ESO e de primeiro de bacharelato durante os cursos 2017/18 e 2018/19. Os países implicados foron Holanda, Italia, Eslovenia, Reino Unido e España.


In the cloud

Proxecto de dous cursos sobre robótica, programación e cidadanía dixital no que participaron tres países (Italia, Reino Unido e España) e alumnado de segundo e terceiro da ESO durante os cursos 2017/18 e 2018/19.

Be a maker
Proxecto sobre a elaboración de material de laboratorio de baixo custo durante os cursos 2017/18 e 2018/19 con alumnado de terceiro e cuarto da ESO, coa participación de Holanda, Italia, Lituania e España.


Este curso 2019 temos aprobados dous novos proxectos:

Developing an artificial intelligence curriculum adapted to European High School.

Este é un proxecto que coordina a Universidade da Coruña, campus de Ferrol, e que implica dous institutos galegos e centros de Lituania, Eslovenia, Italia e Finlandia.

Being a biomaker. No passports needed, con centros de Lituania, Macedonia e Italia.

Ao longo do desenvolvemento destes proxectos colabórase con diferentes organismos como o SEPIE, de quen dependen estes proxectos europeos e que imparte cursos para o seu desenvolvemento.
Como conclusión, podemos dicir que o desenvolvemento destes proxectos no noso centro axudou á mellora da convivencia no instituto. Ademais, a implicación dos diferentes sectores que conformamos a comunidade educativa —pais, profesorado, alumnado e persoal non docente— fixo de nós unha gran familia.


 


 

Sección: